(Translated by https://www.hiragana.jp/)
José María Gil Rey no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José María Gil Rey

Prolífico divulgador, dirixiu e colaborou en varias iniciativas periodísticas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 09/02/2013

Extras de José María Gil Rey: 

Extras sobre José María Gil Rey:

Galeria


Retrato de José María Gil Rey, realizado a plumilla e publicado en "El anfiteatro Anatómico Español", nº 39 (31/08/1874).

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2013], “José María Gil Rey”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=414
Untitled Document

Retrato de José María Gil Rey, realizado a plumilla e publicado en "El anfiteatro Anatómico Español", nº 39 (31/08/1874).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1815
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1853
De orixe humilde, cursou o bacharelato en Filosofía entre 1828 e 1831 logo de solicitar unha bolsa do colexio de San Xerome. Seguiu despois a carreira de Medicina na Universidade de Santiago, amosando especial interese pola botánica e a mineraloxía. Neste tempo participou na Academia compostelá presidida polo catedrático de oratoria D. Pedro Losada Rodríguez, onde levedaban novos movementos ideolóxicos, ditábanse normas poéticas e discutíanse temas literarios, morais, políticos, filosóficos e históricos. Participantes nestas reunións, que tiñan lugar no segundo piso do por entón ex-convento de San Martíño Pinario, eran tamén Antolín Faraldo, José Domínguez Izquierdo, Domingo Díaz de Robles, Francisco Añón, Vicente Manuel Cociña, os irmáns José y Ramón Rúa Figueroa, etc.

Obtida a licenciatura, unha parte importante da súa vida profesional está ligada ás múltiples empresas periodísticas nas que intervén, se ben os temas científicos terán un importante papel en todas as súas iniciativas. Os seus coñecementos sobre hidroloxía permitíronlle substituír durante un tempo, en 1845, ao titular na dirección dos baños de Carballo. A finais de 1850 aparece ligado circunstancialmente á Universidade compostelá, dando leccións extraordinarias de Nocións de Historia Natural. Destacada foi a súa activa participación na ardente discusión que naquela época se xerou sobre a homeopatía e que involucrou a boa parte dos profesionais da medicina. A lectura da obra de Coll, Estudio de los sistemas, converteuno nun dos primeiros defensores desta teoría en Galicia, acadando certo protagonismo nas asociacións estatais, como pode desprenderse da súa activa colaboración na Gaceta homeopática en 1848, na que se lle presta gran recoñecemento.

Fóra do ámbito científico cómpre citar os seus múltiples traballos históricos e literarios na prensa, entre os que se inclúen artigos sobre a historia da súa cidade e pequenas poesías en galego. Salienta a súa serie sobre a catedral de Santiago, iniciada en 1839 no Semanario Pintoresco Español e continuada en 1841 na Revista de Galicia.

O primeiro contacto co mundo xornalístico semella ser cando, con só 23 anos, funda o Semanario Instructivo. Periódico de agricultura, ciencias naturales y artes, que foi publicado baixo a protección da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Temos coñecemento da publicación de 27 números, entre marzo e agosto de 1838, nos que van aparecendo novas científicas tomadas de revistas estranxeiras e artigos propios de divulgación científica asinados coas iniciais dos seus autores. Os de agricultura, os máis numerosos, levan a identificación GJL, os de Historia Natural son de JSE, os de Química de LM, os de Física de RY, e os de debuxo levan as iniciais RAG. Por primeira vez unha publicación galega trata sistematicamente e con rigor temas relacionados coa ciencia e, se ben non reflicten a existencia de labores de investigación dos autores, amosan unha preocupación crecente pola difusión e a institucionalización da ciencia no seo dunha sociedade, ata aquela, moi distante destes temas.

Posteriormente colaborou na Revista de Galicia, continuación de El Iris de Galicia e subtitulada Periódico de ciencias, literatura y artes, editada en Santiago en 1841, na que deixou impresos varios artigos sobre agricultura e xeoloxía. Formou parte catro anos máis tarde da redacción de La Aurora de Galicia, e nesta revista publicou un pequeno estudo sobre química moderna.

Da pegada e influencia que deixaron os seus escritos é boa mostra a reprodución, nas páxinas da publicación Galicia. Revista Universal de este Reino, de varios artigos e comentarios seus aínda oito anos despois da súa morte. Podemos citar, por exemplo, as colaboracións sobre xardinería, os artigos sobre a industria do liño (Gil, 1861b) ou sobre a descrición e uso do té silvestre (Gil, 1861a), e as lembranzas dunha curta viaxe polos arredores de Santiago na que aparecen numerosas referencias xeolóxicas (Gil, 1861c).

En colaboración con Tomás Martínez Servida comezou en 1846, segundo cita Planellas, a formación dun herbario que eles consideraban material básico para a elaboración da "Flora de Galicia". Tres anos máis tarde, cando xa tiñan recollido un gran número de exemplares, fixeron un chamamento a todos os homes de ciencia, en especial á clase médica, para que cooperaran no herbario explorando as comarcas nas que residían (Gil, J. Mª.; Martínez Servida, T. 1849). Neste artigo, ademais de facer unha pequena historia dos estudos botánicos feitos en Galicia e de pedir a creación dunha cátedra de Historia Natural médica, dan as indicacións precisas para a recollida e conservación das plantas.

A colaboración nesta empresa foi moi escasa, segundo afirma Planellas. Este autor, no seu Ensayo de una Flora Fanerogámica Gallega, recorre ao herbario para a descrición dunha ducia de exemplares que, polo que di, non debían estar determinados na súa totalidade. Semella, sen embargo, ser o primeiro intento serio de recolección e clasificación de exemplares que puideran servir de base para a elaboración dun estudo xeral sobre a botánica galega.

A morte, debida a unha febre tifoidea, truncou con só 38 anos a vida de José Mª Gil, unha das carreiras máis prometedoras da ciencia galega da época.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Libro A-240. Copiador de nóminas, 1847-1850; Expedientes persoais, cartafol 531.


Fontes impresas:

GIL REY, José M. (1840): A la reforma de la instrucción primaria en Santiago, anunciada solemnemente el día 24 de julio de 1840, Santiago de Compostela, s.n.

GIL REY, José M. (1841): Una mirada hacia atrás. Santiago en 1780, Revista de Galicia, 10: 45-48.

GIL REY, José M. (1848a): Sobre las reflexiones preliminares al examen de la Homeopatía, Gaceta homeopática, p.: 7-14.

GIL REY, José M. (1848b): Á la Facultad (2º), Gaceta homeopática, p.: 161-169.

GIL REY, José M. (1848c): Discusión entre un homeópata y un ecléctico, Gaceta homeopática, p.: 312-323.

GIL REY, José M. (1848d): Discusión segunda entre un alópata y un homeópata, Gaceta homeopática, p.: 441-453.

GIL REY, José M. (1848e): Aguas minerales de Carballo (Galicia), Gaceta homeopática, p.: 457-469, 473-481.

GIL REY, José M. (1850a): Esposiciones de la industria, Revista de Galicia, 1: 12-18.

GIL REY, José M. (1850b): Agricultura. general de los vegetales, Revista de Galicia, 2: 65-72.

GIL REY, José M. (1850c): Arboricultura. Arboles resinosos, Revista de Galicia, 3: 96-107.

GIL REY, José M. (1850d): Agricultura. Funciones vejetales-operaciones en ellas fundadas (a), Revista de Galicia, 4: 121-136.

GIL REY, José M. (1850e): Agricultura. Agentes de la vejetación, Revista de Galicia, 5: 149-164.

GIL REY, José M. (1850f): Recuerdos de viaje por Galicia (I),, Revista de Galicia, 5: 165-172.

GIL REY, José M. (1850g): Agricultura. Tierra en general-Terrenos geológicos, Revista de Galicia, 6: 173-188.

GIL REY, José M. (1861a): Té indígena, Galicia. Revista Universal de este Reino, 22: 352.

GIL REY, José M. (1861b): Linos, Galicia. Revista Universal de este Reino, 26: 412-413.

GIL REY, José M. (1861c): Recuerdos de Viaje por Galicia, Galicia. Revista Universal de este Reino, 27: 417-419.

GIL REY, José M. (1862): Agricultura. Apuntes sobre prados artificiales, Galicia. Revista Universal de este Reino, 7: 111-112; 8: 122-124.

Semanario Instructivo. Periódico de agricultura, ciencias naturales y artes. Santiago, Oficina de José Núñez Castaño. Núms. 1-27, 2 marzo 1838 - 31 agosto 1838.

GIL REY, José M. GIL, J. Mª.; MARTINEZ SERVIDA, T. (1849): Estudios Botánicos en Galicia, Revista Médica. Periódico de la Academia médica de emulación de Santiago, 24: 528-534.


Bibliografía secundaria:

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951): Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago: Ed. de los Bibliófilos Gallegos; t. II: 164.

LÓPEZ DE LA VEGA (1874): "El licenciado Don José María Gil y Rey", Anfiteatro anatómico español, 39: 188-189.

PLANELLAS GIRALT (1852): Ensayo de una flora fanerogámica gallega, Santiago: Juan Rey Romero.

MORENO ASTRAY, F. (1865): El viagero en la ciudad de Santiago. Reseña histórica, descriptiva, monumental, artística y literaria de esta antigua capital del Reino de Galicia, Santiago: José M. Paredes.