(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Pravda - Wikipedia, a enciclopedia libre

Pravda (en ruso: Правда, a verdade) é o nome dun xornal fundado na antiga Unión Soviética, que foi a publicación oficial do Partido Comunista entre 1918 e 1991. Durante a época soviética converteuse nunha das publicacións máis destacadas, cuxo contido tocaba temas como ciencia, política, cultura e economía.[1] Nos países occidentais fíxose moi famoso polas súas declaracións durante a Guerra fría.

Правда
Pravda
Proletarios do mundo unídevos

Pravda, 16 de marzo de 1917.
Formato de páxinaA2
Fundación5 de maio de 1912
PropietarioPartido Comunista da Federación Rusa
FundadorLenin
EditorialPravda e sen etiquetar
TendenciaMarxista-leninista
Linguaruso
ÁmbitoUnión Soviética Unión Soviética
Rusia Rusia
PeriodicidadePeriódico diario
ISSN0233-4275
Na rede
http://www.gazeta-pravda.ru
editar datos en Wikidata ]

En 1991 o presidente ruso Boris Eltsin vendeu o diario a un grupo empresarial grego, entrando Pravda nun período de decadencia e división da redacción.[1] Con todo, en 1997 o Partido Comunista da Federación Rusa adquiriu o diario e relanzouno como o seu órgano oficial, aínda que cunha tirada sensiblemente menor á da época soviética.[2]

Existen outros cantos xornais e medios de información menores, cuxo nome é tamén Pravda, como o xornal latino francés Pravda Libération París 1871 fundado polo xornalista arxentino Abu Faisal Sergio Tapia, o medio dixital Pravda Estado Español, ou o selo editorial Edicións Pravda.

Período soviético

editar
 
Selo soviético dedicado ao 70 aniversario de Pravda

Pravda fora fundado por Trotski en Viena en 1911 e un ano máis tarde, o 22 de abrilxul./ 5 de maio de 1912greg., comezou a publicarse no Imperio ruso.[3] Posteriormente, iniciáronse unha serie de debates para adoptalo como órgano oficial do xornal do POSDR, pero as tentativas fracasaron, e os bolxeviques terminaron apropiándose do nome Pravda para a súa propia publicación periódica, a pesar das protestas de Trotski.[4]

Pravda foi clausurado pola represión das Xornadas de Xullo, polo que durante os últimos meses do goberno provisional o órgano bolxevique era o Rabotchi Put (O Camiño Obreiro), nos primeiros días da Revolución de Outubro, volveu tomar o nome de Pravda.

Tras os seus inicios en Viena e San Petersburgo, as oficinas do diario trasladáronse a Moscova o 3 de marzo de 1918. Pravda converteuse en publicación oficial, órgano do Partido Comunista da Unión Soviética. Pravda foi a canle habitual para anunciar as directrices e cambios políticos até 1991.[5]

Existían outros xornais que actuaban como diarios oficiais de órganos estatais. Por exemplo, Izvestia — no ámbito das relacións internacionais— era o medio de expresión do Soviet Supremo, Dneven Trud o dos sindicatos, Komsomolskaia Pravda para a organización do Komsomol e Pionerskaia Pravda a gaceta dos Mozos Pioneiros.

Trala morte de Lenin en 1924, o diario Pravda foi dirixido por Nikolai Bukharin, un dos dirixentes que loitaban polo control do Partido, que como editor do diario alcanzou unha gran reputación como teórico político.

Período postsoviético

editar

O 22 de agosto de 1991, mediante un decreto asinado polo presidente ruso Borís Eltsin, o Partido Comunista quedaba fóra da legalidade e todas as súas propiedades pasaban ao Estado ruso. Isto incluía a Pravda.[1] Os xornalistas do diario non loitaron por el ou pola súa historia, e rexistraron un novo xornal co mesmo título unhas semanas despois.

Semanas despois, o redactor Gennady Seleznyov (agora membro da Duma) vendeu Pravda a unha familia de empresarios gregos, os Yannikosis. O seguinte redactor-xefe, Aleksandr Ilyín, entregou a cabeceira de Pravda — as medallas da orde de Lenin — e o novo certificado de rexistro aos novos propietarios.

Naquel momento produciuse unha importante división na dirección de Pravda. Máis do 90% dos xornalistas que traballaran para Pravda desde 1991 abandonou o seu posto de traballo. Organizaron a súa propia versión do xornal, que foi clausurado despois por presións gobernamentais. Estes mesmos xornalistas, dirixidos polos antigos redactores de Pravda Vadim Gorshenin e Viktor Linnik en xaneiro de 1999, lanzaron Pravda Online, o primeiro xornal en lingua rusa en Internet, do que existen versións en inglés, portugués e francés.[6]

Os novos diarios Pravda e Pravda Online[7] non teñen ningunha relación, aínda que os xornalistas de ambas as publicacións manteñen o contacto. O diario impreso Pravda tende a analizar os acontecementos desde unha perspectiva esquerdista, mentres que o xornal electrónico toma a miúdo un enfoque nacionalista. Actualmente, o diario é propiedade do Partido Comunista da Federación Rusa.

Outros Pravda en Rusia

editar

Trala Revolución rusa existiron outros xornais chamados Pravda, aínda que a súa duración foi relativamente breve en relación ao xenuíno Pravda. Lev Trotski publicou o precursor do famoso Pravda en Viena e Xenebra entre o 3 de outubro de 1908 e o 23 de abril de 1912. No período que durou a súa edición, o Pravda de Trotski foi a publicación revolucionaria máis popular. Con posterioridade, Lenin apropiouse do nome e popular estilo do Pravda de Trotski como xornal bolxevique.

  1. 1,0 1,1 1,2 Specter, Michael (1996-07-31). "Russia's Purveyor of 'Truth', Pravda, Dies After 84 Years". The New York Times. ISSN 0362-4331. Consultado o 2015-10-19. 
  2. "Which Pravda did John McCain write about Syria for?". the Guardian. Consultado o 2015-10-19. 
  3. V. I. Lenin, Collected Works, Progress Publishers Moscow, Volume 17, p.45
  4. «En memoria de León Trotsky».
  5. Merrill, John C. and Harold A. Fisher. The world's great dailies: profiles of fifty newspapers (1980) pp 242–49
  6. "Pradva". Consultado o 5 de febreiro de 2018. 
  7. "Russia's Purveyor of 'Truth', Pravda, Dies After 84 Years". The New York Times. 31 de xullo 1996. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar