(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Ragnar Hult no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ragnar Hult

A viaxe científica por Galicia dun salientable xeógrafo finés, pioneiro no estudo dos granitos galegos

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 23/12/2012

Extras sobre Ragnar Hult:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2012], “Ragnar Hult”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 23/09/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=392
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Pohja (Sw. Pojo), Finlandia 1857
  • Falecemento: Helsinki, Finlandia 1899
Desde os catro anos residiu en Helsinki, onde realizou estudos universitarios en Botánica, que rematou en 1878, pasando logo a exercer docencia desa materia na Universidade local. Os seus primeiros pasos na investigación estiveron tamén centrados na Botánica, amosando desde o principio a preferencia polo traballo de campo e a Fitoxeografía, tema sobre o que trataría a súa tese: Försök till analytisk behandling af växtformationerna (Estudo analítico das comunidades de plantas, 1881). Con ese traballo converteuse en pioneiro no estudo da sucesión ecolóxica.

Posteriormente a súa atención científica vai dirixirse cara a Xeografía. Foi o principal promotor do desenvolvemento desta materia como disciplina independente en Finlandia e traballou a prol da súa relación coas Ciencias Naturais. Creou, en 1887, a Finnish Geographical Association e un departamento específico na Universidade. Unha completa descrición da actividade científica de Hult pode consultarse no estudo biográfico do profesor Kalevi Rikkinen (Rikkinen, 1988).

A expedición científica sobre xeomorfoloxía. Visita a Galicia

Unha das pescudas que o xeógrafo finés desenvolveu foi o estudo da formación do relevo do seu país. Chegara á conclusión de que as principais formas xeomorfolóxicas orixináranse no período abranguido entre as antigas oroxenias e o Cuaternario (tempo no que o clima existente en Finlandia fora de características tropicais), sendo alteradas despois polas intensas glaciacións.

Para confirmar a hipótese coidaba preciso realizar un estudo xeomorfolóxico comparado noutros países. Despois dalgún intento falido, en 1898 acadou o financiamento suficiente para levar a cabo unha viaxe de estudos por tres anos. A fins do 1898 iniciou a viaxe, visitando a zona central da Península ibérica e dirixíndose despois a Galicia. Mais a viaxe proxectada rematou pronto; no verán dese mesmo ano de 1899 enfermou e regresou a Finlandia, onde falecería o 25 de setembro.

Acudindo ás publicacións de Hult, os datos que acompañan aos vexetais recollidos e o diario elaborado na viaxe, puidemos reconstruír o seu percorrido por Galicia. Sabemos que chegou os primeiros dias de xaneiro á provincia de Ourense, na que realizou diversas excursións, e que pasou case todo o mes de febreiro pola provincia de Pontevedra. Marchou a Santiago a primeiros de marzo e chegou á Coruña, onde permaneceu desde o 15 de marzo ata o 6 de abril, hóspede do naturalista Víctor López Seoane. O 6 de maio estaba en Viana do Bolo, camiño de Zamora, saíndo de Galicia. No seu percorrido estableceu outros contactos, salientando os que mantivo con Vallejo, profesor de Historia Natural no Instituto de Ourense, Antonio García Varela, futuro profesor de Historia Natural da Universidade de Santiago, o botánico Baltasar Merino e o micrógrafo Ernesto Caballero.

A relación con Seoane tiña a súa orixe na visita que este realizou no ano 1878 a Finlandia. Durante esa estancia estableceu diversos contactos científicos, entre os que salientaba o relevante ornitólogo Johan Axel Palmén, quen facilitou a Hult a conexión con Seoane. O naturalista ferrolán acolleuno e regaloulle diversas coleccións. Hult, agradecido, entregoulle a Colección de Briófitos e Liques de Galicia que fora confeccionando; asemade, o finés revisou as Criptógamas de Seoane e facilitoulle as listas que elaborara de narcisos e toxos. Cando tivo lugar o encontro Seoane atópase bastante enfermo e maior (morre en xullo de 1900), co traballo científico bastante abandonado; a inmediata morte dos protagonistas favoreceu o esquecemento deste episodio.

Pioneiro estudoso dos granitos galegos

A pesar da inesperada morte, chegou a publicar parte dos resultados das súas pescudas xeolóxicas. O 13 de febreiro asinou en Pontevedra un artigo no que analizaba o proceso de disgregación do granito galego: “Granitens vittring i malicien”, traballo que aparecería na Meddelanden af Geografiska Foreningen i Finland correspondente aos anos 1899 e 1900 (Hult, 1899-1900). O texto, que está redactado cando Hult desenvolvía unha primeira fase da visita, amosa o seu coñecemento do granito e dos procesos de alteración do mesmo. Contén a primeira descrición coñecida dunha “cachola” ou “tafone” feita en Galicia, e terceira no mundo.

Diversas circunstancias facilitaron que este traballo non fose coñecido en Galicia: a aparición en sueco, nunha revista finlandesa; a morte inmediata do autor e do seu contacto galego e a ausencia de especialistas na Galicia da época. O artigo ficou descoñecido polos estudosos do tema ata Carballal; Fraga; Garcia & Reinoso (1992). O texto completo, traducido ao inglés e ao galego, pode consultarse en Fraga Vázquez, Rikkinen & Vidal Romani (1995). A raíz deste achádeo realizouse algún estudo sobre as pescudas de Hult, por exemplo, Uña Álvarez, E. de & Vidal Romaní (2005).

Descrición do glaciarismo galego

No artigo Hult negaba a existencia de glaciarismo cuaternario en Galicia. A visita posterior á zona de Viana do Bolo, no mes de maio, permitíralle cambiar de opinión. Na narración desa viaxe no traballo “Fjallvandringar i Galicien och Zamora” (1899), realizaría a descrición pioneira do glaciarismo en Galicia.

O texto ten un contido xeral de divulgación, cuestión que este autor consideraba de grande interese, na súa concepción de achegamento da sociedade á Natureza. A agradábel narración de Hult, contándonos, sobre todo, o seu camiñar polos montes ourensáns, amósanos a grande vitalidade deste home, co contrapunto tráxico da morte ese ano. Ollamos unha persoa inqueda, interesada pola vida, os costumes dos paisanos, as características da vida local, a paisaxe como elemento estético é case, diríamos, integrante da propia natureza humana.

Coleccionista botánico

Nas numerosas excursións polo país, Hult aproveitou para recoller abondosos vexetais, sobre todo liques e briófitos. Coñecemos a colección que elaborou destas criptógamas porque lla regalou, co seu Catálogo, a Seoane. A colección está depositada na que foi residencia de Seoane, a "Casa Grande", en Cabanas (A Coruña), incorporada á criptogámica. Para a valoración da Colección realizouse un estudio taxonómico por R. Carballal, J. Reinoso e A. García, recollido en Carballal; Fraga; Garcia & Reinoso (1992). Son 213 especies e variedades (número que se ve reducido na revisión), unha cifra notable para esa época, como podemos comprobar comparando cos datos ofrecidos por Colmeiro (1889). Da importancia da Colección no momento actual é boa proba que varias especies sexan aínda novidade para a flora galega.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Catálogo de algunos Lichenes y Musgos recogidos en Galicia en Enero, Febrero y Marzo del año 1899 y humildemente presentados al Señor Don Victor Lopez Seoane por s.s.s. Ragnar Hult. Biblioteca científica de Víctor López Seoane, A Coruña. Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.


Fontes impresas:

En Rikkinen (1988) pode consultarse a producción deste autor. As relacionadas con Galicia son:

HULT, R. (1899-1900): Granitens vittring i Galicien (Désagrégation du granite en Galice), Meddelanden af Geografiska Foreningen i Finland, V:1-17. Helsingfors.

HULT, R. (1899). Fjallvandringar i Galicien och Zamora, Fran Nord till Syd, Kalender : 30-55. Geografiska Foreningen i Finland , Helsingfors.


Bibliografía secundaria:

CARBALLAL, R.; FRAGA, X.A.; GARCÍA, A. e REINOSO, J. (1992): A Colección de Musgos, Hepáticas e Liques de López Seoane e Hult, Seminario de Estudos Galegos, Area de Bioloxia, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

COLMEIRO, M. (1885-1889): Enumeración y revisión de las plantas de la Península hispano-lusitánica e islas Baleares, 5 tomos, Madrid: Imprenta de la viuda e hija de Fuentenebro.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A.; RIKKINEN, K. & VIDAL ROMANÍ, X.R. (1995): The visit of the geographer and botanist Ragnar Hult to Galiza in 1899, Ingenium, 4: 7-67.

RIKKINEN, K. (1988): Ragnar Hult and the emergence of Geography in Finland, 1880-1900, Fennia, v. 66 (1): 3-192. Helsinki.

UÑA ÁLVAREZ, E. DE & VIDAL ROMANÍ, J. R. (2005): Los "Misteriosos caminos" de la alteración en las rocas graníticas: descripciones de Ragnar Hult (1899) y nuevos datos en Monte Alegre (Ourense, Galicia), Minius (Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, Universidade de Vigo (Ourense), 13: 343-354.