(Translated by https://www.hiragana.jp/)
A USC saca a licitación o contrato para crear esta ferramenta cun orzamento de 100.000 euros | culturagalega

As universidades contarán cunha aplicación para aprender galego

A USC saca a licitación o contrato para crear esta ferramenta cun orzamento de 100.000 euros

A plataforma Contratos de Galicia recolle este 12 de xullo a licitación dun contrato da Universidade de Santiago (USC) para o desenvolvemento “dunha aplicación web para a aprendizaxe da lingua galega". A proposta, que se enmarca no proxecto xOC do que participan as tres universidades galegas, conta cun orzamento de 100.000 euros e apoio de fondos europeos Next Generation.

Segundo apuntan os pregos da licitación "na actualidade non se dispón dunha aplicación deste tipo para a aprendizaxe da lingua galega", ao tempo que salientan que "os sistemas clásicos de aprendizaxe precisan actualizarse e dar resposta aos retos de dixitalización da sociedade actual".

A ferramenta, deseñada para aprender galego a partir do castelán, artellará os seus contidos en módulos formativos e niveis de aprendizaxe. As diferentes actividades interactivas integrarán texto e imaxes e informarán ás persoas usuarias dos seus avances.

Entre as actividades que deberá recoller a aplicación están seleccionar pares audio-texto, identificar palabras ou textos a partir de audios e imaxes, traducir unha secuencia de texto a base de ordenar e seleccionar palabras soltas, completar secuencias escritas, responder preguntas relacionadas cun texto ou relacionar palabras equivalente nos dous idiomas.