(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Cambedo - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Cambedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCambedo
Imaxe
Igrexa de Cambedo

Localización
Mapa
 41°51′28″N 7°29′31″O / 41.857889, -7.492075
EstadoPortugal
DistritosDistrito de Vila Real
ConcelloChaves
FreguesíaVilarelho da Raia Editar o valor en Wikidata

Cambedo no mapa de José de Castro López sobre A Raia (1863).
++ Límites da parte galega.
++ Límites da parte portuguesa.
++++ Fronteira galego-portuguesa.

Cambedo da Raia é unha aldea portuguesa da freguesía de Vilarelho da Raia, no concello de Chaves. Un lugar de Trás-os-Montes que está situado na fronteira con Galiza (A Raia). No ano 2010 tiña 70 habitantes.

Até 1868 era considerado ―canda Lamadarcos e Souteliño― un dos tres pobos promiscuos, por estar situado na propia fronteira, entre Galiza e Portugal. A parte galega pertencía á parroquia de Oímbra e a portuguesa á de Vilarelho da Raia.[1] Nese ano, a parte galega foi anexada a Portugal coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864.

A mediados do século XIX tiña unha poboación de 25 veciños galegos e 13 portugueses, sendo o único pobo promiscuo con máis galegos ca portugueses.[2] Así mesmo, tiña en 1857 24 veciños galegos que equivalían a 78 habitantes.[3]

O 19 de decembro de 1946 tivo lugar nas súas inmediacións a batalla de Cambedo.

O lugar de Cambedo era unha poboación dividida en dúas partes pola fronteira galego-portuguesa. Mais non só era dividido o lugar en si, senón que a liña fronteiriza atravesaba as propias casas, pertencendo cada parte a un país. Ademais, as dúas partes adoitaban ter cadansúa porta. Isto podía favorecer o contrabando e a burla das autoridades.[4][5] A primeira referencia coñecida desta situación áchase nun documento de 1526, aínda que se ignora a súa orixe.[2]

Segundo as Memórias Paroquiais portuguesas de 1758, a capela de San Gonzalo, situada no lado portugués, foi construída e pagada tanto por galegos coma por portugueses e igualmente empregada por ambos.[6]

En 1864, España e Portugal, após anos de negociacións, asinaron o Tratado de Límites de Lisboa, polo cal Cambedo, xuntamente con Lamadarcos e Souteliño, sería anexado a Portugal. A troco dos denominados pobos promiscuos, o Couto Mixto, un microestado independente entre Galiza e Portugal,[7] sería incorporado a España, e polo tanto a Galiza. Este tratado xustificado para dificultar o contrabando tiña como albo a «anomalía» do Couto Mixto, un territorio soberano desligado da autoridade de ámbolos estados e cuxa desaparición era de interese común para eles.[5] Ademais, a Cambedo non se lle atribuía hectárea ningunha de boa calidade dun total de 500, mentres a Lamadarcos e Souteliño atribuíaselles unha cantidade desprezábel. Isto puido ser unha maneira de xustificar en España a perda dos pobos promiscuos.[8]

Deste xeito, o 28 de xuño de 1868 realizouse en Cambedo o acto oficial de entrega a Portugal. Igualmente se fixo en Lamadarcos e, xa o día anterior, en Souteliño. Algunhas autoridades aínda se mantiveron algún tempo, polo que tras dunha queixa do goberno portugués, o 9 de abril do ano seguinte, o Gobernador de Ourense tivo que ordenar ás «autoridades españolas» que ficaban alí que abandonasen os lugares.[9]

A mudanza dos límites administrativos en 1868 non modificou os eclesiásticos, polo que a parte galega seguiu a pertencer á freguesía de Oímbra e por tanto á diocese de Ourense. En 1882, co obxectivo de facer coincidir os límites civís cos relixiosos, executouse unha bula do ano anterior pola cal se incorporaron á arquidiocese de Braga as parroquias do bispado ourensán situadas en territorio portugués: Lamadarcos e Tourém.[10] No entanto, non foron tratados os casos de Cambedo nin de Souteliño, cuxas partes galegas seguirían dentro dos límites eclesiásticos de Ourense. Así, en 1914 dependían do párroco de Oímbra unhas 20 familias portuguesas. Porén, coa entrada de Portugal en 1910 nun novo réxime e as crecentes dificultades dos párrocos para cruzar a fronteira, Cambedo e Souteliño acabaron sendo incorporados tamén ó arcebispado bracarense o 27 de novembro de 1914.[11]

Entre 1936 e 1946 acolleu guerrilleiros e exiliados do franquismo. O 19 de decembro de 1946 tivo lugar nas súas inmediacións a batalla de Cambedo, un encontro bélico entre os guerrilleiros antifranquistas españois, por unha banda, e por outra forzas da Garda Civil española e mais elementos portugueses da Garda Nacional Republicana, Garda Fiscal, do exército e da PIDE.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e freguesías

[editar | editar a fonte]

Lugares de Vilarelho da Raia

[editar | editar a fonte]

Freguesías de Chaves

[editar | editar a fonte]


  1. "Cambedo da Raia - dia 2 - Entender o Povo do Cambedo". Chaves. 13.dec.2007. Consultado o 14.1.2019. [Memórias Paroquiais de 1758] Tem uma vintena de moradores e é metade galego e metade portuguesa. Os portugueses são dezasseis e os galegos outros tantos e os portugueses são da freguesia deste logar de Vilarelho e os galegos são da freguesia de Santa Maria de Oimbra. 
  2. 2,0 2,1 Hernández Figueiredo 2014, p. 233.
  3. Nomenclátor de los pueblos de España (en castelán). Madrid. 1858. p. 632. 
  4. Fulgosio, Fernando (1868). Crónica de la provincia de Orense (en castelán). Madrid. p. 9. O estado dos pobos promíscuos non era menos singular: postos cabalmente na raia de ámbalas nacións, parte dunha casa adoitaba pertencer a España e outra a Portugal. Dese xeito, o veciño perseguido polas autoridades españolas, por exemplo, sen saír da súa morada e con só se presentar na porta, que todas ou case tódalas casas tiñan polas costas, achábase en Portugal e a salvo de todo castigo. Grandes folgos ó crime e á impunidade! 
  5. 5,0 5,1 Cadenas, Delfim (17.6.2014). "A Aldeia do Cambedo e o Couto Mixto". Jornal Mapa. 
  6. Capela, José Viriato (2007). As freguesias do distrito de Bragança nas Memórias Paroquiais de 1758 : memórias, história e património. (PDF) (bookPart ed.). Braga. p. 76. ISBN 978-972-98662-3-4. 
  7. Alonso, Antón (4.7.2014). "El Couto Mixto (Ourense) Caso único en Europa" (PDF). Asociación de Corresponsales de Prensa Extranjera (ACPE) (en castelán). 
  8. Salinas Valencia, Máximo (2002). O Couto Mixto: o seu contorno arraiano e os Pobos Promiscuos. Descrición socioeconómica. Asociación de Amigos do Couto Mixto. p. 21. ISBN 84-7680-388-5. 
  9. García Mañá, Luís Manuel (xullo/decembro 2001). "Couto Mixto, unha república esquecida". IGADI. Arquivado dende o orixinal o 16-03-2012. Consultado o 4-6-2016. 
  10. Hernández Figueiredo 2014, pp. 227-229.
  11. Hernández Figueiredo 2014, pp. 231-240.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]