(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Autosoma - Wikipedia, a enciclopedia libre

Un autosoma ou cromosoma autosómico é un cromosoma que non é un cromosoma sexual (ou alosoma).[1] Nas células diploides os cromosomas aparecen por pares, polo que todos os cromosomas autosómicos están repetidos formando un par en cada célula; nas células humanas hai 22 pares de autosomas (e un par de cromosomas sexuais). Os autosomas de cada par concreto son practicamente iguais e denomínanse cromosomas homólogos. Polo contrario os cromosomas sexuais son distintos nos homes (XY) e iguais nas mulleres (XX). Nas células haploides só hai un cromosoma de cada par, tanto de autosomas coma de cromosomas sexuais. Os pares de cromosomas autosómicos humanos numéranse do 1 ao 22, mentres que os cromosomas sexuais son o par 23 e denomínanse coas letras X e Y.

Os caracteres xenéticos situados nos autosomas dise que teñen unha herdanza autosómica e tipicamente eses caracteres hérdanse en igual proporción en machos e en femias (pero tamén hai caracteres influídos polo sexo, que son unha excepción dentro dos autosómicos). Os xenes situados nos autosomas son xenes autosómicos e están repetidos, xa que hai un en cada homólogo. Se ambos os xenes levan o mesmo alelo dise que o individuo é homocigoto para ese carácter; se son distintos, é heterocigoto.

Os caracteres situados na porción diferencial do cromosoma sexual X (porción que non existe no Y, que é máis pequeno) denomínanse caracteres ligados ao sexo e non se herdan en igual proporción en machos ca en femias, polo que neste sentido non se comportan igual que se estivesen nun autosoma.

Aínda que son os cromosomas sexuais os que determinan o sexo con que nace o individuo, algúns xenes que teñen que ver coa reprodución e aspecto están nos autosomas. E, reciprocamente, os cromosomas sexuais non só conteñen xenes para caracteres sexuais, senón tamén interveñen en moitos procesos non sexuais.

Cariotipo feminino. Os pares 1-22 son autosomas. O par 23 está formado polos cromosomas sexuais, neste caso XX.
  1. Griffiths, Anthony J. F. (1999). An Introduction to genetic analysis. New York: W.H. Freeman. ISBN 0-7167-3771-X. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar