Ilustración en Galicia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2012.) |
O movemento da Ilustración en Galicia desenvolveuse, coma no resto de Europa, no século XVIII, e representou un novo interese polas ideas empíricas na filosofía, na política económica ou nas ciencia. Neste contexto comezou un proceso de construción e recuperación da conciencia da personalidade histórica, cultural e económica do reino de Galiza da man dos ilustrados galegos, persoeiros de letras que entendían a Galiza como unha sociedade diferenciada e como un reino cunhas necesidades específicas.
Iniciativas
[editar | editar a fonte]Na gran tarefa de modernizar o reino, de aproveitar os seus recursos humanos e naturais, tiveron un destacado papel as sociedades e academias galegas. Foron creadas, entre outras, a Academia de Agricultura del Reino de Galicia (inaugurada o 20 de xaneiro de 1765), a Sociedad Económica de Amigos del país del reino de Galicia (15 de febreiro de 1784) ou as Sociedades de Amigos do país de Santiago de Compostela (1784) e Lugo (1785), así como ambiciosas propostas como o Real Montepío de Pescadores del reino de Galicia (1775). Os ilustrados foron os primeiros en denunciar as penurias do reino, a maior parte delas derivadas da negativa política que nel levaron a cabo o Reis Católicos e os Habsburgo. Deste xeito denunciouse o estado das vías de comunicación, as importacións innecesarias, a masiva emigración, as políticas de aculturización lingüística e, en definitiva, a marxinación económica do reino. Deste modo conseguíronse éxitos como a constitución na Coruña do Consulado Marítimo e Terrestre co que se habilitou a cidade para comerciar coas colonias americanas.
Persoeiros
[editar | editar a fonte]Pola súa enorme contribución á lingua e cultura do reino destacan dous eclesiásticos, Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro e Martín Sarmiento (Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, 1745-1755). O primeiro denunciou antes ca ninguén a miseria do sector campesiño galego propoñendo cambios na administración do reino; o segundo con amplos coñecementos de botánica, medicina natural e arquivística, dedicouse á filoloxía sendo un aférrimo defensor do galego (idioma do reino), erguendo a voz contra aqueles que trataban de desprestixialo.
No eido económico, entre outros destacan persoeiros aos que se lles deben numerosas obras de vital importancia no desenvolvemento económico e que pertencen a diferentes grupos sociais. Aparecen aristócratas (fidalgos) tales como Xosé Cornide de Saavedra (Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia,1774), Pedro Antonio Sánchez -cofundador da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (1784)- ou Lucas Labrada (Descripción económica del Reyno de Galicia,1804); eclesiásticos como Juan Francisco de Castro ("Discursos críticos sobre las Leyes, y sus Intérpretes", 1765) e comerciantes como Antonio Raimundo Ibáñez.