Elyesa Bazna
Nome orixinal | (sq) Iliaz Bazda |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 28 de xullo de 1904 Pristina (Imperio Otomán) |
Morte | 21 de decembro de 1970 (66 anos) Múnic, Alemaña |
Lugar de sepultura | Friedhof am Perlacher Forst (en) |
Actividade | |
Ocupación | espía |
Elyesa Bazna, en albanés Iliaz Bazna e nome en clave Cicero, nado en Pristina o 28 de xullo de 1904 e finado en Múnic o 23 de decembro de 1970, foi un espía turco que operou entre outubro de 1943 e marzo de 1944 en Ancara durante a segunda guerra mundial para o servizo de seguridade alemán (SD).[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Bazna naceu en Pristina, entón unha cidade do valiato de Kosovo do Imperio Otomán. Os seus pais eran de orixe albanesa [2], o pai era profesor de doutrina islámica e terratenente. Cando tiña 14 anos as forzas serbias ocuparon a súa cidade natal e durante a derrota e disolución do Imperio Otomán [3] Bazna e a súa familia mudáronse a Istambul. Alí Elyesa foi á escola e despois traballou para unha unidade de transporte militar francés. Por cometer varios roubos cumpriu tres anos nun campo de traballo en Marsella, e logo traballou nunha empresa de camións. En 1925 volveu a Turquía, serviu como axuda de cámara do embaixador iugoslavo durante sete anos e despois durante un breve tempo do asociado militar estadounidense. Durante este tempo casou e tivo catro fillos e tomou leccións de canto dun profesor alemán, aínda que o seu intento de dar recitais resultou nun fracaso financeiro [4].
En 1942 traballou en Ancara como axudante de cámara para o empresario alemán Albert Jenke, que pasou a servir na embaixada alemá en 1943. Despois tivo o mesmo posto para o primeiro secretario da embaixada británica, Douglas Busk, e finalmente para o embaixador Hughe Montgomery Knatchbull-Hugessen [4]
Entre outubro de 1943 a marzo de 1944
[editar | editar a fonte]Sir Hughe levaba documentos importantes ao seu apartamento privado contra das propias normas da diplomacia británica, e así Bazna que tiña acceso ás chaves da gabeta foi quen de fotografar, ás agachadas cunha cámara Leica e un trípode improvisado, escritos sobre estratexia, movemento de tropas e negocións para que Turquía entrase na guerra do lado aliado [5]. O 26 de outubro de 1943 ofreceulle á embaixada de Alemaña en Ancara dous rolos de película por 20.000 libras por medio do seu antigo xefe, Albert Jenke, que era cuñado de Joachim von Ribbentrop, logo a muller de Jenke contactou con Ludwig Carl Moyzisch, oficial da intelixencia alemá que servía como o oficial da SD na embaixada[3] e Bazna quedou como o seu contacto. Foi o embaixador Franz von Papen quen lle deu o nome en código Cicero pola súa extraordinaria elocuencia[6]. Daquela deu como motivo un suposto odio cara aos británicos, pero máis tarde, nas súas memorias, falou do seu desexo de riquezas. En total, proporcionoulles aos alemáns entre corenta e cincuenta rolos de película con preto de 400 fotografías. Cun salario como axente de 300.000 libras, e logo, un contravalor de 1,2 millóns de dólares estadounidenses, converteuse no espía mellor pagado do mundo. Así e todo, recibiu principalmente billetes falsificados de libras esterlinas que procedían da operación Bernhard da SD.
Os documentos que pasou eran de importancia e alto nivel de secreto, e incluían información sobre a política británica en Oriente Medio, os intento para que Turquía entrase no campo aliado, a conferencia de Teherán e a segunda fronte prevista en Europa. Sobre o inminente desembarco aliado en Normandía o día 4 de xuño de 1944, os alemáns non tiñan información ningunha ata entón, agás o nome en clave ( Overlord ). Aínda que o xefe da SD, Walter Schellenberg, considerou que os documentos eran auténticos, o ministro de Asuntos Exteriores, Joachim von Ribbentrop, opinou que eran datos falsos realizados polo servizo secreto británico. Debido a esta desconfianza e á interferencia entre o SD e asuntos exteriores, o coñecemento achegado grazas a Cicero non se explotou o suficiente en Berlín.
O 20 de decembro de 1943, o embaixador alemán von Papen utilizou información secreta dun documento de Cicero nunha conversa co ministro de Asuntos Exteriores turco, Numan Menemencioğlu. Este último advertiu inmediatamente ao embaixador británico dunha posible fuga en Ancara. Un control de seguridade na embaixada británica revelou que non había filtracións e que un empregado de İsmet İnönü lle furtara un documento ao embaixador nunha viaxe en tren. Non se investigou a Bazna como sospeitoso, ao non consideralo suficientemente intelixente. Non obstante, endureceron as medidas de seguridade na embaixada, o que dificultou o traballo do espía.[7]
Despois do 24 de decembro de 1943 o opositor alemán a Hitler e espía Fritz Kolbe informou a Allen Welsh Dulles, representante da Oficina de Servizos Estratéxicos (OSS) en Berna, sobre un axente en Ancara de nome Cicero. Kolbe era empregado no ministerio de Asuntos Exteriores de Berlín, e tiña acceso aos telegramas de Ancara e levou con el copias dalgúns destes telegramas a Berna. O día 15 de xaneiro, o presidente estadounidense Franklin D. Roosevelt informoulle ao primeiro ministro británico Winston Churchill da existencia de documentos alemáns en poder da OSS que mostraban que Berlín estaba ben informado da conferencia do Cairo do 22 ao 26 de novembro de 1943.[8]
A OSS logrou introducir a Cornelia Kapp na embaixada alemá en Ancara como secretaria de Moyzisch a principios de xaneiro de 1944. Non obstante, ata conseguir escapar e pasarse aos estadounidenses o 9 de abril de 1944 non puido revelar a identidade de Cicero.[9]
En marzo de 1944 Bazna deixou o seu posto como axudante de cámara temeroso de que o descubrisen e xa con riqueza dabondo.
Posguerra
[editar | editar a fonte]Despois da guerra, cos cartos gañados principiou a construír un hotel de luxo en Bursa pero ao comprobar os billetes Banco de Inglaterra descubríronse que eran falsos e a súa fortuna esvaeceu [3] e Bazna cumpriu sentenza por utilizar diñeiro falso[10]. Tras saír da cadea viviu en Istambul coa súa familia saíndo adiante dando clases de canto, como vendedor de coches usados[11] e vixilante nocturno.
En 1950 comezaron a circular rumores sobre o seu caso e finalmente saíu a luz ao publicar Moyzisch nese ano as súas memorias so o título Der Fall Cicero. Die sensationellste Spionageaffäre des Zweiten Weltkrieges, o que obrigou á Cámara dos Comúns a tratar do tema en outubro de 1950. O ministro de exteriores, Ernest Bevin, recoñeceu o caso Cicero e afirmou que os alemáns só recibiran copias pero non documentos orixinais. O libro serviu de inspiración para o filme de 1951 5 Fingers de Joseph L. Mankiewicz que serviu para popularizar este caso de espionaxe.
En 1954 Bazna solicitoulle ao chanceler alemán Konrad Adenauer unha solicitude de 150.000 libras en compensación polos pagamentos que realizara a SD en diñeiro falsificado mais logo duns meses procedeuse ao rexeitamento da petición[12]. En 1960 Banza emigrou a Múnic e traballou como vixilante nocturno[13] e en 1962 publicou con Hans Nogly as súas memorias co título Ich war Cicero. Neste contexto, Nogly organizou unha xuntanza con Moyzisch e quen efectivamente recoñeceu ao exespía. O libro traduciuse a varias linguas pero tivo pouco éxito financeiro[12].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Richard Wires (2009) The Cicero Spy Affair. German Access to British Secrets in World War II. Praeger: New York, p 5.
- ↑ Kaylan, Muammer (2005). The Kemalists: Islamic Revival and the Fate of Secular Turkey. Prometheus Books, pp 130–131
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Brown, Anthony Cave (2007). Bodyguard of Lies. Globe Pequot Press, p. 394
- ↑ 4,0 4,1 Richard Wires (2009) The Cicero Spy Affair. German Access to British Secrets in World War II. Praeger: New York, pp. 30–32.
- ↑ Adams, Jefferson. "Cicero Affair". Historical Dictionary of German Intelligence. Scarecrow Press, p. 69
- ↑ Shugaar, Antony; Peter Earnest; Steven Guarnaccia (2006). I Lie for a Living: Greatest Spies of All Times. National Geographic, p. 44
- ↑ Richard Wires (2009) The Cicero Spy Affair. German Access to British Secrets in World War II. New York, pp. 112, 116–117, 130–132.
- ↑ Richard Wires (2009) The Cicero Spy Affair. German Access to British Secrets in World War II. New York, pp. 127–128.
- ↑ Richard Wires (2009) The Cicero Spy Affair. German Access to British Secrets in World War II. New York, pp. 165–175.
- ↑ Polmar, Norman; Allen, Thomas B. (2012). World War II: the Encyclopedia of the War Years, 1941–1945. Courier Corporation, p. 211
- ↑ Simmons, Mark (2014). Agent Cicero: Hitler's Most Successful Spy. History Press, p. 151
- ↑ 12,0 12,1 Richard Wires (2009) The Cicero Spy Affair. German Access to British Secrets in World War II. New York, p. 187
- ↑ "Died. Elyesa Bazna". Time, xaneiro de 1971, p. xcvi.