Ambystoma tigrinum
Ambystoma tigrinum | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
|
Ambystoma tigrinum é unha especie de anfibio caudado (ou urodelo) da familia Ambystomatidae.
Descrición
[editar | editar a fonte]Son píntegas grandes, con lonxitudes de 15 a 21 cm, podendo acadar ata 33 cm, especialmente no caso de individuos neotenicos. Os adultos normalmente teñen manchas grises, verdes ou negras, con ollos grandes. Teñen bocas pequenas, pescozos grosos, pernas robustas e rabos longos. A súa dieta consiste principalmente en insectos e vermes, pero non é raro que os adultos consuman ratos ou ras pequenas.
Os adultos con frecuencia viven en toqueiras. Son completamente terrestres de adultos e soamente regresan á auga para reproducirse. Como todos os ambistomátidos están extremadamente ligados ao seu lugar de nacemento e viaxan grandes distancias para volver a el. Porén, só teñen un 50% de probabilidades de reproducirse máis dunha vez na vida. Os machos empuxan lixeiramente á femia para iniciar o apareamento, despois depositan un espermatóforo no fondo do lago. A femia recolle o paquete e deposita os ovos xa fertilizados na vexetación.
As larvas son totalmente acuáticas e caracterízanse polas súas grandes branquias externas e unha aleta caudal prominente que se orixina xusto detrás da cabeza. As extremidades están completamente desenvolvidas pouco tempo despois de nacer. As larvas divídense en dous grupos: caníbales e non caníbales. Unha alta concentración de larvas fai que se active o fenotipo Caníbal, que ten unha cabeza máis grande do normal. Algunhas larvas, que se encontran en lagoas de estación e en rexións do norte, sofren a metamorfose o máis cedo posible. Outras larvas, especialmente en lagoas ancestrais e climas cálidos, non sofren a metamorfose ata que alcanzan o seu tamaño adulto. Estas larvas de gran tamaño úsanse como isco para a pesca ou como animal de compañía. Algunhas poboacións mesmo non sofren metamorfose en absoluto e chegan á madurez sexual en forma de larva. Estas larvas denomínanse neoténicas e son comúns en lugares onde as condicións terrestres son malas.
Status de conservación
[editar | editar a fonte]Aínda que son comúns localmente en moitas rexións, a cantidade de exemplares declinou se a comparamos con niveis históricos. Unha das ameazas máis grandes ás que se enfronta a especie é a destrución ou alteración do seu hábitat. Como esta píntega tende a reproducirse en pantanos semipermanentes, as súas larvas experimentan descensos en masa en asociación co desecamento de pantanos. A introdución de peixes pode reducir e nalgúns casos eliminar, poboacións enteiras desta píntega, xa que require un hábitat en que estean no cume da cadea trófica. A deforestación e a chuvia ácida tamén son problemas que as afectan. Evitan as augas con pH baixo. Cun pH de 4,2 o 50% dos seus embrións morren, ademais en pH baixo medran máis lentamente e terían períodos larvarios máis estendidos. Están na lista de especies ameazadas en Nova York, Maryland, Nova Jersey e Delaware, na de especies protexidas en Arizona e na de especies especialmente preocupantes en Carolina do Norte e Carolina do Sur.
Enfermidades
[editar | editar a fonte]Esta especie pode transmitir o fungo Batrachochytrium dendrobatidis, que é unha grande ameaza en todo o mundo para a maioría das especies de ras, causándolles quitridiomicose, aínda que A. tigrinum é inmune a el.[2] Poden portar tamén ranavirus, que infectan réptiles, anfibios e peixes. O uso como isco das larvas desta píntega parece ser unha importante fonte de exposición e transporte destes virus ás poboacións silvestres. Ás veces prodúcense grandes mortandades de larvas de A. tigrinum por causa de infeccións recorrentes de ranavirus.
Especies afíns
[editar | editar a fonte]As especies californianas Ambystoma californiense[3] e Ambystoma mavortium e a mexicana Ambystoma velasci foron descritas como subespecies de A. tigrinum, mais agora son consideradas especies separadas. Foron necesarios estudos xenéticos para dividir a poboación orixinal de A. tigrinum, aínda que hai que salientar que existe algo de hibridación entre estes grupos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hammerson, G. A., Shaffer, H. B., Church, D., Parra-Olea, G. & Wake, D. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
- ↑ "Petwatch". Exotics as Pets. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2013. Consultado o 02 de setembro de 2019.
- ↑ "Ambystoma californiense". IUCN Red List.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Ambystoma tigrinum |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ambystoma tigrinum |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- LeClere, 2006 Iowa Herpetology Lista de especies, foto e mapa de distribución de A. tigrinum en Iowa Arquivado 07 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine.