(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Felicidade - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Felicidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alegría
O sorriso (smile en inglés) é o símbolo máis coñecido que representa a felicidade humana.

A felicidade é unha situación ou un estado emocional no que unha persoa sente que todo vai conforme o que quere. Este estado de benestar caracterízase pola relativa permanencia dunha emoción agradable que varía dende o mero contentamento á alegría fonda e intensa de vivir e polo natural desexo de que continúe.

Definición

[editar | editar a fonte]
Unha nena iraquí sorrí.

A felicidade é un dos grandes temas filosóficas de todos os tempos. As definicións propostas nas diferentes relixións e escolas filosóficas inclúen a liberdade de querer, a consciencia da boa orde das cousas, a seguridade de estar no lugar correcto do universo, e a paz interior.

No uso corrente da lingua pode denotar unha simple experiencia agradable ou pracenteira.

En tanto que animal, o ser humano dispón de dous medios primitivos para determinar as relacións que mantén co mundo: o pracer e a dor. A través deles xulgamos o benestar e o sufrimento. Antes de percibir o mundo como obxecto de análise, sentímolo como un lugar de vida grato ou ameazante. A través das nosas emocións e as nosas paixóns imaxinamos as ideas de felicidade e de desgraza.

En xeral, a felicidade asóciase a emocións ou sentimentos como a alegría, o xúbilo, o contento, a ledicia, o gozo e o amor. Entre as emocións antinómicas atópanse o sufrimento, a tristura, o pesar e a mágoa. En tanto que o termo pracer (coma o seu oposto dor) se utiliza para indicar sensacións físicas localizadas, o de felicidade é xeralmente usado para referir especificamente un sentimento interior de longa duración. Outras emocións son:

Gandhi rindo

A felicidade difire da alegría non en grao senón en clase. Ser feliz implica unha maior duración cá transitoriedade do pracer que é connotado pola palabra alegría. Diferénciase tamén da ledicia en que esta connota tenrura de maneira moi particular.

A felicidade tende, en consecuencia, a ser considerada inestimable, opoñéndose ó pracer temporal proporcionado por accións puramente mecánicas ou mecanicistas.

Posto que a felicidade pode chegar como o resultado de algo planificado, da amabilidade de outros, ou de situacións que parecen positivas se se pensa sobre elas, é dicir, ó se conseguir o que un desexaría (por planearse con anterioridade ou por reflexión a posteriori), a pregunta transcendental que toda persoa se pode facer é: Que é o que un quere facer coa súa vida? A cuestión sobre cal é a mellor forma de vida constitúe un dos temas fundamentais da ética.

Visións filosóficas e relixiosas

[editar | editar a fonte]

Os filósofos da antigüidade consideraban que a felicidade, antes cá sabedoría ou a verdade, era o fin último da filosofía. Santo Agostiño escribiu "Nulla est homini causa philosophandi nisi ut beatus sit" ('O home non ten razón para estudar filosofía senón é para ser feliz'). Como concepto filosófico, a felicidade é unha das nocións máis difíciles de definir por ser, segundo Kant, un estado empírico sometido ó azar da fortuna e ós cambios imprevisibles do humor.

Cada un de nós ten a capacidade de proxectar os seus plans de vida conforme os ideais que teña da boa vida ou da vida plena. O problema é que, aínda que todos esteamos de acordo en que a felicidade é o que persegue todo ser humano, moi poucos estaremos de acordo en que é o que entendemos por tal concepto: cada quen vive e entende a felicidade á súa maneira. É posible que haxa tantas formas de definir o que é ser feliz como persoas hai no mundo. As distintas doutrinas filosóficas e relixións que se estenderon polo mundo falaron de maneiras moi diversas da feliciade. Estes poderían ser algúns dos modelos de felicidade que se vehiculan a través delas:

Doutrinas

[editar | editar a fonte]
Ludovico Antonio Muratori, 1749
  • O budismo concibe a felicidade suprema como nirvana, é dicir, como estado de liberación de todo desexo, como serenidade e fusión da alma individual e colectiva. Sidhartha Gautama (623 a. de C. - 543 a. de C.), Buda, invita a unha vida harmoniosa e virtuosa sen excesos, que axude a libertar dos sufrimentos ós demais seres.
  • A filosofía aristotélica entende a felicidade humana como o desenvolvemento das capacidades individuais (morais, intelectuais, artísticas etc.), practicando as virtudes ou excelencias. Aristóteles (384 a. de C. - 322 a. de C.) propón como ideal a contemplación, a prudencia, e a procura da verdade e do coñecemento a través dos sentidos. Para Aristóteles toda acción humana faise con vistas a algún fin. "E é evidente -comenta el- que o fin último de todas as nosas accións non é outro có da felicidade".
  • O epicureísmo concibe a felicidade como evitación da pena e da dor. É a crenza de que o mellor ben é a procura da felicidade para un mesmo. Para Epicuro (341 a. de C. - 271 a. de C.) a felicidade consiste en gozar intelixentemente dos praceres. Nas súas propias verbas "en tanto que o ben é doado de obter, o mal é fácil de soportar". A moderación, o cultivo da amizade, da lectura, da conversa e doutros praceres non acostuman a ocasionar consecuencias desagradables.
  • O estoicismo propón como ideal non alterarse ante os infortunios e desgrazas. O estoicos crían no destino que a natureza tiña sabiamente previsto. Para Séneca (4 a. de C. - 65 d.de C.) "son poucos os que saben atinguir a felicidade pero moitos os capaces de buscar a desgraza". A aceptación de bo grado de todo canto sobreveña é condición necesaria para a felicidade. Manterse imperturbables e autodominarse son os grandes obxectivos dos estoicos. Para Epicteto (55-135 d. de C), un escravo que conseguiu a emancipación e un dos filósofos máis representativos do estoicismo, era necesario desprezar a escravitude e liberarse dela porque "ninguén pode roubar a liberdade" do ser humano. Mantiña que o noso fin era estar en control das nosas vidas. Para Marco Aurelio (121-180 d. de C.), o emperador romano que abrazaba a mesma doutrina, era imprescindible tomar consciencia da nosa pequenez e manter o ánimo ante a adversidade. A fin de contas, segundo el mesmo deixou escrito, "o humano só é fume e nada máis que fume".
  • O cristianismo ten como guía para a felicidade o encontro con Deus e cos demais. Cristo resumiu a súa doutrina nun simple enunciado: "Amarás a deus por riba de todo e ó próximo como a ti mesmo". O amor ós demais permitirá gozar da vista de Deus na vida eterna. Contrariamente, o egoísmo de quen só pense no seu propio proveito acabará sendo penado despois da morte.
  • O utilitarismo procura a maior felicidade para o maior número de persoas. O utilitarismo do XVIII sostén que a felicidade inclúe a experiencia da amizade e do altruísmo, que teñen a súa orixe no sentimento de simpatía. O correcto é para os utilitaristas o que produce as mellores consecuencias. Cando se define en termos de satisfacción as consecuencias poden ser ademais do hedonismo, a reputación ou a racionalidade. Jeremy Bentham (1748-1832)coidaba que o pracer e a dor eran os únicos absolutos do mundo: "A natureza puxo ó home baixo o dominio de dous donos: o pracer e a dor. Son eles quen nos dirixen en todo o que facemos, en todo o que dicimos, en todo o que pensamos".
  • O obxectivismo mantén que o propósito da vida debería ser o mirar pola felicidade racional dun mesmo. Para Ayn Rand (1905-1982), novelista e filósofa americana de orixe rusa, o propósito moral na vida é a persecución do interese ou egoísmo persoal, obxectivo que só se pode lograr dentro do capitalismo liberal do laissez-faire: "Concibo o home como un ser heroico, coa súa propia felicidade como propósito moral, co progreso produtivo como a súa actividade máis nobre e a razón como a súa única guía".
  • O hedonismo refire toda teoría ética que dá ó pracer un papel central. A súa filosofía podería ser resumida en "o pracer é o ben máis alto". O epicureísmo, o utilitarismo, e o hedonismo psicolóxico das teorías freudianas poden ser clasificadas como tipos de hedonismo.
  • O eudaimonismo fai referencia a toda doutrina, filosofía ou teoría que confire á felicidade (eudaimon en grego é 'felicidade') unha importancia primordial no seu discurso ético. Contrasta co hedonismo, que persegue o pracer antes cá felicidade propiamente dita.
  • As éticas contemporáneas de inspiración kantiana (Rawls, Habermas etc.) definen a felicidade como autorrealización en liberdade. Cada persoa debe realizarse atendendo ás súas propias capacidades, desexos e posibilidades. Cada persoa debería ter un proxecto de vida e intentar levalo a cabo. Todas as sociedades humanas deberían comprometerse en asegurar unhas condicións sociais que permitisen a cada un levar a cabo o seu proxecto en liberdade.

Actitudes

[editar | editar a fonte]

Na investigación da felicidade déronse basicamente tres actitudes con relación ó tema ó longo da historia: a pesimista, a optimista e a que a pon en cuestión.

A actitude pesimista

[editar | editar a fonte]

A procura da felicidade ten un punto de partida bastante pesimista: en principio quérese a felicidade que non se ten ou téntase fuxir do que nos anoxa. Non é de estrañar que a felicidade sexa identificada coa idea da perfección, atributo de Deus. Por conseguinte a felicidade non existe máis que baixo a forma dun fin ideal e inaccesible. Para os que cren en Deus, en última instancia a verdadeira felicidade non existe máis que baixo a idea dunha promesa. A felicidade non é humana, pertence a un ser perfecto ou á parte divina do noso ser, que non pode ser satisfeita con realidades continxentes e ilusorias. O desexo do home será ser feliz pero isto só é atinguible por algo distinto do ser humano, polos sabios sobrehumanos para os estoicos ou pola alma inmortal para algunhas relixións. A filosofía da desesperación de moitas seitas ven na morte, e en particular, no suicidio unha maneira de conseguir a felicidade.

A actitude optimista

[editar | editar a fonte]

Hai filosofías máis optimistas. Para Epicuro a felicidade encóntrase nos praceres simples e na fuxida dos sufrimentos. Dado que as accións humanas entrañan a miúdo praceres e sufrimentos, a filosofía epicúrea propúxose entre as súas tarefas a investigación dos praceres e dos comportamentos que favorecían o equilibrio psíquico e corporal.

A actitude dubitativa

[editar | editar a fonte]

Hai filósofos que poñen en causa o mesmo principio da felicidade. O razoamento é este. Os moralistas estiman que os homes cren a súa propia desgraza, pero en realidade o que buscan é o que coidan que é beneficioso ou dá proveito. Procuran honores, riquezas, poder, pracer. Se un se atén ós comportamentos reais dos homes, constátase que os homes non buscan a felicidade senón o poder e a forza. Esta busca pode ser cruel e sanguinaria; tamén pode ser espiritual e ética: a procura do saber, a creación artística, a busca relixiosa. Dito de maneira breve, esta é a busca da alta cultura que esixe grandes sacrificios e que non sempre é compatible coa felicidade. Pásase así da felicidade como falso problema ó problema do destino, que se pode concibir dende un punto de vista natural ou sobrenatural. Esta é a tese sostida por Kant. Para el a felicidade existe pero secundariamente, non como recompensa. Tamén é a posición adoptada por Nietzche , para quen a felicidade non é consecuencia da forza e da súa mestría espiritual. A felicidade, xa que logo, non sería unha meta que houbese que perseguir.

Visións psicolóxicas

[editar | editar a fonte]

[En construción]

Psicoloxía positiva

[editar | editar a fonte]

Martin Seligman no seu libro Authentic Happiness ('A felicidade auténtica') define a felicidade como consistente tanto en emocións positivas como en actividades positivas. Presenta tres categorías de emocións positivas:

  • pasado: sentimentos de satisfacción, contento, orgullo, e serenidade.
  • presente: gozo do sabor da comida o pracer de escoitar música, a asimilación do que lemos.
  • futuro: sentimentos de optimismo, esperanza, lealdade, confianza e seguridade.

Hai tres categorías de emocións positivas presentes:

  • praceres corporais, e.g. o desfrute do sabor da comida.
  • praceres superiores, e.g. a música.
  • gratificacións, e.g. o entendemento da lectura.

Os dous primeiros son "praceres do momento" e normalmente derivan dalgún estímulo externo. Unha excepción é a ledicia de ter un pensamento orixinal.

As gratificacións implican un compromiso pleno e o bloqueo das emocións sentidas. Non obstante, cando a gratificación chega ó final, entón poden sentirse emocións positivas.

As gratificatións poden ser obtidas ou incrementadas ó desenvolver forzas, habilidades persoais e virtudes. A autenticidade é a derivación da gratificación e das emocións positivas resultantes de exercer as fortalezas persoais. A boa vida conséguese usando as capacidades para obter gratificación e poder así desfrutar do traballo e dunha vida con sentido.

Visión mecanística: base bioloxica

[editar | editar a fonte]

Aínda que a felicidade non é mensurable de maneira obxectiva isto non significa que non teña un compoñente físico real. O neurotransmisor dopamina que opera sobre a ruta mesolímbica e sobre o núcleo accumbens está relacionada co desexo e co pracer. O pracer pode ser inducido artificialmente con drogas, e de forma directa con opiáceos coma a morfina e a heroína, que bloquean os inhibidores da dopamina.

A pesar de todo, os procesos e a química que se correlaciona coa felicidade non define o concepto de felicidade, simplemente describen a súa "implementacion" biolóxica. Tamén se especula con outro tipo de posibles implementacións, aínda que só están comezando a ser investigadas.

É posible, porén, describir funcións da felicidade en termos biolóxicos. Unha das tentativas é a coñecida como felicidade darwiniana. A felicidade darwiniana está baseada no feito de que os animais están equipados para ter sensacións e sentimentos positivos e negativos. Entendendo os dispositivos evolucionarios que subxacen a esas sensacións, é posible comprender como os procesos neurolóxicos que engadían un humor ou estado positivo tenderon a dominar eses procesos.

En animais non-humanos

[editar | editar a fonte]

En humanos

[editar | editar a fonte]

En intelixencia artificial

[editar | editar a fonte]

Comportamentos e emocións asociados coa felicidade

[editar | editar a fonte]

Os seguintes comportamentos e emocións son normalmente asociados coa felicidade:

Espirituais

[editar | editar a fonte]
  • relixión
  • filosofía, epicureísmo
  • espiritualidade
  • meditación e ioga
  • iluminación
  • durmir
  • beber, alcol
  • comer
  • deportes
  • hobbies, afeccións
  • decoración
  • ciencia
  • libros
  • traballo
  • cinema
  • aumentar o coñecemento, ler e aprender novas cousas

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]