(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Pedro Andrés Pourret no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Pedro Andrés Pourret

Botánico francés, cóengo en Ourense e Compostela

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Izco, Jesús
  • Data de alta: 18/01/2013

Extras de Pedro Andrés Pourret: 

Extras sobre Pedro Andrés Pourret:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Izco, Jesús ([2013], “Pedro Andrés Pourret”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 30/08/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=403
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Narbona (Francia) 1754
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1818
Iniciou os estudos moi novo en Narbona, xunto a Jean Pech, o seu primeiro mestre, e continuou a súa formación en Nimes con J. F. Séguier. Durante a etapa francesa herborizou co propio Séguier e, entre outros, con M. Adanson, P.M.A. Broussonet, J. Sibthorp, L. Duhamel e J. Spieltnann, e mantivo correspondencia ou intercambiou materiais cos mellores botánicos da época. Fixo da súa contorna obxecto de investigación botánica. Con vinte anos comezou seriamente o seu traballo de campo no sudeste francés: Narbona, Adge, Montpellier, Nimes, Alais, montes Cévenes, etc., e alongou a área de estudo ata os Pirineos e Cataluña. Aos trinta anos presentou os primeiros froitos do seu traballo, dúas memorias, unha Histoire de la Famille des Cistes e un Itinéraire pour les Pyrènées, que lle valeron o ingreso na Academia de Ciencias de Toulouse como membro correspondente. As dúas memorias sufriron numerosos inconvenientes antes da súa publicación: modificacións, recortes e demoras ata o extremo de que a primeira ficou inédita e a segunda representa só un ha parte do total da súa Flora Narbonense. Non hai dúbidas que P. Picot de Lapeyrouse estaba detrás deses atrancos e que aproveitou, con posterioridade, a información orixinal de Pourret, que non veu a luz. A posterior publicación do seu Itinéraire foi acompañada coa dun pequeno traballo, Descriptions de deux nouveaux Genres de la famille des Liliacées, désignées sous le mon de Lomenia et de Lapeirousia [hoxe incluídos na familia Iridáceas], o primeiro como homenaxe aos irmáns Lomenie de Brienne, quen serían despois os seus benfeitores, e o segundo a quen atrancaba a súa flora narbonense, coa esperanza, parcialmente acadada, de que non impedise a publicación.

Os irmáns Lomenie de Brienne, que acadaron importantes cargos con Luis XVI, proxectaban un Gabinete de Historia Natural en París e propuxeron a Pourret a dirección do mesmo. Aceptado o posto, houbo de ordenar primeiro as coleccións de plantas e minerais existentes en Brienne, val do Aude; a situación política levou aos dous irmáns a renunciar aos seus cargos en 1788 e o proxecto non chegou a callar.

Inicio do exilio

Co inicio da Revolución en Francia Pourret abandonou o seu país, debido á condición de crego e polas súas ideas realistas. Exiliado, refuxiouse en Barcelona, onde se relacionou cos botánicos cataláns e explorou o territorio, co resultado de varios manuscritos inéditos, "Histoire Naturelle de Montserrat" e " Mémoire sur divers volcans éteints de la Catalogne", e un novo título publicado, "Noticia Histórica de la Familia Salvador", familia de farmacéuticos cataláns moi ben considerada, co que pensaba gañar a estima dos botánicos de Cataluña. Grazas aos seus contactos en Barcelona e ás recomendacións de Casimiro Gómez Ortega, alicerce da política botánica española, Pourret trasladouse a Madrid, onde obtivo o nomeamento de Subdirector Honorario do Real Jardín Botánico, con dotación económica, máis non administrativa. A súa tarefa era a de revisar a Flora española de José Quer, mais Pourret tiña moi mal concepto desa obra pois seguía un sistema prelinneano, polo que intentou, co lóxico receo dos seus mentores, elaborar unha flora propia, proxecto que ficou inacabado.

Estancia e actividades en Galicia

En 1799 foi nomeado, a proposta real, cóengo da catedral de Ourense (recibira as ordes en Toulouse), grazas á súa ideoloxía e amizades. Tiña a misión de estudar a botánica e a mineraloxía deste "Rno [Reino] de Galicia" e, con esa finalidade, ficaba exento da residencia na cidade e da asistencia ás abrigas normais do resto dos cóengos, pero sen perder ningunha das prebendas.

Perante seis meses pugnaron o Ministro de Estado e o recen nomeado co cabido sobre se a exención incluía os seis primeiros meses de residencia, un noviciado establecido na igrexa ourensán. Finalmente, el-Rei impón o seu criterio, que aceptan os capitulares unha vez cumprido o período establecido, pasado en consultas, deliberacións e cartas a Madrid. Estes feitos danaron as relacións durante un tempo, pero rematou integrado e acadou algúns cargos no cabido (Contador Menor, Contador Maior, Fabriqueiro). O levantamento do dous de maio foi a causa dun motín en Ourense, con persecución de Pourret, pola súa condición de francés, e a fuxida da cidade, para refuxiarse no mosteiro de San Pedro de Montes, no Bierzo. Aínda que os biógrafos franceses atribúen aos ourensáns o saqueo da casa e o estrago dos seus libros e herbarios está demostrado que foron "los satélites de Napoleón", tal vez afrancesados, como describe el mesmo, quen atentaron contra as súas propiedades tras a conquista de Ourense.

Reposto Fernando VII, regresou a Madrid e novamente foi proposto como cóengo, esta vez de Santiago de Compostela. Como era preceptivo, foi sometido a un proceso de limpeza de sangue, previo á súa incorporación definitiva, en 1815. Tivo residencia ao final da Rúa Nova, presumiblemente no actual número 55, e unha ampla tenencia en Pítelos. Ben integrado desde o principio, xunto a cargos e representacións pouco importantes, chegou a Contador do Tesouro, o seu posto de maior rango. Á súa morte foi soterrado no claustro da catedral, máis non fican vestixios da súa tumba.

Polo seu testamento sabemos que posuía un xardín na súa tenencia de Pitelos, onde cultivaba plantas, xardín que era visitado polo director do Colexio de Farmacia de San Carlos, Julián Francisco Suárez Freire, e outros estudosos; son as plantas dese xardín as que legará para o seu cultivo no xardín que posuía o antedito Colexio. Non hai referencias anteriores á existencia dun xardín botánico en Galicia.

Concepcións botánicas e herbario

Como botánico censurou a Linneo a descrición de especies baseadas en pequenas modificacións e defendeu este rango para as variacións claras que se manteñen constantemente dunha xeración a outra. En España, veuse liado nas disputas da época e incorporado xa a Ourense perdeu, finalmente, o cargo de Subdirector Honorario do
xardín madrileño tras a xubilación de Casimiro Gómez Ortega como director, co acceso ao posto de Antonio José Cavanilles. Iso a pesar de que Pourret representaba unha botánica máis estritamente ligada ao coñecemento sistemático, como Cavanilles, que á aplicación agrícola e utilitaria de Gómez Ortega.

Pourret puido chegar a ser un botánico transcendente, pero ficou lonxe dese nivel por causa dos atrancos iniciais na súa carreira, as fuxidas, os traslados, as perdas sucesivas dos seus materiais e probablemente por esgotamento. Con todo, o seu herbario foi consultado por M. Willkomm & J. Lange para o seu pródromo da flora española (1861-1880). A pesar das razóns que lle eximían do cumprimento das obrigas como cóengo de Ourense, está demostrado que non realizou campañas de herborización polo Reino de Galicia e que apenas recolleu material durante os nove anos que estivo na cidade ourensá; menos aínda na súa etapa compostelá, xa con sesenta anos. Máis importancia teñen as contribucións de plantas recollidas durante o seu refuxio berciano.

Ademais do que fica do primitivo herbario pourretián en París, froito das súas campañas anteriores ao exilio, o herbario da época española, con máis de sete mil pregos, contén os materiais galegos e os herborizados no Bierzo, xunto aos acadados en Cataluña, Madrid, algúns italianos, etc. Este último, legado ao Colexio de San Carlos de Santiago (Colexio de Farmacia), pasou, ao remate da súa existencia, ao respectivo Colexio de Madrid; hoxe está no Laboratorio de Botánica da Facultade de Farmacia de Madrid (herbario MAF). No seu testamento legou as plantas vivas que se cultivaban na súa tenencia de Pitelos ao recen creado Colexio compostelán; aínda que non se mencionan as secas, hai que pensar que se incluíron tamén, pois todos os seus materiais pasaron á que sería Facultade de Farmacia de Madrid. Hai precisa documentación do paso dos fondos deste Colexio, tras o seu peche, ao de San Fernando, en Madrid, e deste á Facultade de Farmacia. A interrupción da secuencia Colexio-Facultade en Santiago impediu que ficara o herbario nesta última cidade.



Bibliografía:




Fontes impresas :

POURRET, P. A. ( 1786): Descriptions de deux nouveaux Genres de la famille des Liliacées, désignées sous le mon de Lomenia et de Lapeirousia, Mem. Acad. Sci. Toulouse, 3: 73-82.

POURRET, P. A. (1786): Extrait de la Chloris Narbonensis, Renfermée, dans la Relation d’un Voyage fait depuis Narbonne jusqu’a Montserrat, par les Pyrènées, Mem. Acad. Sci. Toulouse, 3: 297-334.

POURRET, P. A. (1796): Noticia Histórica de la Familia Salvador de la ciudad de Barcelona, Barcelona: Matheo Barceló.

POURRET, P. A. (1875): Itinéraire pour les Pyrènées, par l'abbé Pourret, en 1781, Reliquiae Pourretianae, M. Timbal (ed.), Bull. Soc. Sci. Phys. Nat. Toulouse, 2: 24-73.

POURRET, P. A. (1875) : Projet d'une Histoire Générale de la Famille des Cistes, par l abbé Pourret, 1783, Reliquiae Pourretianae, M. Timbal (ed.), Bull. Soc. Sci. Phys. Nat. Toulouse, 2 : 74-103.


Bibliografía secundaria:

ÁLVAREZ VILLAVERDE, O. (1988): Pedro Andrés Pourret, Canónigo de la S.A.M.Y. de Santiago (Historia de una botánico francés en Compostela), Santiago dc Compostela: Facultad de Farmacia. Universidad de Santiago. Tese de Licenciatura
(mecanografiada).

BELLOT RODRÍGUEZ, F. (1956): Pourret, Colmeiro, Planellas y Antonio Casares Gil: la escuela botánica compostelana, Discurso inaugural leído en la solemne apertura del curso académico 1956-1957, Santiago: Universidade.

CAMARASSA, J. M. (1989): Botánica y Botánics dels Països Catalans, Barcelona: Enciclopèdia Catalana.

COLMEIRO, M. (189l): Noticia de los trabajos botánicos del Abate Pourret en Francia y en España, Madrid: Escuela Tipográfica del Hospicio.

GUTIÉRREZ-BUSTILLO, M.; NAVARRO, C. (1989): El herbario de P.A. Pourrer (l754-l818) conservado en MAF, Acta Bot. Malacitana, 14: 193-195.

IZCO, J.; ÁLVAREZ, O. (1995): Pedro Andrés Pourret, un botánico francés canónigo de las catedrales de Ourense y Santiago, Santiago: Universidade.

LAINZ, M. (1991): ¿Duendes en el herbario de Pourret?, An. J. Bot. Madrid, 45 (1): 345-346.

MUÑOZ, I. (1992): Herbario Pourret: Monografía del género Galium, Tesis Lic. (mecanografiada), Fac. Farmacia, Univ. Complutense, Madrid.

MUÑOZ, I. (1993): Acerca del manuscrito del género Galium de P. A. Pourret (1754-1818), Acta Bot. Malacitana, 18: 281-283.

RODRÍGUEZ NOZAL, R. (1990): Herbario Pourret: Tratamiento informático de la colección depositada en MAF. Transcripción de las familias Cistaceae y Thymeleaceae, Tesis Lic. (mecanografiada), Fac. Farmacia, Univ. Complutense, Madrid.

RODRÍGUEZ NOZAL, R & e MARCHAND, C. (1997): La correspondencia entre Pierre André Pourret (1754- 1818) y Philippe Picot de Lapeyrouse (1744-1818) conservada en el Museo de Historia Natural de París, Acta Botanica Malacitana, 22: 206-208.

TIMBAL-LAGRAVE, M. E. (1875): Reliquiae Pourretianae, Bull. Soc. Sci. Phys. Nat. Toulouse, 2: 1-149.

VELASCO, A. (1985): Algo más sobre el Abate Pourret, Studia Bot., 4: 117-121.