Alfalfa
Alfalfa | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Medicago sativa en Otto Wilhelm Thomé: Flora von Deutschland, Österreich und der Schweiz, 1885 | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
'Medicago sativa' L., Sp.Pl2: p.778. 1753 [1] | |||||||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||||||
[2][3] |
Valor nutricional por 100 g | |
---|---|
Enerxía | 96 kJ (23 kcal) |
2.1 g | |
Fibra alimentaria | 1.9 g |
0.7 g | |
4 g | |
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Tiamina (B1) | 7% 0.076 mg |
Riboflavina (B2) | 11% 0.126 mg |
Niacina (B3) | 3% 0.481 mg |
Ácido pantoteico (B5) | 11% 0.563 mg |
Vitamina B6 | 3% 0.034 mg |
Ácido fólico (B9) | 9% 36 |
Vitamina C | 10% 8.2 mg |
Vitamina K | 29% 30.5 |
Minerais | Cantidade %DV† |
Calcio | 3% 32 mg |
Ferro | 7% 0.96 mg |
Magnesio | 8% 27 mg |
Manganeso | 9% 0.188 mg |
Fósforo | 10% 70 mg |
Potasio | 2% 79 mg |
Sodio | 0% 6 mg |
Cinc | 10% 0.92 mg |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. Fonte: Base de datos USDA Nutrient |
A alfalfa ou alforfa[1] ( Medicago sativa), é unha especie de planta herbácea pertencente á familia das fabáceas ou legumes empregada coma forraxe. Cultívase en todo o mundo. No caso de Galiza non é unha cultura común, porén, agás en casos extremos e zonas moi sombrizas, a alforfa pódese sementar en calquera zona de Galiza e da cornixa cantábrica[2].
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha planta que se utiliza amplamente como pasto e con este propósito é cultivada intensivamente no mundo enteiro. Ten un ciclo vital de entre cinco e doce anos, dependendo da variedade utilizada, así como do clima; en condicións benignas pode chegar a vinte anos.[3] Chega acadar unha altura de 1 metro, desenvolvendo mestos feixes de flores miúdas de cor púrpura. As súas raíces adoitan ser moi fondas, podendo acadar os 4,5 metros. Deste xeito, a planta é especialmente resistente á seca.
Ten un xenoma tetraploide.[4]
É unha especie que amosa autotoxicidade, polo que non é doado para a súa semente medrar en cultivares de alforfa[5] xa existentes. Así, recoméndase que os seus cultivares se roten con outras especies (por exemplo, millo ou trigo) antes de volver sementar.[6]
Historia
[editar | editar a fonte]A alforfa procede de Persia, onde probabelmente foi adoptada para o uso por parte do ser humano durante a Idade de bronce para alimentar as bestas procedentes de Asia Central.[6][7] Segundo Plinio o Vello, introduciuse en Grecia arredor do 490 a. C., durante a Primeira Guerra Médica,[8] posibelmente en forma de sementes chegadas co penso da cabalaría persiano. Pasou a ser un cultivo habitual destinado á alimentación dos cabalos.[9][10][11] O humano pode inxerila como rebentos en ensaladas e emparedados.[12][13]
Coma todos os legumes, as súas raíces posúen nódulos que conteñen as bacterias Sinorhizobium meliloti, con habilidade de fixar nitróxeno, que producen alimento altoproteico, sen importar o nitróxeno dispoñíbel no solo.[14] A súa habilidade fixadora de nitróxeno (incrementando o N do solo) e o seu uso como penso animal mellora a eficiencia da agricultura.[15][16]
Cultivo en Galiza
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente, nas zonas húmidas de España, veñense cultivando pasteiros mixtos dando lugar a unha produción estacional de forraxe con dous picos ou puntas, unha máxima a final da primavera ou comezos do verán e outra menor ao comezo do outono. Fica, entrambas, unha paraxe estival, máis curta canto máis preto esteamos da costa cantábrica, que ten que ser cuberta ben con forraxes conservadas ou ben con cultura de alternativa estival, como millo e en menor contía con híbrido sorgo e pasto do Sudán ou ben con xirasol forraxeiro ultimamente. Isto obriga a facer labores anuais, o que supón, ademais do gasto, un trastorno para a explotación, xa que as épocas máis axeitadas para as facer adoitan coincidir coas tempadas de choivas primaverais e outonizas. O incremento dosregadíos e a implantación de especies máis resistentes ás temperaturas estivais son factores que paliaron, en parte, estes problemas. Entre estas especies cómpre salientar a alforfa e mais a festuca. As maiores dificultades para a expansión do cultivo da alforfa en Galiza, e en xeral en zonas húmidas, foron entre outras, as falla de inoculación con cepas de bacterias específicas para esta especie, a carencia de coñecementos agronómicos para a súa implantación e, por último, o descoñecemento dos sistemas para axudar á alforfa a combater as especies espontáneas, moito máis agresivas, especialmente no final do inverno e comezo da primavera. Exceptuando casos extremos e zonas moi sombrizas, a alforfa pódese sementar en calquera zona de Galiza e da cornixa cantábrica[17].
Sinónimos
[editar | editar a fonte]- Medicago afganica (Bordere) Vassilcz.
- Medicago alaschanica Vassilcz.
- Medicago asiatica subsp. sinensis Sinskaya
- Medicago beipinensis Vassilcz.
- Medicago grandiflora (Grossh.) Vassilcz.
- Medicago ladak Vassilcz.
- Medicago mesopotamica Vassilcz.
- Medicago orientalis Vassilcz.
- Medicago pekinensis Vassilcz.
- Medicago polia (Brand) Vassilcz.
- Medicago praesativa Sinskaya
- Medicago praesativa subsp. spontanea Sinsk.
- Medicago roborovskii Vassilcz.
- Medicago sativa f. alba Benke
- Medicago sativa var. grandiflora Grossh.
- Medicago sativa var. tibetana Alef.
- Medicago sogdiana (Brand) Vassilcz.
- Medicago tibetana (Alef.) Vassilcz.
- Trigonella upendrae H.J.Chowdhery & R.R.Rao[18]
Principios activos
[editar | editar a fonte]- Sales minerais en especial calcio, potasio, ferro e fósforo.
- Gran cantidade de aminoácidos.
- Betacaroteno e vitaminas C, D, E e K.
- Nos rebento contén: Vitamina A, Complexo B, B12, C, D, E, G, K, fósforo e ferro
Propiedades medicinais
[editar | editar a fonte]- Pola cantidade de minerais, vitaminas e aminoácidos emprégase para combater a anemia e como suplemento alimentario.
- Polo seu contido de vitamina D e calcio axuda en caso de artrite e artrose.
- Sería eficaz como diurética e contra os cálculos biliares[19]
Utilízase a folla, tendo cualidades nutritivas excepcionais. Contén máis proteínas que a maior parte dos vexetais. É tamén rica en Vitamina A, e minerais derivados. Contén cantidades pouco usuais de Vitamina K (necesaria para callar o sangue).[20]
Alforfa xeneticamente modificada
[editar | editar a fonte]A alforfa Roundup Ready é unha variedade xeneticamente modificada por enxeñaría xenética, patentada por Monsanto Co., resistente ao herbicida de Monsanto «glifosato»; así aínda que a meirande parte das plantas de folla ancha, incluíndo a alforfa común, son sensíbeis a dito herbicida, o agricultor pode pulverizar os cultivares de "Alfalfa Roundup Ready" co 'glifosato', e así matar as malezas, sen danar a cultura de alforfa modificada.
Nomes vernáculos
[editar | editar a fonte]En galego recibe os nomes comúns de alforfa, alfalfa , lucerna e trevo caracol[21]. Cómpre destacar que o nome alforfa corresponde tamén a unha planta brava semellante: Trigonella foenum-graecum.
Pragas e doenzas
[editar | editar a fonte]Polo de agora non se teñen ollado ataques de insectos en Galiza, agás os de rosquilla (Prodenia litura) na costa de Lugo. Téñense ollado pradeiras achegadas a alforfais atacadas de típula e non se manifestar o ataque na alforfa, o que se pode deber a teren un ciclo vexetativo distinto ou ben a que ao manter o chan ceibo de más herbas non atopa o acubillo que as pradarías polífitas lle fornecen. É de agardar que, de se estender o cultivo, as primeiras pragas que aparezan sexan: cuca (Co/aspidema atrum) en zonas cálidas e dificilmente no norte; verme verde (Phytonomus variabilis) nas mesmas condicións; apion (Apion s.p.) e pulgón (Aphis s.p.) algo entrado o verán. Para todos eles poden utilizarse produtos a base de Carbaril, Lindano, Clorpirifos, Fenitrotión, Malatión, Triclorfón etc., seguindo as instrucións do fabricante e utilizando uns ou outros segundo a época de ataque e a marxe de seguranza que se desexe entre tratamento e aproveitamento. No se teñen ollado ataques de nematodos nos talos (Ditylenchus dipsaci). Respecto das enfermidades, aínda non se presentaron ataques graves de raíz, aínda que si existiron casos de asfixia cos conseguintes fungos saprofíticos posteriores. Tampouco de Verticillium, Sclerotinia e Colletotrichum (antracnose), o que non significa que non aparezan no futuro. Se ocorrer habería que pensar en utilizar variedades resistentes a Verticillium (Prima,Vertus, Verneuil, Lutece, Sverre, Maris kabul e Sabilt). En conxunto, as variedades flamingas son resistentes aos fungos que atacan as follas: Pseudopeziza, Uromyces etc., no A cuscuta non é problema se se utilizan variedades seleccionadas e certificadas. Os mesmos tratamentos contra as herbas daniñas a base de Paracuat resultan bastante efectivos no seu control[17].
Lista de enfermidades
[editar | editar a fonte]Enfermidades bacterianas
[editar | editar a fonte]- Muchado bacteriano (Corynebacterium insidiosum, Mc. Cull):
As plantas atacadas presentan síntomas de detención de crecemento da punta do talo, e amareleamento ó segundo ou terceiro ano do estabelecemento. Os abrochos teñen follas cativas e as puntas murchan no verán cando vai calor. A sección das raíces pasa a ter unha cor marrón clara no cambium. Non existe tratamento para combater a doenza, mais pódense tomar precaucións para manter a produtividade da alfalfa como é a fertilización, o bo manexo, e efectuar os cortes nas épocas secas, xa que hai que ter en conta que a infección ten lugar a través de feridas e fendas da planta.
Enfermidades producidas por fungos
[editar | editar a fonte]- Podremia do colo (Rhizotocnia solani, Kuhn):
Doenza que causa os maiores danos na alforfa, sendo difícil de combater. O síntoma clásico é a aparición na coroa ou colo dunha podremia. Espállase ao se anegar o chan e por danos producidos polo gado ou a maquinaria.
- Outras enfermidades producidas por fungos son:
- Verticilose (Verticillium albo-atrum, Reinke e Berth).
- Podremia branda, mal do esclerocio (Sclerotinia trifoliorum).
Enfermidades dos órganos aéreos
[editar | editar a fonte]É a doenza máis frecuenta das partes aéreas da alforfa, semellante á roia. Presenta tacas cloróticas nas follas novas e inferiores ao teren estas máis humidade. O tratamento consiste en aplicar produtos funxicidas organocúpricos.
- Outras enfermidades aéreas son:
- Roia da alforfa (Uromyces striatus ).
- Mildio da alforfa (Peronospora trifoliorum ou Peronospora estivalis, De Bary).
- Oídio da alforfa (Erysiphe polygoni, Erysiphe pisi ou Erysiphe martii).
- Antracnose (Colletotrichum trifolli, Bain).
Pragas
[editar | editar a fonte]- A pulguiña da alforfa (Sminthurus viridis L.):
Importante en todo o sur de España.
- Pulgóns ou piollos (áfidos)
Dentro deste grupo de hemípteros o máis importante é o pulgón verde (Acyrtosiphon trifolii T. maculata), son chuchadores do zume do parénquima. Para a súa eliminación é frecuente o uso de insecticidas.
- Outras pestes frecuentes nos cultivos de alforfa son:
- As chinchas da alforfa.
- A gardama (Laphigma exigua HB).
- A prodenia negra [22] Spodoptera littoralis, Prodenia litura, Agrotis segetis).
- O verme verde (Phytonomus ou Hypera variabilis Hb).
- Cuca, ou verme negro (Colaspidema atrum, Latr.).
- Os apións (Apión spp).
- Gurgullos.
- Sitonas.
- As moscas da alforfa.
- Trips (Frankliniella spp).
- Ácaros (Tetranynchus spp).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alfalfa.
- ↑ El cultivo de la alfalfa en zonas húmedas José Jesús García González. Hojas Divulgadoras do Ministerio de Agricultura Pesca y Alimentación, 1984
- ↑ http://www.britannica.com/EBchecked/topic/14595/alfalfa
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de marzo de 2012. Consultado o 18 de xullo de 2013.
- ↑ "Understanding Autotoxicity in Alfalfa". Team Forage (en inglés). Consultado o 01 de febreiro de 2019.
- ↑ 6,0 6,1 "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de setembro de 2012. Consultado o 18 de xullo de 2013.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de xullo de 2012. Consultado o 18 de xullo de 2013.
- ↑ Plinio o Vello: Historia natural XVIII, 43 (en inglés).
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2010. Consultado o 18 de xullo de 2013.
- ↑ http://www.hayusa.net/alfalfa.html
- ↑ Lane Fox, Robin (2005): El mundo clásico. La epopeya de Grecia y Roma. – Crítica, Barcelona, 2007, p. 180. ISBN 978-84-8432-898-8
- ↑ http://cookeatshare.com/ingredients/alfalfa-sprouts
- ↑ <http://alfalfa.ucdavis.edu/IrrigatedAlfalfa/pdfs/UCAlfalfa8305Industrial_free.pdf Arquivado 07 de outubro de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2011. Consultado o 18 de xullo de 2013.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de marzo de 2012. Consultado o 18 de xullo de 2013.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de outubro de 2011. Consultado o 18 de xullo de 2013.
- ↑ 17,0 17,1 ’’El cultivo de la alfalfa en zonas húmedas’’ José Jesús García González. ‘’Hojas Divulgadoras’’ do Ministerio de Agricultura Pesca y Alimentación, 1984
- ↑ Sinónimos en The Plant List, Kew Gardens Arquivado 23 de setembro de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ Font Quer, Pío : Plantas Medicinales - El Dioscórides Renovado, Editorial Labor, Barcelona, 1980, p.367-368.
- ↑ (PASSE). 2008. Pag. 73 a 75
- ↑ Nomes vulgares en diferentes fontes: Vocabulario do medio agrícola,Santiago de Compostela], Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988. Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004. Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009. Diccionario da Real Academia Galega. A Coruña, RAG, 2012
- ↑ Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Alfalfa |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alfalfa |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Alforfa (Trigonella foenum-graecum)
- Alforfa negra, alfalfa lupulina
- Medicago (xénero)