Der Spiegel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Der Spiegel
PaísAlemaña
Lingualingua alemá
Fundación1947
FundadorRudolf Augstein
Primeira edición4 de xaneiro de 1947
Circulación
Frecuencia1 semana
ISSN0038-7452
Na rede
https://www.spiegel.de, https://www.spiegel.de/international/ e http://www.spiegel.de/spiegel/
Facebook: DerSpiegel Twitter: derspiegel Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Der Spiegel (en alemán, O espello) é a maior revista semanal de Europa e a máis importante de Alemaña. Publicada en Hamburgo, ten unha difusión semanal dun millón de exemplares. O seu estilo é similar ao das estadounidenses Time ou Newsweek. É coñecida en Alemaña polo seu estilo distintivo e académico, así como pola súa enorme influencia. Unha edición media ten unhas 170 páxinas, con dúas de contido por cada unha de publicidade.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira edición de Der Spiegel foi publicada o 4 de xaneiro de 1947. Antes desta data xa houbera outra revista co nome de Diese Woche ("Esta semana"), iniciada en 1946 baixo o patrocinio da administración británica de ocupación en Alemaña. Despois dalgúns desencontros cos británicos, a revista pasou a ser propiedade do principal editor do país, Rudolf Augstein, quen lle deu o nome actual. Augstein foi editor e redactor xefe da revista dende a primeira publicación en xaneiro de 1947 ata a súa morte, o 7 de novembro de 2002.

A partir de 1950, a revista foi propiedade de Augstein e John Jahr, cuxa parte pasou por Richard Gruner en 1962. En 1969, Augstein converteuse en dono único da revista, tras comprar a parte de Gruner por 42 millóns de marcos alemáns. En 1971 Gruner e Jahr uníronse para comprar o 25% da empresa. En 1974, produciuse unha reestruturación da compañía, segundo a cal todo empregado que traballase na revista durante máis de tres anos tería dereito a participar na xerencia e nos beneficios.

Dende 1952, Der Spiegel ocupou o seu propio edificio na parte vella de Hamburgo.

Escándalos destapados[editar | editar a fonte]

Der Spiegel distinguiuse por descubrir corrupcións políticas e crear escándalos, gañándose o apelativo de "Sturmgeschütz der Demokratie" (arma de asalto da democracia). De feito, a revista fíxose famosa no ano 1950, cando o parlamento federal tivo que facer unha investigación sobre as acusacións da revista, segundo as que algúns parlamentarios subornados axudaran a que fose Bonn e non Frankfurt a sede do goberno da República Federal Alemá.

Con todo, foi co chamado "escándalo Spiegel" (1962), cando a revista logrou definitivamente a imaxe de defensora da democracia. Despois dun artigo que criticaba a baixa preparación do exército alemán, o líder conservador e ministro de defensa Franz Josef Strauß iniciou unha investigación contra o semanario, que desembocou en ataques ás oficinas de Der Spiegel e a detención de varios editores e do autor do artigo, acusados de traizón. O caso legal rematou axiña e tivo como consecuencias o cesamento de varios dos membros do gabinete de Konrad Adenauer. A polémica foi vista como un ataque á liberdade de prensa, con Der Spiegel como líder na defensa desa liberdade. Dende entón, o semanario tivo un papel esencial no descubrimento de varios casos de corrupción política.

No ano 2010 foi un dos xornais que publicaron os documentos secretos (Diarios de Afganistán e Rexistros da guerra de Iraq) do Departamento de Estado dos Estados Unidos filtrados pola militar estadounidense Chelsea Manning á web WikiLeaks.[1] Nos anos 2013 e 2014 foi un dos xornais que, a nivel internacional, foi publicando documentos de alto segredo filtrados polo antigo analista das axencias de intelixencia CIA e NSA, Edward Snowden, que revelaron a existencia dunha extensa rede de vixilancia a nivel mundial mantida por varios países.[2][3]

Críticas[editar | editar a fonte]

Unha das principais críticas recibidas por Der Spiegel refírese á linguaxe empregada pola revista. Nos seus primeiros anos, importantes autores acusárona de "esnaquizar" a lingua alemá. Todo isto cambiou nos anos noventa. Despois de contratar algúns dos mellores escritores alemáns, converteuse nun dos gardiáns da linguaxe, incluíndo unha columna na súa edición dixital ("Zwiebelfisch"), que chegou a converterse nun libro de éxito.

Dende que Stefan Aust tomase o poder en 2002, o semanario foi acusado de moverse cara á dereita política, pasando de apoiar o goberno ecosocialista a manter unha tendencia neoliberal.

Crecemento[editar | editar a fonte]

A circulación de Der Spiegel aumentou rapidamente, do mesmo xeito que a súa influencia. Dende as 15 000 copias iniciais en 1947, creceu ata as 65 000 ao ano seguinte, e 437 000 en 1961. Nos setenta acadou as 900 000 copias, e superou a barreira do millón de exemplares nos anos noventa, grazas aos novos lectores da Alemaña Oriental. A súa poderosa influencia baséase nos múltiples casos de investigación e o poder da súa casa editorial, que tamén produce programas de televisión.

Spiegel Online[editar | editar a fonte]

A edición dixital, Spiegel Online (abreviado como SPON) foi lanzada en 1994. É a revista dixital máis visitada de Alemaña. Publica artigos da propia redacción da revista xunto con outros de axencias. Inclúe algúns artigos da edición impresa sen ningún custo. O resto da edición impresa pódese obter en formato PDF previo pago.

Spiegel Online foi o primeiro medio que informou sobre a responsabilidade de al-Qaeda nos atentados do 7 de xullo de 2005 en Londres.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "WikiLeaks FAQ: What Do the Diplomatic Cables Really Tell Us?". Der Spiegel. 28 de novembro de 2010. Consultado o 5 de maio de 2014. 
  2. Laura Poitras, Marcel Rosenbach y Holger Stark. "Photo Gallery: Spying on Smartphones". Der Spiegel. Consultado o 9 de setembro de 2013. 
  3. "Listaxe de artigos sobre PRISM e outros". Der Spiegel. 2013. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2016. Consultado o 5 de maio de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]