(Translated by https://www.hiragana.jp/)
José Varela de Montes no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

José Varela de Montes

O “filósofo-médico”, a figura que acadou maior recoñecemento na historia da Medicina en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. e Dosil Mancilla, Javier
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras de José Varela de Montes: 

Extras sobre José Varela de Montes:

Galeria


Retrato de José Varela de Montes. Foto: Alvite. Fonte: Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. e Dosil Mancilla, Javier ([2012], “José Varela de Montes”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/06/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=260
Untitled Document

Retrato de José Varela de Montes. Foto: Alvite. Fonte: Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago 1796
  • Falecemento: Santiago 1868
O seu pai, Francisco Antonio, exerceu de farmacéutico en Santiago, cidade onde Varela de Montes cursou dous anos do bacharelato de Medicina (1815-17) e obtivo o grao cunha exposición dunha parte dos “Aphorismos de Hipocrates”. En 1817, en plena represión absolutista, participou nunha rede de estudantes que a Inquisición utilizou para perseguir as ideas liberais entre os seus compañeiros. Concretamente, actuou como delator de Juan Antonio del Río, citando na denuncia “proposiciones de Prado” (González Fabre, 2004). Referíase a opinións probablemente “heréticas” do que sería importante científico Casiano de Prado, quen foi condenado pola Inquisición e estivo no seu cárcere compostelán. Ese mesmo ano practicou como médico, entre xuño e outubro, con José Benito Suárez, e en outubro trasladouse a Madrid para completar os estudos no Real Estudio de Medicina Clínica. En maio de 1819, acadou a revalidación do título de médico pola Junta Real de Examinadores.

Carreira docente e intervención na recuperación da Facultade de Medicina de Santiago

En outubro de 1819 foi nomeado substituto da cátedra de Prima da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. En 1821 acadou a praza de médico titular de Corcubión e tres anos despois a do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Designado segundo examinador supernumerario da subdelegación de Medicina do Reino de Galicia (30-VI-1825), ascendeu a primeiro en Nadal de 1826, se ben renunciou pouco despois. En outubro de 1825 ingresou como profesor interino de Fisioloxía e Hixiene e ao ano seguinte pasou a ocupar a praza de substituto da cátedra. O 1 de abril de 1827 acadou o doutoramento. Uns meses antes, o 2 de febreiro de 1827, obtivera, tras unha disputada oposición, a titularidade da cátedra, que exerceu durante os dezaseis anos seguintes. En 1843 trasladouse de cátedra e pasou á de Medicina clínica, e en 1863, á de Medicina legal e Toxicoloxía. Varela de Montes desenvolveu unha brillante carreira como profesor na universidade compostelá, institución en que leu o discurso inaugural do curso 1847-48.

En 1843, co “Plan Mata”, desapareceu a Facultade de Medicina de Santiago, transformada en Colexio de Prácticos na Arte de Curar, do que nomearon director a Varela en 1844. O plan establecía dous tipos de escolas médicas: as “Facultades”, situadas en Madrid e Barcelona, e os Colexios. Só as primeiras estaban autorizadas para impartir os estudos médicos ao máis alto nivel. A reforma foi acollida moi negativamente pola Universidade e o Concello composteláns. Se ben a implantación dos Colexios contribuía a mellorar certos aspectos da docencia médica, facéndoa máis práctica, comportaba unha evidente rebaixa na categoría da docencia médica galega. Varela de Montes comprometeuse activamente, como deputado por Santiago no Congreso, nas xestións desenvolvidas para recuperar a condición de Facultade, o que se acadou en 1845 coa entrada en vigor do “Plan Pidal”. En 1850 foi nomeado decano de Medicina.

Notable actividade médica, social e política

Compaxinou as ocupacións académicas con numerosas actividades, que poñen de manifesto o seu protagonismo na medicina e na vida social e política galega. Así, nos meses inmediatos á adquisición da cátedra foi nomeado médico da Real Comisión de revisión de recrutamentos do Exército en Santiago, do Real Mosteiro de San Martiño da cidade compostelá, dos xefes de Reais Rendas de Galicia, dos empregados da Administración do Exército en Galicia etc. Subdelegado de Medicina en Galicia, exerceu como médico do Hospital Real desde 1827. Alí atendeu o parto da que logo sería a gran escritora do XIX galego, Rosalía de Castro, e levouna persoalmente a bautizar como filla de pai descoñecido. Desempeñou un notable papel na epidemia de cólera de 1854.

Foi nomeado en 1830 socio correspondente da Real Academia Médica Matritense e, ao ano seguinte, socio de número e secretario de correspondencias estranxeiras da Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia y Asturias, que en 1833 o designou para inspeccionar os casos de cólera presentados en Vigo, Muros e outros puntos de Galicia. Nese tema o seu labor primordial consistiu na organización dos servizos médicos en Pontevedra e na Coruña, e na publicación do Boletín del cólera, periódico circunstancial do que foi o seu redactor principal. A Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia y Asturias tivo como sede Santiago entre 1831 e 1833, e realizou varias sesións na casa de Varela.

Secretario e presidente da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, membro da Academia de Esculapio, Academia Quirúrgica Matritense, Academia de Ciencias de Madrid, Real Sociedad de Ciencias, Letras y Artes, Academia de Medicina Práctica de Anveres etc., entre as condecoracións que recibiu cómpre sinalar a Gran Cruz de Carlos III, medalla de distinción de mérito sobresaínte en Medicina e a Gran Cruz de Oro de Isabel la Católica.

Participou de xeito directo na vida política. Na etapa estudantil, como vimos, identificouse co absolutismo fernandino. Previamente á obtención da cátedra (1827), e segundo as normas da época absolutista, debeu pedir unha certificación sobre a súa conduta política, na que constaba que non estivera implicado coas posicións liberais no trienio. Deputado moderado nas lexislaturas de 1844 e 1846 e fervente partidario de Isabel II, de quen foi secretario honorario, o 4 de abril de 1846 foi detido polos liberais. Na súa actuación parlamentaria defendeu a institución universitaria compostelá e apoiou a emenda do marqués de Viluma tendente a frear o proceso desamortizador e mellorar as relacións coa Igrexa católica.

Obra. O ensaio sobre antropoloxía

Escribiu máis de dez libros e numerosos artigos en diversas revistas, como El Siglo Médico, de Madrid, e as compostelás Revista de Ciencias Médicas, Revista Médica, La Exposición Compostelana, Revista Económica etc. A súa produción xira arredor de dous temas fundamentais: os aspectos “humanísticos” e “filosóficos” da Medicina e a clínica médica. Como froito dos dezaseis anos dedicado á ensinanza da Fisioloxía, publicou en catro volumes o Ensayo de Antropología (Varela de Montes, 1844). Declarada libro de texto, foi a publicación máis recoñecida, pola que recibiu a Cruz de Carlos III, no momento do seu máximo apoxeo social e científico. Posteriormente, a obra recibiu importantes críticas: “A juicio de los historiadores médicos no ofrece ninguna novedad en Fisiología, y bien podemos añadir que es de escaso interés filosófico” (Carreras, 1953: 49-50). A posición antropolóxica de Varela carecía de orixinalidade e modernidade.

Para o catedrático compostelán, a enfermidade esixe unha comprensión integral do ser humano, de tal xeito que o Ensayo constitúe un completo tratado sobre o tema. Ao comezo da obra fala do universo, das teorías vixentes que intentan explicar a súa formación. Enseguida centra a súa atención sobre os seres vivos, e fai unha descrición xeral e convencional dos vexetais e dos animais. Os capítulos seguintes ocúpanse do ser humano en todos os seus aspectos, tanto antropolóxicos como fisiolóxicos. Finalmente, pasa a explicar a patoloxía. A obra intenta comprender a enfermidade dentro do conxunto da natureza, polo que ofrece unha visión integral do universo. Insiste nesa visión do “cosmos” grego, segundo o cal todos os seres vivos e todos os fenómenos, a primeira vista opostos, son o resultado dunha mesma e superior acción, que emana do “Eterno”.

A visión totalizadora do punto de vista antropolóxico de Varela parte dun privilexiado punto de vista médico e a guía será a “fisioloxía razoada”, entendida como razoar sobre a organización do ser humano e os axentes que actúan para deducir consellos hixiénicos, educativos, morais etc. Esa sería a “fisioloxía útil”, a “fisioloxía social”. Como xa expresara en obras anteriores, cre e defende unha orde e harmonía na realidade. Explica que as forzas ordenadoras da materia tenden sempre ao equilibrio e todo é fermoso e útil. A natureza camiña cara á perfección e o mundo está relacionado coas necesidades do ser humano, que ocupa unha posición preeminente. Varela emprega a concepción de “microcosmos”, idea de orixe hipocrática moi presente na antropoloxía médica tradicional. Subliña a diferenza cualitativa do ser humano fronte a outros animais, e contradí posibles intentos de relacionalo (o evolucionismo lamarckista?), de “humillar al Hombre”, por iso defende que calquera clasificación naturalista debe situar o ser humano nun lugar á parte. No tema da influencia do clima segue a liña hipocrática, a tradición dos “aires, augas e lugares” como medio en que se desenvolve o ser humano. Todo iso inflúe, coa agricultura, comercio, artes etc. na saúde e na enfermidade.

Medicina e caridade, pensamento social

O desenvolvemento da burguesía provocou na primeira metade do século XIX importantes avances e xerou novas alternativas sociais e políticas, preocupadas polos efectos negativos da sociedade industrial entre os grupos sociais máis desfavorecidos. Diversos pensadores conservadores asistiron preocupados ao novo xeito en que se consideraba as condicións de miseria desde unha perspectiva reivindicativa. E Varela de Montes foi un deses intelectuais. En Defensa del pauperismo (Varela, 1849a) defendeu a desigualdade e realizou unha descrición do probe e os seus problemas, coa pretensión de regulamentar a súa condición. Criticou as clases acomodadas, que atenden os intereses materiais e non aplican a “verdadeira filosofía”. Mais, sobre todo, o obxectivo do texto foi denunciar o uso da pobreza por parte do socialismo. Entende que o verdadeiro probe sería inocente, inofensivo, relixioso etc., pero preocúpalle a utilización que poden facer os ideólogos socialistas deses desfavorecidos, xa que “una parte del pueblo cree llegado su día, y dirigido siniestramente por hábiles resortes se presentó a defender intereses que no son suyos” (Varela, 1849: 5). Sobre o tema identificouse con Edmund Burke, pai do pensamento conservador moderno, quen consideraba a relixión como un elemento clave para ofrecer cohesión social e sentido á sociedade. Desde esa perspectiva reaccionaria, Varela defende a medicina como ciencia superior, cunha visión elitista do médico como o profesional idóneo para estudar o ser humano e propoñer melloras sociais: “¡Qué unión tan bella es la de la caridad y la de la ciencia!”. En La verdadera filosofía y los intereses materiales (Varela, 1852) completaría a análise.

Labor clínico

O desenvolvemento da Anatomía, Cirurxía e o ensino clínico constituíron a clave da modernización do modelo docente na Facultade de Medicina na metade do século XIX (García Guerra, 2001). Varela de Montes ocupou un lugar singular na actividade clínica, que exerceu como médico titular no Real Hospital de Santiago, como director da Escuela de Prácticas de Clínica e como catedrático de Medicina Clínica. Ese labor estivo apoiado por numerosas publicacións e os seus méritos transcenderon de xeito extraordinario. Rodríguez Seoane sinala, nun comentario claramente extravagante e incomprensible, que “llegó a colocar la Fisiología y la Patología en más firme terreno que los más sabios histólogos alemanes, franceses e ingleses contemporáneos suyos”. Piretología razonada (Varela, 1859), un tratado sobre a febre e as quenturas, valeulle o “triunfo completo como catedrático de Clínica” (Otero Pedrayo, 1952: 62). Para algúns autores trátase da obra cimeira da literatura médica española do século XIX (Temes Ramos, 1974: 13). Pola contra, outros opinan que “realiza una descripción de la fiebre desde la perspectiva de la filosofía médica, ejemplo de la pervivencia de una teoría superada que seguía encontrando en la figura de Varela de Montes uno de sus principales defensores” (González Guitián, 2007: 124).

A Universidade de Santiago a mediados do século XIX, auxe das ciencias. A Academia de Emulación

As ciencias acadaron en Galicia, na etapa de 1845 a 1868, un avance relevante. As boas relacións de salientables científicos co réxime moderado e, sobre todo, a creación dos estudos universitarios de Ciencias e de Farmacia contribuíron a ese auxe científico. O incremento notable do profesorado e a dotación de gabinetes e laboratorios favoreceron o desenvolvemento no ámbito académico dalgunha das máis interesantes actividades do século: a creación da Academia de Emulación (1847-1850) (Sisto, 1998), do seu voceiro, a Revista Médica (1848-1850) , e da Revista de Ciencias Médicas. Arredor desas iniciativas converxen os traballos de profesores universitarios, entre os que salientan o labor do químico Antonio Casares e do médico e cirurxián José González Olivares. Cos tamén médicos Vicente Guarnerio Gómez e Andrés Laorden López abordaron novas pescudas sobre a anestesia que permitiron visualizar, probablemente por vez primeira, que na Universidade compostelá se traballaba sobre un tema de vangarda no ámbito médico (Franco Grande, Cortés Laíño, Vidal & Sisto, 1992).

Dous catedráticos da Facultade de Medicina favoreceron as actividades do grupo, José Andrey Sierra e, sobre todo, José Varela de Montes, quen, como presidente da Academia de Emulación, dará o seu importante apoio institucional. Afronta o labor nun momento estelar da súa carreira. Despois do éxito do tratado de Antropoloxía (1844-45), a lectura do discurso inaugural do curso académico 1847-48 e ao pouco de publicar o libro sobre o pauperismo (1849b). A Revista Médica recollerá intervencións institucionais, un “Extracto de la estadística de las clínicas de la facultad de Medicina de Santiago” (1848h), o artigo “La Ciencia, las escuelas, los profesores” (1849b), e numerosos traballos teóricos centrados na revisión e análise dos principais sistemas asociados ás distintas doutrinas médicas. Por outra banda, na Revista de Ciencias Médicas, da que Varela foi director, abordaría a influencia da educación filosófica nos estudos clínicos (Varela de Montes, 1856a, b, c, d) e a “Influencia que egerce [sic] la música sobre el hombre en el estado fisiológico y patológico” (1856e). Curioso dualismo en que o salientable profesor avala, positivamente, unhas iniciativas pioneiras e de incidencia práctica, pero faino en colaboración con abstractos escritos filosóficos, interesado en desempeñar o papel de vixilante da ortodoxia médica. De feito, o cesamento da brillante actividade do grupo activo a fins dos anos cincuenta daría lugar a unha situación de predominio das intervencións de Varela de Montes e Andrey arredor das doutrinas médicas.

Defensor do hipocratismo

A súa primeira publicación foi Distinción entre la verdadera y falsa experiencia en Medicina (Varela, 1821). No libro apréciase unha moi estimable presenza das ideas do seu mestre, Antonio Hernández Morejón (1773-1836), concretamente da obra que publicara ese mesmo ano, Ensayo de Ideología Clínica (Hernández Morejón, 1821). Este primeiro libro xa recolle as que serían as liñas fundamentais da posición “filosófica” de Varela de Montes. Critica o método empírico ou “falsa experiencia”, entendida como as “observaciones individuales adquiridas por si mismos”, e asume o hipocratismo como guía do labor médico. Unha proposta que primaba a observación coidadosa do enfermo e a descrición polo miúdo dos síntomas como base da clínica. Unha observación racional e enriquecida coa experiencia histórica médica, a experiencia que xorde “de las observaciones reunidas y comprobadas de todos los tiempos y de todas las naciones” e que configuran a matriz do coñecemento teórico: “Así es como el médico guiado por la filosofía y la observación puede presentarse animoso a la cabeza de los enfermos, y penetrar en lo más intrínseco del mal, a donde no puede llegar el falso profesor” (Varela, 1821: 99-100).

Esa necesidade de relacionar o observado co saber médico levábao ao recurso aos clásicos, pero tamén lle permitía, como vimos, un certo acceso a algunhas das innovacións médicas, sempre e cando non cuestionasen o modelo hipocrático. Un camiño ao denominado “eclecticismo”, que o hipocratismo asume como consecuencia do seu enfoque e como necesidade práctica polas carencias explicativas fronte ás enfermidades e os retos de novas formas de estudo. Por iso o hipocratismo, que foi a “filosofía médica” dominante nas universidades españolas na primeira metade do século XIX, convive co enfoque ecléctico, que no caso de Varela se inclina “por un espiritualismo que toma como referente o eclecticismo de Victor Cousin” (García Guerra, 1998: 136). Unha posición que no seu afán con pretensión sintetizadora tamén incorpora compoñentes vitalistas.

Os erros e limitacións do hipocratismo para abordar numerosos fenómenos clínicos e o labor práctico nos hospitais facilitaron a irrupción de novas formas de afrontar a enfermidade. A principio do século XIX, xorde en Francia a que se denominou “escola orgánica”, tamén cualificada como “empirista” polo relevancia que lle outorgaba á experiencia directa fronte ao método hipocrático, baseado na observación. Os organicistas propuxeron a chamada “mentalidade anatomoclínica”, que concede o máximo protagonismo á lesión estrutural. Desde esta perspectiva, o fundamental no labor clínico son os órganos e as funcións, e o estudo dos primeiros é o máis relevante para o coñecemento da enfermidade.

O dominio das posicións clásicas na medicina española chocaba con estas visións innovadoras que irrompían desde Europa e que non encaixaban na visión tradicional, que as deostaba como “materialistas”. Iso provocou a mediados do século XIX notables debates sobre os diversos sistemas médicos. Pedro Mata, catedrático da Universidade de Madrid, foi protagonista dun momento singular cando, no discurso pronunciado o 26 de xaneiro na Academia de Medicina de Madrid, cuestionou o carácter científico das posicións hipocráticas, e situou a Hipócrates e os seus seguidores nunha liña “espiritualista”, máis metafísica ca científica (Mata, 1859). Mata exhortaba os colegas a dar un paso adiante cara á “medicina práctica”, ao estudo experimental dos fenómenos obxectivos. E, consciente das implicacións ideolóxicas do debate, pedíalles que “no os dejéis arrastrar por el torrente reaccionario que baja de la política a la filosofía, y de la filosofía a la medicina” (Mata, 1859: 26).

O discurso de Mata provocou unha gran controversia. Varela de Montes foi un dos voceiros dos médicos hipocráticos que saíu á palestra. Publicou unha serie de artigos en El Siglo Médico, nos que defendeu o hipocratismo e rexeitou o denominado “materialismo positivista”, ao que cualificaba de áspide que envelena a toda unha xeración. Pouco despois, o catedrático de Obstetricia da universidade compostelá, José Andrey Sierra, retomou o tema e publicou uns Estudios de Filosofía Médica (Andrey, 1861). De feito, desaparecido Varela de Montes en 1868, Andrey actuaría como o seu sucesor na vixilancia da ortodoxia. E así o fixo de xeito notorio e explícito no transcurso dos exercicios da oposición á cátedra de Patoloxía xeral en 1871 (Fraga & García Caeiro, 1998). Desempeñaría o papel de presidente de “facto” dun tribunal en que as “forzas vivas” da Facultade de Medicina pretenderon humillar o innovador Varela de la Iglesia e rexeitar a “medicina de laboratorio”. Unha nova proposta que viña a substituír ao método anatomoclínico e concedía preferencia ao laboratorio fronte á clínica, ao estudo microscópico e á visión fisiopatolóxica, á función como centro de atención.

Pero, máis alá do aspecto teórico, as diferenzas doutrinais tiveron consecuencias docentes, clínicas, experimentais e asistenciais. Por unha banda, as posicións baseadas na observación encaixaban mellor coa ausencia ou limitada presenza dun labor hospitalario práctico e intenso. Por outra, as propostas anatomoclínica e fisiopatolóxica supuxeron un relevante avance na mellora da sanidade, no tratamento dos enfermos, nas posibilidades clínicas e terapéuticas.

Na Facultade de Medicina compostelá, en boa parte do século XIX e principios do XX, dominaron as anticuadas correntes “filosófico-médicas”, hipocratismo, vitalismo e “eclecticismo médico”. Os innovadores que cuestionaron ese modelo eran minoría e sufriron certa marxinación. A mediados de século, con Varela de Montes como máxima autoridade científica, Compostela perdeu o tren da “mentalidade anatomoclínica” (García Guerra, 1998). E, na segunda parte do século, con Andrey Sierra, faría o mesmo coa medicina experimental. Non pode sorprender que no terreo das realizacións a obra de Varela reflicte un período marcado pola escasa actividade práctica do profesorado, máis inclinado a posicións “filosóficas” que ao labor clínico, e inspirador de traballos sobre hidroloxía e topografía médicas (García Guerra, 1998).

Escola médica compostelá?

A expresión “Escuela médica compostelana” xurdiu a fins do século XIX en obras como a do catedrático Luis Rodríguez Seoane (Rodríguez Seoane, 1880) e tivo unha favorable acollida entre algúns autores, entre os que existe un amplo acordo para situar a Varela de Montes como unha figura principal desa suposta escola (Rodríguez Seoane, 1880; Baltar, 1968; Carro, 1987; Fernández Teijeiro, 2001). Segundo algúns dos seus apoloxistas, ofrecería unha alternativa que fai compatible a práctica das virtudes da arte de curar inspiradas no hipocratismo clásico coas innovacións científicas derivadas do progreso científico e tecnolóxico que se estaban a vivir naqueles momentos e que supuñan o tránsito cara á nova medicina, e mantería sempre presente nas súas obras unha “unidad íntima y constante de pensamiento y acción, de filosofía, técnicas o arte y vida” (Otero Pedrayo, 1952: 61). Na práctica, a bibliografía apoloxética mesturou autores de moi diversa teoría e práctica dun xeito ahistórico. As importantes diferenzas doutrinais e metodolóxicas e, mesmo, os enfrontamentos que se observan entre o profesorado da Facultade de Medicina poñen en evidencia o carácter mítico da suposta escola médica compostelá. Un lugar común onde hai moito de superficialidade, autocompracencia e interese en buscar unha acollida nun contorno histórico entrañable.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Arquivo Histórico Universitario, Universidade de Santiago de Compostela. Expedientes persoais. Cartafol 1512, expedente nº 12.


Fontes impresas:

VARELA DE MONTES, J. (1821): Distinción entre la verdadera y falsa experiencia en Medicina. Caracteres del verdadero Médico según las ideas del célebre Zimmermann, ex-consejero aúlico, médico de S.M. Británica, y Miembro de varias Academias sabias, Santiago: Oficina de Moldes.

VARELA DE MONTES, J. (1833): Preceptos preventivos contra el cólera morbo, Santiago: Imp.
de los Herederos de Montero.

VARELA DE MONTES, J. (1838):Historia razonada de Josefa de la Torre, Santiago: Impr. Viuda de hijos Compañel.

VARELA DE MONTES, J. (1842): La Verdadera Filosofía y los intereses materiales, Madrid: Imprenta E. Aguado.

VARELA DE MONTES, J. (1844-45):Ensayo de Antropología o sea Historia fisiológica del hombre en sus relaciones con las ciencias sociales y especialmente con la Patología y la Higiene, 4 vols. Madrid: Imprenta Eusebio Aguado para os tres primeiros volumes, 4º en Est. Literario-Tipográfico de P. Madoz e L. Sagasti; 2ª edición en 1854, Madrid: C. Bailly-Baillière.

VARELA DE MONTES, J. (1847): Oración inaugural leída en la Universidad Literaria de Santiago en la solemne apertura del Año Escolar de 1847 a 1848, Santiago: Universidad de Santiago.

VARELA DE MONTES, J. (1848a): La Medicina en España en medio de los sistemas, Revista médica, 1 (1 marzo 1848): 2-10.

VARELA DE MONTES, J. (1848b): Los Sistemas y las doctrinas con sus verdades y sus errores, Revista médica, 4 (15 abr. 1848): 49-53.

VARELA DE MONTES, J. (1848c): Verdades y errores de los sistemas médicos en las inflamaciones, Revista médica, 6 (15 maio 1848): 97-105.

VARELA DE MONTES, J. (1848d): Verdades y errores de los sistemas después de Hipócrates hasta Galeno, Revista médica, 8 (15 xuño 1848): 149-154.

VARELA DE MONTES, J. (1848e): Errores y verdades de los sistemas médicos desde Galeno hasta Helmocio, Revista médica, 9 (1 xullo 1848): 173-183.

VARELA DE MONTES, J. (1848f): Errores y verdades de los sitemas médicos des Silvio hasta Staahl, Revista médica, 11 (1 ag. 1848): 221-231.

VARELA DE MONTES, J. (1848g): Errores y verdades de los sistemas desde Hoffmann hasta la época actual, Revista médica, 12 (15 ag. 1848): 245-253.

VARELA DE MONTES, J. (1848h): Extracto de la estadística de las clínicas de la facultad de Medicina de Santiago desde 1º de octubre hasta fin de junio, Revista médica, 12 (15 ag. 1848): 254-256.

VARELA DE MONTES, J. (1848i): Verdades y errores en las doctrinas médicas de la época actual, especialmente sobre las inflamaciones, Revista médica, 13 (1 sept. 1848): 269-278; 14 (15 sept. 1848): 293-297, 15 (1 out. 1848): 317-325; 16 (15 out. 1848): 341-348; 17 (1 nov. 1848): 366-370; 18 (15 nov. 1848): 389-400.

VARELA DE MONTES, J. (1849a): Defensa del pauperismo, 1a. ed. Santiago: Imp. de Juan Rey Romero.

VARELA DE MONTES, J. (1849b): La Ciencia, las escuelas, los profesores Revista médica, 28 (15 abr. 1849): 599-603; 29 (1 maio 1849): 619-623; 30 (15 maio 1849): 641-645; 31 (1 xuño 1849): 659-664.

VARELA DE MONTES, J. (1851a):Programa de las Lecciones de Clínica Especial Médica, Santiago: J. Rey Romero.

VARELA DE MONTES, J. (1851b): Consideraciones sobre la Cuestión Homeopática, Madrid: E. Aguado.

VARELA DE MONTES, J. (1852a):La verdadera filosofía y los intereses materiales, Madrid: Imp. y Fund. de Eusebio Aguado.

VARELA DE MONTES, J. (1852b): Opúsculo de las más notables doctrinas y sistemas médicos desde Hipócrates hasta el día, Santiago: Imp.de Jacobo Souto e Hijo.

VARELA DE MONTES, J. (1853): Preceptos higiénicos terapeúticos sobre la fiebre reinante, Boletín Oficial de la Provincia, La Coruña, 29-6-1853.

VARELA DE MONTES, J. (1854a): El subdelegado de sanidad de Santiago a sus profesores, Boletín del Cólera, 2 (13 de maio): 7.

VARELA DE MONTES, J. (1854b): Posición del médico en las mortíferas epidemiasBoletín del Cólera, 4 (16 de maio): 13-15.

VARELA DE MONTES, J. (1854c): Según verán nuestros lectores Boletín del Cólera, 6, (20 de maio): 21-22.

VARELA DE MONTES, J. (1854d): Reproducimos las siguientes cuestiones… (Expón, Varela de Montes, en cinco puntos porque considera que o cólera é a epidemia de Galicia), Boletín del Cólera, 11 (30 de maio): 41-43.

VARELA DE MONTES, J. (1856a): Infuencia de la educación filosófica en los estudios clínicos, Revista de Ciencias Médicas, 1 (15 de abril): 2-16.

VARELA DE MONTES, J. (1856b): Influencia de la educación filosófica en la medicina clínica, Revista de Ciencias Médicas, 3 (15 de maio de 1856): 73-79.

VARELA DE MONTES, J. (1856c): Importancia del elemento filosófico en el estudio clínico, Revista
de Ciencias Médicas
, 5 (15 de xuño de 1856): 137-143.

VARELA DE MONTES, J. (1856d): Importancia de la educación filosófica en la medicina clínica, Revista de Ciencias Médicas, 7 (13 de xullo de 1856): 201- 209.

VARELA DE MONTES, J. (1856e): Influencia que egerce [sic] la música sobre el hombre en el estado fisiológico y patológico, Revista de Ciencias Médicas, 12 (1 de outubro de 1856): 329-336.

VARELA DE MONTES, J. (1858): Juramento de Hipócrates. Discurso leído en la Universidad Central...en el solemne acto de recibir la investidura de Doctor en la Facultad de Medicina, Madrid :Imp.de Eusebio Aguado.

VARELA DE MONTES, J. (1859): Piretología razonada. Filosofía Clínica aplicada al estudio de las Fiebres y de las Calenturas, Santiago: Imp.de Jacobo Souto e Hijo.

VARELA DE MONTES, J. (1862): Discurso leído por el Excmo. Sr. D. José Varela de Montes en la sesión celebrada por la Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago en el acto de tomar posesión del cargo de Director de la misma, Santiago: Establecimiento tipográ?co de Manuel Mirás.

VARELA DE MONTES, J. (1863): Discurso, Galicia: revista universal de este Reino, 20 (15 oct. 1863): 234-240.

VARELA DE MONTES, J. (1865): Preceptos y Consejos sobre el Cólera por el Dr. Varela de Montes... , Santiago: M. Mirás.


Bibliografía secundaria:

ANDREY Y DE SIERRA, J. (1861): Estudios de Filosofía médica, o crítica de todas sus doctrinas y exposición de los dogmas hipocráticos, Santiago: J. R. Ruibal.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana. Apuntes para iniciar su estudio, 21a. Exposición La Escuela Médica Compostelana, Santiago: Instituto. Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (CSIC); 1-26.

CABALLERO y VILLAR, J.M. (1901): Estudio biográfico del Dr. D. José Varela de Montes, Vitoria: Est. Tip. de Domingo Sar.

CAPELLÁN DE MIGUEL, G. (2007): Enciclopedia del pauperismoCuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha; Madrid: Escuela Contemporánea de Humanidades; v. II: 67-72.

CARRERAS y ARTAU, T. (1952): Estudios sobre Médicos-Filósofos Españoles del siglo XIX, Barcelona: CSIC.

CARRO OTERO, X. (1987): La Vera efigie del Dr. Varela de Montes, fundador de la “Escuela Médica Compostelana”, Jubilatio: homenaje de la Facultad de Geografía e Historia a los profesores D. Manuel Lucas Álvarez y D. Ángel Rodríguez González, Santiago: Universidade de Santiago, Servicio de Publicacións; v. 2: 681-692.

HERNÁNDEZ MOREJÓN, A. (1821): Ensayo de Ideologia Clínica, ó de los fundamentos filosóficos para la enseñanza de la Medicina y Cirugia, Madrid: Imprenta Cosme Martínez.

FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. (2001): La encrucijada de la medicina galaica, Santiago: Editorial Compostela.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. & GARCÍA CAEIRO, A.(1998): La oposición de 1871 a la cátedra de Patología general de la Universidad de Santiago y la renovación de la enseñanza de la Medicina en España, XI Congreso Historia de la Medicina, Santiago de Compostela. Inédita.

FRANCO GRANDE, A.; CORTÉS LAÍÑO, J.; VIDAL, Ma. I.&SISTO, R. (1992): Contribución da Escola Médica Compostelá á introducción e estabelecemento da anestesia en España, Ingenium, 3: 9-29.

FUENTES BARCO, M.; GARCÍA PIÑEIRO, S. & ANGOSTO SAURA, T. (2006): “La santa de Gonzar”: un caso de inedía desde la perspectiva de la fisiología del siglo XIX, Frenia, 6, 1: 207-218.

GARCÍA GUERRA, D. (1998): La Facultad de Medicina de Santiago, José Danón (Coord.), La enseñanza de la medicina en la universidad española, Barcelona: Fundación Uriach; pp. 129-147.

GARCÍA GUERRA, D. (2001): La Facultad de Medicina de Santiago en el siglo XIX, Santiago: Universidade.

GONZÁLEZ FABRE, M. (2004): Aportación científica del ingeniero de minas D. Casiano de Prado y Vallo (1797-1866) en su contexto histórico, Tese de Doutoramento, Universidade Politécnica de Madrid.

GONZÁLEZ GUITIÁN, C. (2007): Bibliografía médica gallega del siglo XIX, Valencia: Universitat de Valencia, Departament d’Història de la Ciència i Documentació.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

MATA, P. (1859): Hipócrates y las escuelas hipocráticas. Discurso pronunciado en la solemne apertura de las sesiones del año 1859?en la Real Academia de Medicina de Madrid, Madrid: Imprenta de Manuel Rojas.

OTERO, José Mª (1872): Elogio bibliográfico del doctor don José Varela de Montes, El Siglo Médico, XIX: 304, 384, 400, 432, 448, 464, 480, 512, 528, 544, 560, 576.

OTERO PEDRAYO, R. (1952): El doctor Varela de Montes: médico humanista compostelano del siglo XIX, Cuadernos de Estudios Gallegos. Anejo 7, Santiago: CSIC, Instituto P. Sarmiento.

OVILIO y OTERO, M. (1868): El Excmo. Sr. D. José Varela de Montes, decano de la Facultad de Medicina en la Universidad de Santiago de Galicia, El Eco de la verdad, 5 (4 abr. 1868): 33-37.

PEDRET CASADO, P. (1953): Oposición a una cátedra de medicina en la Universidad de Santiago por el doctor José Varela de Montes, Cuadernos de Estudios Gallegos, fascículo XXVI, Madrid: Imp. C. Bermejo.

RODRIGUEZ SEOANE, L. (1880): Varela de Montes y la Escuela médica de Santiago, Santiago: Impr. Gaceta Galicia.

SISTO EDREIRA, R. (1998): As Academias literarias da Universidade de Santiago e a Academia Médica de Emulación no período 1847-1850, Sarmiento. Anuario Galego da Historia da Educación, 2: 125-152.

SOMOZA, J. R. (1903): Varela de Montes y la Escuela Médica de Santiago,Galicia. Revista ilustrada, La Habana,n. 51: 1-3; 52: 1-2.

TEMES RAMOS, J. L. (1974): El profesor José Varela de Montes (1796-1868) en su época. Ensayo crítico de su obra Médica, La Coruña: Tip. El Ideal Gallego.

VÁZQUEZ VARELA, J. (1993): A “santa” de Gonzar: un caso clínico do século XIX, Santiago: Museo do Pobo Galego.


NOTA: A biografía de José Varela de Montes, publicada no Álbum da Ciencia o 21/03/2012, foi corrixida e ampliada polos autores o 06/02/2013.