(Translated by https://www.hiragana.jp/)
José María Baleato no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José María Baleato

Un construtor de instrumentos náuticos de precisión

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier
  • Data de alta: 26/05/2012

Extras sobre José María Baleato:

Galeria


Ferrol. Arsenal do Parque, co dique e a Sala de Armas (1850). Fonte: Litografía de José Alonso Esquivel (1850), Museo Naval de Madrid. Modificada por J. Gelpi.
baleato_grav_antiga_machina.jpg
baleato_grav_antiga_machina.jpg

Como citar esta páxina:

  • Dosil Mancilla, Francisco Javier ([2012], “José María Baleato”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/06/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=294
Untitled Document

Ferrol. Arsenal do Parque, co dique e a Sala de Armas (1850). Fonte: Litografía de José Alonso Esquivel (1850), Museo Naval de Madrid. Modificada por J. Gelpi.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ferrol 1743
  • Falecemento: A Coruña 1801
Ao longo do século XVIII, Ferrol acadou unha importante transformación (sede do Departamento Naval en 1726, establecemento do Arsenal en 1750, creación, dúas décadas despois, da Compañía e Academia de Guardias Marinas; Fraga Vázquez, 1997) e converteuse nun dos focos científicos e culturais máis importantes de Galicia, impulsando diversas obras, tanto na cidade como no veciño peirao coruñés, e acollendo a destacados científicos, como o matemático e director da Academia Cipriano Vimercati, o enxeñeiro naval Eustaquio Giannini, o piloto e matemático José Alonso López, principal encargado do Observatorio Astronómico, etc.
Merece incluírse entre eles o nome de José María Baleato, técnico e construtor de instrumentos náuticos de precisión do Arsenal, a quen cabe atribuírlle, entre outras cousas, a orixinal adaptación dun quintante, instrumento astronómico empregado para observacións marítimas. Cómpre sinalar que os instrumentos náuticos da Armada importábanse principalmente de Gran Bretaña e Francia, aínda que existían obradoiros para a súa fabricación e reparación nos tres arsenais peninsulares (Ferrol, Cartaxena e Cádiz), de tal xeito que o labor de Baleato supuxo un pulo importante cara ao autoabastecemento.

Anos de formación no Arsenal ferrolán

Fillo dun construtor de instrumentos náuticos, Baleato entrou no Arsenal ferrolán en 1762 e dende moi cedo aplicou as súas facultades aos oficios de carpintería, cerralleiría e fundición de metais, adquirindo o grao de mestre maior en Cerralleiría e Fundicións. O seu progreso nos obradoiros permitiulle ampliar os proxectos iniciais, establecendo unha fábrica de bombas á inglesa para apagar incendios e elaborando toda clase de ferraxes e outros útiles necesarios para a construción e a Armada.

A finais de 1785, por orde superior, marchou a Londres co seu fillo Vicente (tamén empregado do Arsenal) para instruírse na construción de instrumentos náuticos e matemáticos e familiarizarse no uso da máquina de dividir limbos graduados, fabricada por J. Ramsden en 1768, que a Mariña tiña moito interese en adquirir (o propio Baleato construíu ao seu regreso unha, se ben presentaba vibracións que conduciron a divisións defectuosas). Dos dous anos que cubría inicialmente a estadía, só empregaron dezaoito meses, recibindo un total de dez reais cada un, o dobre dos seus salarios.

Director do Obradoiro de Instrumentos Náuticos do Arsenal

En 1787, Baleato creou un Obradoiro de Instrumentos Náuticos e Matemáticos no Departamento, que axiña mereceu o recoñecemento dos superiores e de particulares do comercio marítimo. Dende este establecemento encargouse da elaboración e arranxo de máquinas de graduar e doutros instrumentos náuticos empregados nas comisións e expedicións marítimas ao servizo da Armada, nas súas academias oficiais e nos consulados. En xuño de 1793 ascendeu ao grao de alférez de navío e tres anos despois, en novembro de 1794, foi nomeado director do obradoiro. Nunha lista elaborada polo Arsenal de Ferrol en 1796 rexístranse preto de douscentos aparatos construídos na fábrica durante os nove primeiros anos de funcionamento, entre os que figuran numerosos sextantes e octantes, teodolitos, pantógrafos, transportadores de planos, emísgrafos, termómetros, máquinas de dividir, barómetros, unha balanza, un grafómetro, etc., elaborados para as Compañías e Academias de Guardias Marinas de Ferrol, Cádiz e Cartaxena, e para corvetas e barcos de oficiais e pilotos da Armada e de particulares.

A petición do subinspector do Arsenal, José Ezquerra, construíu un quintante, adaptando outro que o propio subinspector trouxera de Inglaterra. O novo quintante foi probado polo director do Observatorio Astronómico de Guardias Marinas de Madrid, que o devolveu en agosto de 1797 cun informe favorable, propoñendo ademais unha serie de cálculos matemáticos que permitían calibrar o aparato no caso de empregarse en operacións delicadas, xa que carecía, como o seu homólogo inglés, de certas pezas que facilitaban a rectificación da perpendicularidade do espello da alisada e do paralelismo deste. O quintante, asinado por Baleato, consérvase na actualidade no Museo Naval de Ferrol.

A instalación do fanal da Torre de Hércules

En 1799 recibiu o encargo, como mestre instrumentario, de instalar o fanal xiratorio da Torre de Hércules, construído en Londres polo capitán de navío José Mendoza de los Ríos (1763-1816). A dirección da instalación estivo inicialmente a cargo do comandante e enxeñeiro Miguel Hermosilla. Baleato modificou o proxecto inicial da montaxe trazado por Hermosilla, pois consideraba que a instalación era pouco segura aos fortes ventos que azoutaban á Torre. Para a nova instalación era preciso derrubar o anterior fanal de pedra de cadeirado. Isto suscitou certas discrepancias entre Hermosilla e Baleato que provocaron, en xuño de 1800, o relego da dirección no enxeñeiro naval Eustaquio Giannini e ao ano seguinte no seu irmán José Giannini, ao asumir o primeiro un cargo nos Correos Marítimos. As 98 pezas das que consta o fanal chegaron á Coruña a finais de 1799, previa escala en Santoña, a bordo do navío “San Pedro de Alcántara”. Desafortunadamente, José María Baleato faleceu pouco despois, o 29 de xuño de 1801, nun repentino accidente que tivo lugar na Coruña, sen poder rematar a montaxe do fanal. Esta ficou en mans do operario Francisco Manuel Tellado, a proposta do xa mencionado enxeñeiro encargado da instalación, José Giannini.
Con anterioridade, Baleato fora ascendido ao grao de tenente de fragata. Estivo casado con María Espinosa de los Monteros del Calafate, coa que tivo unha filla que chamou María Josefa. Outro fillo seu, Andrés Baleato (Ferrol, 1766), piloto e cartógrafo, destacou no levantamento de mapas e cartas náuticas do Vicerreinato de Perú, e foi autor de diversas obras, entre elas Monografía de Guayaquil (escrita en 1820) e Instrucción para delinear, sombrear y lavar planos y cartas (1826).



Bibliografía:



Fontes manuscritas:

Arquivo do Museo “Álvaro de Bazán”. Documentos do Cuerpo General de
Oficios de Guerra, cartafol 620-109, y de las R.R.O.O. de Ferrol (fanal xiratorio),
cartafol 5977. Viso del Marques (Ciudad Real).

Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1986): Baleato, José, Gran Enciclopedia Gallega, Santiago de
Compostela: Ed. Silverio Cañada; T 3, p. 46.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1997): Efectos en Galicia da renovación científica
promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas
Mariñas e dos Colexios prácticos, A.A.V.V., O Padre Sarmiento e o seu tempo.
Actas do Congreso Internacional do Tricentenario de Fr. Martín Sarmiento (1695-
1995)
, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega /Universidad de
Santiago, pp. 405-427.

LAFUENTE, A. & M.A. SELLÉS (1988): El Observatorio de Cádiz (1753-
1831)
, Madrid: Instituto de Historia y Cultura Naval.

LÓPEZ SÁNCHEZ, J.F.; M. VALERA (1994): El Observatorio Astronómico de
Guardias Marinas de Cartagena, Llull, 17: 343-355.

MERINO NAVARRO, J. P. (1981): La Armada española en el siglo XVIII,
Madrid: Fundación Universitaria Española.

SELLÉS, M.A. (1991): El problema de la construcción de instrumentos náuticos en la
España del setecientos, M. Valera y C. López Fernández (eds.), Actas del V
Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas
,
Murcia: SEHCT; vol. 3, pp. 1913-1927.

SELLÉS, M. (2005): Los instrumentos y su contexto. El caso de la marina española en
el siglo XVIII, Éndoxa, 19: 137-158.

SELLÉS, M.A. & A. LAFUENTE (1989): Sabios para la Armada: el Curso de Estudios
Mayores de Marina en la España del siglo XVIII, J.L. Peset (coord.), Ciencia,
vida y espacio en Iberoamérica
, Madrid: CSIC; vol. 3, pp. 485-504.