(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Etimoloxía popular - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Etimoloxía popular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A etimoloxía popular é o establecemento da orixe dunha palabra baseándose nas crenzas e nas opinións de xente non especializada na ciencia da etimoloxía. As etimoloxías populares danse na maioría de idiomas.

Características

[editar | editar a fonte]
Armas do rei de Galyce no Armorial Segar (século XIII).

As etimoloxías populares adoitan ser falsas etimoloxías. Con todo, algunha delas queda recollida ou mesmo establecida oficialmente. De feito, o escudo de Galicia pode ter a súa orixe nunha destas etimoloxías populares: a súa primeira aparición, nun armorial do século XIII, débese talvez a unha falsa interpretación de Galicia como Calice (cáliz). Outra posible etimoloxía popular ten a ver co topónimo de Santiago de Compostela, interpretado falsamente como Campus Stellae cando a súa orixe está no máis que probábel Compositella[1].

En lingüística histórica, a etimoloxía popular refírese á variación en pronuncia ou en transliteración dunha palabra ao longo do tempo.[2]

Fonte e influencia das etimoloxías populares

[editar | editar a fonte]

Son diversas as razóns que explican a existencia de etimoloxías populares. Algunhas son interpretacións razoábeis de evidencias que resultan falsas, como cando noutros tempos se asociaba Galicia á Galia. Outras veces, son intentos de oficializarlle unha orixe distinguida a un lugar ou liñaxe (Galegos < Gálatas ou Galileos; de aí tamén procede o uso medieval de "corónica" por crónica, por ser relativa á "coroa [e ó rei]", non á "cronoloxía"). En moitos casos a orixe dunha palabra está nunha lingua que os falantes actuais descoñecen. Mesmo os especialistas adoitan propor orixes plausíbeis para palabras que co tempo se demostran falsas.

  1. Cabeza Quiles, F.: Toponimia de Galicia (2008). Páx. 119.
  2. Sihler, Andrew L. (2000). Language History: an introduction. John Benjamins. pp. 86–88. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]