Mozos Turcos
Mozos Turcos é o sobrenome dun partido nacionalista e reformista turco de principios do século XX, oficialmente coñecido como o Comité de Unión e Progreso (CUP) — en turco Ittihad ve Terakki Cemiyeti — cuxos líderes levaron a cabo unha rebelión contra o sultán Abdul Hamid II (quen foi oficialmente deposto e desterrado en 1909). Gobernaron o Imperio Otomán dende 1908 ata finais da primeira guerra mundial, en novembro de 1918. Durante o seu goberno aconteceu o denominado xenocidio armenio. Os Mozos Turcos tiñan as súas orixes en sociedades secretas de estudantes de universidade e cadetes militares progresistas, conducidas subrepticiamente pola disidencia política despois de que a constitución fora revogada polo sultán Abdul Hamid II.
En 1913, cando o goberno do sultán otomán perdía a Primeira Guerra Balcánica, o CUP tomou o poder. O goberno dirixido polos Mozos Turcos foi encabezado polo ministro do Gran Visir/Ministro de Interior, Talat Paşa (1874–1921). Traballando con el atopábanse o Ministro de Guerra Enver Paşa, (1881–1922) e o Ministro de Mariña Cemal Paşa, (1872–1922). Ata que os arquivos alemáns non foron abertos ó público, os historiadores tildaron o goberno do CUP como un triunvirato ditatorial; agora e de acordo ás derradeiras investigacións históricas, sabemos que o partido estaba dividido polo desacordo interno e ceibemente dirixido por unha ampla organización directiva do comité central do partido.