(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Manuel Muñoz Taboadela no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Manuel Muñoz Taboadela

Os comezos da edafoloxía galega

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 14/03/2014

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2014], “Manuel Muñoz Taboadela”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=507
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lillo (Toledo) 1917
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1963
Orfo de pai, estudou o bacharelato na Escuela de Huérfanos del Ejército de Valladolid, cursando a continuación a carreira de Farmacia na Universidade de Madrid, que rematou con Premio Extraordinario. Durante a carreira colaborou experimentalmente xunto con Montequi e Albareda. Por necesidades económicas traballou inicialmente na industria farmacéutica, pero aos poucos meses, no ano 1944, entrou como bolseiro no Instituto de Edafología y Fisiología Vegetal do C.S.I.C., e no 1945 foi nomeado axudante de clases prácticas de Mineraloxía e Zooloxía.

Baixo a dirección de Albareda realizou a tese de doutoramento, “Manganeso total en relación con el color de las tierras negras andaluzas”, que leu en 1948 e que mereceu tamén o Premio Extraordinario. En 1950 obtivo a praza de colaborador científico do C.S.I.C. orientando seus traballos iniciais de edafoloxía cara o estudo da mineraloxía de solos españois e de Guinea. Ampliou estudos, por máis dun ano, de 1950 a 1951, no Macaulay Institute of Soil Research de Aberdeen, en Escocia, con Mackenzie, e alí publicou un traballo sobre os minerais das arxilas. Posteriormente, continuou a súa especialización no estranxeiro, en Bélxica e Holanda, e no ano 1953 concedéuselle unha pensión para Alemaña, para realizar estudos sobre morfoloxía e fertilidade de solos co profesor Muckenhausen, en Krefeld, así como de físicoquímica e bioloxía de solos no Forschungdanstalt fur Landwirttschaf, de Braunschwig–Volkenrode. Neste mesmo ano de 1953 obtivo a cátedra de Xeoloxía Aplicada da Facultade de Farmacia de Santiago.

Catedrático en Santiago

A disciplina de Xeoloxía Aplicada da Facultade de Farmacia, de acordo co novo Plan de 1953, tiña como contidos: Mineraloxía, Petrografía, Edafoloxía e Hidroloxía, polo que sería a partir dese ano cando a edafoloxía comezaría a ser explicada, por primeira vez en Galicia, como materia científica de rango universitario. De todas maneiras, a realidade foi que, como o catedrático viña de formarse nos mellores centros europeos de estudos de solos e era esa realmente a súa especialidade, os contidos edafolóxicos do curso realmente chegaban e mesmo sobordaban máis da metade do tempo lectivo.

As excelentes relacións que mantiña Muñoz Taboadela co presidente do C.S.I.C. Xosé María Albareda permitiulle, ao pouco de chegar a Santiago, xa en 1953, crear unha Sección do Centro de Edafoloxía e Fisioloxía Vexetal, de Madrid e, a partir de 1955, crear e dirixir o Centro de Edafoloxía e Fisioloxía Vexetal de Santiago, inicialmente situado na Facultade de Farmacia, pero que pouco despois, en 1959, estrearía un novo edificio deseñado por Miguel Fisac no campus universitario. Nel, con novas instalacións e, sobre todo, con un xeneroso orzamento do que non dispuñan a maioría das cátedras universitarias, comezou a deseñarse un ambicioso plan para o estudo dos solos galegos. Nel, foi fundamental a colaboración de Francisco Guitián Ojea, acabado de nomear, en 1954, bolseiro do Centro de Edafoloxía e profesor adxunto de Xeoloxía Aplicada. Nese plan tiñan un papel estratéxico as teses de doutoramento orientadas a cubrir os diferentes campos de especialidade que se precisaban para un bo coñecemento dos solos galegos. Deste xeito estudáronse os problemas da acedume dos solos (Guitián Ojea) , materia orgánica (Méndez), catións de cambio (Alberto) e oligoelementos en solos (Prieto, Carballas e Martínez). Nese mesmo centro desenvolvéronse tamén estudos sobre fertilidade de solos (Fábregas) e, posteriormente, sobre nutrición animal (Larralde).

Así mesmo, i en colaboración cos profesores da Facultades de Farmacia, Bellot e Viéitez, realizáronse unha serie de estudos de carácter agro biolóxico aplicado, como foron, nos anos cincuenta, o promovido pola empresa Nestle para a mellora da produtividade dos prados galegos e, sobre todo, o financiado pola Fundación Martín Escudero para “A mellora da alimentación do gando vacún e o incremento da produción de pastos e forraxes de Galicia”.

Puxo en marcha os primeiros estudos sobre cartografía e sistemática de solos co Mapa de Suelos del Partido Judicial de Caldas de Reyes (1958), pero, sobre todo, foi o plan de cartografía dos solos españois, a escala 1.200.000 (1959-1968), financiado polo Banco de España, e no que, ao Centro do C.S.I.C. correspondíalle o estudo de toda zona húmida española, o que permitiu poñer a punto os equipos e técnicas máis axeitadas para este labor. Foron realizados os mapas de Lugo (1959), Coruña (1960), Ourense (1960) e Pontevedra (1960), e cando se tiña case rematado o de Asturias aconteceu seu pasamento. A súa publicación, integrados en cadanseu Estudo Agro biolóxico xunto con outros estudos de vexetación e fertilidade de solos realizouse bastante anos despois.

Tivo tamén un interese especial na divulgación científica colaborando cos colexios farmacéuticos, as deputacións e outras institucións públicas na divulgación de diferentes aspectos aplicados da xeoloxía e a edafoloxía. En 1955, xunto con Bellot, publicou un traballo sobre “La universidad y el campo” no Congreso Económico Sindical de Lugo (1955), no que deseñaban un plan de traballos de investigación para a promoción da agricultura galega , concluíndo que «como fase previa e indispensable de toda mejora agraria, han de abordarse los estudios edafobotánicos de la provincia».

Valoración científica

Na década que Muñoz Taboadela exerceu como catedrático de universidade e director do centro do C.S.I.C. puxéronse as bases para que, tanto polo equipo humano como pola dotación de material, se puideran realizar estudos edafolóxicos en Galicia con uns estándares de calidade similares aos que se estaban a desenvolver nos centros de referencia europeos. A formación de excelencia que recibiu, seguindo a clásica política do C.S.I.C. en relación cos seus alumnos máis escollidos, permitiulle partir xa dun nivel de coñecementos acorde coa ciencia edafolóxica do momento. A dispoñibilidade orzamentaria da que gozou (moi superior a de outras cátedras universitarias) facilitou a posta en práctica dos diferentes proxectos que, coa axuda fundamental de Francisco Guitián, se foron deseñando para o estudo dos solos galegos. E, así mesmo, os estudos que xa tiñan desenvolvidos, maiormente sobre acedume e materia orgánica, sobre os solos de zona húmida española, convertían xa ao pequeno equipo de edafólogos galegos nunha referencia estatal para este tipo de materiais e problemas.

Unha cuestión salientable é que, tendo en conta a formación recibida e as boas relacións internacionais que se lle supoñían a Muñoz Taboadela, non houbera tido dificultade para que as súas liñas de investigación e correspondentes publicacións foran orientadas cara as máis recoñecidas revistas do mundo. En cambio, desde que chegou a Galicia, seu traballo edafolóxico colleu unha vocación claramente aplicada (corrección de solos, fertilización, cartografía, etc.) e, como consecuencia, as publicacións foron dirixidas, maiormente, cara o ámbito galego ou español.




Bibliografía:




Fontes impresas:

MUÑOZ TABOADELA, M. (1953): The Clay Mineralogy of some soils from Spain and from Rio Muni (W. Africa), J. Soil Sci., 4, 48.

MUÑOZ TABOADELA, M. (1954): Algunos aspectos de la geología aplicada, Bol. Colegio. Farm. Pontevedra.

Muñoz Taboadela, M. (1954-5): Algunos datos generales de la agricultura gallega. I. Distribución de cultivos y zonas naturales. II. Necesidades de abonos. III. Distribución de forrajes a lo largo del año. Informe presentado no Instituto de Edafología y Fisiología Vegetal. Años 1954 e 1955.

GUITIÁN OJEA, F. e MUÑOZ TABOADELA, M. (1957): El encalado de los suelos de zona húmeda, Anal. Edafol. Fisiol. Veg. , 16: 1017-1097.

MUÑOZ TABOADELA, M. (1962): La acidez del suelo en Galicia, Madrid: Enseñanza Media.

MUÑOZ TABOADELA, M. (1965): Suelos de Galicia: Analisis y necesidades de fertilizantes químicos con especial referencia al fósforo, Madrid: Patronato Alonso de Herrera.


Bibliografía secundaria:

CARBALLAS,T.; DÍAZ-FIERROS, F.; MACIAS, F. (2003): 50 Aniversario de la Edafología en Galicia, Santiago: Universidade.

DÍAZ-FIERROS, F. (2002): As Ciencias Naturais e a Farmacia. Francisco Bellot Rodriguez (1911-1983) e Manuél Muñoz Taboadela (1917-1963), en Un centenario, una Profesión, Sanmartin, S. (Coord.), A Coruña: Col. Of. Farmacéuticos A Coruña.

MÁIZ ELEIZEGUI, R. (1964): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago. Cien años de vida de la Facultad (1857-1957), Santiago: Universidad, Facultad de Farmacia.

ANÓNIMO (1963): Ha fallecido el prof. Dr. D. Manuel Muñoz Taboadela, Anal. Edaf. Fisiol. Veg., 22: 77-80.