(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Francisco de Seijas y Lobera no Álbum da ciencia
culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco de Seijas y Lobera

Un navegante por todos os mares do mundo

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 21/03/2012

Extras de Francisco de Seijas y Lobera: 

Galeria


Grabado que representa ao monarca español Felipe V, na obra de Seijas y Lobera: Gobierno militar y político del reino imperial de la Nueva España (1702).

Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2012], “Francisco de Seijas y Lobera”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/05/2024] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=257
Untitled Document

Grabado que representa ao monarca español Felipe V, na obra de Seijas y Lobera: Gobierno militar y político del reino imperial de la Nueva España (1702).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Mondoñedo (Lugo) 1650
  • Falecemento: Versalles (Francia) 1706
Fillo de Xan López Lobera e María Aguiar y Seijas, Francisco de Seijas y Lobera naceu nunha vella liñaxe de fidalgos moi relacionados coa xerarquía eclesiástica: seu pai fora ministro titular e secretario do Santo Oficio e entre os seus parentes figuraba Francisco Aguiar y Seijas, arcebispo de México entre 1680 e 1698. Estudou artes liberais en Salamanca e pouco despois fois vivir cuns parentes a Sanlúcar de Barrameda, onde se espertou a súa afección ao mar. Embarcou de moi novo nunha nave francesa, coa que percorreu o Mediterráneo e participou, en 1665, na embaixada que Luís XIV enviou a Constantinopla ao Gran Mongol. Logo, enrolouse nun barco portugués, co que foi a China e as Molucas, e volveu a Europa polo estreito de Le Maire nun barco holandés. Despois dun breve período de dous anos nos Países Baixos, ao servizo da armada de Flandres, continuou coas súas viaxes: entre 1668 e 1672 visitou o Novo Mundo e pouco despois, xa con unha nave de duascentas toneladas da súa propiedade, comerciou coas Indias Orientais e practicou o corso.

En 1685, a súa vida de navegante por todos os mares do mundo vai experimentar un cambio decisivo cando a instancias do Consejo de Indias é chamado a Madrid coa misión de escribir varios libros en que recolla as súas experiencias e saberes náuticos. Desta época resultarían o Theatro Naval hidrográfico(1688) e a Descripción geográfica y derrotero de la región Austral-Magallánica(1690), os seus únicos libros impresos coñecidos, aínda que nun memorial de Seijas se di que nese período e durante catro anos compuxo dous libros de navegación e “diferentes tratados que miran a engrandecer y defender a estos reinos y a los de Indias”, polo que se pode deducir que a súa produción intelectual nesa época foi máis abundante que a realmente coñecida.

A pesar de ser nomeado “capitán de mar e terra” o seu espírito inquedo levouno a emprender unha nova etapa na súa vida por terras americanas, cando conseguiu que o monarca lle adxudicara o cargo de alcalde maior de Tacuma (México). Chegou ás terras de Nueva España en 1692, pero a súa estadía americana foi un continuo infortunio polas continuas pelexas que mantivo co vicerrei do territorio. O motivo destes conflitos semella que residiu na limitación dos poderes indiscriminados dos vicerreis pola inxerencia no seu territorio dun cargo nomeado directamente polo monarca. O certo é que a súa toma de posesión demorouse máis dun ano e cando tivo efecto, a causa das repetidas ocasións que pasou pola cadea, non chegou a exercer no cargo máis alá de 55 días. Despois de moitas vicisitudes, perseguido e sen recursos económicos, decidiu en 1696 abandonar Nueva España e percorreu por terra diversos países americanos, ata que recalou finalmente no Perú. Alí tomou contacto coa minaría andina, que explorou, estudou e, segundo o seu testemuño, achegoulle algunhas melloras técnicas. Por diferentes razóns volveu entrar en conflito co vicerrei, que o procesou e o mandou de novo á cadea. En 1698 foi deportado, pero logo de ser apresado e roubado por piratas franceses o barco que o levaba a España, rematou finalmente na illa de Cuba. Nas Antillas botou dous anos máis, nos que parece que de novo a minaría e o seu beneficio foron temas do seu interese.

A súa derradeira etapa comeza en 1702, en Versalles, a onde se desprazou para reclamarlle directamente a Luís XIV o diñeiro roubado polos piratas. Non lle devolveron o diñeiro pero, en cambio, o seu coñecemento das terras americanas foi do máximo interese da corte francesa, que lle concedeu unha xenerosa pensión a cambio de redactar traballos e informes sobre a súa experiencia alén do mar. Así naceu a súa monumental Memoria sobre el gobierno de las Indias españolas, en 14 volumes, destinados a informar o novo monarca Borbón do risco que corría a posesión das colonias americanas se non se facían profundos cambios no seu goberno e administración. A obra non chegou a ver a luz, agás a parte dos textos dedicada a México, que foi publicada non hai moito (1986) por Pablo Emilio Pérez-Mallaína, responsable tamén do título xenérico co que hoxe coñecemos os 14 volumes. En 1703, o seu Teatro naval hidrográfico foi de novo editado nunha versión mellorada e ampliada con algunha figura, e un ano despois apareceu a súa versión en francés. Nos anos que pasou na corte francesa e antes de morrer, arredor de 1705-06, a súa produción foi extraordinariamente abundante, deixou unha cantidade importante de manuscritos que se conservan nos arquivos franceses.

A valiosa contribución de Seijas y Lobera

A obra impresa coñecida de Seijas y Lobera limítase aos dous libros citados, porén, nos seus manuscritos fai referencia a que imprimiu en Anveres, con anterioridade a 1685, a resolución de varios problemas matemáticos e un tratado sobre a grandeza de España e Francia. Ademais existen dous grupos de documentos en que se atopa abundante información da autoría de Seijas. Un é o do arquivo do Real Acuerdo da capital peruana (AGI, Lima 91), correspondente a un conxunto de memoriais que se lle incautaron en 1698, nos que se relata a situación en Nueva España así como descricións e propostas relativas aos vicerreinados de Nueva España e o Perú. O outro conxunto de memoriais gárdanse no Ministerio de Asuntos Exteriores francés e consisten nunha serie de traballos que xa tiña esbozados e que se refiren ás experiencias e coñecementos adquiridos ao longo da súa axitada vida, dos cales o máis importante é a voluminosa memoria sobre o goberno das indias, de 14 libros divididos en dúas partes ou “tomos”. Hai que ciitar, por último, a existencia no arquivo da Casa de Alba de Mapas de todo el orbe, con los puertos más principales de ambas Indias, un tomo en folio do ano 1692.

López Piñero (1969), no seu estudo sobre a introdución da ciencia moderna en España, considera a Seijas como un dos novatores, pola transcendencia e importancia que para a época representou o seu Theatro Naval, sobre todo nuns anos, como eran os da metade do XVII, nos que se tiña practicamente esquecida a gloriosa tradición científica náutica española do XVI, na que tratados como os de Medina ou Martín Cortés eran utilizados por todo o mundo. Certamente que no libro de Seijas non hai achegas propias á ciencia náutica, pero o feito de que nel se condensen os saberes de máis de duascentas obras de autores españois, portugueses, ingleses e holandeses, contrastadas coa práctica adquirida nos seus vinte e sete anos de navegante por todos os mares do mundo, convérteno nunha valiosa información. O feito de que os dous mil exemplares da primeira edición se esgotasen axiña e se tivesen que imprimir outros tantos ao ano seguinte, é un indicio certo do interese e aprecio co que foi acollida a obra no seu momento.

A sona de Seijas non debeu ser pequena, xa que o padre xesuíta Francisco Petrey, profesor de Matemáticas do Colegio Imperial de Madrid, solicitoulle poder colaborar na seguinte edición do seu libro. Hai que ter en conta que esta cátedra foi un dos focos esenciais do ensino desta ciencia na España do setecentos e que o propio padre Zaragoza, o célebre matemático, astrónomo e cosmólogo xesuíta español, foi o antecesor de Petrey na cátedra (Capel, 1980). Seijas rexeitou a proposta de colaboración, o que foi motivo dunha agre resposta de Petrey por medio da pluma de Pedro de Castro no libro Causas eficientes y accidentales del fluxo y refluxo del mar y de sus notables diferencias con la diversidad de corrientes en todo el ámbito del Orbe Aquatil: Explicanse con ilustracion de muchos discursos, que hizo Don Francisco de Seyxas y Lobera en su Teatro Naval, y se da solución á sus dificultades (Madrid, 1694). Nesta obra critícase, nalgúns momentos case punto por punto, a maioría das propostas teóricas e moitas informacións que se recollen no libro de Seijas. Na reedición do Teatro Naval feita en Versalles en 1703, desvela a verdadeira autoría das teses recollidas nas Causas eficientes y accidentales del fluxo y refluxo del mar, indignándose “no ya solo de las censuras de Castro, que al fin era de su mismo oficio, si no de un reposado jesuíta desde la soledad de su celda y sin quizas haver visto el mar nunca”.

A realidade é que o libro de Seijas ten unha formulación basicamente descritiva, mentres que o de Castro (Petrey) a ten especulativa. No primeiro recóllese unha ampla información sobre as mareas e correntes en todo o mundo, coa gran variedade de situacións e circunstancias que hoxe se sabe que teñen, polo que, cando se trata de darlle unha explicación a esa diversidade, as causas astronómicas non abondan e hai que botar man de moitas teorías “ad hoc”, case sempre de ámbito local, para xustificalas. O outro libro, en cambio, parte dunha visión do mundo tolemaica (na que, por exemplo, o “primum movile” ten un gran protagonismo) e dá unha explicación da dinámica das mareas moito máis sinxela e coherente, e que mesmo se achega nos seus esquemas á de Kepler, pero tamén menos real. O libro de Seijas, a pesar das súas eivas teóricas, é moito máis práctico e útil para a navegación e de aí o seu éxito en España e máis alá das súas fronteiras (atópase en todas as principais bibliotecas do mundo), aínda que, como sinala Navarrete (1846), a imprecisión dos instrumentos cos que se tomaron algunha das informacións recollidas no Teatro Naval, sobre todo as relativas ás variacións da agulla magnética, deixaban caer algunhas dúbidas sobre o seu valor.

Bibliografía:



Fontes impresas:

SEIJAS Y LOBERA, Francisco de (1688): Theatro naval hydrographico de los fluxos y refluxos y de las corrientes de los mares, estrechos, archipielagos y passages aquales del mundo y de las diferencias de las variaciones de la aguja de marear y efectos de la luna, con los vientos generales y particulares que reynan en las quatro regiones maritimas del orbe ... , Madrid: por Antonio de Zafra. Esta edición foi reproducida en 1988: José Ignacio González-Aller Hierro (comp.). Madrid: Fundación Histórica Tavera.

SEIJAS Y LOBERA, Francisco de (1690): Descripcion geographica, y derrotero de la region Austral Magallanica... , Madrid: por Antonio de Zafra.

CASTRO, Pedro de (1694): Causas eficientes y accidentales del fluxo y refluxo del mar y de sus notables diferencias con la diuersidad de corrientes ... del orbe aquatil: explicanse ... muchos discursos que hizo don Francisco de Seyxas y Lobera en su Teatro Naual y se dà solucion à sus dificultades, Madrid: en la imprenta de Manuel Ruiz de Murga.

SEIJAS Y LOBERA, Francisco de (1704): Theatro naval hydrographico de los fluxos y refluxos y de las corrientes de los mares, estrechos, archipielagos y passages aquales del mundo y de las diferencias de las variaciones de la aguja de marear y efectos de la luna, con los vientos generales y particulares que reynan en las quatro regiones maritimas del orbe ... Que en esta tercera edicion sale à luz corregido y augmentado con un tratado muy particular ... , Paris: impreso en casa de Pedro Gissey.

SEIJAS Y LOBERA, Francisco de (1986): Gobierno militar y político del reino imperial de la Nueva España, 1702; estudio, transcripción y notas de Pablo Emilio Pérez-Mallaína Bueno, México: Universidad Nacional Autónoma de México.


Bibliografía secundaria:

CAPEL, H. (1980): La geografía como ciencia matemática mixta. La aportación del círculo jesuítico madrileño en el siglo XVII, Geocrítica, V, 30.

FERNANDEZ DE NAVARRETE, Martin (1846): Disertacion sobre la historia de la naútica y de las ciencias matemáticas que han contribuído a sus progresos entre españoles, Madrid: Biblioteca de Autores Españoles, T. LXXVII.

LÓPEZ PIÑERO, J.M. (1969): La introducción de la ciencia moderna en España, Barcelona: Ariel.

PÉREZ-MALLAINA, Pablo Emilio (1986): Estudio, transcripción y notas, Francisco de Seijas y Lobera, Gobierno militar y político del reino imperial de la Nueva España, 1702, México: Universidad Nacional Autónoma de México.