(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Antonio García Varela no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio García Varela

Un catedrático de Historia Natural con perfil investigador

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 26/05/2012

Extras de Antonio García Varela: 

Extras sobre Antonio García Varela:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Antonio García Varela”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 27/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=293
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: O Carballiño (Ourense) 1875
  • Falecemento: Madrid 1942
Estudou o Bacharelato en Ourense e realizou os estudos universitarios de Ciencias Naturais en Salamanca e Madrid. Discípulo e protexido do profesor Ignacio Bolívar, director do Museo de Ciencias Naturales (MCN) e persoa moi influínte na política científica, no curso 1895-96 foi a adestrarse á Estación de Biología Marina de Santander. Asemade, beneficiouse dunha bolsa durante nove anos no MCN como alumno e colaborador do seu director, sendo nomeado o 19 de febreiro de 1900 axudante segundo da clase de Zooloxía (Barreiro, 1944). Posteriormente acadaría o posto de conservador do Museo.

Bolívar iniciouno na súa especialidade, Entomoloxía, e ampliou a súa formación nos Museos de París e Berlín. Especializouse na Orde dos Hemípteros, abordando o estudo da familia dos Redúvidos, concretamente os africanos. Publicou un artigo sobre os procedentes da Guinea española (García Varela, 1903) e dedicou ao tema a súa tese de doutoramento, Redúvidos africanos (García Varela, 1906). Posteriormente traballaría sobre outra familia de Hemípteros, publicando Contribución al estudio de los hemípteros de África: notas sobre coréidos del Museo de Madrid (García Varela, 1913).

Catedrático en Santiago

Catedrático de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela desde o 19 de setembro de 1905, o seu labor ao fronte da cátedra e do Gabinete de Historia Natural, transformado en Museo, vén condicionado pola aprobación en 1901 das reformas promovidas polo ministro García Alix e inspiradas por Ignacio Bolívar. As novas directrices facían especial fincapé no desenvolvemento dun ensino práctico e na consolidación dos museos de Historia Natural e xardíns botánicos dos centros docentes. García Varela apoiou esa orientación e traballou a prol do incremento das coleccións naturais do Museo e, sobre todo, pola constitución e desenvolvemento dos laboratorios. Tiña unha idea do ensino moito máis próxima á mentalidade científica positiva moderna que aos modelos pedagóxicos do XIX.

Despois de case vintecinco anos sen datos sobre o estado dos fondos da cátedra e do Gabinete da Universidade de Santiago, de García Varela proceden, na Memoria sobre Curso 1907 a 1908 (Anónimo, 1912), interesantes novas sobre o estado do Gabinete e a súa transformación en Museo. Asemade, ofrece unha detallada relación do material existente. O listado presenta bastante detalle e evidencia o deterioro cuantitativo e cualitativo dos fondos do vello Gabinete, no que lonxe de medrar as coleccións, diminúen e estráganse. Canto aos fondos adquiridos, fai constar a preferente adquisición de modelos anatómicos e confirma a atención que prestaba ao material de laboratorio.

García Varela participou activamente na Delegación de Santiago da Sociedad Española de Historia Natural, asociación que se constituíu en 1909, con Antonio Eleizegui López e Antonio García Varela de presidente e secretario iniciais, e da que tamén formaban parte Baltasar Merino, presidente honorario, e Armando Cotarelo, Eugenio Labarta, Cabeza de León, Cándido Rios Rial, César Sobrado, José Deulofeu, etc. A sesión de constitución tivo lugar no laboratorio de Zooloxía e nela tomaron unha salientable decisión, formar coleccións de Historia Natural de Galicia que serviran de base para a constitución dun “museo regional”. Esa iniciativa, a única opción institucional de renovación das coleccións, permitiu a chegada de materiais de membros da Sección e de diversos profesionais (Rafael Areses, Fermín Bescansa, Juan Rof Codina) (Bugallo, 2003).

No discurso de inauguración do curso académico 1911-1912 da Universidade, tratou o tema Ciertos aspectos de la enseñanza en la Facultad de Ciencias, como parte integrante de la Universidad(Garcia Varela, 1911), no que describe a penuria existente na Facultade de Ciencias e sinala, tras indicar a desatención das autoridades do Estado, que non existen auténticos laboratorios de investigación, as bibliotecas son deficientes, falta persoal, etc. O discurso salienta entre os habituais da época por ese ton crítico, extensivo ao profesorado. Hai certa sorna ao referirse ás recomendacións continuas, desde as autoridades educativas, para un ensino práctico e á esixencia de laboratorios desde o profesorado. Pide a creación dun Instituto de Química Industrial e dun Instituto Electrotécnico que tomara como base os elementos da Facultade de Farmacia e da Sección de Ciencias. O texto é un valioso documento sobre a situación do ensino e a investigación desde a perspectiva crítica dun profesor e investigador moderno, coñecedor da situación nos países adiantados de Europa.

Labor botánico en Madrid

García Varela abandonou Santiago en 1919, ao trasladarse para a Universidade Central como catedrático de Fisioloxía Vexetal. Dese xeito, cambia o seu ámbito docente e de xestión, aparca a Entomoloxía e dedica os seguintes anos á Botánica. Desde o seu asentamento en Madrid formou parte da rede formativa da Junta para Ampliación de Estudios (JAE), dirixindo o Laboratorio de Fisiología vegetal e impartindo cursos de Botánica. A creación do Laboratorio tivo a súa orixe na invitación da JAE, en 1920, ao profesor Lewis Knudson (Universidade de Cornell, New York), para dar un curso práctico de Fisioloxía vexetal no Jardín Botánico de Madrid. Ese e outro curso impartido o ano seguinte contribuíron a crear unhas instalacións do Laboratorio resituadas, en 1922, no Real Jardín Botánico. Con García Varela colaboraron Juan Rodríguez Sardiña e Eduardo Balguerías (González Bueno, 2007).

Desde Madrid mantivo unha certa relación con Galicia. Cando en 1928 a JAE constitúe a Comisión de Estudios en Galicia, García Varela formou parte da mesma. Membro da directiva da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, participou no XIV Congreso, celebrado en Santiago en 1934, no que presentou un traballo sobre diversos botánicos, entre eles Antonio Casares Gil (Garcia Varela, 1935).

En 1925 ocupou a presidencia da Sociedad Española de Historia Natural, e en 1930 (Real Orden de 14 de novembro) substituíu a Ignacio Bolívar na dirección do Real Jardín Botánico. A guerra civil afectou a bastantes do seus colegas, como o seu mestre, que tivo que exiliarse en México, onde morreu. Parece ser que García Varela non sufriu sanción polos vencedores (Gurriarán, 2006: 558), se ben figura nalgún listado de profesores da Universidade de Madrid “separados” da cátedra (Otero Carvajal, 2006: 320). En todo caso, foi elixido en 1939 membro da Sección de Ciencias do Instituto de España, porén non chegou a tomar posesión. O Instituto creouse por iniciativa do bando fascista, por decreto de 1 de xaneiro de 1938, e reunía as oito reais academias oficiais. Desde 1943 a 1963 estivo presidido por Leopoldo Eijo y Garay, bispo de Madrid.




Bibliografía:


Fontes impresas:

GARCIA VARELA, A. (1903): Redúvidos de la Guínea española, Memorias Soc. Esp. Hist. Natural, I, Memoria 5ª: 129-140.

GARCIA VARELA, A. (1906): Redúvidos africanos, Memoria de doctorado. Facultad de Ciencias, Sección Naturales, Madrid: Impr. Julian Palacios.

GARCIA VARELA, A. (1911): Ciertos aspectos de la enseñanza en la Facultad de Ciencias, como parte integrante de la Universidad. Discurso leído en la solemne apertura del curso académico de 1911 a 1912, Santiago: Impr. Paredes.

GARCIA VARELA, A. (1913): Contribución al estudio de los hemípteros de África: notas sobre coréidos del Museo de Madrid, Trabajos del Museo Nacional de Ciencias Naturales (Instituto Nacional de Ciencias Físico-Naturales). Serie zoológica, 12, 33 pp.

GARCIA VARELA, A. (1935): I. Julius Sachs: su significado en la Fisiología vegetal II. Antonio Gil Casares, ilustre botánico compostelano,Asociación Esp. Progreso Ciencias. XIV Congreso, Santiago 1934, Madrid: Impr. C. Bermejo; pp. 99-117.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1912): Memoria acerca del estado de la Universidad de Santiago en el curso de 1908 a 1909, Santiago: Tip. "Eco de Santiago".

BARREIRO, A. J. (1944): El Museo Nacional de Ciencias Naturales. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (2003): O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago: Universidade, Parlamento de Galicia.

BUSTINZA, F. (1942): D. Antonio García Várela (1875-1942), Revista de la Universidad de Madrid (Ciencias), 2, 2: 3-6.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. (1992): O ensino das Ciéncias Naturais. A História Natural na Universidade de Santiago (1815-1919), Ingenium, 3: 31-54.

GONZÁLEZ BUENO, A. (2007): La edad de plata de la botánica en España (1910-1936), Faustino Miranda. Una vida dedicada a la botánica, Francisco Javier Dosil Mancilla (Coord.), Morelia: Universidad Michoacana, CSIC; pp. 91-120.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

OTERO CARVAJAL, L. E. (dir.) (2006): La destrucción de la ciencia en España, Madrid: Editorial Complutense.