Túnidos
Túnidos | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Thunnus thynnus | |||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||||||||||
Os túnidos son un grupo de peixes teleósteos, da orde perciformes, familia escómbridos, coñecidos comunmente como atúns ou bonitos.
Tódalas especies son mariñas, peláxicas, normalmente de grandes tamaños e de carne rica en graxa (peixes azuis). Boa parte delas son de elevado interese comercial: segundo a FAO, capturáronse máis de 6 millóns de toneladas no ano 2002.
As Nacións Unidas (ONU), consciente da importancia comercial e nutricional das diferentes especies de túnidos, proclamou en 2016 o día 2 de maio como o Día Mundial do Atún. De feito, os túnidos representan o 20% do valor da pesca marítima e máis do oito por cento de tódolos produtos do mar comercializados en todo o mundo. Pero estas cifras converten o atún nunha das especies máis ameazadas e estímase que o 33% das poboacións das principais especies están explotadas a niveis biolóxicamente insostibles [1].
Especies
[editar | editar a fonte]- Thunnus alalunga, albacora, atún branco, bonito do Norte.
- Thunnus albacares, atún de aleta amarela (yellowfin), atún amarelo, rabil.
- Thunnus atlanticus, atún negro, atún de aleta negra (blackfin).
- Thunnus maccoyii, atún do sur.
- Thunnus obesus, atún patudo (ou, simplemente, patudo), bigeye.
- Thunnus orientalis
- Thunnus thynnus, atún vermello (red tune), atún de aleta azul (bluefin).
- Thunnus tonggol, atún do Índico, atún tongol.
- Katsuwonus pelamis, atún listado, bonito alistado.
- Euthynnus alleteratus, bacoreta.
- Cybiosarda elegans
- Allothunnus fallai
- Scomber chilensis
- Sarda sarda, bonito, bonito do Atlántico, bonito do sur.
- Sarda orienralis, bonito raiado.
- Auxis thazard thazard, atún xudeu liso, zurdo liso.
A denominación de túnidos non é taxonómica senón pesqueira. Por esta razón, moitas outras especies, mesmo de interese comercial, pertencen tamén á mesma familia Scombridae, pero non son considerados túnidos. É o caso, por exemplo, da melva (Auxis rochei) ou da xarda (Scomber scombrus).
Morfoloxía e anatomía
[editar | editar a fonte]Presentan un corpo alongado e fusiforme, con dúas aletas dorsais máis ou menos separadas pero perfectamente diferenciables, que poden axustarse nun suco que posúen no dorso. Trala segunda aleta dorsal, e tamén trala aleta ventral, presentan unha serie de numerosas pínnulas (ou lepidotriquias). A aleta caudal é bifurcada e presenta a ámbolos lados do pedúnculo dúas quillas ou carenas, de queratina.
A cor do lombo adoita ser azul escura e o ventre prateado. Poden presentar bandas mouras, normalmente descendendo do lombo.
A pel semella non ter escamas por seren estas diminutas. Así conseguen reduci-la fricción coa auga e mellora-la capacidade de movemento.
Os túnidos caracterízanse por non teren vexiga natatoria ou tela moi pequena, o que lles obriga a estar sempre en movemento.
Diferenciación de especies
[editar | editar a fonte]Boa parte dos atúns son morfoloxicamente moi parecidos, polo que a diferencianción das especies non sempre é doada. As dificultades aumentan no caso de presentarse conxelados (polos cambios que sofre a coloración da pel e aletas e pola posible rotura e perda destas) e no caso de existir exemplares xuvenís, que non sempre mostran ben definidos os trazos característicos. Para recoñece-la especie cómpre atender principalmente á presenza de marcas de cor nas diferentes zonas do corpo, en canto á forma e distribución das manchas, así como ó tamaño relativo da aleta pectoral (se non alcanza a altura da segunda dorsal, se chega ata a súa altura ou se a supera. En estado fresco cómpre fixarse na cor das aletas (dorsais, caudal e pínnulas). Pode tamén recorrerse a observa-la superficie inferior do fígado (se presenta ou non estrías) e ó reconto dos pequenos dentes que presente o primeiro arco branquial. O tamaño do exemplar ten unha importancia relativa polo que dixemos da posible presenza de exemplares xuvenís.
Na web de Atuntuna pode atoparse unha Guía de referencia para o recoñecemento dos atúns.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Os atúns son especies propias de rexións tropicais e subtropicais de tódolos océanos. Son grandes nadadores e poden realizar longas migracións ó longo do océano (un atún pode nadar ata 170 km diarios). Adoitan moverse en grandes bancos ou cardumes formados por exemplares dunha mesma idade. Son predadores activos e comen en augas superficiais.
Presentan un especial sistema vascular, especializado no intercambio de calor co medio mariño, de feito que a temperatura corporal supera á da auga onde nadan. Esta particularidade califícaos como endotérmicos [2] e dálle-la posibilidade de que o seu sangue poida transportar osíxeno nunha concentración máis alta que outras especies de peixe. De aí a cor vermella ou rosada da carne dos atúns, a diferenza da cor branca na maioría das especies de peixes que viven no océano. No caso do atún vermello, permítelle vivir en augas máis frías e sobrevivir nun contorno máis amplo que outros tipos de atún.
Desde o punto de vista da súa reprodución, son dioicos pero non mostran dimorfismo sexual. As femias depositan grandes cantidades de ovos planctónicos que se desenvolven en larvas peláxicas.
Aproveitamento pesqueiro
[editar | editar a fonte]Algunhas variedades, como o atún vermello e o atún de aleta amarela son obxecto de diferentes proxectos pesqueiros ao longo e ancho do globo, así mesmo as tempadas de pesca, as zonas e as cotas de captura son reguladas por diferentes organizacións e gobernos.
Un importante problema medioambiental que presenta a pesca do atún é a posibilidade de capturar con eles outras especies protexidas, como é o caso dalgúns golfiños. A capacidade dos atúns para detecta-los bancos de peixe dos que se alimentan é aproveitada polas mandas de golfiños, que acoden onda eles a comer dos mesmos bancos. Á súa vez, os pescadores poden detecta-la presenza das mandas de golfiños, que nadan na superficie e así saben que é probable que estean sobre un banco de atúns. Deste xeito, cando o barco lanza as redes rodea con elas tanto os propios atúns como os golfiños, provocando a captura e morte destes últimos. Para evitar este efecto negativo sobre os golfiños, catalogados como especies protexidas, establecéronse medidas correctoras nas redes que permitan a súa saída do cerco e a presenza de observadores independentes a bordo do barco. Simultaneamente, o atún capturado de acordo con estas reservas etiquétase co símbolo Dolphin safe (ou Dolphin free), que certifica que foi capturado mediante técnicas que respectan a biodiversidade.
Os atúns na alimentación
[editar | editar a fonte]Composición nutritiva | |
---|---|
Enerxía | 200 cal. / 100 g |
Proteínas | 23,0% |
Graxa | 12,0% |
Ácidos graxos saturados | 2,77% |
Ácidos graxos monoinsaturados | 2,39% |
Ácidos graxos poliinsaturados | 3,07% |
Ferro | 1,3 mg / 100 g |
Magnesio | 28 mg / 100 g |
Potasio | 40 mg / 100 g |
Fósforo | 200 mg / 100 g |
Zinc | 1,1 mg / 100 g |
Iodo | 10 mg / 100 g |
Riboflavina (B2) | 0,2 mg / 10 g |
Niacina (B3) | 17,8 mg / 10 g |
Ácido fólico (B9) | 15 |
Cianocobalamina (B12) | 5 |
Vitamina A | 60 |
Vitamina D | 25 |
As diferentes especies de atúns son moi apreciadas para o consumo humano tanto en fresco como conxelado ou, principalmente, en conserva. Caracterízanse pola súa riqueza en graxa, de ó redor do 12%, e proteínas de alto valor biolóxico (sobre un 23%). Tamén son ricos en vitaminas, sobre todo nas do grupo B, entre as que destaca a vitamina B12 [3]. Como peixes graxos que son, támén son ricos en vitaminas liposolubles, especialmente as vitaminas A e D.
Á hora de preparalo en fresco deben facerse sempre preparacións curtas para evitar que a carne seque de máis. Pode prepararse tanto en toros á prancha, á grella, ó forno, asado etc., como esmiuzado en anacos máis ou menos grandes, en estufados ou como ingrediente doutros pratos, como albóndegas, empanadas, recheos etc.
O carpaccio de atún é unha forma de consumo relativamente nova pero cada día máis en auxe. En Andalucía é moi apreciado o atún desecado (mojama), elaborado a base de lombos de atún salgados e secados ó aire.
Efectos sobre a saúde
[editar | editar a fonte]Cómpre advertir que a carne dos atúns é rica en purinas, que dan lugar a ácido úrico, polo que resulta desaconsellada para as persoas que sofren de gota ou hiperuricemia.
O atún non adoita estar involucrado en gromos de intoxicacións alimentarias pero pode ser causa de problemas sanitarios a causa da posible presenza de histamina ou de metais pesados, especialmente mercurio.
Canto ó mercurio, a causa da súa presenza nos atúns é o feito de que son especies carnívoras que están no cumio da cadea trófica e, pola súa lonxevidade, poden acumular cantidades elevadas deste metal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Día Mundial del Atún. 2 de mayo" (en castelán). Consultado o 2022-11-22.
- ↑ Brock et al. 1993, Science 260,210-214.
- ↑ O contido en vitamina B12 nos atúns supera o de carnes, ovos e queixo, alimentos considerados tradicionalmente como fonte natural desta vitamina.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de Túnidos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- LÓPEZ MUÑOZ, Daniel (coord.) (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
- MUUS, B.J. e DAHLSTRÖM, P. (1981): Guía de los peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Ediciones Omega S.A., Barcelona.
- ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).