(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Luis Iglesias Pardo no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Luis Iglesias Pardo

Un especialista en Medicina naval

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 02/05/2014

Extras de Luis Iglesias Pardo: 

Extras sobre Luis Iglesias Pardo:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Luis Iglesias Pardo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 22/06/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=996
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Ourense 1843
  • Falecemento: Descoñecida
Realizou os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. A continuación permaneceu como alumno interno no Hospital clínico da Facultade de Medicina. Ingresou na Mariña en 1867, estivo varios anos embarcado e visitou diversos continentes. Ocupou varios destinos, especialmente en Ferrol, pero tamén en La Habana e Filipinas. En 1877 ascendeu a “médico mayor” e en 1881 foi nomeado médico do Estaleiro de Ferrol, no que permaneceu ata xaneiro de 1883, pasando á fragata Asturias. Volveu en 1885 ao Estaleiro de Ferrol e posteriormente trasladouse á base de Filipinas e despois ao Hospital de Cañacao (Filipinas). Tras unha estadía no Hospital de Ferrol, en 1886, en decembro dese ano chegou a Manila e volveu de novo ao Hospital de Cañacao. En 1898 os seus fillos recibiron a pensión pola súa morte.

A obra de Iglesias Pardo situase no esforzo deste médico, e outros colegas, como Pedro Mª González, Ángel Fernández Caro, Mateo Barcones, Emilio Gutiérrez Pallardo e Nemesio Fernández Cuesta, para que a Hixiene naval fose recoñecida como especialidade propia. Estaba, polo tanto, na vangarda das posicións do colectivo médico da Armada que reclamaban, na segunda metade do século XIX, unha medida necesaria para a saúde dos mariños.

Ao pouco de licenciarse, en 1870, ideou o seu grande proxecto: elaborar un tratado sobre Hixiene e Patoloxía navais. Dos dous previstos, só chegaría a publicar un primeiro volume, sobre Higionautotalasia (Iglesias Pardo, 1883), polas cuantiosas perdas económicas que lle ocasionou a edición, e que lle levarían a emigrar coa familia ás Filipinas, onde morreu (Gracia Rivas, 1995). A iniciativa proxectouse no momento de transición dos veleiros aos buques de vapor, o que levou a unha revisión das condicións hixiénicas dos barcos.

Cando o Dr. Iglesias decidiu desenvolver o seu proxecto só existía como referencia recoñecida a obra do Dr. Pedro Mª González, médico da expedición Malaspina, Tratado de las enfermedades de la gente de mar, publicada en 1805. En 1879 o Dr. Ángel Fernández Caro adiantóuselle algo ao publicar Elementos de Higiene Naval. Esta anticipación do seu colega levou a Iglesias a un maior esforzo, co fin de acadar a relevancia á que aspiraba.

Como indicamos, en 1883 apareceu o Tratado elemental de Higionautotalasia y Patonautotalasia o sea de Higiene y Patología Naútica, seguido de un prontuario de sífilo-venereología. Trátase dun extenso texto de 944 páxinas no que detalla moitos aspectos relacionados cos buques, con especial descrición das cuestións hixiénicas dos mesmos. Dedica un primeiro apartado á Hixionautoloxía, que sería a sección da Hixionautotalasia encargada do estudo das condicións de salubridade dos buques. A parte máis extensa, que abrangue desde a páxina 134 ata a 679, aborda os materiais de construción, equipo ou armamento. O capítulo II está dedicado á Hixionautografía, ou sexa, a descrición hixiénica dos buques, amosándose partidario da instalación neles de «enfermerías de firme».

Previamente publicara diversos artigos, sobre todo no Anfiteatro anatómico español, e unhas Observaciones teórico-prácticas sobre las fiebres africanas de Fernando Póo precedida de una reseña histórico-geográfica de la isla (Iglesias Pardo, 1874), libro editado en Ferrol e que foi traducido ao francés por H. Rey, médico maior da Armada francesa e publicado nos Archives de Médicine navale en 1878. Está dedicado ao seu pai, Victorio Iglesias Fernández, oficial primeiro da Tesourería de Facenda en Ourense.

A primeira parte é unha “Reseña histórico-geográfica de la Isla de Fernando Póo”.A segunda parte da obra, “Estadística patológica, higiene y fiebres africanas de Fernado Póo”, iniciada na páxina 63, divídea en diversos artigos. No primeiro, “Estadística de las enfermedades existentes en la isla de Fernando Póo”, recolle datos de 1868 a 1873. O segundo leva por título “Del clima de la zona marítima de Fernando Póo considerado desde el aspecto médico. Efectos fisiológicos sobre el europeo. ¿Es posible la aclimatación y por tanto la colonización de la isla? Preceptos higiénicos”. O terceiro denomínase “De las fiebres africanas…”, e nel fai un relatorio de casos clínicos de febres palúdicas, oito de febre continua ou intermitente atípica, dezaseis de febres cotiáns e dobre cotiáns, dous de larvadas, dous de perniciosas, un de febre remitente e un comentario de enfermidades comúns de índole intermitente. O artigo coarto leva por título “Tratamiento de las fiebres africanas. Sulfato de quinina. Arsenicales. Sal común”.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Hoja de servicios de Don Luis Iglesias Pardo. Archivo-Museo Don Alvaro de Bazán (El Viso del Marqués, Ciudad Real).


Fontes impresas:

IGLESIAS PARDO, L. (1874): Observaciones teórico-prácticas sobre las fiebres africanas de Fernando Póo precedida de una reseña histórico-geográfica de la isla, Ferrol: Impr. y Lit. de Taxonera. Tradución ao francés, por H. Rey (1878), Archives de Médicine navale, XXIX: 401-409.

IGLESIAS PARDO, L. (1874): Etiología del traumatismo a bordo, Anfiteatro anatómico español, II: 198, 222, 233, 256.

IGLESIAS PARDO, L. (1875): Del mareo. Etiología, Anfiteatro anatómico español, III: 294, 305, 317, 331, 343.

IGLESIAS PARDO, L. (1877): Del régimen alimenticio a bordo, Anfiteatro anatómico español, V: 246, 249.

IGLESIAS PARDO, L. (1877): Intoxicación por los mejillones pegados al cobre de la fragata Esperanza, Anfiteatro anatómico español, V: 254.

IGLESIAS PARDO, L. (1879): Sobre las diversas temperaturas que se observan en los buques a consecuencia de las máquinas de vapor, Boletín de Medicina Naval, II.

IGLESIAS PARDO, L. (1881): Aplicación del metrónomo a la Medicina, Boletín de Medicina Naval, IV: 492.

IGLESIAS PARDO, L. (1882): Algunos datos atmosferonautológicos de cuatro de nuestros buques de 1ª clase, Ferrol: Academia del Departamento de Ferrol.

IGLESIAS PARDO, L. (1883): Tratado elemental de Higionautotalasia y Patonautotalasia o sea de Higiene y Patología Naútica, seguido de un prontuario de sífilo-venereología, Ferrol: Imprenta de “El Correo Gallego”.


Bibliografía secundaria:

FRAGA USERO, A. (1998): La Higiene Naval en la segunda parte del siglo XIX. La aportación del Dr. Luis Iglesias Pardo, XI Congreso Historia de la Medicina, Santiago de Compostela. Inédito.

GRACIA RIVAS, M. (1995): La Sanidad naval española. Historia y evolución, Madrid: Ed. Empresa Bazán.

RODRÍGUEZ OCAÑA, E. (1992): Por la salud de las naciones. Higiene, Microbiología y Medicina Social, Madrid: Akal.