Pedro Tomé
Tomé | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Pedro Tomé Alonso | ||
Nacemento | 30 de abril de 1932 | ||
Lugar de nacemento | Teixeiro | ||
Falecemento | 20 de xullo de 2022 | ||
Lugar de falecemento | A Pobra do Caramiñal | ||
Altura | 1,80 m. | ||
Posición | Defensa central | ||
Carreira xuvenil | |||
Español | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1949–1953 | Deportivo da Coruña | 0 | (0) |
1949–1953 | → Xuvenil | ||
1953–1954 | Cultural Leonesa | 26 | (0) |
1954–1955 | Valencia | 0 | (0) |
1955 | → Oviedo | 1 | (0) |
1955–1956 | San Fernando | 29 | (0) |
1956–1958 | Xuvenil | ||
1958 | Racing de Ferrol | 7 | (0) |
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Pedro Tomé Alonso, nado en Teixeiro o 30 de abril de 1932 e finado na Pobra do Caramiñal o 20 de xullo de 2022, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa central e facíao sempre cun pano branco na cabeza, imitando ao seu ídolo Pedrito.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Teixeiro,[1] sendo o cuarto dos cinco fillos de Argimira Alonso Nieto e do industrial Pedro Tomé Couceiro,[2] fundador en Trasanquelos da primeira fábrica de queixos e manteiga de Galicia.[3] Comezou a xogar ao fútbol nos Salesianos da Coruña, pasando máis tarde ao Español da mesma cidade.[4]
En 1949 asinou un contrato de cinco anos co Deportivo da Coruña.[5] Con todo, foi cedido nos seguintes anos ao Xuvenil, da Terceira División, equipo do que acabou sendo capitán e onde tivo como adestrador ao histórico Rodrigo.[4] Xogaba sempre cun pano branco arredor da cabeza, imitando ao seu ídolo Pedrito.[1] Durante esa época compaxinaba o fútbol co atletismo,[1] chegando a ser campión de España militar nos 400 metros vallas.
O 17 de abril de 1952 debutou co Deportivo da Coruña da man de Chacho, nun partido da Copa do Rei contra o Valladolid en Zorrilla no que os coruñeses encaixaron seis goles (6-2).[6] Disputou tamén o partido de volta en Riazor, no que o Deportivo quedou eliminado (3-3).[7] En febreiro de 1953 foi atropelado por un trolebús na rúa de San Andrés, sufrindo varias lesións, entre elas a fractura dunha clavícula.[8]
En xullo de 1953 pediu rescindir o seu contrato co Deportivo e para a tempada 1953/54 asinou coa Cultural Leonesa,[9] coa que debutou na Segunda División na primeira xornada contra o Racing de Ferrol no Inferniño.[10] No equipo adestrado por Galarraga coincidiu con varios futbolistas galegos como Chas, Quis, Ricardo e Barbeito, e foi titular en case tódolos partidos da tempada, rematando a liga na cuarta posición.
En abril de 1954 foi traspasado ao Valencia por 50.000 pesetas, e asinou un contrato co club che por un salario de 125.000 pesetas ao ano.[11] No equipo de Carlos Iturraspe non dispuxo de minutos e non chegou a debutar na Primeira División, disputando só dous partidos amigables contra o Burjassot e o Alzira.[12] En febreiro de 1955 saíu cedido ao Oviedo, co que xogou só un encontro ante o Eibar. Na tempada 1955/56 xogou co San Fernando na Segunda División. No club gaditano recuperou o protagonismo e foi o futbolista de campo con máis minutos durante a tempada.
En 1956 regresou ao Xuvenil, no que militou durante a tempada 1956/57 e boa parte da 1957/58. En abril de 1958 o Racing de Ferrol recorreu aos seus servizos despois de que se lesionase o seu defensa Juan Sánchez.[13] Debutou coa camiseta verde nun partido ante o Indautxu e foi titular nos restantes encontros da tempada. A continuación, e con só 27 anos, deixou o fútbol por mor dunha lesión.
Trala súa retirada do fútbol, converteuse en secretario técnico do Deportivo da Coruña durante a presidencia de Antonio González, e ocupou o cargo durante 16 anos. Xogou tamén ao tenis e foi directivo do Club de Tenis da Coruña, onde fixo amizade con Manolo Santana. Foi tamén directivo da Hípica da Coruña e secretario técnico do Aero Club de Santiago e presidiu a Mutua Gallega de Accidentes dende finais da década de 1980 ata a de 2010.[14][15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Pedro Tomé, el central del pañuelo del RC Deportivo". DxT Campeón (en castelán). 17 de marzo de 2019. Consultado o 20 de xullo de 2022.
- ↑ "Necrológica". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de febreiro de 1950. p. 3.
- ↑ "Trasanquelos presume de haber tenido la primera fábrica de quesos y manteca de Galicia" (en castelán). 21 de agosto de 2020. Consultado o 20 de xullo de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 "5 minutos de charla con Tomé". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de setembro de 1951. p. 8.
- ↑ "El Juvenil, a Santander". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de setembro de 1949. p. 5.
- ↑ "Seis goles marcó el Valladolid al Deportivo de la Coruña". La Noche (en castelán) (9716). 18 de abril de 1952. p. 4. Consultado o 20 de xullo de 2022.
- ↑ "Deportivo y Valladolid empatan en Riazor (3-3)". La Noche (en castelán). 21 de abril de 1952. p. 1. Consultado o 20 de xullo de 2022.
- ↑ "El futbolista Tomé, arrollado por un trolebús". El Correo Gallego (en castelán) (25231). 27 de febreiro de 1953. p. 2. Consultado o 20 de xullo de 2022.
- ↑ "Tomé jugará esta temporada en la Cultural Leonesa". El Correo Gallego (en castelán) (25374). 18 de agosto de 1953. p. 4. Consultado o 20 de xullo de 2022.
- ↑ "En un partido emocionante y angustioso, el Club Ferrol derrota a la Cultural Leonesa por 2 a 1". El Correo Gallego (en castelán) (25399). 15 de setembro de 1953. p. 5. Consultado o 20 de xullo de 2022.
- ↑ "El coruñés Tomé, nuevo jugador del valencia". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de abril de 1954. p. 4.
- ↑ "Ficha de Pedro Tomé". ciberche.net (en castelán). Consultado o 21 de xullo de 2022.
- ↑ "Fichajes ante la visita del Indauchu". El Correo Gallego (en castelán). 6 de abril de 1958. p. 6. Consultado o 20 de xullo de 2022.
- ↑ "Hoy cumplen años". El Correo Gallego (en castelán). 29 de abril de 2013. Consultado o 21 de xullo de 2022.
- ↑ "Cumpleaños 30-04-2021". El Correo Gallego (en castelán). 30 de abril de 2021. Consultado o 20 de xullo de 2022.