Aspecto
O aspecto gramatical, en lingüística, é unha propiedade que posúen os verbos e as perífrases verbais para sinalar o tempo interior da acción ou resaltar unha fase do seu desenvolvemento interior por enriba das demais, caracterizando así o transcurso do tempo dos acontecementos descritos.
Cabo resaltar que o aspecto lingüístico diferénciase do tempo, en que mentres o tempo sinala o momento en que algo ocorre respecto de todo o demais, o aspecto especifica o tempo interior da acción ou a fase de desenvolvemento ou modificación da mesma que destaca sobre todas as demais, tanto na conxugación regular en que se reflicte o 'grao de terminación' do acontecemento, isto é, se posúe un aspecto perfectivo ou perfecto, que sinala a acción acabada no tempo de que se trate, como o aspecto imperfectivo ou imperfecto, que sinala acción inacabada no tempo exterior de que se trate. A chamada conxugación perifrástica ou por perífrase expresa os outros matices de aspecto, menos importantes ca estes .
En galego, así como en moitas outras linguas, os distintos aspectos constrúense combinando verbos auxiliares e formas non persoais e coa escolla de verbos cunha carga semántica determinada. A continuación, expóñense distintos aspectos que se empregan en distintas linguas do mundo:
- Habitual: 'Eu paseo ata a miña casa dende o traballo' (no presente). 'Eu adoitaba pasear ata a miña casa dende o traballo' (no pasado)
- Perfecto: 'Fun ao cinema' (acción terminada no presente). 'Xa vira a película que me recomendou' (alúdese ao resultado dunha acción anterior incluso a outra xa terminada).
- Imperfecto: 'Ía ao instituto'
- Imperfectivo: 'Está indo ao instituto' (aínda non chegou). 'Vai no instituto' (foi ao instituto e aínda está alí).
- Perfectivo: 'Estiven nesa casa.' (A acción xa terminou)
- Progresivo: 'Estou a comer'
- Prospectivo: 'Está para chover' (acción pode ocorrer en calquera momento a partir de agora)
- Inceptivo: 'Estou empezando a comer.' 'Anoitece'. 'Branquéxalle o pelo' (No primeiro exemplo recórrese explicitamente ao verbo empezar. Nas dúas frases seguintes, os verbos empregados conteñen a noción de comezo: 'estase a facer de noite' e 'está empezando a botar canas')
- Continuativo: 'Seguen a vivir xuntos/Seguen vivindo xuntos' (uso das perífrases 'seguir a + inf.' e 'seguir + xer.', que son sinónimas)
- Terminativo: 'Estou terminando de comer.' (final en transcurso, aspecto imperfectivo) 'Deu cima á tese'. 'Puxeron o ramo á casa' (final alcanzado, aspecto perfectivo).
- Incoativo: 'Botouse a chorar'
- Cesativo: 'Estou deixando de fumar.'
- Pausativo: 'Parei de traballar un intre.'
- Resumptivo: 'Volvín prender o sono'
- Puntual: 'Durmín dúas noites no albergue'
- Durativo: 'Durmín durante todo o voo.'
- Delimitativo: 'Durmín un intre.'
- Protractivo: 'A discusión seguía e seguía'
- Iterativo: 'Gusta de reler os clásicos'
- Frecuentativo: 'Vou moito a esa misa.'
- Experiencial: 'Ía adoito ás súas clases.' 'Teño ido a Lisboa en coche'
- Intencional: 'Buscárono pola rúa e encontrárono' 'Escoitei coidadosamente as indicacións'
- Accidental: 'Atopei isto na rúa'. 'Ouvín que falaban inglés'
- Xenérico: 'As eirugas tornan bolboretas'. 'Os carballos dan landras e as cerdeiras, cereixas'
- Intensivo: 'Encandeouno coa lanterna' (o verbo expresa unha acción momentánea e adoita construírse con pretérito perfecto)
- Moderativo: 'O faro esfachareaba ao lonxe'
- Atenuativo: 'A lanterna tremelucía xa e non tiñamos pilas de sobexo'
Moi poucas linguas diferencian os aspectos intencional e accidental. Bats (glotónimo en inglés) é unha delas e aplica esta diferenza aspectual só en 6 verbos. Compara «xo wodze» («Caínme accidentalmente») e «as wodze» («caínme intencionadamente ou por algo que eu fixen»). Nalgunhas linguas, como o ruso, o aspecto está aínda máis marcado có tempo. O ruso emprega unha morfoloxía verbal no canto de crear formas perifrásticas como o inglés. No árabe apréciase un contraste entre o aspecto dinámico e o estático.