Lino Martínez Villafínez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Lino José Martínez Villafines 23 de setembro de 1892 Marín, España |
Morte | 9 de febreiro de 1970 (77 anos) Santiago de Compostela, España |
Outros nomes | Lino Villafínez |
Actividade | |
Ocupación | pintor |
Lino José Martínez Villafínez, coñecido tamén como Lino Villafínez, nado en Marín o 23 de setembro de 1892[1] e finado en Santiago de Compostela o 9 de febreiro de 1970[2], foi un pintor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sexto fillo do carabineiro Bertoldino Martínez e Dolores Villafines, que eran orixinarios de Santa María de Mourente (Pontevedra). Tivo seis irmáns. Foi bautizado na igrexa parroquial de Santa María do Porto o 3 de outubro do ano do seu nacemento. O seu apelido materno, Villafines, acabou co tempo transformado á súa forma castelá. Desde ben cedo, interesouse pola pintura, datándose os seus primeiros cadros sobre 1913, fundamentalmente mariñas.
En 1924, por mediación de Luis Blanco Rivero-de Aguilar, trasladouse a Santiago de Compostela, onde desenvolveu case toda a súa actividade pictórica. Comezou a traballar como subalterno (enfermeiro e debuxante de quirófano) no Hospital Provincial de Santiago.[2] Durante esta etapa inicial tivo trato con Mariano Tito Vázquez, Francisco Asorey, Castelao, Roberto González del Blanco e Enrique Mayer.
Subvencionado pola Deputación de Pontevedra en 1926, 1929 e 1930, e cunha bolsa de viaxe en 1931, marchou a Madrid, onde alternou a troula coa pintura.[3]
Residiu durante tempadas breves en Vigo, en Rianxo (grazas á axuda de Ángel Baltar Cortés, primeiro, e do seu fillo Ramón Baltar Domínguez, posteriormente) e en Neiro, Sabugueira.
Sobre todo na etapa final da súa vida (1945-1970), con problemas co alcohol e numerosas débedas, viuse na obriga de pintar cada vez con maior rapidez, o que derivou na repetición incesante de temas da paisaxe compostelá e a definición que a crítica fixo del de facer pintura en serie.[4] Foi enterrado no Cemiterio de Boisaca[5].
Unha rúa compostelá leva o nome de Pintor Lino Villafínez na súa lembranza.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con María Míguez Dedel (nacida en Sigüeiro) e foi pai do tamén pintor Juan Martínez Míguez, alcumado Vilafíns.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rexistro Civil de Marín, tomo 52, páxina 70.
- ↑ 2,0 2,1 El Pueblo Gallego, 11-2-1970, p. 14.
- ↑ López Vázquez, José Manuel en Enciclopedia temática de Galicia, tomo V.- Arte, p. 212 (en castelán).
- ↑ Roberto Qumata: "Miles de gallegos creen tener una obra maestra" Arquivado 10 de abril de 2015 en Wayback Machine. El Correo Gallego, 29-7-2007 (en castelán).
- ↑ El Pueblo Gallego, 12-2-1970, p. 13.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, Tomo XLIV (VILAN - Z), voz "VILLAFÍNEZ, Lino", páxina 79.
- López Vázquez, José Manuel B. e San Ildefonso Rodríguez, Beatriz de: Villafínez 1892-1970. Deputación de Pontevedra; 1998. 115 p. ISBN 84-89690-46-4. Catálogo, coa reprodución de 57 obras de Villafínez, dunha exposición celebrada no Museo de Pontevedra comisariada por Xosé Carlos Valle.
- Otero Vázquez, Concepción: Vida y obra del pintor Villafínez, tese.
- Pablos, Francisco (2003). A pintura en Galicia - La pintura en Galicia (en bilingüe). Nigra Trea. p. 90-91. ISBN 84-95364-15-8.
- Sobrino Manzanares, María Luisa en Historia del arte gallego, Editorial Alhambra, Madrid, 1982, ISBN 84-205-0913-2.