(Translated by https://www.hiragana.jp/)
No cartel musical actuarán este sábado Fillas de Cassandra, Brassica Rapa, Zeltia Irevire, Argallo e Señora DJ | culturagalega

O VIII Festivala de Vilagarcía comeza con humor

No cartel musical actuarán este sábado Fillas de Cassandra, Brassica Rapa, Zeltia Irevire, Argallo e Señora DJ

A oitava edición do Festivala-Mulleres Creando, o festival con perspectiva de empoderamento feminino organizado polo colectivo O Soño de Lilith, en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa xirará sobre o tema "O humor, unha ferramenta fundamental na vida e tamén para o feminismo e a loita pola igualdade". Este vindeiro sábado, 8 de xuño, a partir das 19 horas na Praza da II República celebrarase unha nova volta desta cita que permite acceder a un cartel artístico conformado por creadoras da máxima actualidade. A cómica e comunicadora Henar Álvarez será a encargada de abrir a xornada do Festivala coa presentación da súa novela "Ansia" e participando no posterior coloquio. A guionista e colaboradora do programa Buenismo Bien da Cadena Ser é todo un referente do activismo feminista no ámbito nacional e destaca por facer uso do humor para espertar conciencias. O importante cartel musical deste VIII Festivala contará cos concertos de Fillas de Cassandra, Brassica Rapa, Zeltia Irevire, Argallo e Señora DJ.

No acto de presentación do evento, no que participaron o alcalde, Alberto Varela xunto con representantes das concellerías de Igualdade, Cultura e Turismo, a presidenta do Soño de Lilith, Daysi Alcalde, agradeceu a colaboración que o Concello presta desde sempre ao Festivala, "pero máis especialmente este ano, que aínda nos apoiou máis, se cabe, para poder sacar adiante esta nova edición despois de que a Deputación de Pontevedra nos retirase a súa axuda sen dar ningún tipo de explicación", sinalou representante do Soño de Lilith. Ante esta situación, Varela reafirmou o compromiso do seu goberno coa loita pola igualdade e os dereitos da muller e agradeceu ao Soño de Lilith que siga traballando e organizando eventos como este. Todas as actividades son de balde.
Ligazóns