(Translated by https://www.hiragana.jp/)
El País - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

El País

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 13 de xuño de 2024 ás 14:27 por Mark Gasoline (conversa | contribucións) (Historia)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Diario El País
Logo
Fundación 4 de maio de 1976
Xénero Información xeral
País España
Cidade Madrid
Ámbito España
Idioma Español
Periodicidade Diaria
Publicación Matutina
Tirada 588.530 exemplares (OJD, xuño 2005)
Difusión 457.675 exemplares (OJD, xuño 2005)
Prezo unitario 1 (2005)
Formato páxina 41x28cm (AltoxAncho)
Columnas por páxina 5
Nº páxinas 98
Cor Branco e negro e cor
Empresa editora Grupo PRISA
Fundador Jesús de Polanco e Juan Luis Cebrián
Director Javier Moreno
Redactores destacados
Columnistas destacados
Viñetistas

El País (autodefinido como «Diario independente da mañá») é un xornal español de ámbito nacional, redactado integramente en castelán (agás algunhas páxinas illadas nas edicións autonómicas) e de pago. Cunha media de 457.675 exemplares diarios, é o periódico non deportivo de maior difusión de España, segundo a Oficina de Xustificación da Difusión. Ten sede social e redacción central en Madrid, aínda que conta con delegacións nas principais capitais de España (Barcelona, Sevilla, Valencia, Bilbao...) desde as que edita diferentes edicións territoriais. A última destas en inaugurarse, en novembro de 2006, foi precisamente a correspondente a Galicia.

Caracterízase por ser un xornal de tendencia europeísta, socialdemócrata no ideolóxico, e polo gran tratamento que dá, no informativo, ás novas de carácter internacional, de cultura e de economía, ademais da información sobre España. Conta con columnistas e colaboradores puntuais provenientes de diferentes ámbitos sociais, que avezan a reforzar a liña editorial progresista do diario. Entre os seus colaboradores habituais destaca o xornalista e escritor galego Manuel Rivas, que ademais publica con frecuencia no suplemento dominical de El País, EPS País Semanal.

No aspecto formal, El País caracterízase pola sobriedade expresiva, tanto no tratamento da información como no estético: páxinas a cinco columnas con predominio da orde e a clara distribución dos distintos subxéneros xornalísticos. A fotografía e a infografía cumpren un papel secundario de apoio á información escrita. Desde a súa fundación sempre mantivo o mesmo deseño e tipografía: a Times New Roman.

As imaxes son maioritariamente en branco e negro, coa da portada sempre en cor (só desde uns anos atrás), xunto con outras fotografías illadas do interior.

El País pertence ó maior grupo de medios español, o Grupo PRISA, que é tamén propietario da Cadena SER (radio), Cinco Días (prensa económica), Santillana, Diario As (prensa deportiva), Los 40 Principales (radiofórmula), Sogecable; Cuatro e Digital+; e Localia (televisión).

El País foi fundado por José Ortega Spottorno e saíu á luz o 4 de maio de 1976, seis meses despois da morte de Francisco Franco, e a principios da transición española. A súa saída ó mercado supuxo unha revolución no panorama xornalístico español, xa que se converteu no primeiro periódico de clara vocación demócrata e europeísta, nun contexto no que o resto de xornais españois viñan dunha longa historia no franquismo. El País veu a ocupar o baleiro existente e pasou a ser o xornal da España democrática, dando voz, entre outros, a antigos loitadores antifranquistas e ós defensores da democracia en España, nuns momentos en que o tránsito do franquismo á democracia atopábase aínda en pleno desenvolvemento. O seu primeiro director (ata 1988) foi Juan Luis Cebrián que viña, como moitos outros xornalistas españois da época, do Diario Pueblo, órgano dos sindicatos verticais franquistas.

Foi con motivo do golpe de estado do 23-F do tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero. En plena incerteza da noite do 23 de febreiro de 1981, co goberno e todos os deputados secuestrados no Congreso, cos tanques do exército ocupando as rúas de Valencia, e antes de que Televisión Española puidese emitir a mensaxe institucional do Rei Xoán Carlos I condenando o golpe, El País sacou á rúa unha edición especial do xornal titulada «El País, con la Constitución». Foi así o primeiro diario que saíu aquela noite posicionándose claramente, e chamando ós cidadáns a manifestarse en favor da democracia. Foi moi comentado en medios xornalísticos que o que ocupaba daquela o posto de director de El País, Juan Luis Cebrián, chamou por teléfono a Pedro J. Ramírez, que dirixía naquel momento Diario 16, para propoñerlle que ambos medios elaboraran unha publicación conxunta na defensa da democracia, algo ó que Ramírez se negou alegando que prefería agardar unhas horas para ver como se desenvolvían os acontecementos. Diario 16 saíu á rúa só trala mensaxe televisiva do Rei.

Aqueles acontecementos, e o triunfo por maioría absoluta do PSOE nas eleccións de 1982, facilitaron que El País se consolidara, durante os anos 80, como líder indiscutible da prensa española, fronte a ABC, de tendencia máis conservadora, o seu principal rival naqueles anos.

Ó prestixio de El País contribuíu o seu rigoroso tratamento das normas xornalísticas e o feito de que fose o primeiro xornal de España en establecer normas internas de control de calidade. Así, foi o primeiro diario español en crear a figura do "Defensor do lector" (Press Ombudsman) e en redactar e publicar un Libro de Estilo que se converteu en referencia, e continúa séndoo, no mundo do xornalismo.

El País tamén estableceu varios acordos de colaboración con outros xornais europeos de ideoloxía socialdemócrata. Así, en 1989, El País participou na creación dunha rede común de recursos informativos con La Repubblica (Italia) e Le Monde (Francia). Desde outubro de 2001 inclúese un suplemento de El País en inglés na versión española do International Herald Tribune.

A principios dos anos 1990, El País tivo que facer fronte a unha nova situación tanto política como xornalística. O incremento da tensión política causado polos escándalos de corrupción do goberno socialista de Felipe González bipolarizou tanto a política española comoa a prensa. Os medios conservadores (El Mundo, ABC, La Razón), considerados afíns ó Partido Popular, criticaron duramente a El País e ó resto de medios propiedade do Grupo PRISA (Cadena SER de radio, e Canal+ de televisión), de actuar en connivencia cos intereses do PSOE.

Aínda así, El País logrou manter sempre o seu liderado como diario xeral máis vendido de España, a menor distancia de El Mundo de Pedro J. Ramírez.

A mediados dos anos 1990, El País foi o segundo xornal de España en ofrecer unha edición electrónica en Internet ([www.elpais.com El País]). Tamén foi o primeiro periódico español que, o 18 de novembro de 2002, impuxo o sistema de pago para acceder ós contidos informativos da súa edición dixital. Esta decisión supuxo a perda da maior parte das súas visitas, en beneficio do seu competidor, a edición dixital de El Mundo. Tanto é así, que o 3 de xuño de 2005 volveu a abrir a maioría dos seus contidos gratuitamente, deixando basicamente ós subscritores o acceso a contidos multimedia e á hemeroteca.

Edición de Galicia

[editar | editar a fonte]

A edición de Galicia é a máis recente de El País.

Anteriormente, os únicos contidos adaptados á comunidade que incluía o xornal eran a carteleira cinematográfica e a programación da canle autonómica correspondente, neste caso a TVG.

Desde o 22 de novembro de 2006, o xornal conta cun número de páxinas (entre 5 e 15 aproximadamente, dependendo do día) dedicadas a Galicia e firmadas por xornalistas coma Paola Obelleiro, Óscar Iglesias, Fernando Varela, María Fábregas, Julián Hernández e Manuel V. Sola entre outros.

A redacción de Galicia está liderada por Félix Monteira e Xosé Hermida.

Suplementos

[editar | editar a fonte]

El País inclúe varios suplementos, algúns dos cales gozan de grande prestixio:

  • Xoves: Ciberpaís, suplemento sobre informática e electrónica [1].
  • Venres: EP[3], anteriormente e durante anos coñecido como El País de las Tentaciones, suplemento adolescente e xuvenil [2].
  • Sábados: Babelia, suplemento cultural especializado en literatura [3]; El Viajero, suplemento de viaxes [4]
  • Domingos: revista EP[S] sobre moda, reportaxes, artigos de opinión e contidos varios [5]; e Pequeño País, suplemento infantil.

Entre os premios recibidos por El País destaca o Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades que lle foi concedido ó diario en 1983.

Ademais, o diario entrega desde 1984 os seus propios premios de xornalismo, os Ortega y Gasset.

  1. Ciberpaís
  2. Tentaciones
  3. Babelia
  4. El Viajero
  5. "El País Semanal". Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2016. Consultado o 10 de xuño de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]