Dolores Vázquez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de decembro de 1951 (72 anos) Betanzos, España |
Cronoloxía | |
1999 | Asasinato de Rocío Wanninkhof |
Dolores Vázquez Mosquera, nada en Betanzos o 3 de decembro de 1951, é unha cidadá galega que acadou notoriedade por ser vítima dun erro xudicial[1] nas primeiras décadas do século XXI en España.
O caso Wanninkhof
[editar | editar a fonte]Dolores Vázquez traballaba nun hotel de Mijas a finais do século XX, cando se produciu a desaparición de Rocío Wanninkhof, unha moza de dezanove anos desa localidade e filla da súa anterior parella, Alicia Hornos. A rapaza saíra de noite o 14 de outubro de 1999 para ir ás festas de Fuengirola despois de estar en casa do mozo. Ao día seguinte a nai atopou nas proximidades da casa as zapatillas deportivas e restos de sangue da filla, co que a desaparición pasa a ser investigada pola Garda Civil. Despois de varias semanas de busca, a mediados de novembro aparece preto de Marbella o cadáver de Rocío Wanninkhof, que falecera por acoitelamento e a quen posteriormente queimaran.
As pescudas de culpables do crime centráronse nun primeiro momento no mozo da rapaza, e posteriormente en Dolores Vázquez. A pesar de que non existían probas[2], Vázquez foi detida e denegóuselle a liberdade provisional en dúas ocasións[3]. No xuízo, levado a cabo por un xurado popular, Dolores Vázquez foi condenada en 2001 por asasinato a quince anos de cárcere e a unha multa de máis de 100.000 €. As referencias ao seu carácter galego[4] e á súa relación lésbica foron manexadas durante o xuízo, que tivo unha moi relevante repercusión nos medios e social[5]. Os seus avogados solicitaron a revisión da condena e decidiuse a repetición do xuízo en 2003.
O caso Carabantes
[editar | editar a fonte]Pero antes da repetición do xuízo, volve producirse o asasinato dunha moza, Sonia Carabantes, en similares circunstancias e na mesma zona (neste caso, Coín). O ADN do asasino concidía co achado nunha cabicha de xunta o cadáver de Wanninkhof, pero que ata daquela non fora considerada como evidencia. Como consecuencia destas probas, a sentenza orixinal anúlase. Grazas á denuncia da súa exparella, a Garda Civil detivo a Tony Alexander King, un cidadán inglés que levaba dous anos establecido na Costa do Sol, e que tiña un historial de condenas no Reino Unido por violencia e delitos sexuais. King foi condenado tamén en España polos asasinatos de Sonia Carabantes e de Rocío Wanninkhof[6].
Dolores Vázquez permaneceu 17 meses no cárcere. Posteriormente exiliouse no Reino Unido[7].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Justicia admite que hubo un error con Dolores Vázquez y propone 120.000 euros de indemnización, Sur.
- ↑ Condena sin pruebas, artigo de Jesús Pérez Royo para El País, 23/9/2001.
- ↑ El infierno de Alicia Hornos, Libertad Digital, 4/2/2005.
- ↑ Vázquez y Martínez, artigo de Inmaculada Navarrete publicado en ABC o 24/9/2001.
- ↑ El caso de Rocío Wanninkhof y la visión de túnel
- ↑ El británico Tony King, condenado a 36 años de prisión por la muerte de Sonia Carabantes. El Mundo, 15/11/2005.
- ↑ "Dolores Vázquez se refugia en Reino Unido diez años después del caso Wanninkhof". Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2013. Consultado o 03 de xuño de 2013.