Fastos
Na Roma antiga, os fastos (en latín: fasti) eran listas cronolóxicas en forma de calendario ou outros rexistros diacrónicos ou plans de eventos relixiosos oficiais e que, xeralmente, estaban gravados en pedra. Despois do declive do Imperio Romano, a palabra fastos seguiu usándose para rexistros similares na Europa cristiá e, despois, en todo Occidente.
Os asuntos públicos, incluídos os asuntos oficiais do estado romano, tiñan que levarse a cabo os días de festa (latín: dies fasti; en galego: días permitidos) e as festas convertéronse nos rexistros destes asuntos. Ademais deste sentido máis amplo da palabra, tamén estaban os fastos que rexistraban tipos específicos de acontecementos, como os fastos triunfales (fasti triumphales), listas de triunfos celebrados polos xenerais romanos. As divisións temporais utilizadas baseáronse todas no calendario romano.
Os rexistros anuais dos fastos animaron aos historiadores a escribir en orde cronolóxica, dando lugar aos "annales" ("anais"), que, á súa vez, influíron no desenvolvemento da historiografía romana. O Fastos do poeta augustano Ovidio é un poema elexíaco sobre relixión e costumes romanos estruturado pola secuencia das festas romanas de xaneiro a xuño.
Etimoloxía
Fasti é o plural do adxectivo latino fastus aínda que era moi usado como substantivo. A palabra deriva do termo fas, que significa "o que está permitido",[1] é dicir, "o que é lícito aos ollos dos deuses". Así, os fasti dies eran aqueles nos que se podían realizar negocios sen incorrer en impiedade ou falta de fe;[2] opuxéronselles os días nefastos (dies nefasti), nos que non podían reunirse asembleas e tribunais.
A palabra fastos pasou despois a designar propiamente as listas organizadas cronoloxicamente.[2] Esta estrutura temporal era a que distinguía os fastos da regesta, unha simple relación de propiedades ou bens (como terras), ou documentos, ou mesmo as transaccións de transferencia de propiedade.
Calendario
O calendario romano dividíase en dies fasti (os días axeitados para que o pretor administrase xustiza) e dies nefasti (aqueles nos que se prohibían os actos xudiciais e se dedicaban a divindades superiores ou infernais). Como a poboación romana, que precisaba moito este tipo de información, era basicamente analfabeta, a información, despois da súa elaboración, facíase pública léndoa no foro a principios de cada mes e pegándoa nos muros de diversos edificios como a Regia (sede do Colexio de Pontífices) ou na Rostra do Foro Romano. Este acontecemento pasou a chamarse calendae (“chamada”). Os calendaria eran competencia exclusiva do Colexio de Pontífices, un colexio de maxistrados sacerdotais. Deste xeito puxeron en coñecemento dos populares os días dispoñibles para negocios, reunións electorais, festas, malos agoiros e festas móbiles. Os días do mes calculábanse a partir de tres referencias: calendas, nonas e idus e sempre retrocedendo destas datas: «3 días antes dos idus de abril», «4 días antes dos nones de maio», etc.
Os Fastos Diúrnos (Fasti Diurni), forma para se refeir ao calendario común, estaban divididos en urbanos e rurais (urbani et rustici), eran unha especie de anuario, con datas e instrucións para as cerimonias relixiosas, días de mercado, divisións de meses e temas similares. No 304 a. C., Cneo Flavio, secretario pontificio, foi quen rematou co monopolio patricio do seu uso[3] e introduciu o costume de publicar táboas gravadas en pedra, tipicamente nas catro caras dun monumento rectangular, coa información necesaria e breves referencias a acontecementos importantes como vitorias, triunfos. e prodixios.
Esta lista é a orixe do calendarium escrito, o calendario romano, no que os días se dividen en semanas de oito días cada unha e se indican coas letras A a H. Cada día tamén está marcado por unha letra que revela o seu estado, agás que se indique expresamente:[4]
- "F" para un fasto, os "días permitidos" para os negocios;
- "N" para un nefasto, os "días prohibidos" para os negocios;
- "C" para un comicio, un día no que os romanos podían celebrar as súas asembleas (dies comitalis);
- "NP" para un festivo, un termo de significado incerto pero que sinala festivos;
- “FP”, para un fastus priore, día no que só era posible facer negocios antes do mediodía;
- “QRCF”, día no que era posible que o rex (probablemente o sacerdote coñecido como o rex sacrorum; rei das cousas sagradas ) convocase unha asemblea.[5] Posiblemente derivado de quando rex comitiavit fas;[6]
- "EN", para os días nos que eran nefastos só pola mañá, cando se preparaban sacrificios, e tamén pola noite, cando se ofrecían sacrificios, pero que eran desagradables no período intermedio. Derivado de "endotercissus", unha forma arcaica de intercissus ("cortado pola metade").
Os campesiños que traballaban no rural tiñan menos festas, sacrificios, cerimonias e días festivos que os cidadáns urbanos. Os calendarios agrícolas (menologia rustica) contiñan pouco máis que a cerimonia das calendas, nonas e idus, as feiras, os signos do zodíaco, o aumento e diminución da duración dos días, os deuses patróns de cada día e algunhas instrucións sobre que tarefas agrícolar compría realizar cada mes.
Xa se descubriron un número considerable de calendarios, pero ningún parece ser máis antigo que a época de Augusto (reinado 27 a. C - 14 d. C.). O Calendario Prenestino, descuberto en 1770, organizado polo famoso gramático Marco Verrio Flaco, contén os meses de xaneiro, marzo, abril e decembro, ademais dunha parte de febreiro. As táboas relatan as festas e os triunfos de Augusto e Tiberio (reinado 14–37). Aínda existen dous calendarios completos: unha lista oficial de Filócalo (354) e unha versión cristiá dun calendario oficial de Polemio Silvio (448).
Crónicas romanas oficiais
Fasti magistrales
Os fastos maxistrais (en latín: fasti magistrales), tamén chamados "anales" (annales) ou "historias" (historici), estaban relacionadas coas diversas festas, prácticas relixiosas, deuses e maxistrados. Ademais, trataron asuntos relacionados cos emperadores, os seus aniversarios, cargos, días consagrados a eles, con festas e cerimonias creadas para homenaxealos ou na súa memoria. Chegaron a chamarse magni ("grandes"), como forma de distinguilos do calendario común (os fastos diúrnos, fasti diurni en latín).
Fasti consulares
- Artigo principal: Fastos Capitolinos.
Os fastos consulares (fasti consulares) eran as crónicas oficiais nas que os anos estaban marcados polos seus respectivos cónsules e outros maxistrados, normalmente co acontecemento principal dos seus mandatos, pero non sempre. Os cónsules estaban obrigados a manter estas escrituras e a presentalas ano con ano so Senado.
Un exemplo famoso son os Fastos Capitolinos.[7] Esta é unha denominación actual porque foron depositados en 1547 no patio do Palazzo dei Conservatori no Outeiro Capitolino por orde do cardeal Alessandro Farnese, quen os gardou temporalmente na súa vila trala súa escavación no foro romano en 1545-1546 (financiada por el). Miguel Anxo, quen deseñou o conxunto de tres pazos no outeiro, tamén restaurou as táboas dos fasti. O Palazzo é hoxe un dos Museos Capitolinos, que teñen unha dobre función como museos e edificios do goberno italiano. Os fastos capitolinos están situados na Sala della Lupa, xunto coa famosa famosa Loba Capitolina (Lupa). Tamén se colocaron alí máis fragmentos descubertos durante o Renacemento.
Descubrimento
Os fastos consulares foron descubertos como 30 fragmentos de mármore no foro. Con eles estaban 26 fragmentos de Acta Triumpharum, chamados fasti triumphales. Ámbalas dúas listas foron restauradas como rexistros distintos. A restauración baseouse case na súa totalidade nas observacións de Onofrio Panvinio e Pirro Ligorio, que os atoparan na parte superior dun foxo no que se vía unha partedun muro no que se percibían inscricións que estaban entre pilastras. Os dous falara con Miguel Anxo para evitar romper os materiais pois o papa Paulo III autorizara a extracción de pedra para a basílica de san Pedro en 1540 e, Miguel Anxo que estaba a traballar no deseño da basílica, tamén protestou. No entanto, o papa seguira o criterio xeneralizado que imperaba no Renacemento de arrinca-las estruturas do pasado para reutilizalas en construcións que consideraban aínda máis magníficas. Por iso, aínda que os estudosos tentaron para salvar o que poidesen, os canteiros non se detiveron o máis mínimo e seguiron esnaquizando edificios.
Entre o 15 de agosto e o 14 de setembro de 1546, desapareceu todo rastro de estruturas nesa parte do foro. A pedra foi vendida a cortadores para a súa reutilización ou a caleiros para a creación de cemento mentres o cardeal Farnese encargou aos estudosos vixiar as escavacións e, estes, movéronse con rapidez para rescatar o que puidesen, mesmo afundindo túneles ao lado para buscar fragmentos. Posteriormente, apareceron máis fragmentos incrustados nos edificios que estaban en uso, mostrando que a zona fora explotada pouco intensamente, e poñendo en dúbida a localización da fonte orixinal dos fragmentos.[8]
Estímase que as listas consulares estaban en catro entaboamentos de varios metros de altura: I cubrindo AUC 1-364; II, 365-461; III, 462-600; IV, 601-745, correndo ata 766 na marxe. Non se publicaron, porén, como dúas listas; en cambio, Marliani en 1549 (primeira publicación, Roma), Sigonius en 1550 (Módena), Robortelli en 1555 (Venecia) e outros optaron por combinar a información nunha lista unificada, que se levou adiante baixo o nome de fasti capitolini. Os editores colleron certas liberdades, como cubrir os maxistrados desaparecidos doutros rexistros como lles pareceu mellor e cubrir as datas desaparecidas AUC para dar a aparencia dunha crónica continua anual, ao tempo que ocultaron os problemas. Normalmente as representacións baixo o nome capitolini non son iso. De feito, había dúas listas orixinais diferentes colocadas baixo ese nome ás que se engadiron fragmentos atopados en 1816-1818, 1872-1878 e unha final do río Tíber en 1888, sen restaurar.[9] Todos os fragmentos pasaron a ser CIL, en dúas subdivisión: I baixo Fragmenta Quae Dicuntur Capitolini (Fragmentos chamados Capitolinos) e II: Cetera Quae Supersunt Fragmenta (Outros fragmentos restantes).[10]
Contido
A lista unificada indica os maxistrados de cada
Os fasti establecen unha lista de reis seguida dos cónsules republicanos para cada ano, cos magistri equitum e os tribunos militares durante anos nos que estes maxistrados eran homónimos en lugar de cónsules; é dicir, unha vez comezada a práctica de nomear o ano dos xefes de Estado, tiña que haber un xefe de Estado xa fose rei, ditador, cónsul, mestre ou tribuno, independentemente do órgano que ocupase o poder.
A lista presenta varios esquemas de citas. Á dereita están anos desde o inicio da República precedidos por an. ou ann. para anno ("no ano"). Á esquerda, cada dez anos hai un número que indica o ano da
Feeney argumenta que o esquema múltiple é unha evidencia de que os fastos eran máis da época augusta que republicanos. Os reis teñen prioridade na parte superior e as AUC na esquerda, coma supepoñéndose a un fasto antigamente republicano. Ademais, a lustra de 5 anos data do 28 a. C. cando se construíu o templo de Marte Ultor ("Marte o Vingador"), o deus imperial, que tivo prioridade sobre o templo de Xúpiter no Capitolio. Despois dese tempo, o emperador debeu ser un dos censores, que agora presidía a cerimonia de bater no cravo anual en Marte Ultor en lugar de Xúpiter (o escenario deste cravo marcou a transición do ano).[12]
Datacións
As datas republicanas que se dan á dereita son as da cronoloxía varroniana; é dicir, as calculadas polo estudoso Marco Terencio Varrón. Segundo el, a República comeza no ano 510-509 a. C., mediante un cálculo actual , e tamén foron as datas imperiais oficiais. Tamén existiron moitas outras datas e cronoloxías, en particular as de Livio, coas que o emperador debeu estar familiarizado, pero non prohibiu o seu uso en contextos non oficiais. A cronoloxía das AUC non se corresponde exactamente; pois é un ano posterior as datas ofreecidas por Varrón. Censorino, que repasou os cálculos de Varrón, explica que Ulpio e Pontiano foron cónsules no ano 1014 dende a refundación dos xogos olímpicos (776 a. C.); é dicir, a Olimpiada 254.2 (segundo ano da 254ª Olimpíada) e que este ano foi AUC 991; o que vén ser, con cálculos modernos, o 1 de xaneiro do 238 d.C. Polo tanto, o AUC 1 de Varrón foi o 754/753 a.C.[13] As identificacións posteriores de Ulpio e Pontiano seguen a ser un misterio, xa que soamente son nomeados por Censorino, malia que os nomes son irrelevantes para o argumento.
A república comezou en opinión de Varrón no 245 AUC (509 a. C.). Solino observou que Caio Pompeio Galo e Quinto Verranio eran cónsules na Olimpíada 207.1, e que este ano era 801 AUC, contando desde a fundación de Roma na Olimpiada 7.1. Segundo os cálculos modernos, correspondería co ano 49. El confiaba no esquema oficial de datacións, que debían ser os fasti consulares. Na cronoloxía de Varrón este é o AUC 802. A resta simple mostra que o AUC 1 no fasti de Augusto corresponde co 753/752 a. C. Os fasti dan ao comezo da república unha data de AUC 244 (510 a. C.), pero algúns editores "corrixen" todas as AUC a Varrón. Do mesmo xeito, os fasti corren até a morte de Augusto no ano 13 (que sería o 14 na datación varroniana). Esta non é unha diferenza sobre a data de inicio da República ou sobre o ano da morte de Augusto pois permanecen nos mesmos anos en relación aos acontecementos circundantes en calquera dos casos; en cambio, o ano de AUC 1 si que é diferente.[14]
Fasti triumphales
Os fastos triunfais (fasti triumphales) contiñan unha listaxe, por orde cronolóxica, dos xenerais que conseguiran un triunfo, ademais do nome do pobo conquistado e dos sacerdotes. Consérvanse nunha extensa inscrición nos Museos Capitolinos de Roma.
Fragmentos dunha destas listas atopáronse entre os fragmentos dos Fastos Capitolinos na década de 1550, e tamén foron restaurados por Miguel Anxo e están na mesma habitación ca eles. As Actas triunfales (acta triumphorum) están en catro paneis, comezando por Rómulo e rematando no derradeiro triunfo non celebrado pòr un membro da familia real, Lucio Cornelio Balbo, no ano 19 a. C.[3] no principado de Augusto.[15]
A obra De fasti et triumphi Romanorum a Romulo usque ad Carolum V, do anticuario renacentista Onofrio Panvinio (1557) continuou a lista dende esa data, e o derradeiro triunfo rexistrado, por el, foi a Entrada Real do emperador do Sacro, Carlos V (reinado de 1519 a 1556) en Roma, o 15 de abril de 1536, suceso que foi destrito coma un triunfo romano "sobre os infieis" e que se realizou durante a marcha de regreso do exército de Carlos despois da súa conquista de Tunes en 1535.[16]
Fasti Potentini
Os Fasti Potentini son unha lista de cónsules de Potentia en Lucania que, probablemente, data de principios do século II. Dan un rexistro parcial dos cónsules dende 86 ao 93 d.C. e do 112 ao 116.
Annales Pontificum
Os Anais Pontificios (Annales Pontificum), tamén coñecidos como Anais Máximos (Annales Maximi) ou Anais dos Sacerdotes, expoñíanse anualmente en público nunha táboa branca e tamén en días específicos de observancia, mencionando as marabillas do período. Entre os outros fastos sacerdotais están os fastos augurais (fasti augurales), dos áugures.
Fasti existentes
Descubríronse un número considerable de fasti. O calendario praenestino (Fasti praenestini), descuberto en 1770, en Praeste (actual Palestrina), e organizado polo famoso gramático Marco Verrio Flaco, contén os meses de xaneiro, marzo, abril e decembro, e unha parte de febreiro. As táboas dan conta das festas, e tamén dos triunfos de Augusto e Tiberio. Aínda existen dous calendarios completos, unha lista oficial de Filócalo (354) e unha versión cristiá do calendario oficial, feita por Polemio Silvio (448).
Fasti modernos
Na época actual, a palabra fasti e os seus reflexos nas linguas modernas utilizáronse formalmente para escritos case oficiais de carácter diacrónico. Algúns exemplos son a historia oficial e as tradicións dun rexemento en Escocia, o Fasti Ecclesiae Scoticanae: the succession of ministers in the Church of Scotland from the reformation,[17] cuxo primeiro volume foi producido en 1915 e que aínda se actualiza a intervalos irregulares. Entre 1946 e 1987 a Asociación Internacional de Arqueoloxía Clásica (AIAC) publicou os Fasti Archaeologici, que contiña resumos de escavacións nos territorios do antigo Imperio Romano. Os Fasti deixaron de publicárense en papel en 2000 para actualizarse online e, estes Fasti Online, contén agora informes sobre escavacións dende o ano 2000 en 13 países, especialmente Italia, Bulgaria, Romanía, Macedonia, Malta e Albania. Tamén mantén unha revista en liña, Fasti Online Documents & Research, que publica informes completos e provisionais sobre xacementos arqueolóxicos en Italia.
Na cultura popular
Na popular serie de HBO titulada Rome, os episodios comezan cun sacerdote berrando os Fastos no Foro.
Notas
- ↑ Marchant & Charles 1892, p. 218
- ↑ 2,0 2,1 Badian, E. (22 de decembro de 2021). "fasti". Enciclopedia Británica (en inglés). Consultado o 16 de marzo de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 Badian, E., E. (22 de decembro de 2021). "Fasti". Enciclopedia Británica (en inglés). Consultado o 8 de abril de 2022.
- ↑ Scullard (1981), pp. 44–45
- ↑ Rüpke (2011), pp. 26-27, citado por Mommsen
- ↑ Baseado nos "Fasti Viae Lanza", onde aparece "Q. Rex C. F."
- ↑ A denominación débese a que se conservan nos Museos Capitolinos.
- ↑ Lanciani, Rodolfo Amadeo. "New Tales of Old Rome 1899–1901. Chapter 2. The New Discoveries of the Sacra Via.". giffordlectures.org (en inglés). Archived from the original on 14 de xuño de 2011. Consultado o 24 de marzo de 2022.
- ↑ Sandys (1927), pp. 168–171.
- ↑ Egbert (1896), p. 362
- ↑ Greswell (1854), p. 4
- ↑ Feeney (2008), pp. 172-180
- ↑ Greswell (1854), pp. 31-32
- ↑ Greswell (1854), pp. 36-43
- ↑ Sandys (1927), p. 170
- ↑ Panvinio, Onofrio (1557). Fasti et Triumphi Rom. a Romulo rege usque ad Carolum V Caesar Augustus (en latín). Venecia: Imprenta Iacobi Stradae Mantuani.
- ↑ Scott, Rev. Hew (1997-2010). "SCOTTISH MINISTERS. The Fasti Ecclesiae Scoticanae, Volume I & II. The succession of Scottish ministers in the Church of Scotland from the Reformation". dwalker.pwp.blueyonder.co.uk (en inglés). Archived from the original on 02 de outubro de 2013. Consultado o 8 de abril de 2022.
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fastos |
Bibliografía
- Egbert, James Chidester (1896). Introduction to the study of Latin inscriptions (en inglés). Nova York, Cincinnati, Chicago: American Book Company.
- Feeney, Denis (2008). Caesar's Calendar: Ancient Time and the Beginnings of History (en inglés). Berkeley, Los Angeles, London: University of California Press. ISBN 978-0-520-25119-9.
- Greswell, Edward (1854). Origines Kalendariae Italicae. Vol. I. (en inglés). Oxford: Oxford University Press.
- Marchant, J. R. V.; Charles, Joseph F. (1892). Cassell's Latin Dictionary (en inglés). Londres, París, Melbourne: Cassell & Company, Limited.
- Rüpke, Jörg (2011). The Roman Calendar from Numa to Constantine: Time, History, and the Fasti (en inglés). Hoboken, NJ: Wiley-Blackwell. ISBN 978-0-470-65508-5.
- Sandys, (1927).. Chicago: . pp. 168–171. ISBN ., John Edwin (1927). Latin Epigraphy: An Introduction to the Study of Latin Inscriptions (en inglés). Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-89005-062-7.
- Scullard, Howard Hayes (1981). Festivals and Ceremonies of the Roman Republic (en inglés). Ithaca, NY: Cornell University Press. ISBN 9780801414022.
Outros artigos
- Lista de cónsules romanos na República
- Lista de cónsules romanos no Alto Imperio
- Lista de cónsules romanos no Baixo Imperio
- Fastos Capitolinos
Ligazóns externas
- Fasti Triumphales (en inglés)
- Fasti Capitolini (en inglés)
- Fasti, de Ovidio no Proxecto Guttemberg (en inglés)