(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Alejandro Rodríguez Cadarso no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Alejandro Rodríguez Cadarso

O impulsor da modernización científica e educativa da Universidade

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras de Alejandro Rodríguez Cadarso: 

Extras sobre Alejandro Rodríguez Cadarso:

Galeria


Alejandro Rodríguez Cadarso
bustocadarso.jpg
bustocadarso.jpg

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Alejandro Rodríguez Cadarso”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 23/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=255
Untitled Document

Alejandro Rodríguez Cadarso

Datos biográficos:

  • Nacemento: Noia (A Coruña) 1887
  • Falecemento: Sanabria (Zamora) 1933
Primoxénito nunha familia de sete irmáns formada polo acreditado médico Jesús Rodríguez Vázquez e por Manuela Cadarso Ronquete, o seu pai fora un dos fundadores do primeiro periódico noiés, El Zumbido, e exercería como alcalde de Noia en 1895 e 1897. Rodríguez Cadarso estudou en Santiago o bacharelato e a carreira de Medicina, na que obtivo o premio extraordinario en 1908. Doutorouse en Madrid en 1909, coa tese titulada Mastoiditis y trepanación. Ese mesmo ano foi nomeado auxiliar honorario de Anatomía, posto que desempeñou ata 1911, cando pasou a auxiliar numerario interino de Patoloxía cirúrxica. Dous anos máis tarde gañou a praza de profesor auxiliar numerario de Anatomía en Madrid. En 1916 aprobou a oposición, co voto unánime do tribunal, para ocupar a cátedra de Técnica anatómica da Universidade de Sevilla. Durante os exames, Rodríguez Cadarso tivo ocasión de dar a coñecer a súa profunda formación e a súa extraordinaria elocuencia. Ademais, na valoración dos méritos e traballos presentados polos opositores, destaca o seu traballo de investigación sobre o Sistema de la conducción de la excitación cardíaca, no que desenvolve e actualiza os coñecementos deste sistema, así como as técnicas de preparación que empregaba para o seu estudo. No remate dese ano é trasladado a Galicia para ocupar a cátedra de Anatomía descritiva da Universidade de Santiago, posto en que permanecerá ata a súa morte, sen aceptar nunca o ofrecemento da cátedra de Madrid. A partir de decembro de 1922 acumulará outra cátedra aos seus labores docentes, a de Técnica anatómica.

Cómpre subliñar o labor de Cadarso como político. Home próximo á Institución Libre de Enseñanza, republicano e galeguista, exerceu como concelleiro en Santiago, en 1922 e 1929, e como deputado da Organización Republicana Gallega Autónoma pola Coruña nas dúas primeiras lexislaturas da República. No seu traballo como parlamentario hai que salientar a súa intervención sobre instrución pública en 1932, na que defendeu unha maior autonomía económica para os departamentos universitarios de Medicina e reclamou a creación dun centro de investigación e estudos hispanoamericanos na Universidade de Santiago, nucleado arredor da magnífica Biblioteca América. As actuacións políticas máis sobranceiras de Cadarso sempre estiveron relacionadas coa universidade: o decreto de participación do alumnado nos órganos de decisión; a constitución dos consellos universitarios provinciais para realizar a extensión universitaria; a potenciación dos laboratorios e bibliotecas; as relacións con institucións internacionais... Foi moi consciente da necesidade de intervir en política, como deputado, para levar adiante o proceso modernizador da Universidade.

O reitor

O aspecto máis relevante da biografía de Cadarso é o seu nomeamento como reitor da Universidade de Santiago, en marzo de 1930, nun momento político especialmente interesante, o período de transición cara á II República. A súa actividade reitoral acadou cotas difíciles de imaxinar á fronte desta institución universitaria. A explicación deste éxito está nas palabras coas que Pérez Bustamante define a Alejandro Rodríguez Cadarso: “La universidad es la obsesión de su vida. Ni siquiera durante el período de vacaciones nos dejaba descansar. Constantemente interrumpía la calma de los días estivales con consultas acerca de sus planes, interrogatorios sobre las necesidades de cada Facultad, peticiones de mejoras […] Traedme proyectos y cifras era su frase ritual. Lo demás corría de su cuenta” (Pérez Bustamante, 1934). Así era, conseguiu no Parlamento partidas orzamentarias extraordinarias destinadas á Universidade, que lle permitiron durante os seus tres anos como Reitor acadar aspiracións nunca satisfeitas da institución: novos quirófanos na Facultade de Medicina, a reforma do Museo de Ciencias Naturais, o laboratorio de Química teórica, instalacións e compras de material científico... Eran medidas de calado para favorecer o ensino experimental, o fomento da investigación e a consolidación dunha comunidade científica digna de tal nome. Boa parte do seu éxito tamén derivou do feito de que os mozos investigadores galegos que recibían bolsas da Junta para Ampliación de Estudios retornaron cunha sólida formación e cunha mente aberta e dispostos para integrarse no seu proxecto (Bermejo, Gurriarán, coords. 2008).

Cadarso botou a andar iniciativas para potenciar as relacións entre institucións de investigación da universidade con organismos externos de interese para o desenvolvemento do País. Establecéronse relacións para potenciar a investigación, entre a universidade e outras entidades galegas como a Misión Biolóxica de Galicia ou o Seminario de Estudos Galegos (SEG) ¾Cadarso foi socio protector do SEG, estivo a piques de dirixir en 1925 unha sección de Antropoloxía e, ademais, foi un dos deputados galegos que máis xestións fixo para que o Ministerio de Instrucción Pública lle concedera unha importante axuda económica á institución. Coa axuda dos socios do SEG, sobre todo dos que exercían a docencia na universidade compostelá, botou a andar a partir do curso 1931-32, o Instituto de Estudios Regionales, que fixo realidade os desexos de galeguización do sector galeguista da institución universitaria. O Instituto contaba cunha sección de Historia, Literatura e Arqueoloxía, co Consultorio de Plagas del Campo e cos Laboratorios de Geoquímica e Bromatología. As súas investigacións e actividades centráronse na organización de conferencias e cursos de Xeografía, Historia, Literatura e Lingua galegas na Facultade de Letras, nas escavacións arqueolóxicas, nos estudos realizados no Consultorio e Laboratorios citados e na publicación de monografías.

Durante o seu mandato como reitor tamén potenciará as relacións científico-culturais con Portugal coa creación, en 1930, do Instituto de Estudos Portugueses. Continuaba así o labor iniciado polo SEG, que xa viña mantendo abondosos intercambios con diversas institucións científicas e culturais de Portugal e incluso contaba entre os seus socios con máis dunha ducia de escritores e profesores do país veciño. O mesmo Cadarso mantiña boas relacións persoais con profesores das universidades de Lisboa, Coimbra e Porto, e incluso fora nomeado en 1928, polo Goberno portugués, comendador da Ordem de Instrução Pública de Portugal. Entre as actividades programadas polo Instituto estaban a edición de obras portuguesas clásicas e modernas e a realización de cursos e conferencias a cargo de profesores de Portugal. Ademais dos ciclos de conferencias impartidos na Facultade de Medicina por destacados doutores portugueses, hai que salientar as pronunciadas na Facultade de Filosofía e Letras por algúns dos escritores máis sobranceiros da chamada Geração da República e da cultura portuguesa do s. XX, como António Sergio, Jaime Cortesão, Hernani Cidade, Fidelino de Figueiredo e Joaquim de Carvalho.

Cadarso puxo en marcha todos os proxectos que consideraba prioritarios, sinalados no seu primeiro discurso importante como reitor: apertura á sociedade galega, construción da Residencia Universitaria, creación dunha asociación de antigos alumnos e do Instituto de Estudios Regionales e do Instituto de Estudios Portugueses. Pódese dicir que Cadarso transformou e abriu a Universidade ao exterior, e con este obxectivo empregou un modelo de xestión innovador, que entrañaba a democratización da institución, a mellora da calidade do ensino e das infraestruturas de investigación (laboratorios, bibliotecas etc), e o fomento da saída de alumnos e profesores ao estranxeiro, para formarse e crear redes de internacionalización.

O seu labor en Anatomía

A especialización en Anatomía de Cadarso comezou da man do Dr. Romero Blanco e de Barcia Caballero, e mesmo chegou a recibir leccións máis tarde do afamado anatomista francés Leo Testut na Universidade de Lión. Este contacto permitiulle manter estreitas relacións con outros especialistas franceses colaboradores de Testut en Lión, como André Latarjet, ou da Universidade de París, como Henri Rouvière. A estreita relación que vai ter coas escolas anatómicas francesa e portuguesa forxarán unha especialización moderna e continua do noso autor.

Foi mestre, pola súa vez, de relevantes docentes e investigadores, como Juan Barcia Goyanes e Manuel Gómez Durán, alumnos internos que practicaban as diseccións sobre as que explicaba as ensinanzas teóricas. Barcia sería despois catedrático de Anatomía en Salamanca e Valencia, e Gómez Durán xeneral de Sanidade Militar. Outros discípulos seus que acadaron cátedra universitaria foron José Pérez López-Villamil, a de Medicina Legal en Salamanca, Gumersindo Sánchez Guisande, a de Zaragoza, e Ángel Jorge Echeverri, que sucedería a Cadarso en Santiago. Tamén recibiron as súas ensinanzas os destacados médicos Gumersindo Fontán e Ramón Baltar. Pero non só os seus alumnos recibiron as súas ensinanzas; co obxectivo de difundir este coñecemento á sociedade, Cadarso deu numerosas conferencias de divulgación en Lisboa ou na Academia Médico-Quirúrgica de Vigo, conferencias que foron recollidas nas revistas profesionais da época.

No que respecta ás súas publicacións, a primeira foi a súa tese, Mastoiditis y trepanación, no ano 1911. Posteriormente publicou gran cantidade de artigos e traballos de investigación, cuxa relación aparece editada no Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela de 1933. Entre outros traballos, pódese citar a serie sobre o estudo do plexo sacro, da omoplata, e do úmero e radio na revista La Clínica y el Laboratorio de Zaragoza; ou os traballos dando conta de múltiples e diversas variedades anatómicas nos Archives d´Anatomie, d’Histologie et d’Embriologie de Strasburgo, no Arquivo de Anatomia e Antropologia de Lisboa, nos Annales d’Anatomie Pathologique e nos Bulletins et Memories de la Société Anatomique de París, así como en revistas de difusión máis restrinxida, como Galicia Médica. Pertenceu á dirección científica da Revista Médica Gallega entre 1921 e 1923.

Entre os artigos publicados no Journal of Anatomy de Londres, aparece un asinado co seu discípulo Barcia Goyanes, “A Rare Case of Tortuosity of the Internal Carotid Artery”, citado reiteradamente nos estudos sobre variacións anatómicas humanas do sistema cardiovascular realizados ata finais do século XX. Segundo Henrique de Vilhena, catedrático de Anatomía da Universidade de Lisboa que escribiu uns apuntamentos biográficos sobre Cadarso, prestou gran atención aos distintos sistemas anatómicos e tivo un gran sentido da relación da Anatomía coa Clínica e os seus métodos. Deulle un enfoque funcional á anatomía e aplicou as novas técnicas, como a radioloxía, no estudo anatómico. Así o amosan os seus traballos “Diagnóstico radiográfico das epifisiolises” e “Método radiográfico nas investigações sobre topografia cranio-encefálica”, onde expón o método de Bertwistle e fai un estudo da cesura de Rolando, da de Sylvio e da cesura perpendicular externa. Cómpre citar a modificación proporcionada á técnica operatoria da frenicotomía aplicada ao tratamento da tuberculose, que posibilita abordar o nervio frénico sen risco.

Cadarso era membro da Société Anatomique de París dende 1925, da Association des Anatomistes, da Academia de Medicina da Coruña, presidente do Comité Regional de la Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, e fundador e codirector perpetuo da Sociedad Luso-Hispanoamericana de Anatomía. Foi un dos organizadores, en 1909, do Congreso Nacional de Ciencias Médicas, e formou parte da mesa xeral que presidía Romero Blanco.

Outro dos obxectivos que Cadarso emprendeu en Anatomía foi abrir ao exterior esta disciplina, Así, antes de ser reitor, organizou as I Jornadas Médicas Gallegas, que tiveron un notable éxito de participación e un carácter amplamente multidisciplinar, e contaron co apoio de membros relevantes das universidades de Madrid e Porto, ademais da de Santiago. Entre os organizadores e conferenciantes estaban figuras senlleiras da medicina galega como Goyanes Capdevila, Barcia Goyanes, Gómez Ulla e Nóvoa Santos, quen nese momento era catedrático de Patoloxía xeral en Madrid. Foi precisamente Nóvoa quen impartiu a conferencia “Correlación entre Soma y Psique” nas primeiras xornadas, realizadas na Coruña do 19 ao 25 de agosto de 1929. Outras conferencias importantes foron a de Enrique Hervada sobre “Pseudo-tuberculosis de origen cardíaca”, a de Santiago Carro sobre “Ptose intestinal” ou a do propio Cadarso sobre “Patogenia de la elevación congénita del omóplato”. No peche das xornadas falou da cooperación luso-española e fixo mención especial á escola médica compostelá: “ [...] Y con las figuras de Romero Blanco y Piñeiro Herba, bullen en estos instantes en el armario de nuestro recuerdo, las de Teijeiro (Maximino) y Sánchez Freire y la de aquel insigne fisiólogo, don Ramón Varela de la Iglesia, que, enamorado de la investigación, guió siempre a los discípulos por sus rutas prolíficas”. As xornadas realizáronse cada dous anos, as de Vigo en 1931, baixo a presidencia de José Goyanes, e as de Lugo en 1933, presididas por Rodríguez Cadarso. Todas as referencias ás xornadas recollen a súa habilidade como orador e o inxente traballo que desenvolvía para crear unha escola anatómica á vangarda científica, con traballos orixinais e cunha dotación de todo o equipamento preciso para o traballo experimental e o ensino práctico. De feito, a colección anatómica, bibliográfica e técnica reunida por Cadarso na cátedra de Anatomía de Santiago foi unha das mellores do Estado.

Un funeral multitudinario

O 15 de decembro de 1933 o reitor Cadarso, acompañado polos médicos composteláns Francisco Bacariza e o seu irmán Augusto, emprendeu unha viaxe cara a Madrid, para asistir á primeira sesión da segunda lexislatura republicana. Un accidente co coche rematou coa gran traxectoria vital de Cadarso. A nova da súa morte provocou unha conmoción inmediata, tanto no seo da Universidade como na propia cidade. O seu enterro, o 17 de decembro, contou coa asistencia masiva da poboación e foi toda unha manifestación de afecto á súa figura. Tamén dende Portugal chegaron as honras: en xaneiro do ano 1934 a Acadmia das Ciências de Lisboa, da que era membro, dedicou unha sesión solemne á memoria do anatómico. O Congreso dos Deputados, na súa primeira sesión de lexislatura, rendeulle unha sentida homenaxe: todos os portavoces lle dedicaron palabras de recoñecemento. Ademais, e en virtude de que “su gran actividad cultural no le permitió dedicarse a tareas profesionales de personal rendimiento económico”, o 18 de marzo de 1933 estenderon á súa muller e fillos os beneficios da súa pensión.

Tras o triunfo do golpe de estado de xullo de 1936, as autoridades franquistas reprimiron a figura de Cadarso: privaron a súa viúva e fillos da pensión, cambiaron o nome do primeiro pavillón da Residencia Universitaria, de Rodríguez Cadarso a Generalísimo Franco, e eliminaron calquera pegada do seu relevante papel como reitor, político e científico. Non será ata ben entrado o actual período político cando o colexio maior da Residencia recupere o seu nome orixinario e Cadarso sexa recoñecido coa Medalla de Ouro da cidade de Santiago (1998). No 75 aniversario do seu pasamento, a Universidade de Santiago dedicoulle o ano 2008 ao noso insigne reitor, cunha exposición e un número interesante de estudos recollidos no seu catálogo que ampliaron o noso coñecemento sobre Cadarso e permitiron a ampliación desta biografía (Bermejo, Gurriarán, coords., 2008).

Alejandro Rodríguez Cadarso tivo unha vida curta, pero foi tan intensa como para unir nunha mesma persoa toda a relevancia dunha figura política, educativa e científica sen precedentes. Hoxe seguimos aprendendo do camiño que el emprendeu cara á modernización universitaria e científica.

Bibliografía:



Fontes impresas:

Unha relación das publicacións de Rodríguez Cadarso pode verse en: ANÓNIMO (1933): Publicaciones Alejandro Rodríguez Cadarso. Boletín de la Universidad de Santiago de Compostela, 5, 17: 4-5.

RODRÍGUEZ CADARSO, A. (1911): Mastoiditis y trepanación : Tesis para optar al grado de Doctor en Medicina y Cirujía, Madrid: Est.Tip.de Juan Pérez.

RODRIGUEZ CADARSO, A. & BARCIA GOYANES, J.J. (1925): A Rare Case of Tortuosity of the Internal Carotid Artery, Journal of Anatomy, 60: 119-120. Cambridge: University Press.

RODRÍGUEZ CADARSO, A. (1927): Primeiro centenário da fundaçao da Regia Escola de Cirugía de Lisboa . El método radiográfico en las investigaciones sobre topografía cráneo-encefálica, Lisboa : Tip. da empresa Diário de Noticias.

RODRÍGUEZ CADARSO, A. (1927): Prólogo, Nociones de Técnica Histológica, de V. Goyanes Cedrón, Santiago: Tip. La Comercial.

RODRÍGUEZ CADARSO, A. (1929): Las Jornadas médicas : Discurso pronunciado en la solemne sesión de clausura, Coruña, Tip. El Ideal Gallego.

RODRÍGUEZ CADARSO, A. (1930): Discurso pronunciado...el 28 de julio de 1930: con motivo de la reunión de los antiguos alumnos en la fiesta del “Día de la Universidad, Santiago : Universidad.


Bibliografía secundaria:

AGRELO HERMO, X. (2004): Alejandro Rodríguez Cadarso, Noia: Toxosoutos.

ÁLVAREZ CASTRO e MANEIRO MANEIRO, J. M. (1991): Alexandre Rodriguez Cadarso: vida,obra e fígura , Eis, 2: 26-29.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana. Apuntes para iniciar su estudio, Santiago: Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.

BERMEJO, M.; GURRIARÁN, R. (coords.) (2008): Rodríguez Cadarso, un reitor para un país. Catálogo da exposición, Colexio de Fonseca, 17 de decembro-22 de febreiro de 2008, Santiago de Compostela: Universidade.

CAPELÁN REY, Antón (1994-1996): Contra a Casa da Troia: cultura e sociedade no Santiago dos anos trinta, Santiago de Compostela: Edicións Laiovento.

MATO DOMÍNGUEZ, Alfonso (1995): Limiar, La Universidad de Santiago (El pasado y el presente) , C. Pérez Bustamante, S. González García-Paz, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro. Edición facsímil da publicada en Santiago: Publicaciones del Instituto de Estudios Regionales, 1934.

MATO DOMÍNGUEZ, Alfonso (2001): O Seminario de Estudos Galegos, Sada (A Coruña) : Ediciós do Castro.

MONTEQUI, Ricardo (1933): “Cadarso Universitario”, Boletín de la Universidad de Santiago, 1, 17: 467-470.

PEREZ BUSTAMANTE, C. (1934): Alejandro Rodríguez Cadarso, Boletín de la Academia Gallega, 152: 270-272.

ROMERO VÁZQUEZ, D. (1977): Galeria de Médicos Gallegos Ilustres. Primeira serie, A Coruña: Ed. Moret.

VILHENA, Henrique de (1935): “In memoriam Alexandre Rodríguez Cadarso. Seu elogio”, A Medicina contemporánea, 1 e 2. Academia de Cièncias de Lisboa, xaneiro de 1935.