(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Esteban Quet y Puigvert no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Esteban Quet y Puigvert

Un catedrático republicano nas aulas de Fonseca na segunda metade do século XIX

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 18/01/2013

Extras de Esteban Quet y Puigvert: 

Extras sobre Esteban Quet y Puigvert:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “Esteban Quet y Puigvert”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/07/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=401
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santa Susana de Pineda (Barcelona) 1826
  • Falecemento: Barcelona 1897
Iniciou os estudos de Medicina en Barcelona no curso 1844-45, pero deixounos e pasou a cursar Farmacia a partir de 1845. Na academia celebrada na Facultade leu un discurso en 1847 sobre o azoe e outro, en 1848, titulado “De los aceites volátiles y modo de obtenerlos”. Acadou o grao de bacharel en 1849 e logo de dous anos de práctica farmacéutica na botica de Raimón Forns i Cornet, obtivo o de licenciatura. En 1854 era profesor substituto na Facultade. Ese ano, durante a epidemia de cólera morbo, o Concello de Barcelona nomeouno farmacéutico de distrito.

O artigo “Aportació a la Farmàcia i a la Medicina del farmacèutic català Quet i Puigvert” (Gaspar García & Carmona Cornet, 1985) permite acceder ás actividades de Quet con anterioridade á chegada á cátedra de Santiago. Persoa de iniciativas, fundou e dirixiu unha publicación que pretendía defender os dereitos e intereses dos profesores de Ciencias Médicas, La Alianza Farmacéuticomédica, editada desde febreiro a decembro de 1854 en Barcelona, e que a partir de xaneiro de 1855 pasou a denominarse La Alianza médica. En 1855 trasladouse a vivir a Madrid, onde editou os últimos números de La Alianza médica, que deixou de publicarse en decembro de 1856. En xaneiro de 1858 foi elixido individuo de número do Colexio de farmacéuticos de Madrid, presentando unha extensa memoria: Medidas y Pesas españolas: su discordancia, su uniformidad y su correspondencia entre sí y con las métricas francesas (Quet, 1858). Un asunto que abordaría de novo durante a súa estancia en Compostela e que formaba parte dos temas sobre os que escribiu nese tempo en La Alianza médica (outros eran: lexislación relativa aos “profesores de curar”, reforma do código penal español, empedrado público e sinalización da circulación e reforma do sistema monetario e de contabilidade).

Retomou a súa formación farmacéutica e preparou o doutorado, obtendo o grao de doutor en Farmacia o 7 de decembro de 1860 na Universidade Central, co Discurso acerca de las fermentaciones en general (Quet, 1860). En 1863 gañou a cátedra de Materia farmacéutica vegetal da Facultade de Farmacia de Santiago, sendo nomeado por Real Orden de 12 de decembro de 1863. Impartiu a disciplina desde xaneiro de 1864 ata o seu traslado á Universidade de Barcelona en 1888, e tamén Materia Farmacéutica animal e mineral desde 1881 a 1888, ocupando a secretaría da Facultade e o Decanato. Foi fundador da Sociedad Antropológica de España (1864) e individuo da Sociedad Botánica Barcelonense e da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.

Actividade política

Identificado cos postulados progresistas da época, participou activamente na vida política desde unha posición republicana. O sexenio revolucionario foi un momento especialmente propicio para o labor político do recen chegado catedrático. Quet presidiu o comité do partido republicano federal de Santiago, dirixiu El Eco de la Democracia santiaguesa e participou o 18 de xullo de 1869 na firma do Pacto Galaico-asturiano na Coruña. En 1872 competiu electoralmente, sen éxito, contra o candidato gobernamental, Eugenio Montero Ríos. Coa proclamación da primeira República, en 1873, Quet figurou como presidente da Xunta de goberno democrático republicano da cidade e formou parte da Milicia Nacional, corpo de voluntarios ao servizo da república, e da Xunta provisional do Centro de Iniciativas para la nueva organización de Galicia, organismo creado en xuño de 1873, logo dunha xuntanza pública celebrada en Santiago e impulsada polo alcalde republicano federal da cidade, José Sánchez-Villamarín y Pereira. Preto de 600 composteláns apoiaron coas súas firmas a creación do Centro, que o 27 de xuño de 1873 publicou un manifesto, A Galicia, asinado por Quet, País Lapido e Portela Pérez, no que ademais de autodefinirse como unha organización apartidaria e interclasista proclamaba como principal obxectivo da mesma a tarefa de coordinar e compaxinar as distintas opinións “acerca del futuro modo de ser en el orden administrativo y económico de esta tierra”, así como a celebración dun Congreso galego para discutir posibles solucións aos principais problemas políticos, sociais e económicos de Galicia. O Centro deixou de funcionar poucos meses despois da súa creación (Moreno González, 1974-2009).

De cara a ampliar a base social do partido e lograr novos adeptos e votantes, os republicanos federais galegos levaron a cabo unha intensa campaña de propaganda, oral e escrita. Neste contexto propagandístico hai que situar a publicación do folleto de Quet, Conferencias populares. Dedicadas a los obreros y aldeanos de Galicia (Quet, 1869). Esta e outras iniciativas trouxéronlle abondosos enfrontamentos cos sectores conservadores de Santiago, sobre todo cos eclesiásticos. No folleto presentaba ao clero como inimigo do coñecemento e da ciencia e propuña a liberdade de expresión, de discusión, o libre exame e o desenvolvemento dos coñecementos científicos. Nese momento, con amplos sectores católicos e a xerarquía cuestionando o sistema político e apoiando ao carlismo, escóitanse voces como a do crego integrista Ángel Nóvoa López, que co respaldo da xerarquía eclesiástica atacou o racionalismo e demais “erros” do noso autor (Suárez Pazos, 1982).

Un singular acontecemento que tivo como protagonista a Quet, amplamente recollido pola bibliografía, serve para poñer de manifesto o seu compromiso cos ideais progresistas da revolución de 1868. No Curso 1868-69 correspondeulle ler o discurso de inauguración de curso. Tiña preparado un texto técnico sobre pesas y medidas españolas, a prol da súa uniformidade, tema ao que xa adicara, como vimos, un traballo había dez anos. O discurso estaba xa imprentado (Quet, 1868a), pero o catedrático republicano non pasou por alto a chegada da revolución. Deixou na mesa o anterior texto e substituíuno por outro moito máis acorde coas circunstancias. Unha intervención paradigmática das arelas dos impulsores da Revolución setembrina (Quet, 1868b). No texto, por unha banda, define á Ciencia como aliada natural da liberdade, do progreso: “Paso, pues, a la libertad y paso a la Ciencia, que es su hija predilecta, así como su más poderosa áncora!”( Quet, 1868b: 5), como unha luz fronte á escuridade e a ignorancia que sitúa ligadas ao pasado e ao catolicismo. Por outra banda, entende a a ciencia como unha actividade que debe estar liberada de calquera intromisión desde presupostos alleos, de moral e dogma. Trátase dunha posición clásica en amplos sectores do progresismo ao longo de todo o XIX, a loita pola autonomía da ciencia.

Polemista e divulgador da ciencia

En coherencia coas intervencións que vimos de comentar, Quet estivo moi activo no labor de divulgación da ciencia e de participación nos debates científicos da época. O interese polo xornalismo viña de lonxe. Segundo Suárez Pazos (1982), publicou en La Gacetilla de Santiago-El Diario de Santiago numerosos artigos co título de “Diálogos científicos” (sobre pragas das vides, augas potables, arborados e xardíns, etc.), interrompidos pola actuación da censura eclesiástica. Tamén pronunciou unha conferencia na Universidade o 17 de novembro de 1879, De los castaños, sus enfermedades y modo de combatirlas. De los eucaliptus, su importancia y grande utilidad que Galicia puede reportar de su cultivo, editada dous anos despois (Quet, 1881). No texto describe as características botánicas do castiñeiro, importancia comercial, enfermidades da árbore e o xeito de combatelas. Do eucalipto realiza a descrición e salienta o interese do vexetal polas múltiples aplicacións da madeira.

Participou nas actividades do Ateneo Escolar da Universidade, singular foro de encontro de estudantes e profesores interesados polos temas de actualidade. Quet foi presidente da sección de Farmacia; alí pronunciou unha conferencia o 15 de Abril de 1882: El Materialismo y el positivismo en la Ciencia, que coñecemos pola edición da mesma (Quet, 1882). Explica a orixe da conferencia nas discusións motivadas por declararse positivista en Ciencia e Filosofía. No Post-scriptum refírese ao Discurso de inauguración do curso académico 1882-83, do profesor da Facultade de Medicina Manuel Piñeiro (Piñeiro Herba, 1882), que cualifica de “sacristanesco”. Piñeiro utilizara, efectivamente, o discurso para atacar ao positivismo e demais “errores modernos” desde unha posición integrista que tiña notable presencia nas cátedras compostelás. Quet comenta o clima de paixón no que se desenvolveu a conferencia, con alusións a seminaristas que interrompían ao orador. A publicación do folleto tería que ver, segundo Roldán Guerrero (1958-1976), coas reaccións levantadas pola conferencia, concretamente as de Piñeiro nas súas clases, e por un xornal de Barcelona, El sentido católico en las ciencias. No folleto Quet aclara que só se está a referir ao ámbito científico e fai un relatorio da necesidade da observación e estudo da materia para poder facer Ciencia, pasando polas diversas disciplinas. Conclúe que todos os que cultivan ciencias son, necesariamente, na práctica, materialistas e positivistas. O contido do texto non salienta pola súa orixinalidade de conceptos nin polo estilo do autor, pero é unha boa referencia sobre a existencia dun ambiente preocupado polo debate. Quet defende as teses positivistas, pero, fronte a unha consideración estrita do positivismo como método, incorpóralle unha carga ideolóxica radical e relacionada, algo, cunha concepción materialista.

Labor docente e botánico

Como profesor de Materia farmacéutica vegetal publicou un libro de texto, Fitología médica (Quet,1871) e un Programa da disciplina (Quet, 1875), nos que fai fincapé na recolección de exemplares, a formación de herbarios e o ensino do xeito de determinar as plantas, por medio das chaves dicotómicas ao uso. Semella que era partidario das excursións científicas e, de feito, Joan Texidor, colega de Facultade entre 1866 e 1868, comentou das súas saídas de herborización con Quet pola “región compostelana”.

Outro aspecto da actividade educativa do autor é o relativo ao seu papel no Xardín Botánico da Universidade. O 18 de maio de 1869 solicitou autorización para dar leccións de "Clasificación de plantas" gratuitamente no invernadoiro do Xardín. O permiso foi concedido polo Reitor o 10 de marzo de 1870, quen permite que a Facultade dispuña da metade do espazo para o ensino. Polas materias que impartía, semella lóxica a petición de Quet, especialmente pola ausencia de catedrático de Historia Natural na Facultade de Ciencias desde a marcha de Planellas Giralt en 1868. Un oficio do Reitor de 22 de marzo de 1871 encargaba ao Decano Brunet, catedrático de Química Orgánica, a dirección do Xardín, pero, ese mesmo ano, o novo Decano, Fausto Garagarza (correlixionario de Quet), decide que sexa este o director facultativo do Xardín. Esa situación, coa dirección administrativa polo Decano da Facultade de Farmacia, debeu manterse ata 1888, ano da marcha do profesor.

O labor investigador de Quet semella escaso. Parte substancial fica reflectida no libro de texto, Fitología médica (Quet, 1873). Era presentado como o primeiro tomo dunha ampla obra, que pretendía acadar seis volumes (Quet, 1882), pero que ficou en dous tomos (o segundo publicado en 1883 segundo Portabales) e un terceiro preparado pero sen publicar (Roldán Guerrero, 1958-1976). Porén, na súa folla de servizos, datada en 1888, Quet só confirma a publicación do primeiro, indicando que ten concluído o orixinal para outros cinco tomos. O libro céntrase no uso farmacéutico das plantas, pero fala do labor de herborización e sinala, dentro do centenar de especies citadas, a localización de 22 en Galicia. É mágoa que non publicase un traballo do material recollido nas excursións, pois Seoane (1897), indica que posuía un magnífico herbario; deixou ese patrimonio á Facultade de Farmacia de Barcelona.




Bibliografía:




Fontes documentais:

Esteban Quet Puigvert. Expediente académico. Expediente profesional. Arxiu de la Universitat de Barcelona.

Fontes impresas:

QUET PUIGVERT, E. (1858): Medidas y pesas españolas: su discordancia, su uniformidad y su correspondencia entre sí y con las métricas francesas, Madrid: Imprenta de Vicente Maldonado.

QUET PUIGVERT, E. (1860): Discurso acerca de las fermentaciones en general leído ante el Claustro de la Universidad Central en el acto solemne de recibir la investidura de Doctor en la Facultad de Farmacia, en octubre de 1860, Madrid: Impr. Vilas.

QUET PUIGVERT, E. (1868a): Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago en la solemne inauguración del curso académico de 1868 a 1869…., Santiago: Imp. Mirás.

QUET PUIGVERT, E. (1868b ): La Revolución de Septiembre, especialmente en lo que atañe a la enseñanza. Breve discurso leído en la apertura del año académico de 1868 a 1869, en lugar del que sobre Pesas y medidas españolas estaba impreso y encuadernado a dicho objeto, Santiago: Imp. Mirás.

QUET PUIGVERT, E. (1869): Conferencias populares. Dedicadas a los obreros y aldeanos de Galicia, Santiago: M. Mirás.

QUET PUIGVERT, E. (1873): Fitología médica, o estudio de plantas medicinales, indígenas y exóticas, Tomo primero. Santiago: Impr. Paredes. [Na cuberta sinala 1871, pero está editado en 1873].

QUET PUIGVERT, E. (1875): Programa abreviado para la enseñanza de la asignatura intitulada Materia Farmacéutica Vegetal, Santiago: Establ. Tip. M. Mirás.

QUET PUIGVERT, E. (1881): De los castaños, sus enfermedades y modo de combatirlas. De los eucaliptus, su importancia y grande utilidad que Galicia puede reportar de su cultivo, Santiago: Impr. Gaceta de Galicia.

QUET PUIGVERT, E. (1882): El Materialismo y el positivismo en la Ciencia, Santiago: Impr. Gaceta Galicia..


Bibliografía secundaria:

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (1975): Aproximación metodológica al estudio del federalismo republicano en Galicia (1869-1874), Actas de las I Jornadas de metodología aplicada de las ciencias históricas. IV Historia Contemporánea, Vigo: Artes Gráficas Galicia, Fundación Juan March- Secretariado Publicaciones de la Universidad de Santiago; p. 303-314.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1995): O singular discurso do profesor Quet, Gallaecia Fulget (1495-1995): cinco séculos de historia universitaria, Santiago: Universidade.

GASPAR GARCÍA, M. D.; CARMONA CORNET, A. (1985): Aportació a la Farmàcia i a la Medicina del farmacèutic català Quet i Puigvert, Gimbernat, revista catalana d'història de la medicina i de la ciència, 5: 151-154.

MÁIZ ELEIZEGUI, L. (1961): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago, A Coruña: Imprenta Moret.

MAYOBRE RODRÍGUEZ, P. (1985): Debates ideolóxicos na Compostela do XIX, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

MORENO GONZÁLEZ, Xan (1974-2009): Federalismo, Gran Enciclopedia Gallega, 11: 200-205.

PIÑEIRO HERBA, M. (1882): Consideraciones generales acerca del hombre y refutación de algunos errores del moderno Positivismo, Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago en la inaguración del curso de 1882 a 1883, Santiago: Impr. Mirás.

PORTABALES VÁZQUEZ, A. (1974-2009): Quet Puigvert, Esteban, Gran Enciclopedia Gallega, 26: 29.

ROLDÁN GUERRERO, R. (1958-1976): Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid; III: 215-218.

SEOANE, V. L. (1897): Bosquejo histórico de la Botánica española, Contribución a la Flora de Galicia. La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca extrema del rio Miño, Baltasar Merino, Tui: Tip. Regional; p. VII-XVII.

SUÁREZ PAZOS, M. (1982): La Educación en Galicia de 1868 a 1874, Madrid: Fac. Fil. y CC de la Educación. Universidad Complutense. Tese inédita.