Fáustulo
Fáustulo (en latín Faustulus) foi, na mitoloxía romana, o pastor que atopou e criou aos xemelgos Rómulo e Remo, fillos do deus Marte e de Rea Silvia, quen, xa adultos, se converterían nos fundadores de Roma.
Lenda
[editar | editar a fonte]Segundo a lenda sobre a fundación de Roma, Amulio, usurpador do trono de Alba Longa, derrocara ao seu irmán máis vello Numitor. Despois de asasinar a todos os fillos varóns deste, ordenou á única filla de Numitor, Rea Silvia, que se fixese vestal. A pesar diso, Rea Silvia concibiu do deus Marte os xemelgos Rómulo e Remo, sendo por iso condenada a ser enterrada viva, pena reservada ás vestais que rompían o seu voto de castidade.
Amulio mandou guindar os xemelgos nunha cesta ao río Tíber para que perecesen afogados, pero a cesta varou preto do monte Palatino, no lugar onde anos despois Rómulo e Remo habían fundar Roma, a Cidade Eterna. Os prantos dos pequenos atraeron a unha loba, coñecida na tradición como Luperca, que os aleitou. Un pastor chamado Fáustulo atopou aos nenos cando estaban a ser aleitados pola loba, recolleunos e levounos á súa casa, onde, xunto á súa esposa Acca Larentia, os criou ata que estes chegaron á idade adulta, e, xa conscientes do seu alto berce, regresaron a Alba Longa para vingarse de Amulio
Outros datos
[editar | editar a fonte]Nalgunhas versións do mito, Larentia sería unha prostituta (en latín lupa, a mesma palabra que se utiliza para loba). O nome Fáustulo foi máis tarde reclamado por unha familia romana, un de cuxos membros cuñou unha moeda que mostraba ao pastor Fáustulo cos xemelgos e a loba.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Tito Livio, Historia de Roma desde a súa fundación I, 3-5.