(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Uxía de Montijo - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Uxía de Montijo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Eugenia de Montijo»)
Modelo:BiografíaUxía de Montijo

(1862) Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(es) Eugenia de Montijo Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) María Eugenia Ignacia Agustina de Palafox Portocarrero y Kirkpatrick Editar o valor en Wikidata
5 de maio de 1826 Editar o valor en Wikidata
Granada, España Editar o valor en Wikidata
Morte11 de xullo de 1920 Editar o valor en Wikidata (94 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaTomb of Eugénie de Montijo (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónconsorte Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoGuerra franco-prusiana Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloEmperatriz consorte
Condesa
Marchioness (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Bonaparte Editar o valor en Wikidata
CónxuxeNapoleón III (1853–1873), morte do cónxuxe Editar o valor en Wikidata
FillosNapoleon Eugène Editar o valor en Wikidata
PaisCipriano de Palafox y Portocarrero Editar o valor en Wikidata  e Maria Manuela Kirkpatrick Editar o valor en Wikidata
IrmánsPaca de Alba Editar o valor en Wikidata
ParentesMartiño o Mozo, devanceiro
Martiño I de Aragón, devanceiro
María de Luna, devanceiro Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
15 de agosto de 1858peregrinación (shrine of Sainte-Anne d'Auray (en) Traducir) Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Eugénie: Frankriges sidste keiserinde (en) Traducir
The Nuttall Encyclopædia >>>:Eugénie, ex-Empress of the French Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1090908 WikiTree: Palafox-19 Find a Grave: 7415 Editar o valor en Wikidata

María Eugenia Palafox Portocarrero y Kirkpatrick, condesa de Teba, máis coñecida como Uxía de Montijo, nada en Granada o 5 de maio de 1826 e finada en Madrid o 11 de xullo de 1920, foi unha nobre española, emperatriz consorte dos franceses como esposa de Napoleón III.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

María Eugenia Ignacia Agostiña de Palafox-Portocarrero de Guzmán e Kirkpatrick naceu en Granada, na rúa Gracia número 12, o 5 de maio de 1826.[1] Uxía foi a segunda filla de Cipriano Palafox y Portocarrero-Idiáquez, XIII duque de Peñaranda, conde de Montijo e de Teba e grande de España, fillo de Felipe Antonio de Palafox Croy, quen tamén utilizou o apelido Guzmán por herdanza de dona Inés de Guzmán, condesa de Teba. Foi militar e político liberal, masón e afrancesado que combateu na guerra da Independencia española á beira de José Bonaparte. A súa nai foi Enriqueta María Manuela Kirkpatrick de Closeburn y de Grevignée, aristócrata española filla do escocés William Kirkpatrick, un exiliado en España na súa mocidade por apoiar a casa de Estuardo nas súas pretensións dinásticas, que foi cónsul dos Estados Unidos en Málaga e da belga Marie Françoise de Grevignée.

Veu ao mundo o mesmo día en que a cidade de Granada sufriu un importante terremoto que adiantou un par de semanas en parto debido ao susto do sismo, nunha tenda de campaña habilitada para o caso no exterior do palacio en que residía a familia, por temor a un derrube fatal, e, como ela mesma diría máis adiante, baixo unha árbore nun pequeno bosque de loureiros e cipreses.

En 1835, Uxía foi enviada a Francia a estudar no Convento do Sacro Corazón e logo no Gymnase Normale, Civile et Orthosomatique, recibindo en ambos unha profunda formación católica, que a acompañou ata o final da súa vida. En 1837 tivo unha curta e desagradable estancia nun internado en Bristol, ao suroeste de Inglaterra.

Danse por certas as circunstancias de que cando contaba doce anos, unha vella xitana do Albaicín, se achegou a ela pera lerlle as liñas da man, e predixo que chegaría a ser raíña. Dez anos máis tarde, xa en París, o abade Brudinet, que exercía o ministerio pastoral xunto á quiromancia, visionou na mesma man unha Coroa Imperial.[2]

Durante a súa mocidade pasaron pola casa familiar grandes intelectuais do momento, viaxeiros ilustrados que ofrecían noticias dos acontecementos da Europa máis refinada, e ofrecíanse grandes festas ás que acudían diplomáticos, escritores, músicos, toureiros e grandes celebridades da época; un deses escritores foi Prosper Mérimée, quen se converteu nunha personaxe asidua ás reunións que se mantiñan no domicilio familiar e que pronto estableceu unha amizade especial coa adolescente Uxía, coa que cambiaba impresións sobre os costumes e historias dun pobo español afeito a debaterse polas súas paixóns de forma incontrolada tanto no amor, como na guerra. Froito dunha desas conversacións, Uxía faloulle do romance protagonizado por unha cigarreira, un toureiro español e un soldado, unha historia e unha paixón que Mérimée desenvolveu na súa novela Carmen, a obra que lle proporcionou a inmortalidade, e na cal se baseou posteriormente a famosa ópera homónima de Georges Bizet.

Pasados os anos, a amizade tanto da nai de Uxía como da propia co escritor, influíu para que, en 1853, Mérimée fose nomeado senador de Francia, e non hai ningunha dúbida de que o peso social e político da Emperatriz, foi decisivo en tal nomeamento.[3]

Namorouse Uxía aos dezaoito anos do marqués de Alcañices, pero foi traizoada e, crendo que a súa vida estaba rota, pensou en tomar os hábitos. Porén, a superiora do convento disuadiuna dicíndolle: "É vostede tan fermosa que máis ben parece nacer para sentar nun trono".

Orfa de pai no ano 1839, residiu entre Granada e Madrid, e viaxou xunto á súa nai e irmá por Italia, Francia, Inglaterra e Alemaña ata que xa en 1850 fixaron a súa residencia en París, onde inducidas pola suspicacia maternal, frecuentaron os salóns da cidade, cunha obsesión maternal de casar as súas fillas co máis selecto da Europa nobre, ata o punto de levantar non xa só envexas nos palacios, senón murmuracións que ían precedidas polas historias das que a súa nai fora protagonista en Inglaterra onde conseguira acceder ao cargo de camareira da propia raíña, e era mesmo acusada de amoríos cos amantes da súa propia nai, facéndoa á súa vez partícipe dunha vida libertina e desenfadada, alcumándoa con fins burlescos como “a señorita de Montijo” en reunións e bailes de alta sociedade onde comezaba a ser mal mirada.

O 12 de abril de 1849, nunha recepción no palacio do Elíseo, a princesa Matilde Bonaparte, curmá de Luís Napoleón, presentouna ao que sería o futuro emperador e foi nunha das moitas reunións sociais da alta liñaxe francesa, onde o enigmático e flamante Napoleón, quedou enfeitizado ante a elegante exuberancia e intelixencia de Uxía, dunha beleza difícil de desapercibir, facéndolle a corte de forma vehemente e eludindo ela o asedio como podía.

O sobriño neto de Napoleón I e fillo de Luís I, rei de Holanda e de Hortensia de Beauharnais, por circunstancias azarosas converteuse en presidente dunha República na que el mesmo buscaba a súa segunda e máis ambiciosa finalidade, chegar a converterse en emperador.

Dende Madrid, Uxía puido seguir as vicisitudes do seu pretendente que, unha vez coroado emperador, solicitou reiteradamente que as Montijo acudisen ás súas propiedades parisienses. Alí, nunha recepción no palacio das Tullerías, no que a princesa Matilde a acolleu coa súa nai, véndoa asomada a un balcón do Palacio, xunto ao Salón inmediato á capela, o emperador achegouse a ela e con inusitado descaro, preguntoulle: "Necesito vela. Como podo chegar ata vostede?" Uxía, con enxeñosos e rápidos reflexos, contestoulle: "Pola capela, señor, pola capela".

Nas Tullerías, no seu discurso de 22 de xaneiro de 1853, ante o Senado, o Corpo Lexislativo e o Consello de Estado, o emperador declarou:

Aquela que se deveu en obxecto da miña preferencia é dun alto nacemento. Francesa de corazón, por educación, e polo recordo do sangue que derramou o seu pai pola causa do Imperio, ten, como española, a vantaxe de non ter familia en Francia á que hai que render honras e dignidades. Dotada de todas as calidades da alma, ela será o adorno do trono, xa que, no día do perigo, converterase nunha das súas valentes defensoras. Católica e piadosa, rezará ao ceo as mesmas oracións que eu fago pola felicidade de Francia; Grácil e boa, ela fará revivir na mesma posición, teño a firme esperanza, as virtudes da emperatriz Xosefina. (...) Veño, señores, a dicir a Francia: prefería unha muller á que amo e respecto, a unha muller descoñecida cuxa alianza tería vantaxes mesturadas con sacrificios. Sen mostrar desdén por ninguén, cedo á miña inclinación, pero despois de consultar a miña razón e as miñas crenzas.

Previamente Napoleón fora rexeitado pola princesa Adelaida, sobriña da raíña Vitoria, polo que este comentario foi visto con certo sarcasmo desde Gran Bretaña. Os xornais dese país efectuaron comentarios sobre a unión entre unha aristócrata de recoñecida liñaxe cun membro da familia Bonaparte.

O domingo 29 de xaneiro de 1853, Uxía vestiuse de satén rosa e tocouse de xasmíns para o casamento civil no palacio das Tullerías. Rexistrouse o matrimonio na Sala dos Mariscais (Salle des Maréchaux) ás 20 horas. Á mañá seguinte, 30 de xaneiro, Uxía de Montijo, con 26 anos, converteuse na emperatriz dos franceses ao consagrar o seu matrimonio con Luís Napoleón, de 45 anos, no altar maior da catedral de Notre-Dame ante o arcebispo de París.[4]

Co enlace, deu comezo un dos períodos máis sobresaltados e interesantes da historia de Francia, cunha copla popular convertida en queixume que dende España dicía:

Eugenia de Montijo, qué pena, pena, que te vayas de España para ser Reina. Por las lises de Francia, Granada dejas, y las aguas del Darro por las del Sena. Eugenia de Montijo, qué pena, pena...

Xa dende o primeiro momento e facendo gala do seu carácter perseverante, deu a primeira mostra no intento de conquistar un pobo francés que non a quería, e dende o mesmo adro da catedral de Notre-Dame deixou o brazo de Napoleón III, volveuse cara aos miles de franceses que a observaban ostentando na súa cabeza o diadema que pertenceu ás súas dúas predecesoras Xosefina e María Luísa e inclinouse facendo unha elegante reverencia de submisión cara ao seu pobo. Nun instante, os franceses alí congregados pasaron da indiferenza xentil ao entusiasmo e as aclamacións estalaron por todas as partes.[5]

Foi un deses actos de cortesía e entrega que a fixeron famosa, cos que o pobo empezou a amala nun fraternal sentimento, arengado posteriormente por outro acto da flamante emperatriz dos franceses cando doou para a caridade os seiscentos mil francos que o municipio de París lle fixo entrega como agasallo de vodas para xoias, co cal se fundou un asilo para mozas pobres que levou o seu nome de casada, Uxía Napoleón. A mesma xenerosidade tivo cunha cantidade de douscentos cincuenta mil francos que lle regalou o seu marido, o emperador Napoleón III. O emperador e a súa esposa ocuparon a carroza imperial que conducira a Napoleón Bonaparte e Xosefina á catedral de Notre-Dame o día da súa coroación. Eugenia levaba un precioso vestido de satén branco e un diadema de brillantes e zafiros.

Uxía non nacera princesa, pero axiña soubo porse á altura das circunstancias. Ninguén botaba xa de menos a princesa de sangue real que tanto se desexou.

Os recentemente casados pasaron a lúa de mel no Castelo de Villeneuve-l'Étang, en Marnes-la-Coquette, no corazón de Saint-Cloud, onde a emperatriz quixo ocupar os cuartos da raíña María Antonieta. Namentres, a condesa de Montijo, nai da emperatriz, preparábase para volver a España, pois a súa misión estaba xa cumprida.

En decembro de 1854 sufriu un aborto, e a pesar das constantes infidelidades do seu esposo, volveu quedar embarazada ao pouco tempo, e volveu novamente a sufrir outro aborto. As continuas aventuras do emperador irritaban a amperatriz, máis que por celos, polo escándalo, que Uxía non podía transixir polos principios da súa educación católica e porque identificaba a lealdade coa honra.

Ante a dificultade para concibir, nunha viaxe a Inglaterra a raíña Vitoria deulle un consello:

Mira, Uxía, por que non empregas certas posturas que virá moi ben para o teu posterior embarazo... por que non te pos estes coxíns deste xeito nas túas lumbares e así ao mellor tes sorte.

Uxía tomou boa nota, probou e acertou. Despois do asunto do coxín, quedou encinta. O 16 de marzo de 1856, tras un longo e penoso parto, Eugenia deu a luz o seu único fillo, Napoleón Luís Uxío Xoán Xosé Bonaparte, que recibiu o título de Príncipe Imperial.

Para celebrar a boa nova, Napoleón III anunciou unha nova amnistía para os marxinados do 2 de decembro. Ao mesmo tempo, 600 000 parisienses (un de cada dous habitantes de París) fixeron agasallos á Emperatriz.[6] Na mañá do 17, unha salva de cen disparos anunciou o nacemento ao país enteiro. O emperador decidiu que sería o padriño e a emperatriz madriña de todos os fillos lexítimos nados en Francia (é dicir, os que nacesen dentro do matrimonio dos seus pais) nese día 16 de marzo, os cales ascenderon a 3000.

A emperatriz cumpriu así coa súa misión principal. Ela deulle ao seu esposo un fillo e ao Imperio un herdeiro. O que máis lle gustou á nai foi que este neno, tan desexado, non só era un fillo de Francia, senón tamén un fillo da Igrexa e afillado do Papa; a bendición do Santo Pai cerniuse sobre o seu berce.[7]

O 17 de xullo seguinte, o emperador escribiu a Plombieres-les-Bains as disposicións relativas á rexencia,[8] a cal confiou á emperatriz.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Emperatriz Uxía, por Winterhalter, 1853

Madame Carette, que máis tarde foi a súa lectora, describiu o vivo reflexo da súa sedución:[9]

Grazas á súa beleza e elegancia, Uxía contribuíu de forma destacada ao encanto que desprendía o réxime imperial. A súa forma de vestir era encomiada e imitada en toda Europa. O seu interese pola vida da raíña María Antonieta expandiu a moda neoclásica, estilo moi popular durante o reinado de Lois XVI.

A elegancia lendaria da Emperatriz influíu moito no mundo da moda. Chamado así pola Emperatriz, o chapeu Eugénie é un estilo de chapeu de muller inclinado e coa caída sobre un ollo; o bordo dóbrase bruscamente a ambos os dous lados no estilo dun adorno de equitación, a miúdo cunha longa pluma de avestruz.[10] O chapeu foi popularizado pola estrela de cine Greta Garbo e na década de 1930 eran "histericamente populares".[11]

Foi a persoa con máis condecoracións de toda Francia, con 20 condecoracións e títulos nobiliarios.

Influencia política

[editar | editar a fonte]

Uxía era unha muller educada e intelixente. Os abortos sucesivos e o parto do seu fillo, o Príncipe Imperial, distanciárona da vida social e política, pero o seu carácter e as súas ganas de facer vida activa aceleraron unha tediosa recuperación, e empezou a tomar parte activa na política de Francia.

Uxía decidiu tomar parte activa na política do Segundo Imperio. Fervente católica, opúxose á política do seu marido no tocante a Italia, e defendeu os poderes e prerrogativas do Papa en devandito país.

Uxía non foi en realidade unha muller de estado que dalgunha maneira daba parte primordial ás guerras, pero as asumía coa responsabilidade que todo líder ou gobernante asumía as mesmas, e coa enteireza necesaria á súa vez para facerse cargo da eventualidade negativa e o sufrimento das derrotas, así como a alegría das vitorias.

Uxía foi a instigadora da invasión francesa de México, en apoio do emperador Maximiliano I de México, a cal resultou un desastre, non só polos miles de vidas perdidas do exército francés, senón tamén polo fusilamento do emperador Maximiliano. A emperatriz vía na intervención en México a posibilidade de instaurar unha potencia católica en Norteamérica, cortando o paso aos Estados Unidos protestantes e facilitando, por unha especie de "efecto dominó", a aparición doutras monarquías conservadoras e católicas, rexidas por príncipes europeos en Centro e Suramérica.´[12] Este episodio causou unha grande angustia e pena na emperatriz, posto que ela era culpada directamente do fatal desenlace.

Por outra banda viviu con alegría xunto ao seu esposo a vitoria francesa na guerra da Crimea no ano 1856.

Durante a guerra franco-prusiana, que concluíu ao ano seguinte coa derrota de Sedan, foi decisiva a influencia da emperatriz aconsellando a Napoleón III contra Prusia, que esmagara o católico Imperio Austrohúngaro poucos anos antes na guerra austro-prusiana, todo iso fronte á prudencia aconsellada polo Primeiro Ministro Émile Ollivier.

Uxía desempeñou a rexencia do imperio en tres ocasións: a primeira delas, durante as campañas de Italia en 1859, cando o emperador interveu en apoio ao conde de Cavour, ministro de Piemonte, na guerra de unificación de Italia, onde se opuxo a apoiar a unificación savoiana de Italia, ao opinar que implicaría a diminución do poder do Papa. A segunda, con ocasión dunha estancia do emperador en Alxeria en 1865 e a terceira, nos últimos momentos do segundo imperio, xa en 1870.

En 1869, embarcouse en viaxe de estado a Istambul. O palacio Beylerbeyi, ás beiras do Bósforo, deulle a benvida durante a estancia na que visitou, entre moitos outros lugares, o Patriarcado Católico Armenio e a Escola Secundaria Saint-Benoît. Devandita viaxe marcou as relacións franco-turcas durante moitos anos.

A emperatriz foi parte fundamental na construción da canle de Suez, e tivo un excepcional protagonismo político e social ao asistir, trala viaxe a Istambul, como o máis alto representante de Francia á inauguración do mesmo, o 17 de novembro de 1869 a bordo do barco L'Aiglon.[13] Á inauguración da canle asistiron os principais monarcas europeos, incluído o emperador Francisco Xosé I de Austria, quen quedou impresionado pola súa beleza. O creador e construtor desta obra de enxeñaría, era o seu curmán segundo Ferdinand de Lesseps, que non era enxeñeiro senón diplomático, pero con vocación de enxeñaría. Aínda que as relacións de Uxía e Lesseps nunca foran boas, este agradeceu a súa presenza pola honra que supuxo que a emperatriz de Francia se atopase presente nos actos da inauguración da Canle.

Practicamente non se dirixiron a palabra, mais a soberana quentou a frialdade de trato, co diplomático encomio da obra, ante todas as autoridades internacionais presentes no acto. Entre os fastos da Inauguración figurou a singular representación, a beiras do Nilo, da soada ópera de Verdi, Aida, considerada como episodio excepcional e único.

Os arquivos do Ministerio da Casa do Emperador, baixo Napoleón III, que evocan en gran medida as intervencións da emperatriz Uxía, particularmente no campo social e artístico, gárdanse nos Arquivos nacionais de Francia na subserie O/523.

Aínda que os seus detractores políticos e persoais dixesen dela que actuaba con soberbia desmedida, o certo é que desempeño o seu labor cuns dotes políticos excepcionais.

Atentado de 1858

[editar | editar a fonte]
Uxía, mediados da década de 1860

Pouco tempo despois do nacemento do seu fillo, os emperadores sobreviviron a un atentado perpetrado polo revolucionario italiano Felice Orsini, fillo dun antigo oficial de Napoleón Bonaparte na campaña de Rusia, que se uniu a unha sociedade secreta chamada Carbonaría, máis concretamente a un grupo denominado Conxura Italiana dos Fillos da Morte, que tiñan como finalidade a independencia italiana fronte a Austria e o ideal do liberalismo.

Orsini convenceuse de que Napoleón III era o principal obstáculo para a independencia italiana e a causa das reaccións antiliberais en Europa, polo que planeou o seu asasinato coa lóxica de que coa morte do Emperador, Francia tería unha revolta e os italianos poderían estoupar tamén nunha revolución. Foi a París en 1857 para conspirar en contra do Emperador.

A finais do mesmo ano Orsini visitou Inglaterra onde contactou co armeiro Joseph Taylor, ao cal lle pediu facer seis copias dunha bomba deseñada por el mesmo, a bomba Orsini; a cal estouparía co impacto e empregaba o fulminato de mercurio como detonador da carga explosiva. A bomba foi probada en Sheffield e en Devonshire co consentimento do radical francés Simon Bernard. Satisfeito Orsini regresou a París coas bombas e contactou con outros conspiradores como Giuseppe Pieri, Antonio Gómez e Charles DeRudio.

Na tarde do 14 de xaneiro de 1858, mentres o emperador e a emperatriz ían de camiño ao teatro Rue Le Peletier, o precursor da Ópera Garnier, onde ían presenciar a ópera Guillaume Tell, de Rossini, Felice Orsini e outros dous cómplices de nome Antonio Gómez e Charles DeRudio lanzaron senllas bombas, das cales, a primeira estourou onde se atopaba o chofer, á beira da carruaxe, a segunda danou os cabalos e rompeu os cristais da carroza imperial e a terceira estoupou debaixo da propia carruaxe e feriu de gravidade a un policía que acudía en socorro.

Oito persoas morreron e 142 resultaron feridas, mais os emperadores saíron ilesos e continuaron cara ao teatro sen perderen a compostura. Aos emperadores ocultóuselles o alcance do atentado e, unha vez no teatro, foron recibidos con entusiasmo e adhesión.

O mesmo Orsini saíu aparvado e ferido na tempa dereita. Atendeuse ás súas feridas e regresou á súa pousada, onde a policía o detivo ao día seguinte.

O conato de homicidio incrementou enormemente a popularidade de Napoleón III e de Uxía.

Gran mecenas

[editar | editar a fonte]

Durante o período do Segundo Imperio Francés, o campo das artes e as letras estaba suxeito á censura. O retorno á orde moral predicado pola Igrexa e apoiado pola emperatriz Uxía, é unha das preocupacións do réxime.

Gran protectora da cultura, como muller culta que era, protexeu escritores e artistas da época, aumentou de forma considerable o esplendor dunha Corte rancia, decadente e case sempre hostil cara á súa persoa.

Na vida cultural da corte e de Francia, a emperatriz participou na creación do estilo Napoleón III, baseado esencialmente na inspiración, ou mesmo a copia, dos estilos do pasado. Entre outros, apoiou a Winterhalter, Waldteufel, Offenbach, así como o seu vello amigo Mérimée, inspector xeral dos monumentos históricos, que en 1853 foi nomeado senador de Francia, e que entón era comandante e grande oficial da Lexión de Honra.

Foi propulsora da industria da alta costura en Francia con quen fora o seu pioneiro máis relevante, Charles Frederick Worth. Durante o Segundo Imperio e baixo a influencia do mesmo, abandonouse o miriñaque a finais da década de 1860 para beneficio do xiro. En canto aos accesorios, a emperatriz sentiu predilección pola casa de luxo Maquetm, onde comprou artigos de coiro e ordenou o seu [14] e.

Ademais, fundou asilos, orfanatos, hospitais, e sen ningún tipo de reparo nela mesma, visitou e axudou os enfermos de enfermidades contaxiosas de barrios miserables. Así mesmo, apoiou as investigacións de Louis Pasteur, que acabarían na vacina contra a rabia.

Promoveu tamén a causa das mulleres. A emperatriz persoalmente interveu en nome de Julie-Victoire Daubié para a firma do seu diploma de bacharelato,[15] conseguiu que Madeleine Brès se inscribise na escola de medicina, así como a concesión da Lexión de Honra á pintora Rosa Bonheur, primeira muller en ostentar dita distinción.

Caída do imperio e exilio

[editar | editar a fonte]
Uxía de luto polo seu fillo, 1880

En setembro de 1870 finalizou a guerra franco-prusiana, que culminou co desastre da batalla de Sedan, en que foi capturado o exército francés xunto co emperador. O emperador, que posteriormente foi liberado, estivo prisioneiro no castelo de Wilhelmhöhe, convertido en cárcere.

Este acontecemento provocou que o emperador fose destronado, e o ánimo de Uxía decreceu do mesmo xeito que a súa ilusión, vendo como todas aquelas persoas en que confiara, a abandonaban a ela e a súa familia cara a un precipitado exilio incerto en Inglaterra. Puido saír de Francia grazas ao seu dentista norteamericano o doutor Evans, e nunha viaxe case épica que durou 12 horas nun iate de 15 metros de eslora, cunha tormenta impresionante, chegou a Inglaterra.

Estableceuse xunto ao seu fillo na leira de Camden House, en Chislehurst, Kent, onde o emperador se reuniu con ela tras ser destituído pola Asemblea. Foi en Camden House onde se agravou a saúde do Emperador cunha sorte de dores no abdome, falecendo finalmente o 9 de xaneiro de 1873, sen que o seu fillo, que realizaba estudos na Real Academia Militar de Woolwich, puidese chegar a tempo.

Á morte do emperador, Uxía retirouse a unha vila en Biarritz na que viviu afastada dos asuntos da política francesa.

O seu fillo, Napoleon Eugène, un mozo de considerable talento, caracterizado por unha vida privada irreprochable e unha gran simpatía, parecía destinado a ser un pretendente ao trono francés na eventualidade dunha restauración imperial, mais decidido primeiro a facer carreira no exército, uniuse como oficial de artillaría voluntario ás tropas británicas que marchaban a Suráfrica levando con el a espada do seu tío avó durante a guerra anglo-zulú e nunha emboscada tendida polos zulús o 1 de xuño de 1879, caeu do seu cabalo mentres fuxía xunto ao seu destacamento e morreu con 23 anos, abatido a lanzazos tras un breve combate cos seus perseguidores.

A morte do seu fillo en 1879, xunto á do emperador en 1873 e á da súa irmá Paca de Alba en 1860 por mor da tuberculose, fixeron que a vida carecese de interese para a emperatriz.[16]

Cando en 1880 regresou a Inglaterra logo de visitar os lugares do martirio do seu fillo, aínda quedaban corenta anos por vivir. Corenta anos que vestiu de loito rigoroso.

Relacionada xenealoxicamente coa Casa de Alba, aloxouse ocasionalmente no Palacio de Liria de Madrid, na súa Quinta de Carabanchel e no Palacio de las Dueñas de Sevilla. Algunhas das súas pertenzas, como pinturas e mobles, pasaron a mans dos Alba, como un retrato seu pintado por Winterhalter e outro de Goya, A marquesa de Lazán. Durante as súas estancias en España, eran frecuentes as súas visitas á raíña consorte Vitoria Uxía de Battenberg, de quen era madriña de bautismo e moi amiga.

Falecemento e enterro

[editar | editar a fonte]
Unha das últimas fotografías da emperatriz, Palacio de Liria, Madrid, 1920

Tendo que encher dalgún modo o baleiro de vivir sen obxecto, en 1885 mudouse a Farnborough, Hampshire, a unha residencia señorial que converteu en museo da dinastía napoleónica, alternando a súa residencia alí con estadías na súa vila Cyrnos (o antigo nome grego de Córsega), que se fixo construír preto de Cannes. Alí vivía en retiro, absténdose de toda interferencia na política de Francia, pero a súa saúde comezou a deteriorarse.

O seu médico recomendaba para ela estadías en Bournemouth, lugar que era, en tempos vitorianos, famoso como balneario. Durante unha das súas visitas un xardineiro acendeu centos de pequenas veas nos parques da cidade para iluminar a senda que Uxía seguía rumbo ao mar durante a noite. Este evento aínda se conmemora anualmente co aceso de candeas naqueles xardíns cada verán.

En 1920 viaxou a España para porse en mans do doutor Ignacio Barraquer para someterse a unha intervención de cataratas, operación que resultou un total éxito. Lía o Quixote sen esforzo e escribiu na marxe dunha páxina da novela: "Viva España!". Este berro ía dirixido ao médico español que acababa de sacala das tebras. A alegría de Eugenia foi inmensa, aínda que durou pouco tempo.

Atopábase preparando o seu regreso a Inglaterra, cando o atardecer do 10 de xullo de 1920, se sentiu repentinamente indisposta. A emperatriz morreu dun ataque de uremia ás oito e media da mañá ao día seguinte, 11 de xullo de 1920, aos 94 anos no palacio de Liria de Madrid.[17]

Inmediatamente o seu corpo foi trasladado en tren a París, acompañado por unha comitiva que incluía o duque de Alba, o duque de Peñaranda, as duquesas de Tamames e Santoña e o conde de Teba. O féretro foi recibido na estación de Austerlitz polos príncipes Murat, o embaixador de España e membros da nobreza francesa e española que lle renderon homenaxe durante máis de tres horas. Posteriormente o corpo foi trasladado a Le Havre e Farnborough baixo custodia do diplomático español Carlos de Goyeneche. A emperatriz foi enterrada na Cripta Imperial da abadía de Saint Michael en Farnborough, á beira do seu esposo e do seu fillo.

Títulos nobiliarios

[editar | editar a fonte]

Ademais de Emperatriz Consorte dos Franceses, foi tamén:

  1. Geneviève Chauvel, Inoubliable Eugénie, Éd. Pygmalion, 1998, p. 17 et sv.
  2. Pastor y Mendivil, Ramón (1925). "Eugenia de Montijo y Napoleón III" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2018. Consultado o 11 de agosto de 2018. 
  3. Daóiz Velarde, Aingeru (2015). "Eugenia de Montijo, la Emperatriz desdichada" (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2018. 
  4. F. de Buján, Rocío (2018). "Eugenia de Montijo: de hija problemática a emperatriz de los franceses" (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2018. 
  5. Princeps Fidelissimus (16 de agosto de 2010). "La Emperatriz Eugenia". nobleyreal.blogspot.com (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2018. 
  6. Milza 2006, p. 296-297.
  7. Arthur-Léon Imbert de Saint-Amand, La Cour du Second Empire (1856-1858), Paris, Édouard Dentu, 1898.
  8. Moniteur universel, 20 de xullo de 1856.
  9. Noble y Real; "La Emperatriz Eugenia"
  10. Calasibetta, Charlotte Mankey; Tortora, Phyllis (2010). The Fairchild Dictionary of Fashion (PDF). Nova York: Fairchild Books. pp. 249–250. ISBN 978-1-56367-973-5. Consultado o 18 de setembro de 2011. 
  11. Shields, Jody (1991). Hats: A Stylish History and Collector's Guide. Nova York: Clarkson Potter. p. 43. ISBN 978-0-517-57439-3. 
  12. Histoire-Recherche: "Le réve mexicain de Napoléon III vire au cauchemar"
  13. Cólogan y González-Massieu, Jorge (2018). "El Banquete de Ismailia: el viaje de la emperatriz Eugenia de Montijo a Egipto con motivo de la inauguración del Canal de Suez". Boletín de la Real Academia de la Historia. Tomo CCXV. Cuaderno II: Pág. 307 a 348. 
  14. "Le quartier de la Paix hier et aujourd'hui". La Renaissance de l’Art Français et des Industries du Luxe (en francés): 297. maio de 1923. 
  15. Julie-Victoire Daubié première bachelière en 1861.
  16. Enciclopedia Biográfica en línea (2018). "Eugenia de Montijo" (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2018. 
  17. Pérez Ortiz, María Jesús (2013). "El cruel destino de la emperatriz Eugenia de Montijo" (en castelán). Consultado o 11 de agosto de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Almudena de Arteaga, Eugenia de Montijo, Ediciones Martínez Roca, Barcelona, 2002 (ISBN 84-270-2750-8)
  • Carmen Verlichak, Las diosas de la Belle Époque y de los 'años locos', Editorial Atlántida, Buenos Aires, 1996 (ISBN 950-08-1599-0)
  • Claude Dufresne, Eugenia de Montijo, una española emperatriz de los franceses, Javier Vergara Editor S.A., Buenos Aires, 1990 (ISBN 950-15-0797-1)
  • Fernando Díaz Plaja, Eugenia de Montijo, Emperatriz de los franceses
  • Geneviève Chauvel, Eugenia de Montijo, Emperatriz de los Franceses, Editorial Edhasa, 2000 (ISBN 84-395-9198-5)
  • Hester W. Chapman, Eugenia de Montijo, Editorial de Ediciones Selectas S.R.L., Buenos Aires, 1963
  • Pilar Eyre: Pasión Imperial
  • Tomás Gismera Velasco: Eugenia de Montijo, el Imperio Escarlata. (Createspace 2016) ISBN 9781523898526

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]