(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Mariano Gómez Ulla no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Mariano Gómez Ulla

Cirurxián, militar e científico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando, Fernando J. / González Castroagudín, Sonia
  • Data de alta: 21/09/2017

Extras de Mariano Gómez Ulla: 

Extras sobre Mariano Gómez Ulla:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando, Fernando J. / González Castroagudín, Sonia ([2017], “Mariano Gómez Ulla”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 05/10/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1092
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1877
  • Falecemento: Madrid 1945
Naceu no número 12 da compostelá Travesía de San Pedro, impoñéndoselle na pila bautismal os nomes de Mariano Severo de Jesús. É un dato singular que quen chegaría a ser cirurxián da Casa Real e xentilhome de Cámara de Alfonso XIII, nacese apenas a uns centenares de metros de onde o fixeron os seus compañeiros da mesma: o coronel médico Ricardo Varela e Varela, decano dos médicos de Cámara en 1931, e o doutor López Elizagaray, tamén médico de Cámara, brevemente da Armada, e mestre de numerosas xeracións de médicos na Beneficencia madrileña.

Mariano Gómez Ulla fixo o bacharelato no Instituto de Santiago, dirixido polo seu avó materno, Manuel Ulla Ibarzábal, logo catedrático de matemáticas da Universidade. Despois, cursou a súa carreira na Facultade de Medicina da cidade do Apóstolo, con destacadas cualificacións. O exemplo do seu mestre Timoteo Sánchez Freire, eximio cirurxián, de quen foi alumno interno, inclinouno decididamente cara á cirurxía. El mesmo recoñeceuno o 29 de abril de 1942, no seu discurso de ingreso na Real Academia Nacional de Medicina: «Desde os primeiros anos da carreira sentimos afección por esta disciplina que nos cativou ao terminala, por ter a sorte de ser axudante dun inesquecible mestre e gran cirurxián daquela época, o doutor Sánchez Freire».

Sanidade Militar

Gómez Ulla ingresou, por oposición, no Corpo de Sanidade Militar co número un da súa promoción en 1899, seguido de Rafael Fernández e Fernández, da Coruña. Foron felicitados no Boletín de Medicina e Cirurxía, órgano dos alumnos internos da Facultade de Medicina de Santiago, o 15 de Outubro de 1899.

Prestixio de Gómez Ulla

Gómez Ulla destacou tanto dende o punto de vista organizativo como do científico-asistencial. Todo iso conduciuno, desde moi pronto, a ser un distinguido cirurxián tanto militar como civil, recoñecido unanimemente pola Sociedade española civil, militar e científica:
-Era o cirurxián da familia Real de Alfonso XIII e o seu xentilhome de Cámara.
-O presidente da II República concedeulle a Gran Cruz ao Mérito Militar reservada a xenerais, cando aínda era tenente coronel. Esta foi sufragada, na súa versión con brillantes, por 180.000 militares españois de tódalas gradacións.
-Convocábaselle para participar en obras como o libro-homenaxe ao gran cirurxián monfortino José Goyanes Capdevila, con motivo da investidura deste como doutor honoris causa pola Universidade de Burdéos. A firma de Gómez Ulla figuraba á beira da de sabios como Santiago Ramón e Cajal, Gregorio Marañón, o profesor Pasteur Vallery-Radot, Del Río Hortega, Jiménez Díaz ou os irmáns Mayo, os famosos cirurxiáns da Clínica de Rochester (Minessota) que leva o seu nome, entre moitos outros.

En 1903 gañou a dura oposición de acceso ao prestixioso Corpo Médico da Beneficencia Municipal de Madrid, compartindo esta dignidade con moitas das figuras da época como Madinaveitia, López Elizagaray, Marañón, Espina e Capó, e tantos outros. Tamén foi xefe de Cirurxía do Sanatorio Hispano Americano, Hospital de Montaña en Guadarrama, preferentemente antituberculoso, e director e creador do Equipo Cirúrxico do Concello de Madrid. En 1909 leu a súa tese doutoral na Universidade Central sobre o tema: A desinfección no Exército, ante un tribunal que tiña entre os seus integrantes a figuras como Olóriz e Gómez Ocaña, coa cualificación de sobresaínte.

Foi un cirurxián de prestixio entre tódalas clases sociais de Madrid. Entre os seus pacientes coñecidos podemos citar á Infanta Beatriz, ao profesor Nóvoa Santos e ao xeneral Millán Astray, ao que atendeu das súas espantosas feridas de guerra, amputación de brazo incluída.

Principais realizacións:

Entre elas destacan as seguintes:
1. Convencido da necesidade de achegar o quirófano ao ferido na guerra en movemento, creou o Hospital Cirúrxico de Montaña Transportable a lombos de machos, material transportable en módulos desmontables en 55 a 60 machos. Este deseño tivo un éxito extraordinario na redución de tempos cirúrxicos e a salvación de vidas, nas escarpadas montañas magrebís, durante a Guerra de África, éxito que lle valeu a Gómez Ulla o recoñecemento xeral do Exército e de toda España.
2. Propuxo como Unidade o Grupo Cirúrxico de Campaña.
3. Deseñou e estableceu as instrucións de manexo do primeiro cartón de Diagnóstico, triaxe e Evacuación do que temos noticia. A primeira referencia deste cartón témola na Revista de Sanidade Militar do 15 de setembro de 1921, na que se expón que se trata das instrucións referentes ao modo de empregar o cartón de diagnóstico que, por indicación do comandante Mariano Gómez Ulla, vai ser empregada polas tropas de África.
4. Foi un dos precursores da raquianestesia en España, segundo diversos autores como Franco Grande e cols. e outros como Vitoria Gonzalo et ao., que estudaron o tema. Publicaran os seus discípulos grandes series de intervencións practicadas por Gómez Ulla, xa dende 1913, onde el realizou modificacións sobre o anestésico a utilizar, explicando as súas vantaxes e inconvenientes de técnicas e sustancias (Herrer, 1919), logrando ao final as que chamaron ampolas Raqui con estovaína e sulfato de estricnina, en vehículo acuoso hipertónico. Herrer chámao fórmula Gómez Ulla e Cambronero. En 1919 describiran xa 1.200 casos de anestesia raquídea, sen maiores contratempos, en todo xénero de intervencións infradiafragmáticas, cos doutores Herrer e Iñigo, e o farmacéutico militar Cambronero. Todo iso foi realizado con anterioridade a que o seu discípulo Fidel Pagés, publicase o seu traballo de 1921, Anestesia Metamérica, base da instauración mundial da anestesia epidural. Pagés logrou esta técnica non penetrando o espazo subdural. E por tanto, servíndose da mellora daqueles obstáculos dos que tivo coñecemento inmediato pola súa propia experiencia e polos traballos de Gómez Ulla e colaboradores.
5. Preconizou a mobilización, non só precoz, senón Activa inmediata, segundo o método de Willems, das lesións articulares traumáticas e das artrites supuradas xa en 1919. Foi algo moi novo, nunha época en que os cirurxiáns eran proclives a longas inmobilizacións.
6. Estableceu indicacións para o tratamento cruento das fracturas pechadas, explicando as vantaxes disto para o manexo postoperatorio. Manifestou que en fracturas articulares a boa estática e dinámica articular reclaman unha redución o máis correcta posible.
7. Deseñou unha placa para as fracturas transversas diafisarias sobre a cal fixou unha cinta de Putti-Parrham.
8. Estudou o asunto e propuxo a botella potabilizadora alemá para a auga de bebida en campaña.
9. Coa súa presenza activa nas frontes de África (onde foi condecorado tamén polos Franceses) e na I e II Guerras Mundiais, mantivo contacto cos máis prestixiosos cirurxiáns civís e militares de toda Europa.
10. Gómez Ulla foi o auténtico creador da Escola de Especialidades Médicas e cirúrxicas no Hospital Militar de Carabanchel (Gómez Durán).

Aínda que xa fixera unha primeira visita oficial a diversas nacións en 1912, para coñecer a organización sanitaria militar das mesmas, foi nomeado polo goberno español, observador con rango diplomático de agregado militar, na I Guerra mundial, na que visitou a fronte alemá e, con máis intensidade, a francesa, onde tivo ocasión de coñecer, e operar con eles, a personalidades da cirurxía francesa como Duval, Pacuchet e Gosset, profesor agregado da Facultade de Medicina de París e cirurxián da Sâlpetrière, e Enrique Finocchietto, o gran cirurxián arxentino formado en Europa. Non nos consta que coincidise co doutor René Leriche, tamén mobilizado na guerra, co que si estivo nas Xornadas médicas de Bruxelas en 1927, nas que participaron multitude de científicos destacados e nas que Gómez Ulla foi o único representante español, como dicía a revista La Pédiatrie Pratique, do 25 de maio de 1927, onde se comentaba a asistencia de personalidades como Leriche, o gran veterinario Arloing, o diabetólogo Lepine, Besredka, do Instituto Pasteur, e outros notables.

Guerra Civil

A guerra civil española sorprendeuno en Madrid, onde operaba no Hospital Militar de Carabanchel que hoxe leva o seu nome, e, cando a fronte se achegaba a este, no quirófano instalado baixo o lucernario do Hotel Palace, pois as faltas de luz eléctrica eran frecuentes.

Fiel monárquico, desencantado do que vía no Madrid revolucionario, tratou de pasarse ao bando nacional, sendo descuberto e encarcerado. Estivo a piques de morrer fusilado. A negociación diplomática, de Cruz Vermella Internacional e, sobre todo a presión internacional no seu favor, en particular das sociedades científicas francesas (a petición da Real Academia Española de Medicina, posiblemente do doutor Marañón, que estaba no exilio en París), conseguiu que, case ao final da guerra, en novembro de 1938, e nun deplorable estado de saúde, fóra trocado, na fronteira gala, polo doutor Bago, médico e destacado político socialista. Outra axuda notable foi a dos irmáns uruguaio-galegos doutores Xullo e Eduardo López Lacarrere, que conseguiron a intercesión, en favor de Gómez Ulla, de diversos sabios internacionais, entre os que destacou o prestixioso catedrático e fisiólogo arxentino Bernardo Alberto Houssay, que sería Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina en 1947.

Posguerra

Tras o cambio, sufriu un expediente de depuración no bando franquista do que saíu exonerado e, en breve tempo, ascendido a xeral subinspector, chegando, en 1943, a xeneral inspector, xefe supremo, de toda a Sanidade Militar española. Visitou a fronte alemá, onde reorganizou a sanidade da División 250, máis coñecida como División Azul, que pasaba por malos momentos.

Foi académico numerario da Real Academia Nacional de Medicina, na que ingresou co magnífico discurso histórico, A cirurxía na Guerra, e presidente do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España, desde onde coidou con especial esmero do Colexio de Orfos.

Varios autores, como o seu sobriño Gómez-Ulla e Lea, coronel médico, e A. Belaústegui, meritorio escritor sobre sanidade militar, cualifican de escasísima a produción científica de Mariano Gómez Ulla. Nós cremos que non consideraron apropiadamente ao autor no seu contexto e non atoparon suficientes datos da súa obra.

Mariano Gómez Ulla foi un xenuíno representante da Escola Médica Compostelá. Esta caracterizábase porque os seus membros eran clínicos notables pasados polo crisol de séculos. Recibiran experiencias médicas de todo o orbe, debido ao contacto con todos os viaxeiros, médicos, algúns famosos traídos das Escolas de Montpellier e Salerno por arcebispos como Xelmírez, e enfermos, do Camiño de Santiago. Con todo, pouco dados a escribir as súas experiencias (Baltar).

Juan Barcia Caballero denominaba a tendencia de non escribir as experiencias médicas como «a idiosincrasia anti publicista» dos meus compañeiros de claustro. O propio Barcia, Nóvoa Santos e Gil Casares foron dos poucos que incumpriron esta norma. Esta «idiosincrasia anti publicista» fai referencia ao seu mestre, compartido con Gómez Ulla, Timoteo Sánchez Freire. Barcia desesperábase por non conseguir que Sánchez Freire dese a coñecer a súa moita sabedoría clínica e cirúrxica. Este feito é extensivo a bastantes mestres desta Escola, mesmo, entre os trasladados a Madrid, como López Elizagaray e Varela Radío. Varela foi un dos catedráticos de tocoxinecoloxía máis importantes da primeira metade do século XX. Creou unha Escola obstétrico-xinecolóxica máis que notable, con discípulos catedráticos como Alejandro Otero en Granada e Morillo Uña en Santiago, entre outros. Con todo, case non publicou nada (Olagüe).

Aínda que na bibliografía achegamos probas de que Gómez Ulla non foi, efectivamente, un gran publicista médico, podemos afirmar que a pesar diso ten unha obra para ter en conta que, en boa parte, non foi descrita ata o de agora. Probablemente, ademais, omitimos algunha publicación que non localizásemos polo momento.

Gómez Ulla non destacou só pola súa obra, tamén é mester sinalar varios puntos que fan grande o seu labor de médico e investigador:
1. Gómez Ulla revelouse como o arquetipo do médico militar, por conseguir, de modo moi destacado, xuntar as facetas de xefe organizador e cirurxián eminente. Foi, por iso, homenaxeado polo pobo e o Exército e condecorado pola Monarquía, a Ditadura de Primo de Rivera, a II República e o Réxime de Franco.
2. Mantívose ao día en tódolos aspectos científicos da súa incumbencia: planificación, cirurxía, anestesia, rehabilitación e salubridade, con achegas valiosas e vangardistas.
3. Cando aínda vivían médicos militares de xeracións anteriores, que alcanzaran cotas de elevado prestixio, cátedras e cadeiras de brazos de Academias, Gómez Ulla destacou sobre eles, deixando, como auténtico mestre, unha Escola cirúrxica de discípulos formados ao seu xeito, os doutores Iñigo, Gómez Durán (1898-1984), nacido en Antas (Pontevedra), Herrer, Martín Santos, etc. que continuaron co seu legado. Gómez Ulla morreu de complicacións renais que arrastraba dende o seu cativerio.




Bibliografía:




Fontes documentais:

Mariano Gómez Ulla. A.H.U.S. (1892-1899. Cartapacio nº550. Expediente 17.

Mariano Gómez Ulla. Archivo Histórico Militar de Segovia. Expediente persoal.


Fontes impresas:

GÓMEZ ULLA, M. (1909a): La desinfección en el Ejército. Madrid: Universidad Central. Tese doutoral.

GÓMEZ ULLA, M. (1909b): Profilaxis y desinfección. Capítulo VIII do libro Higiene Militar (Lecturas para oficiales), Dir. Médico Mayor. Dr. A. Cabeza Pereiro. Madrid: Escuela Superior de Guerra.

GÓMEZ ULLA, M. (1913a): Tienda Hospital, Sistema Gottschalk, Rev. San. Mil., III, 1, 1 de enero.

GÓMEZ ULLA, M. (1913b): Estadística operatoria del Hospital Militar de Carabanchel, Rev. San. Mil., III, 14 (15 de julio): 441-446.

GÓMEZ ULLA, M. (1913c): La Enseñanza de la Cirugía de Guerra en las Escuelas de Aplicación de Italia y Francia, Rev. San. Mil., III. 5: 141-144.

GÓMEZ ULLA, M. (1915): Anestesia en campaña. Conferencia dictada en el ateneo de Sanidad Militar el 26 de abril y anunciada en Rev. San. Mil., V, 6.

GÓMEZ ULLA, M. (1916): Los Servicios sanitarios en la guerra actual: Impresiones de una visita al frente francés. Conferencia no Ateneo de Sanidad Militar.

GÓMEZ ULLA, M. (1917): La Guerra y su preparación: Los Servicios sanitarios en el Ejército Belga, Rev. del Estado Mayor Central del Ejército, (ca. mayo 1917). Citada en: Rev. San. Mil., VII, 12: 362.

GÓMEZ ULLA, M. (1919a): Inconvenientes reales y contraindicaciones de la Anestesia Medular, Rev. Cir. Esp., 4: 215-221.
GÓMEZ ULLA, M. (1919b): La movilización activa inmediata, como tratamiento de las lesiones articulares traumáticas y de las artritis supuradas (Método de Willems), Rev. Cir. Esp., 5: 288-295.

GÓMEZ ULLA, M. (1920): El Servicio sanitario de los Ejércitos aliados en la Guerra Mundial. Conferencia de clausura de curso 1919-1920 de la Academia de Sanidad Militar.

GÓMEZ ULLA, M. (1921): Instrucciones referentes al modo de emplear la tarjeta de diagnóstico que va a ser empleada por las tropas en África, Rev. San. Mil., 15 de septiembre; p. 557-558.

GÓMEZ ULLA, M. (1922): Instrucciones generales para el Servicio de Cirugía, Rev. San. Mil.. XII, 2: 31-43.

GÓMEZ ULLA, M. (1924): Discurso en el Homenaje a la memoria de Fidel Pagés, Rev. San. Mil., XIV, 5: 112-115.

GÓMEZ ULLA, M. (1929-1930): Algunos casos de osteosíntesis en fracturas cerradas de huesos largos, en Libro-homenaje al Dr. Goyanes Capdevila con motivo de su doctorado Honoris Causa por la Universidad de Burdeos. Madrid: Ed. Gaceta Médica Española; p. 459-469.

GÓMEZ ULLA, M. (1932): Un caso de necrosis pancreática. Nota clínica dedicada a la memoria del sabio doctor don Miguel Gil Casares, Galicia Clínica, 4, 10: 548-552.

GÓMEZ ULLA, M. (1933): Tratamiento en los puestos avanzados de los casos quirúrgicos urgentes, en la guerra en movimiento. Concepción de una formación especializada. Su organización técnica y su empleo desde el punto de vista táctico. Madrid, VII Congreso Internacional de Medicina y Farmacia Militares. Ponencia Hispano-Belga. Acompañada de los puntos de vista de las Direcciones de los Servicios sanitarios sobre este tema de: Checoslovaquia, Estados Unidos, Italia, Rumania, Yugoslavia.

GÓMEZ ULLA, M. (1935a): Resección del corpúsculo carotideo en la epilepsia esencial, Rev. Cir., 9: 258. Serie 4. Vol. 5, p. 420.

GÓMEZ ULLA, M. (1935b): Observaciones recientes sobre osteomielitis de guerra, Rev. Cir., 9: 368-370.
GÓMEZ ULLA, M. (1940): Prólogo a Males de los pies: manual práctico del callista, de J. R. Alamilla. Barcelona: Imp. La Neotipia.

GÓMEZ ULLA, M. (1941): Prólogo a Manual de Cirugía de Guerra, de L. Martín Santos. San Sebastián: Ed. Pax.

GÓMEZ ULLA, M. (1942): La Cirugía en la Guerra, discurso de Ingreso como Académico de Número de la Real Academia Nacional de Medicina. Contestación a cargo del Excmo. Sr. Dr. D. Enrique Slocker y la Rosa. Ed. Instituto de España.

GÓMEZ ULLA, M. (1944): Dirección de la tesis doctoral de Eduardo González Menéndez, Tensión arterial como cualidad de reacción. Tesis Inéditas. UCM

GÓMEZ ULLA, M. (1945): La Medicina y los Médicos españoles, Revista Nacional de Educación, 51: 18-32.

GÓMEZ ULLA, M. (1946): Prólogo a La Medicina militar a través de los siglos, de Sebastián Montserrat Figueras. Madrid: Servicio Histórico Militar.


Bibliografía Secundaria:

HERRER, F. (1919): Contribución al estudio de la anestesia en cirugía: Mil doscientos casos de raquianestesia, Rev. San. Mil., 15 de marzo, p.159-166.

PAGÉS MIRAVÉ, F. (1921): Anestesia Metamérica Rev. San. Mil., XI, 12: 351-365; 13: 385-396.

DIZ RODRÍGUEZ, M.R.; ZUMAQUERO OBISPO, C; ARANA RUEDA, A; SÁNCHEZ-CRUZAT BORAU, A; RUIZ SEGUÍN, A. (1998) (1922): El Teniente Coronel González Tablas, héroe de Regulares. Fue operado por Gómez Ulla tras ser herido en Tazarut, Medicina Militar. 54 (6): 368-372.

GONZÁLEZ MENÉNDEZ, E. (1944): Tensión arterial como cualidad de reacción. Tesis Doctoral dirigida por Mariano Gómez Ulla. Universidad Central de Madrid.

GÓMEZ DURÁN, M.(1960): Aportación de la Cirugía de Guerra al progreso quirúrgico actual. Discurso de Ingreso en la Real Academia Nacional de Medicina.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana. Con motivo del Centenario de la muerte del Dr. Varela de Montes. Santiago: Instituto Padre Sarmiento. C.S.I.C.

ROMERO VÁZQUEZ, D. (1977): Galería de Médicos Gallegos Ilustres. La Coruña: Ed. Moret.

GÓMEZ ULLA Y LEA, J. Mª. (1981): Mariano Gómez Ulla: Un Hombre, un Cirujano, un Militar. Madrid: Ed. Madrid.

FRANCO GRANDE, A. ; ÁLVAREZ ESCUDERO, J.; CORTÉS LAÍÑO, J. (2005): Historia de la Anestesia en España (1847-1940). Madrid: Ed. Arán.

GONZALO RODRÍGUEZ, V. et als. (2007): Historia de la Urología española. Historia de la Raquianestesia y la anestesia epidural en España, Arch. Esp. Urol., 60, 8: 973-978.

PONTE HERNANDO, F. (2011a): Dr. Ángel Baltar Cortés (1868-1934) Maestro de Cirujanos. A Coruña: Ed. Inéditor. Grupo Towers. Col. Scripta.
BELAÚSTEGUI, A. (2011b): Sanitarios Militares en la Guerra de África (1909-1927). La lucha contra el olvido VI. Madrid: Ministerio de Defensa; p.159-200.

PONTE HERNANDO, F. ; REGO LIJÓ, I. (2012): La locura y el bisturí: I Centenario de Don Timoteo Sánchez Freire (1838-1912). Santiago: Seminario Mayor de Santiago. Universidad de Santiago de Compostela. Servicio de Publicaciones e Intercambio Científico.

PONTE HERNANDO, F. ; REGO LIJÓ, S. ; GONZÁLEZ CASTROAGUDÍN, S. (2013a): Un sabio médico gallego: Don Jacobo López Elizagaray (1860-1934), Cuadernos de Estudios Gallegos, LX, 126: 337-358.

PONTE HERNANDO, F. ; REGO LIJÓ, S. ; GONZÁLEZ CASTROAGUDÍN, S. (2013b): Médicos Gallegos Ilustres I: El Dr. D. Ricardo Varela y Varela. Cad. Aten. Primaria, 19: 288-292.

OLAGÜE DE ROS, G, F; NOGALES FERNÁNDEZ, F. (2014): Una Esperanza truncada: Luis Morillo Uña (1901-1937). Universidad de Santiago de Compostela-Universidad de Granada.