(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Oposición de esquerda - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Oposición de esquerda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historicamente denominada oposición de esquerda (en ruso: Левая оппозиция, Levaya oppozitsia) foi unha facción informal dentro do Partido Comunista da Unión Soviética entre 1923 e 1927, encabezada de facto por Lev Trotski. Na pugna de poder aberta entre as principais figuras do Partido tras a enfermidade e morte de Lenin, esta oposición agrupou os asinantes da Declaración dos 46 fronte á troika conformada por Grigori Zinoviev, presidente da Internacional Comunista; Iosif Stalin, Secretario Xeral do Partido Comunista; e Lev Kamenev, presidente do Politburo. A troika contaba co apoio de Nikolai Bukharin, director de Pravda; e de Alekséi Rýkov, presidente do Consello de Comisarios do Pobo (Sovnarkom). Estes serían incluídos máis tarde por Stalin na oposición de dereita. A Trotski e os seus seguidores uníuselles o Grupo do Centralismo Democrático.

A 13ª conferencia do partido, en xaneiro de 1924, días antes da morte de Lenin, condenou por «faccionalismo» a Trotski e os demais asinantes da Declaración dos 46. Stalin, quen os denunciou nun discurso ameazante, logrou o respaldo de 125 dos 128 delegados para esta condena.[1] A reprimenda a Trotski e os seus partidarios repetiuse no XIII congreso do partido en maio do mesmo ano, mais non perdeu o seu posto no Politburo.[1]

Malia debilitárense os lazos que unían a Grigori Zinoviev, Lev Kamenev e Iosif Stalin contra Trotski, este non deixou que as disensións frutificasen. Ese outono atacou os dous primeiros, considerados aínda os seus principais adversarios. No seu ensaio «As leccións de Outubro», publicado no aniversario da Revolución de Outubro, devolveulles, amais, a súa acusación de menchevismo e acusou de indiferenza a Zinóviev, presidente do Comintern, e de incapacidade para impulsar a revolución en Alemaña e Bulgaria en 1923.[1] Trotski presentábase a si mesmo como o único dirixente que traballara en completo acordo con Lenin durante a revolución, o que desencadeou un furibundo ataque na súa contra e uniu o resto do Politburo en oposición.[1]

En vista da acertada descrición de Trotski sobre os acontecementos do período revolucionario, os seus adversarios atacárono utilizando a súa traxectoria anterior, en que mantivera duras disputas con Lenin.[1] Pretendían probar que Trotski defendera unha postura diferente á de Lenin, para entón considerada incontestábel. Stalin, quen dedicou especial interese a este labor, presentou o 19 de novembro de 1924 o termo «trotskismo» como unha herexía contra o leninismo.[1][2] Trotski foi criticado tamén pola teoría da «revolución permanente», que Lenin malia rexeitala orixinalmente, acabara por adoptar en 1917. A «revolución permanente», en efecto, opoñíase á concepción do «socialismo nun só país», defendida por Stalin.[2]

Trotski non tentou defenderse das acusacións. Desculpou a súa ausencia na reunión do Comité Central en xaneiro de 1925, por causa da súa doenza, e dimitiu como Comisario de Defensa. Zinóviev e Kámenev defendían a expulsión de Trotski do partido, mais Stalin aconsellou moderación:

Nós, a maioría do comité do consello, non coincidimos cos camaradas Zinóviev e Kámenev porque nos decatamos de que a política de «decapitación» está chea de grandes perigos para o partido.[...] Nun método de sangría -e sangue querían en verdade- perigoso e contaxioso: hoxe cortas unha cabeza, mañá outra e logo unha terceira. Quen ficaría no partido?

Tras a súa condena, en xaneiro Trotski permaneceu como membro tanto do Politburó coma do partido, mais abstívose de entrar en controversias o resto do ano.[3] En setembro mesmo desmentiu, como fixo tamén Nadezhda Krupskaia, a existencia do testamento de Lenin, segundo el por presión de Stalin.[3]

Principais membros da Oposición de Esquerdas

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Bullock (1992), p. 189
  2. 2,0 2,1 Bullock (1992), p. 190
  3. 3,0 3,1 Bullock (1992), p. 192

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]