Dólar de prata March of Dimes
Dólar de prata March of Dimes | |
---|---|
A/: Retratos de perfil cara á dereita de Franklin D. Roosvelt e Jonas Salk. Data e marcas de ceca, de deseñador (PCB) e de gravador (MG).
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST |
R/: Bebé durmindo sobre a man da súa nai. Marca de gravador (DE).
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / MARCH of DIMES / $1 / E PLURIBUS UNUM |
|
O dólar de prata March of Dimes é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2015 e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de West Point.
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 112-209, do 18 de decembro de 2012,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda que recoñecese o labor da entidade sen ánimo de lucro March of Dimes, dedicada ao coidado da saúde das nais e dos bebés, en conmemoración do 75 aniversario da súa fundación por Franklin D. Roosvelt en 1938.[2][3]
Deseño
[editar | editar a fonte]Para a escolla dos motivos que debían estar presentes nesta moeda conmemorativa, o Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda e a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos fixeron as súas propostas de 22 posibles anversos e 18 reversos,[4] entre os que se escolleron os que finalmente se chegaron a cuñar.[5]
No anverso da moeda, deseñado por Paul C. Balan e gravado por Michael Gaudioso, represéntanse os retratos de Franklin D. Roosvelt, fundador da entidade March of Dimes e do doutor Jonas Salk, creador da vacina contra a poliomielite. Á súa dereita amósanse impresos os lemas LIBERTY ("Liberdade") e IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), tradicionais das moedas estadounidenses, así como a data de emisión da moeda.[2][3]
Pola súa banda, o reverso, obra de Don Everhart, reproduce a imaxe dun bebé durmindo sobre a man da súa nai, en alusión aos fins que persegue a Fundación, xunto coa lenda MARCH OF DIMES. O nome do país emisor, o valor facial e o lema E PLURIBUS UNUM completan as lendas do reverso.[2][3]
Produción e comercialización
[editar | editar a fonte]A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de West Point cuñou as moedas con acabamento especial (proof) a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 13 de marzo de 2015.[2][3]
A súa produción foi de 24.742 moedas na súa condición estándar e 132.030 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 156.772 exemplares.[3][6]
A moeda comercializouse aos prezos de 48,95 dólares en condición estándar e 51,95 en versión proof,[7] e consonte a lei que autorizou a súa emisión, unha parte do beneficio acadado pola súa venda foi destinado á Fundación March of Dimes para axudar a financiar a investigación, a educación e os servizos encamiñados á mellora da saúde das nais e dos bebés.[2][3]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O dólar de prata March of Dimes foi galardoado na edición de 2017 dos Premios Moeda do Ano, como "moeda máis inspiradora" das cuñadas no mundo en 2015.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Public Law 112-209 - DEC. 18, 2012". Govinfo.gov
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "March of Dimes Silver Dollar". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "1 Dollar March of Dimes". Numista.com
- ↑ Unser, M. (2014). "2015 March of Dimes Silver Dollar Designs Recommended". En CoinsNews.net. 19 de maio.
- ↑ Unser, D. L. (2015). "2015 March of Dimes Silver Dollar Images Revealed". En CoinNews.net. 30 de xaneiro.
- ↑ "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 2015 March of Dimes Silver Dollar". United States Mint.
- ↑ "2015 March of Dimes Silver Dollar". ModernCommemoratives.com
- ↑ "Coin of the Year's 10 winners". En Numismatic News. 15 de decembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "2015 March of Dimes Silver Dollar" (ModernCommemoratives.com)