No Wave
No Wave | |
---|---|
Orixe musical | punk rock, avant-garde, noise, funk, disco, jazz, free jazz, rock experimental, art rock |
Orixe cultural | finais dos 70 en Nova York |
Instrumentos típicos | guitarra, baixo, batería, teclado, saxofón |
Derivados | avant funk, punk jazz |
Subxéneros | |
dance-punk - noise rock - punk jazz+ | |
O No Wave foi un xénero musical de vangarda e unha escena de arte visual que xurdiu a finais dos anos 70 no centro da cidade de Nova York.[1][2] O termo No Wave é en parte un xogo de palabras satírico para rexeitar os elementos comerciais do entón popular xénero New Wave.[3] Reaccionando contra a reciclaxe de tópicos do rock and roll por parte do punk rock, os músicos No Wave experimentaron co ruído, a disonancia e a atonalidade, así como con xéneros non rock, como o free jazz, o funk e o disco.[4][5][6] A escena a miúdo reflectía unha visión do mundo abrasiva, enfrontada e nihilista.
O movemento foi de curta duración pero moi influente no mundo da música. O recompilatorio de 1978 No New York adoita a ser considerado o testamento por excelencia da estética musical da escena.[7] Ademais do xénero musical, o movemento no wave tamén tivo unha influencia significativa no cine independente (no wave cinema), a moda e a arte visual.[8]
Características
[editar | editar a fonte]En moitos aspectos o No Wave non é realmente un xénero musical cunhas determinadas características. Varios grupos colleron influencias de moitos estilos coma o funk, jazz, blues, punk rock, avant garde e a música experimental. Hai, porén, algúns elementos comúns na meirande parte da música No Wave, coma un son atonal abrasivo, ritmos repetitivos, e unha tendencia a salientar as texturas musicais sobre a típica melodía. As letras do No Wave adoitan a centrarse no nihilismo e a confrontación. No Wave adoita a ser definido mellor nos termos do ambiente artístico no cal prosperou (no centro da escena da arte minimalista) e no carácter das súas actuacións, típicas do seu contexto. As actuacións do No Wave baseábanse fortemente nas artes escénicas, e a miúdo eran un exemplo dun minimalismo moi teatral.
En 1978 celebrouse no New York’s Artists Space un encontro entre músicos noise influenciados polo punk rock, que permitiu a Brian Eno producir o álbum No New York. Esta gravación foi o primeiro intento de definir o son do xénero, documentando a The Contortions, Teenage Jesus and the Jerks, Mars e DNA.
O Noise Fest foi un influente festival de art noise organizado por Thurston Moore de Sonic Youth no espazo de arte White Columns en xuño de 1981. Sonic Youth faría a súa primeira aparición en directo neste festival. Cada noite actuaban tres ou catro artistas, incluíndo Glenn Branca, Rhys Chatham, Jeffrey Lohn, Dog Eat Dog, Built on Guilt, Rudolph Grey, The Avant Squares, Mofungo, Red Decade, Robin Crutchfield's Dark Day, Ad Hoc Rock, Intense Molecular Activity, Smoking Section, Chinese Puzzle, Avoidance Behaviour e Sonic Youth.
O No Wave tivo unha importante influencia nas bandas noise e industriais formadas posteriormente, coma Big Black, Lev Six, Helmet e Live Skull. Theoretical Girls está fortemente influída pola primeira etapa de Sonic Youth, que emerxeu desta escena creando música que acadaría unha audiencia bastante ampla e o respecto da crítica. Tamén en bandas máis novas coma Liars, Ex Models, Neptune e Erase Errata pode verse unha importante influencia da escena No Wave.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Hai diferentes teorías sobre como foi cuñado o termo "no wave". Algunhas suxiren que Lydia Lunch cuñou o termo nunha entrevista con Roy Trakin para a revista New York Rocker.[5] Outras din que o xénero foi bautizado por Chris Nelson (das bandas Mofungo e The Scene Is Now) en New York Rocker. Thurston Moore de Sonic Youth afirmou ter visto o termo pintado con spray en fronte do CBGB Second Avenue Theater, no 66 da 2ª Avenida, antes de velo na prensa.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Romanowski, Patricia, ed. (1995). The new Rolling Stone encyclopedia of rock & roll. A Rolling Stone Press Book (Completely rev. and updated, [2. ed.] ed.). New York: Fireside. p. 717. ISBN 978-0-684-81044-7.
- ↑ Masters 2007, p. 5
- ↑ Pearlman 2003, p. 188
- ↑ "James Chance and The Contortions: James Chance and the Contortions: Buy album review @ All About Jazz". All About Jazz (en inglés). 2005-02-07. Consultado o 2024-04-10.
- ↑ 5,0 5,1 Masters, Marc (2008-01-15). "NO!: The Origins of No Wave". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-04-10.
- ↑ "No Wave Music Style Overview". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-04-10.
- ↑ Masters, Marc; Walter, Weasel (2007). No Wave. London: Black Dog. p. 9. ISBN 978-1-906155-02-5.
- ↑ Masters 2007, p. 200
- ↑ "Conversations with Thurston Moore: No Wave". Ben Sisario. 2008-06-23. Consultado o 2024-04-10.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Masters, Marc (2007). No Wave. London: Black Dog Publishing. ISBN 978-1-906155-02-5.
- Pearlman, Alison (2003). Unpackaging Art of the 1980s. Chicago: University of Chicago Press.