(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Catarina Howard - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Catarina Howard

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCatarina Howard

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Catherine Howard Editar o valor en Wikidata
1521 (Gregoriano) ↔ 1525 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Lambeth, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte13 de febreiro de 1542 Editar o valor en Wikidata (17/18 anos)
Torre de Londres, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, decapitación Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCapela Real de São Pedro ad Vincula (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Cor do peloCabelo castaño Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónconsorte, dama de compañía Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaHoward family (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeHenrique VIII de Inglaterra (1540 (Gregoriano)–1542 (Gregoriano)) Editar o valor en Wikidata
PaisLord Edmund Howard Editar o valor en Wikidata  e Joyce Culpeper Editar o valor en Wikidata
IrmánsSir George Howard
Charles Howard Editar o valor en Wikidata
ParentesAna Bolena, male pure masculine first cousin
María I de Inglaterra, fillastra
Isabel I de Inglaterra, fillastra, second niece
Eduardo VI de Inglaterra, fillastro
Thomas Culpepper, curmán Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDictionary of National Biography
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Howard-312 Find a Grave: 1968 Editar o valor en Wikidata

Catarina Howard, nada entre 1520 e 1525 e falecida en Londres o 13 de febreiro de 1542, tamén coñecida como Catherine Howard, Katherine Howard ou Katheryn Howard, foi a quinta muller de Henrique VIII de Inglaterra, converténdose entre 1540 e 1542 na raíña consorte de Inglaterra.

Catarina casou axiña con Henrique VIII, que a alcumaba "a rosa sen espiñas", o 28 de xullo de 1540 no castelo de Oatlands en Surrey, após a anulación do matrimonio do rei e de Ana de Cleves. O 13 de febreiro de 1542, ao ser declarada Catarina culpábel de adulterio e de traizón, foi degolada na Torre de Londres logo de tan só dous anos de matrimonio.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Catherine Howard era a décima filla de Lord Edmund Howard, o fillo máis novo do segundo duque de Norfolk e Joyce Culpeper. Os seus fillos maiores foron Ralph, Xurxo, Henrique, Carlos, María, Tomás, Isabel, Joyce e Margarida. Ignoramos a data e o lugar exacto do seu nacemento, mais algunhas fontes falan do 1521, en Londres.

Era a sobriña de Thomas Howard, o terceiro duque de Norfolk, afeccionado papista e opoñente político de Thomas Cromwell. Este parentesco facía dela unha curmá da segunda muller do rei, a raíña Ana Bolena, e da irmá desta María Bolena, que fora tamén a amante de Henrique.

A familia de Catarina pertencía á aristocracia inglesa. Porén, a lei de primoxenitura privara o seu pai da herdanza familiar, de xeito que era relativamente pobre e pedía frecuentemente a axuda dos seus parentes mellor avidos. En 1531, súa curmá Ana Bolena ofreceulle un emprego gobernamental ao servizo do rei en Calais.

Naquela época, a nova e belida rapaza foi enviada a vivir no pazo de Lambeth de súa avoa, Agnes Tilney, duquesa viúva de Norfolk. No palacio de Lambeth, a duquesa estaba á cabeceira dunha gran casa que acubillaba entre outras persoas ás súas numerosas pupilas, principalmente parentes pobres cuxa familia non podía asumir a carga que traían consigo. Criar aos mozos e mozas nunha casa nobre diferente á súa foi durante séculos unha práctica común na educación das persoas nobres europeas. Non obstante, a vixilancia en Lambeth era moi laxa. A duquesa viúva pasaba a meirande parte do tempo na Corte e concedía moi pouco interese a educación dos seus pupilos. Catarina foi, xa que logo, a menos instruída das esposas de Henrique VIII, aínda que aparentemente soubo ler e escribir, a diferenza doutras inglesas da época menos ben nadas. É descrita coma xovial e alegre, mais endexamais coma erudita ou devota. A atmosfera licenciosa e libertina que reinaba no pazo da duquesa afectoulle tamén a Henry Manox, o profesor de música de Catarina, comezando unha relación con ela nos arredores de 1536, cando Catarina só tiña entre 11 e 16 anos. Cando acadou o trono, nomeou a Manox músico particular nos seus cuartos. E será el quen achegará máis tarde probas incriminatorias na pescuda dirixida na súa contra.

Manox e Catarina ambos os dous confesaron durante o procedemento teren contactos sexuais no pasado, pero nunca relacións completas. Esta relación rematou en 1538, cando un secretario da casa da duquesa, Francisco Dereham, engaiolou a Catarina. Namoráronse, dirixíndose o un ao outro coma "marido" e "muller". Dereham tamén lle confiara a Catarina multitude de responsabilidades que incumbían comunmente a unha esposa, como gardar os seus cartos cando viaxaba por negocios. A inmensa maioría das compañeiras de Catarina, as damas de honor e as pupilas da duquesa, estaban ao tanto desta relación, que aparentemente rematou en 1539, cando a duquesa tivo conta do asunto. Malia esta desaprobación, Catarina e Dereham terían a intención de casaren, poñéndose de acordo sobre un "precontrato" matrimonial. Se efectivamente fixeron unha promesa de se desposaren denantes de ter contactos sexuais, estarían considerados coma casados pola Igrexa.

Chegada á Corte

[editar | editar a fonte]
Catarina Howard por Hans Holbein o Mozo.

O tío de Catarina atopoulle un posto dentro da corte de Henrique VIII, coma dama de honor da nova muller do rei, a alemá Ana de Cleves. A atractiva e sedutora Catarina cativou rapidamente ao rei, que dende o principio da súa maridaxe concedera pouco interese a Ana. Os máis achegados a Catarina non pensaban que a fermosa muller fose o bastante madura e intelixente para asumir as responsabilidades dunha verdadeira favorita, porque estaba pouco adoutrinada para a súa chegada á Corte, mais axiña outros factores entraron en xogo. A execución de Ana Bolena por adulterio mancelara a reputación de Norfolk, e esta prestixiosa familia católica vía en Catarina unha figura clave para o seu propósito e determinación de restaurar a fe católica en Inglaterra. A súa influencia medrou xunto co interese do rei pola súa familia. Aos poucos meses de arribar á Corte, Henrique outorgoulle terras e suntuosas e caras roupaxes a Catarina.

Casamento

[editar | editar a fonte]

Henrique obtivo o 9 de xullo de 1540 a nulidade do seu matrimonio con Ana de Cleves, dándolle crédito ás murmuracións que afirmaban que Catarina estaba embarazada. O seu fugaz matrimonio, menos de tres semanas despois do divorcio, reflectía a impaciencia de Henrique de asegurar a sucesión dos Tudor tendo fillos vigorosos e lexítimos, posto que só tiña un, o futuro rei Eduardo VI. Henrique, próximo á cincuentena, ateigaba a súa máis nova esposa de bens, xoias e outros agasallos maxestosos. A guerra contra Francia e a Reforma anglicana costáranlle a Henrique a súa popularidade, e sufría á parte gran cantidade de preocupacións de saúde. A presenza ao seu carón dunha esposa nova, amábel e encantadora aportoulle moitas ledicias. O lema desta: Non outra vontade que a súa reflectía o desexo de Catarina de satisfacer a Henrique, un home trinta anos maior ca ela.

Tomou sobre o seu esposo unha influencia considerábel e motivouno para un achegamento e reconciliación coa Igrexa Católica, atraendo así a inimizade do partido da Reforma.

Pese a súa riqueza e ao seu poder recentes, Catarina encontraba, porén, poucos atractivos na súa relación conxugal. Non logrou estar nunca embarazada. A obesidade do seu home dáballe noxo (pesaba en torno aos 136 quilos, e unha úlcera na súa coxa emanaba un cheiro nauseabundo).

Henrique xamais fora un home refinado e galante; así como en todo, as súas maneiras eran brutais e directas, os preámbulos moi curtos, os desenvolvementos limitados e a conclusión abrupta; o amor físico estivo sempre para el reducido ao esencial, un rito biolóxico sen fantasía, cun fin de procreación. A agarimosa Catarina coñecérao ben antes de casaren, cuxa aparencia non tiña por outra banda nada máis atractivo.

No 1541, Catarina enleouse nunha relación cun dos favoritos de Henrique, Thomas Culpeper, ao que atopou xa irresistíbel á súa chegada á Corte, dous anos antes. As citas galantes foron organizadas por unha das damas de honor máis vellas de Catarina, Lady Rochford, a viúva de Xurxo Bolena, irmán de Ana Bolena.

Henrique e Catarina percorreron Inglaterra xuntos durante o verán de 1541, e os preparativos dunha coroación, que seguira todo anuncio de preñez, seguían o seu curso, o que indica que a parella era activa aínda no concernente ao sexo. Malia isto, a medida que a relación extraconxugal de Catarina se desenvolvía, as testemuñas da súa conduta desleixada no pazo de Lambeth comezaron a se poñeren en contacto con ela para obter favores. Co fin de mercar o seu silencio, deulles postos no seu séquito á inmensa maioría deles. En particular, nomeou a Henry Mannox músico da súa alcoba e fixo a Francisco Dereham o seu secretario persoal. Esta desastrosa decisión conduciuna a ser acusada de traizón e de adulterio dous anos despois do seu matrimonio.

Versión dos Windsor da miniatura de Hans Holbein o Mozo.

A finais do ano 1541, a conduta disoluta de Catarina foi descuberta a plena luz do día por Xoán Lascelles, un reformador protestante cuxa irmá, Mary Hall, fora dama de cámara da duquesa viúva, e fora, á súa vez, testemuña das paixóns adolescentes de Catarina. Lascelles informou sobre isto a Thomas Cranmer, entón arcebispo de Canterbury, virulento antipapista e un dos conselleiros máis próximos do rei. Cranmer, consciente que un precontrato concluído con Dereham invalidaría a maridaxe de Catarina e de Henrique, entregoulle unha carta que contería as acusación levadas contra súa esposa, mentres asistían á misa o 2 de novembro de 1541. Henrique negouse primeiro a crer estas alegacións, pensando que a carta era falsa, e pediu que Cranmer afondase máis neste asunto. Algúns días máis tarde, algunhas probas foron achadas, particularmente as confesións de Dereham e Culpeper tras seren torturados na Torre de Londres, amais dunha carta de amor de Catarina dirixida a Culpeper.

Catarina foi acusada de traizón, mais até a fin, mesmo ante o seu confesor algunhas horas antes da súa morte, negou enganar ao rei con Culpeper. En troques, admitiu que a súa conduta antes do seu matrimonio fora indigna dunha dama do seu rango, e canto máis dunha raíña de Inglaterra.

O 12 de novembro de 1541 Catarina foi prendida. Segundo a lenda, fuxiu brevemente dos seus gardas para correr á capela onde Henrique comungaba. Tamborilou nas portas e berrou o seu nome. Con todo, foi devolta aos seus apousentos de Hampton Court, onde ficou encerrada, acompañada soamente pola fiel Lady Rochford. Os seus rogos para ver ao rei foron desouvidos, e Cranmer interrogouna en canto aos seus gastos. Disque Cranmer atopouna nun estado tan lastimoso e desacougante, chegando a dicir, "atopeina na desesperación máis grande e a debilidade máis terríbel que xamais vin nunha criatura, e isto conmovería o corazón de calquera home ao a ver". Ordenoulles aos gardas quitar dos seus apousentos todos os obxectos que puidese empregar para se suicidar.

A existencia dun precontrato entre Catarina e Dereham permitiría a anulación do matrimonio e o seu desterro da Corte. Catarina sería retirada e exiliada da Corte e da vida pública, mais ceibaríase do destino tráxico de súa curmá Ana Bolena. Pero negou obstinadamente a existencia de tal precontrato.

Encadeamento e execución

[editar | editar a fonte]

Catarina foi destituída do seu título de raíña o 22 de novembro de 1541, e encarcerada en Syon House, en Middlesex. Culpeper e Dereham foron executados en Tyburn o 10 de decembro, o primeiro xugulado, o segundo aforcado, destripado e desmembrado por traizón e, como era o costume, as súas cabezas foron expostas sobre a ponte de Londres. Os parentes de Catarina foron tamén encarcerados na Torre, agás seu tío Thomas, o duque de Norfolk, que se distanciara dabondo para non verse mergullado no escándalo. Todo o que se chamase Howard foi xulgado, recoñecidos culpábeis de ocultación, e máis de traizón, e condenados a cadea perpetua e á confiscación dos seus bens. Finalmente, foron liberados e os seus bens fóronlles restituídos.

A sorte de Catarina permaneceu tamén dubidosa, até que o parlamento inglés promulgou un decreto de morte civil o 21 de xaneiro de 1542, que declaraba a traizón castigábel coa morte.

Isto resolvía o problema do precontrato supostamente asinado por Catarina e facíaa indiscutibelmente culpábel, porque un adulterio cometido pola raíña estaba considerado coma unha traizón. Catarina foi trasladada á Torre de Londres o 10 de febreiro e o 11 de febreiro, Henrique asinou o decreto de morte civil, e a execución de Catarina fixouse sobre as 7 da mañá do 13 de febreiro. A noite anterior á súa execución, Catarina pasara moitas horas adestrándose en pór a súa cabeza sobre o tallo. Morreu gardando relativamente a calma, mais estaba pálida e parecía arrepiada. Pediu axuda para subir sobre o cadafalso de Tower Green. Fixo un pequeno discurso onde calificou o seu castigo de "nobre e xusto". Pediu o perdón para a súa familia e oracións para a súa alma. Foi xugulada dun golpe, e o seu corpo foi sepultado nunha tumba anónima na capela próxima de St Pedro ad Vincula, onde xa repousaba o corpo de súa curmá, Ana Bolena. Henrique non asistiu á cerimonia.

En 1543, Henrique VIII volveu casar, desta vez con Catarina Parr, mais non podería gozar moito tempo da súa nova maridaxe, xa que morrería un ano despois do casamento. O corpo de Catarina Howard foi identificado durante as restauracións da capela baixo o reinado da raíña Vitoria no século XIX, e é conmemorada cunha placa na parede occidental adicada aos que finaron na Torre de Londres.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Ana de Cleves
Raíña Consorte de Inglaterra
1540 - 1542
Sucesor:
Catarina Parr

|}