Duodeno
Duodeno | |
---|---|
Diagrama esquemático do tracto gastrointestinal humano no que se resaltou o duodeno. | |
Latín | Duodenum |
Gray's | pág.1169 |
Arteria | Arteria pancreaticoduodenal inferior, Arteria pancreaticoduodenal superior |
Vea | Veas pancreaticoduodenais |
Nervio(s) | ganglio celíaco, vago |
Precursor | Intestino anterior (1ª e 2ª partws), Intestino medio (3ª e 4ª partes) |
MeSH | duodenum |
Dorlands/Elsevier | Duodenum |
O duodeno (do latín duodenum, de duodenum digitorum, "doce dedos", polo seu tamaño) é a primeira porción do intestino delgado que parte do estómago no ser humano e na maioría dos vertebrados superiores, incluíndo aos mamíferos, réptiles, e aves. Nos peixes, as divisións do intestino delgado non están claras, e adoitan usarse os termos intestino anterior ou intestino proximal en vez de duodeno.[1] Nos humanos, o duodeno ten a forma dun tubo oco curvado duns 25–38 cm de lonxitude e 4–5 cm de diámetro con forma de C, que conecta o estómago co xexuno (segunda porción do intestino delgado). Comeza no bulbo duodenal e acaba no ligamento de Treitz (músculo suspensorio do duodeno).[2] No duodeno vértese o quimo (alimentos parcialmente dixeridos) do estómago, as secrecións biliares hepáticas e as secrecións pancreáticas, xunto coas secrecións protectoras e encimáticas da propia parede duodenal.
O duodeno é a parte máis curta e de máis diámetro do intestino delgado, pero nel ten lugar a maior parte da dixestión química.[3] Nos mamíferos o duodeno pode ser o lugar principal de absorción do ferro.[4]
Función
[editar | editar a fonte]No duodeno ten lugar a maior parte da dixestión encimática dos alimentos, que se inicia no estómago. Na parede do duodeno hai criptas de Lieberkühn, que producen encimas. No duodeno hai glándulas de Brunner, que producen unha secreción mucosa protectora; estas glándulas son moi abundantes no píloro e van diminuíndo en número progresivamente no duodeno, e normalmente xa practicamente non hai no seu terzo distal. A bile vértese no duodeno polo conduto biliar e o páncreas verte polo conduto pancreático ou de Wirsung; ambos os dous desembocan formando a ampola de Vater.
O duodeno tamén regula o grao de baleiramento do estómago por medio de hormonas como a secretina e colecistoquinina, que son producidas polas células S e I do epitelio intestinal e liberadas no duodeno en resposta a estímulos ácidos e presenza de graxas, e que regulan a apertura do píloro. A entrada de alimento parcialmente dixerido (quimo) no duodeno fai que a vesícula biliar verta no duodeno a bile fabricada no fígado, e que o páncreas libere bicarbonato e encimas dixestivos como tripsina, lipase e amilase.
Seccións
[editar | editar a fonte]O duodeno divídese para a súa descrición en catro seccións ou partes: superior, descendente, horizontal e ascendente. As primeiras tres seccións cúrvanse formando un bucle con forma de C no medio do cal encaixa a cabeza do páncreas. Só os primeiros 2 cm da parte superior do duodeno están cubertos polo peritoneo e poden moverse con certa liberdade igual que a zona pilórica estomacal á que están unidos; o resto do duodeno é retroperitoneal e está fixado a estruturas da parede abdominal, polo que é inmóbil (a excepción son os 1–2 cm finais).
Primeira parte: porción superior
[editar | editar a fonte]A primeira parte do duodeno comprende a súa porción superior, que comeza na terminación duodenal do píloro a nivel da primeira vértebra lumbar. Desde alí os primeiros 5 cm discorren lateralmente (á dereita), cara a atrás e arriba. A rexión proximal desta zona forma o bulbo duodenal. Despois fai unha brusca curva cara a abaixo á altura da primeira vértebra lumbar, formando o chamado ángulo duodenal superior (onde acaba esta parte primeira ou superior do duodeno). Esta é a única porción intraperitoneal do duodeno.[5]
Relacións
[editar | editar a fonte]- Pola parte anterior está en contacto con:
- Vesícula biliar
- Lóbulo cadrado do fígado
- Pola parte posterior está en contacto con:
- Conduto biliar
- Arteria gastroduodenal
- Vea porta
- Vea cava inferior
- Pola parte superior está en contacto con:
- Colo da vesícula biliar
- Ligamento hepatoduodenal (omento menor)
- Pola parte inferior está en contacto con:
- Colo do páncreas
- Omento maior
Segunda parte: porción descendente
[editar | editar a fonte]É a parte descendente do duodeno, que empeza no ángulo duodenal superior. Diríxese cara a abaixo á dereita da columna vertebral e chega ata o nivel da 3ª vértebra lumbar, e fai unha brusca curva no ángulo duodenal inferior, que é o final da parte descendente. Está cruzada anteriormente polo colon transverso co cal está en contacto directo, e pola parte superior está en contacto co lóbulo dereito do fígado e a vesícula biliar, pola parte inferior co xexuno, pola posterior co ril dereito, e pola súa cara medial coa cabeza do páncreas.
O conduto pancreático e o conduto biliar común (colédoco) entran xuntos no duodeno (formando en conxunto o conduto hepatopancreático) pola ampola de Vater, que se abre na papila duodenal maior, situada aproximadamente a 8–10 cm do píloro. A unión entre os intestinos embrionarios anterior e medio está xusto debaixo da papila duodenal maior. Uns 2–3 cm máis abaixo encóntrase a papila duodenal menor, que é a entrada do conduto pancreático accesorio ou de Santorini.
Terceira parte: porción horizontal
[editar | editar a fonte]Empeza no ángulo duodenal inferior e diríxese transversalmente á esquerda e algo cara a arriba, cruza por diante do uréter dereito, psoas maior dereito, vasos testiculares/ováricos dereitos, e acaba diante da aorta (nótese que como estaba á dereita, aínda que xira a esquerda, os vasos que cruza son os dereitos). A súa parte anterior é cruzada polos vasos mesentéricos superiores.
Cuarta parte: porción ascendente
[editar | editar a fonte]Diríxese cara a arriba algo á esquerda da aorta e chega ata o nivel da segunda vértebra lumbar, onde fai unha brusca curva chamada ángulo duodenoxexunal, situado en contacto co bordo inferior do páncreas, e alí acaba, uníndose ao xexuno. O ángulo duodenal está rodeado dun pregamento peritoneal que contén fibras musculares denominado ligamento de Treitz ou músculo suspensorio do duodeno. Por detrás deste ángulo están o tronco simpático, psoas maior esquerdo e vasos testicular/ovárico esquerdos.
Irrigación sanguínea
[editar | editar a fonte]O duodeno recibe sangue arterial de dúas procedencias. A transición entre estas dúas procedencias é importante porque delimita o intestino anterior e o medio. Na zona que está antes da segunda parte do duodeno (aproximadamente na papila duodenal maior, onde entra o conduto biliar) a subministración de sangue arterial procede da arteria gastroduodenal e a súa rama a arteria pancreaticoduodenal superior. Na zona distal a partir dese punto (o intestino medio) o sangue procede da arteria mesentérica superior, e a súa rama a arteria pancreaticoduodenal inferior irriga a terceira e cuarta seccións do duodeno. A arteria pancreaticoduodenal superior e a inferior forman unha anastamose con forma de bucle entre a tronco celíaco e a arteria mesentérica superior, polo que alí hai unha potencial circulación colateral.
A drenaxe venosa do duodeno segue as arterias. Finalmente estas veas desembocan no sistema portal, quer directamente quer indirectamente a través da vea esplénica ou da vea mesentérica superior.
Drenaxe linfática
[editar | editar a fonte]Os vasos linfáticos seguen ás arterias en dirección retrógrada. Os vasos linfáticos anteriores drenan no ganglio linfático pancreatoduodenal localizado ao longo das arterias pancreatoduodenais superior e inferior e despois nos ganglios linfáticos pilóricos (ao longo da arteria gastroduodenal). Os vasos linfáticos posteriores pasan por detrás da cabeza do páncreas e drenan nos ganglios linfáticos mesentéricos superiores. Os vasos linfáticos eferentes procedentes dos ganglios linfáticos duodenais finalmente van aos ganglios linfáticos celíacos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Guillaume, Jean; Praxis Publishing, Sadasivam Kaushik, Pierre Bergot, Robert Metailler (2001). Nutrition and Feeding of Fish and Crustaceans. Springer. p. 31. ISBN 9781852332419. Consultado o 2009-01-09.
- ↑ van Gijn J; Gijselhart JP (2011). "Treitz and his ligament.". Ned Tijdschr Geneeskd. 155 (8). PMID 21557825.
- ↑ "Duodenal Anatomy".
- ↑ Latunde-Dada GO; Van der Westhuizen J; Vulpe CD; et al. (2002). "Molecular and functional roles of duodenal cytochrome B (Dcytb) in iron metabolism". Blood Cells Mol. Dis. 29 (3): 356–60. PMID 12547225. doi:10.1006/bcmd.2002.0574.
- ↑ G. J. Romanes. Cunningham-Tratado de Anatomía. Interamericana-McGraw Hill. 1987. Páxina 481. ISBN 84-7605-359-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- NormanAnatomy duodenum en The Anatomy Lesson