Melgacho
Melgacho Scyliorhinus canicula | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Scyliorhinus canicula (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||
Range in blue
|
O melgacho, cazacú ou rilón[1] , tamén denominado rañorte (Scyliorhinus canicula) é unha especie de elasmobranquio carcarriniforme (Carcharhiniformes) da familia dos esciliorrínidos (Scyliorhinidae),[2] moi común nas costas galegas, abondando nos polígonos de bateas mexilloeiras.[3]
Características
[editar | editar a fonte]De corpo alongado e afiado de até 1 m de lonxitude como máximo,[4] e un peso máximo de 800 g.; o fociño é curto e arredondado con engurras labiais presentes apenas no maxilar inferior e coas válvulas nasais moi desenvolvidas.[5]
Os ollos son elípticos, sen membrana nictitante, situándose tras eles un espiráculo e cinco fendeduras branquias, pequenas. A segunda aleta dorsal é moito máis pequena que a primeira, e insírese á altura da xunta anal; a primeira está inserida máis atrás que as xuntas pélvicas.[5]
A pel, non moi áspera (os dentículos dérmicos son pequenos), é de cor gris amarelada con pequenas manchas pardas, pretas e, en ocasiós, brancas.[5] Pola zona ventral é abrancazada.
Historia natural
[editar | editar a fonte]Vive en fondos areosos ou lamacentos, desde os 25 até os 400 m de profundidade.
De hábitos nocturos, aliméntase principalmente de moluscos, crustáceos e cefalópodos; durante o día permanece en repouso.
Os machos maduran sexualmente cando alcanzan os 39 cm, e as femias, os 44 cm.[6] Son ovíparos, e a femia pon de cada vez uns 20 ovos, de forma característica (adoitan coñecerse entre a xente do mar como petacas), e que poden verse mesturados con algas cando baixa moito a marea. Tras un período de xestación de 8 ou 9 meses, nacen as crías, que miden no momento de nacer de 9 a 10 cm.[5][7]
Gastronomía
[editar | editar a fonte]A carne do melgacho é comestíbel (aínda que se considera que o fígado é tóxico),[8] pero o seu uso é limitado. Para a súa venda nas peixarías adoita presentarse eviscerado (ás veces, tamén decapitado) e sen pel, que é dura e difícil de eliminar. As artes utilizadas para a súa captura son o arrastre e o palangre.
Segundo José Carlos Capel, tanto o melgacho como os seus parentes a roxa (Scylioruhinus stellaris) e a zapata (Galeus melastomus) son especies que requiren cociñarse nun perfecto estado de frescor porque, do contrario, denotan un sabor desagradábel. Os lombos, unha vez limpos, poden presentarse en distintas preparaciós, harmonizando ben cas salsas de tomate e verde, ou en guisos amarelos, e resultan excelentes frixidas coa fórmula do adobo andaluz, segundo este gastrónomo.[9]
En Galicia é frecuente comelo guisado, con patacas, pementos e tomates (o "guiso amarelo", que diría Capel) e, menos, como un ingrediente máis das caldeiradas mixtas.
En Cataluña o melgacho é adoito un dos ingredients da sarsuela de peix, prato onde se mesturan anacos de diferentes peixes pouco comúns, e que ten un papel importante na gastronomía tradicional.
En Francia prepárase a saumonette co melgacho. Primeiro hai que quitarlle a pel; logo córtase a carne en filetes finos e alongados que se deixan polo menos unha hora en adobo con auga con sal e vinagre ou zume de limón; pasado este tempo pódense saltear os filetes con manteiga, no forno ou na prancha.
En Sardeña faise a burridda di gattuccio, un prato típico diferente da burridda genovesa, que consiste no melgacho fervido e cuberto cunha salsa a base de aceite, allo, vinagre e noces picadas.[10]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Un melgacho adulto no Aquarium Finisterrae da Coruña
-
Femia adulta efectuando a desova
-
Ovos de melgacho enganchados nun cabo
-
Ovo co embrión maduro
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para melgacho.
- ↑ IUCN.(2009). asesores: Ellis, J., Mancusi, C., Serena, F., Haka, F., Guallart, J., Ungaro, N., Coelho, R., Schembri, T. e MacKenzie, K. Scyliorhinus canicula. Edición IUCN 2011.2 Arquivado 28 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine. Consultada o 22/11/2012.
- ↑ Solórzano (1988), p. 12.
- ↑ Compagno, L. J. V. (1984): FAO species catalogue. Vol. 4. Sharks of the world. An annotated and illustrated catalogue of shark species known to date. Part 2 - Carcharhiniformes. Fish. Synop. 125 (4/2): 251-655.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Rodríguez Villanueva (1992), p. 56.
- ↑ Duran, Miquel (2007): Noms i descripcions dels peixos de la Mar Catalana. Tom I, Àgnats, Condrictis, Osteïctis (1a. part). Palma de Mallorca: Editorial Moll. ISBN 978-84-273-6508-7, pp. 106-107.
- ↑ FishBase. Scyliorhinus canicula (en inglés) Consultada o 22/11/2012.
- ↑ Pintarroja en maestropescador.com Arquivado 07 de marzo de 2013 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 22/12/2012.
- ↑ Capel, José Carlos (1982): Manual del pescado, Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-85337-70-0, p. 295.
- ↑ La cucina della Sardegna Arquivado 20 de agosto de 2014 en Wayback Machine. (en italiano) Consultada o 22/11/2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Melgacho |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Melgacho |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
- Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Scyliorhinus canicula en asturnatura.com (en castelán) Consultada o 22/1/2012.