(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Ourivaría - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Ourivaría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Taller de ourivaría doado polo artista Fernando Marmolejo ao Museo de Artes e Costumes Populares (Sevilla).

A ourivaría ou ourivería é o traballo artístico realizado sobre utensilios ou adornos de metais preciosos, ou aliaxes deles para facer xoias, obxectos de adorno ou de culto.[1] Procede do latín auri ‘ouro’ e faber ‘fabricador’. Os metais que constitúen os obxectos de ourivaría propiamente ditos son eminentemente a prata e o ouro ou unha mestura de ambos que na antigüidade adoitava chamarse Electró.

Artigo principal: Historia da ourivaría.

Co ouro e a prata fabricábanse xa desde a Prehistoria,[2] utensilios moi variados como vaixelas, pezas de adorno, xoias, moedas, estatuas seguindo o estilo, a ornamentación e o gusto propios da época e da nación que os elabora, como pode observarse percorrendo as principais civilizacións.

As técnicas empregadas no traballo do ouro foron moi sinxelas ao comezo. A martelada en frío proporcionaba láminas e fíos que podían adoptar formas diferentes. Posteriormente, pero aínda nunha época temperá, utilizáronse o quentado e a fusión. Os avances técnicos supuxeron unha diversificación das formas.

Na Península Ibérica, a partir do Bronce final documéntanse as pezas compostas e as primeiras aliaxes voluntarias, sobre todo en Galicia, atopáronse bos exemplares de brazaletes, colares e pendentes de ouro, algúns deles con aplicacións de filigrana que poderían ser da época da arte ibérica propiamente dito.

Véxase tamén: Idade dos Metais.

Técnicas de fabricación

[editar | editar a fonte]
  • Fusión do material bruto: Obtido o metal, prepárase en bruto fundíndoo nun crisol a 1.063 °C para eliminar impurezas, posteriormente vértese nun recipiente e déixase fundir.
  • Martelado e batido: Separado o metal do recipiente, realízase o batido ou martelado, para o batido necesítase interpor un material flexible (coiro, tea etc.) entre o metal e a ferramenta para obter láminas finas e evitar pegadas ou roturas. O martelado supón golpear directamente o metal para darlle forma de lámina, lingote. Ao martelar ou bater as pezas, estas cambian de dureza e ductilidade debido ás transformacións sufridas na súa microestructura, polo que se fai necesario o recocido un ou varias veces para evitar que se crebe a lámina.[3]
  • Cortado e acabado: O cortado realízase a través do simple dobrado, marcando a liña de corte cunha incisión. O acabado xeralmente practícase pola cara externa ou visible da peza e consiste nunha limpeza ou puído por fricción ou abrasión, valéndose por exemplo de area.
  • Almas de bronce ou outro metal, chapados e dourados: O dourado con pans de ouro xa era unha técnica empregadas polos exipcios no III milenio a.C. O tratamento de superficie máis espectacular é o coñecido como «mise en couleur», que consiste en eliminar a capa superficial de cobre facendo aflorar o ouro, empregando unha solución aceda do mollo de certas plantas e a calor, este procedemento era adecuando cando o contido de ouro era alto. Se as pezas eran de baixa lei utilizábase unha solución corrosiva de orixe mineral, falándose entón de «refinación artificial», que permitía xogar con diferenzas acusadas de cor.

Unións mecánicas e ensambles

[editar | editar a fonte]

Documéntanse sobre todo:

  • Soldadura sen achegue de material soldante: baseada nos distintos puntos de fusión dos elementos a unir.
  • Soldadura por difusión en fase sólida: quentando por baixo do punto de fusión.
  • Soldadura con achegue de aliaxe soldante: de composición Au-Ag-Cu (Ouro-Prata-Cobre).
  • Baleirado á cera perdida: consiste en realizar un modelo inicial en cera dun núcleo coa forma desexada, que se recobre de arxila; deste xeito, ao derreterse e quedar eliminada a cera do interior cando se verte o ouro fundido, conséguese un molde de fundición oco que, ao solidificarse, reproduce a forma do núcleo.

Técnicas decorativas

[editar | editar a fonte]
Sepultura 43 da Necrópole de Varna, o primeiro ouro traballado do mundo.[4]
  • Remetido e embutido: O repuxado fundaméntase na realización de motivos cun cicel de punta roma para evitar que se corte a lámina, ou ben con punzóns que permitan curvar o metal sobre si mesmo e definir gretas profundas desde o reverso, para que salgan no anverso. Se a peza se traballa polo anverso sobre un corpo xa en relevo, trátase dun «embutido», técnica que require traballar sobre un soporte brando aínda que consistente para que a lámina se manteña fixa.
  • Puntillado: Esta técnica decorativa realízase cun cicel desde o reverso da peza, obtendo motivos a base de puntos en relevo polo anverso.
  • Decoración incisa: Conséguese mediante a incisión cun buril sobre a peza e baixo un soporte firme que suxeite o obxecto.
  • Estampado: Consiste en premer a golpe de martelo cun punzón metálico sobre o reverso dunha lámina; no extremo do punzón áchase o debuxo que se quere reproducir en relevo. Cando o punzón deixa a súa marca só por unha cara do metal chámase «estampación por impresión», mentres que cando deixa un relevo por unha cara e un oco por outra se denomina «estampación repuxada».
  • A Filigrana: É un esquema decorativo deseñado mediante fíos que se soldan a unha lámina de base. Para fabricar os fíos hai dous métodos: nun caso, pártese dunha lámina cortada en tiras estreitas que se enrolan sobre si mesmas suxeitándoas por un extremo, o que lles deixa marcas helicoidais de retorcimiento; e no outro, realízase un fundido previo en molde para obter a forma de fío e despois se martillea ata obter a sección desexada. Chámase «filigrana sentada» cando os fíos se soldan sobre unha base, e «filigrana ao aire ou calada» cando os fíos únense entre si, sen base.
  • Granulado: Baséase no mesmo principio, e nel os fíos substitúense por pequenas esferas de ouro. Consiste en soldar pequenos gránulos ou esferitas de ouro a unha superficie formando diversos motivos. Xeralmente «filigrana» e «granulado» combínanse entre si, e ás veces tamén con outras técnicas, alcanzando unha gran complexidade compositiva.
  1. Real Academia Galega (ed.). "ourivería". Consultado o 3-11-2012. 
  2. La Voz Libre, ed. (23 de xuño de 2010). "Exposición 'Oro & Plata' sobre orfebrería en la antigüedad hispana" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27-03-2016. Consultado o 3-11-2012. El museo arqueologico mostrara del 23 de julio al 19 de septiembre los tesoros desde la prehistoria a la romanización 
  3. CARCEDO DE MUFARECH, PALOMA; PONTIFICIA UNIVERSIDAD CATÓLICA DEL PERÚ (27 de maio de 2005). Biblioteca Luís Anxo Arango, ed. "Instrumentos líticos e de metal utilizados en manufactura de pezas metálicas conservadas nos museos" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2012. Consultado o 4-11-2012. 
  4. Terra (ed.). "La Caixa saca de un largo olvido al enigmático pueblo tracio". Culturaclasica.com (en castelán). Consultado o 18-11-2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]