(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Flor do Nadal - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Flor do Nadal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Flor do Nadal
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Malpighiales
Familia: Euphorbiaceae
Subfamilia: Euphorbioideae
Tribo: Euphorbieae
Subtribo: Euphorbiinae
Xénero: Euphorbia
Especie: E. pulcherrima
Nome binomial
Euphorbia pulcherrima
Willd. ex Klotzsch, Allg. Gartenzeitung, 2, p. 27, 1834

A flor do Nadal (Euphorbia pulcherrima) coñecida tamén cos nomes de flor de pascua, estrela de Nadal ou poinsettia, é unha planta da familia Euphorbiaceae, nativa de Mesoamérica. Nalgúns países é frecuentemente utilizada en xardinaxe como arbusto. Porén en Galiza, e na maioría das rexións temperadas e frías do planeta, é principalmente empregada en floricultura como planta de interior ornamental polo Nadal.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Arbusto ou arboriña cuxa altura pode variar entre 0,6 e 3 m, con grandes follas dentadas de cor verde escura (7 a 16 cm) e pequenas inflorescencias amarelas. As rechamangueiras brácteas que forman a parte superior da planta, de cor vermella, rosa, branco verdosa ou branco amarelenta son a miúdo confundidas con flores.

Florea polo inverno. No hemisferio norte florea de novembro a febreiro e é esencial que a planta non reciba luz durante 12 horas, aproximadamente dende outubro até Nadal para que floreza.

Oriúnda de rexións tropicais de México , especificamente de Taxco e Guerrero. Os antigos pobos mexicanos chamábana, en náhuatl, cuetlaxóchitl que provén da unión de dúas verbas, cuetlaxtli que significa coiro e xochitl; ao se unir á primeira perde a súa terminación tli polo tanto unha tradución literal podería ser flor do coiro por mor da cor vermella viva dos seus pétalos, semellante á pel acabada de desprender. Outra acepción, menos frecuente relaciónase co termo cuitlatl, que significa excremento en náhuatl, dado a que os paxaros ao defecaren as sementes inxeridas espallábana e a planta nacía de entre os seus excrementos. Foi dada a coñecer ao resto do mundo durante a época colonial, na que se enfeitaban as igrexas coas súas follas durante o Nadal.

Detalle da planta

A flor do Nadal adóitase cultivar coma planta de interior no hemisferio norte, por mor da súa época de maior auxe vexetativo durante a tempada achegada ao Nadal. É o principal cultivo da floricultura nos Estados Unidos.

Nos Estados Unidos, Paul Ecke, pertencente á terceira xeración da familia Ecke —emigrantes alemáns establecidos nos Ánxeles en 1900—, foi o responsábel de promover o uso desta planta durante a estación invernal. Ademais de transformar o mercado, utilizando esgallos enviados por avión no canto de plantas maduras expedidas por tren, repartía de balde vasos con plantas ás emisoras de televisión para que aparecesen dende o Día de Acción de Grazas deica o Nadal. Víronse en programas como The Tonight Show e o especial de Nadal de Bob Hope, o que impulsou a especie ao mercado.[1]

Nos Estados Unidos é unha planta que demanda actividades dos floricultores entre agosto e Nadal.

Hoxe en día é unha planta de venda durante todo o ano en moitos países, facendo uso de avanzadas tecnoloxías como a manipulación do fotoperíodo e a temperatura. Mediante investimentos considerábeis pódese facer que floreza durante calquera época do ano. Faise anana mediante reguladores de crecemento para evitar a súa forma arbustiva e mediante a mellora continua. As novas variedades comerciais son permanentemente ofrecidas polos viveiristas aos floricultores.

Temperatura ideal

[editar | editar a fonte]

20-22 °C. Durante a floración, 18 °C. Non atura ben as correntes de ar e os cambios bruscos de temperatura.

En interior, cómpre ter coidado coa rega xa que o exceso de auga pode podrecer a raíz. Engadir un adobo rico en nitróxeno á auga cada semana, até a época de floración. Algúns consellos útiles para unha maior duración da planta son:

  1. Evitar regas excesivas e demasiada humidade.
  2. Cando as follas teñan caído e perda as súas brácteas, cómpre podar a planta deixando talos de entre 5 e 10 cm.
  3. Adubar no mes de xullo.

Pódese transplantar de xeito doado por esgallos de punta. En México cultívase en invernadoiros para a súa comercialización na Noite Boa, especialmente na zona de Morelos, Puebla e Michoacán. Requírense coidados específicos durante a produción como control de temperatura, rega, humidade e pragas. Existen máis de dez variedades en cores diferentes o que fai da flor do Nadal unha boa opción para a decoración desas datas. Con todo, a cor vermella segue a ser a favorita. En Guatemala, a rexión de Sacatepéquez, nos arrabaldes de Antigua Guatemala, prodúcense todas as variedades e expórtanse máis de 42 millóns de plantas en diferentes tamaños, de acordo coa época.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

En México emprégase por vía oral ou externa para aumentar ou promover a secreción de leite. O látex é aplicado directamente para tratar espullas, erisipela, disipela, quenturas, chagas e infeccións cutáneas e feridas. En inchazos por picadas de vermes, póñense follas moídas. Para as inflamacións, ásanse as follas e se aplican o máis quente que se ature. Para aliviar os golpes férvense as flores, esprémese nelas limón e con elas se envolve a zona danada.

Nalgunhas afeccións respiratorias como anxinas ou tose, úsase a infusión da flor, a que ás veces se combina coa buganvílea (Bougainvillea spectabilis) e Bocconia frutescens. Finalmente refírese ao seu emprego en casos de orellóns, afeccións do corazón e rabia.[2]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
Planta adulta

Euphorbia pulcherrima foi descrita por Willd. ex Klotzsch e publicado en Allgemeine Gartenzeitung 2(4): 27–28. 1834.[3]

Etimoloxía

Euphorbia: nome xenérico que deriva do médico grego do rei Xuba II daMauritania (52 a 50 a. C. - 23), Euphorbus, na súa honra– ou en alusión ao seu gran bandullo– xa que usaba medicamente Euphorbia resinifera. En 1753 Carl von Linné asignou o nome a todo o xénero.[4]

pulcherrima: epíteto latino que significa "a máis bonita".[5] Nos Estados Unidos, e ás veces tamén en Galiza, coñécese co nome poinsettia (pronunciado ponsetia), en honra a Joel Roberts Poinsett, primeiro embaixador estadounidense en México que a introduciu nos EUA aló polo 1825. Dende o ano 1991, o 12 de decembro está declarado nos Estados Unidos como Día Nacional da Poinsettia en conmemoración da data da súa morte.

Sinonimia

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Anton, Mike (23 de decembro de 2008). "The bloom is off the poinsettia business". Los Angeles Times. Consultado o 28-12-2008. 
  2. "En Medicina Tradicional Mexicana". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2013. Consultado o 27 de novembro de 2013. 
  3. "Flor do Nadal". Tropicos.org. Jardín Botánico de Missouri. Consultado o 5 de febreiro de 2013. 
  4. (Spec. Pl. [ed. 1]: 450)
  5. en Epítetos Botánicos
  6. "Euphorbia pulcherrima Willd. ex Klotzsch". www.catalogueoflife.org. Consultado o 2022-02-06. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  1. CONABIO. 2009. Catálogo taxonómico de especies de México. 1. In Capital Nat. México. CONABIO, Mexico City.
  2. Correa A., M. D., C. Galdames & M. N. S. Stapf. 2004. Cat. Pl. Vasc. Panamá 1–599. Smithsonian Tropical Research Institute, Panama.
  3. Flora of China Editorial Committee. 1988-2013. Fl. China Unpaginated. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
  4. González Ramírez, J. 2010. Euphorbiaceae. En: Manual de Plantas de Costa Rica. Vol. 5. B.E. Hammel, M.H. Grayum, C. Herrera & N. Zamora (eds.). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 119: 290–394.
  5. Idárraga-Piedrahita, A., R. D. C. Ortiz, R. Callejas Posada & M. Merello. (eds.) 2011. Fl. Antioquia: Cat. 2: 9–939. Universidad de Antioquia, Medellín.
  6. Jørgensen, P. M. & S. León-Yánez. (eds.) 1999. Catalogue of the vascular plants of Ecuador. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 75: i–viii, 1–1181.
  7. Lawesson, J. E., H. Adsersen & P. Bentley. 1987. An updated and annotated check list of the vascular plants of the Galapagos Islands. Rep. Bot. Inst. Univ. Aarhus 16: 1–74.
  8. Martínez Salas, E. M., M. Sousa Sánchez & C. H. Ramos Álvarez. 2001. Región de Calakmul, Campeche. Listados Floríst. México 22: 1–55.
  9. Molina Rosito, A. 1975. Enumeración de las plantas de Honduras. Ceiba 19(1): 1–118.
  10. Nasir, E. & S. I. Ali (eds). 1980-2005. Fl. Pakistan Univ. of Karachi, Karachi.
  11. ORSTOM. 1988. List Vasc. Pl. Gabon Herbier National du Gabon, Yaounde.
  12. Standley, P. C. & J. A. Steyermark. 1949. Euphorbiaceae. In: P. C. Standley & J. A. Steyermark (eds.), Flora of Guatemala---Part VI. Fieldiana, Bot. 24(6): 25–170.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]