Pobo fula
Pobo fula | |
---|---|
Mulleres fula | |
Poboación | |
Poboación total: c 20–25 millóns[1][2] | |
Rexións principais: | |
Nixeria | 7 millóns[3] |
Guinea | 4,7 millóns[4] |
Malí | 2,8 millóns[5] |
Níxer | 1,5 millóns[6] |
Camerún | 700 000[3] |
Chad | 128 000[3] |
Sudán | 90 000[3] |
Aspectos culturais | |
Lingua | Lingua fula |
Relixión | Islam |
Grupos relacionados | Hausa, kanuri e toucouleur |
Os fula ou fulani (tamén chamados peul ou fulbe) (en fula: Fulɓe), son o pobo nómade máis grande do mundo, cuxa orixe é descoñecida. Espallados pola África occidental, a maioría moran no Sahel, onde, xunto aos hausa, suman arredor de 30 millóns. Atópanse tamén no Malí (1,6 millóns), en Nixeria, en Guinea (1,4 millóns), no Camerún (1,1 millóns), o Senegal (1 millón), o Níxer (950.000), Burkina Faso (550.000), Guinea-Bissau (210.000) e en número menor en Ghana, Mauritania, Serra Leoa, Togo e o Chad. Tamén aparecen no sur de Exipto, Libia e o Sudán. Os fulas non son o grupo maioritario en ningún destes países, agás en Guinea. Son pobos tradicionalmente nómades que pratican o pastoreo. Falan fulfulde ou fula e estiveron entre os primeiros grupos africanos que acolleron o islam.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Os fulani son un dos pobos que máis denominacións recibe. Autodenomínase fulbe (en singular: pullo ou foulah), malia estar moi espallado o nome fulani co que lle chaman os hausa e os pobos do Sáhara, así coma exploradores e etnógrafos de fala inglesa. Tamén é frecuente a denominación fulbe que lles dan os mandé e mais a de peul que lle deron os wolof, a cal adoptaron os exploradores e etnógrafos de fala francesa.
Características físicas
[editar | editar a fonte]O fula, malia seren clasificados no complexo de pobos sudaneses, non comparten demasiadas características físicas con estes. Xeralmente, teñen a pel de cor caoba clara, a complexión espigada, o nariz recto ou algo curvo (xamais chato), os ollos amendoados e o pelo magro, non tan crecho como as tribos veciñas.
Orixe
[editar | editar a fonte]Téñense estudado moitas hipóteses arredor da orixe desta etnia. Por mor ás citadas características físicas, ademais das manifestacións artísticas, trátase dun pobo mestizo. Moitos consideraron a hipótese dunha orixe afastada do continente africano. Algúns sitúana no sur do Cáucaso, outros no actual Iemen.
Porén, a lingua dos fula clasifícase na rama lingüística de Níxer-Congo —malia agupala outros nas linguas afroasiáticas xunto idiomas achegados coma o hausa ou o bérber—. Así pois, moitos situarían as súas orixes nas marxes do Nilo; outros opinan que este pobo é o resultado dunha mestizaxe entre pobos sudaneses e nómades do Sáhara.
Historia
[editar | editar a fonte]Os primeiros datos sobre os fula remóntanse ao século IX, cando moraban entre a curva do río Níxer e a conca do Volta Negro. A principios do século XII, por mor da presión islámica (relixión que daquela rexeitaban) fuxiron cara distintas zonas, espallándose deste xeito por toda a África Occidental, mais os seus meirandes focos foron o macizo de Fouta Djallon, o Val do Senegal, Macina e mais a zona que correspondería ao actual norte de Nixeria.
Durante os dous séculos a seguir, ficaron baixo o dominio do Imperio de Malí, até comezaren a rivalidade co nacente Imperio songhay. Logo, os fulani, liderados por Tenguela I, conseguiron a autonomía do Estado de Bundu (localizado na actual Senegambia), a cal lles durou pouco, xa que o Imperio Shongai tivo tanta influencia que estendeu o seu poder até aquelas latitudes, sometendo así a todos os pobos conquistados.
A finais do século XV reagrupáronse de novo no Fouta Djallon, con capital en Timbo, liderados por Koli Tenguela, fillo do anterior, o cal creou a dinastía dos Siratigui e rematou converténdose ao islam. A partir do século XVII, eetenderon o seu territorio por zonas achegadas ao Fouta Djallon e polo Macina, enfrontándose así coas poboacións autóctonas de ditas terras.
Durante os séculos XV e XVII, paácticamente todos os fulani se converteran ao islam, máis concretamente a un movemento relixioso chamado Kadiriya, converténdose así na primeira etnia saheliana en acoller esta relixión. Só durante aqueles séculos chgaron a convivir pacificamente cos hausas nas terras do actual norte de Nixeria, aos cales lles servían coma conselleiros relixiosos.
En Macina, durante o século XVIII, fundouse outro reino fula, con capital en Hamdallayi, cuxa figura estelar foi cheikú Amadú, tamén coñecido coma o Emir dos crentes.
Aínda que sen dúbida algunha, o suceso histórico máis importante protagonizado polos fulani ou peul foi a Xihad fulani, unha campaña militar que libraron contra os seus veciños hausas. Había problemas entrambos por mor de que os hausas tiñan pouca convición no islam, chegando a mesturar ritos musulmáns con prácticas animistas. Os fulani eran moito máis devotos, é máis, tiñan unha figura chamada Usman Dan Fodio. Este atraía a moitos crentes que ollaban escandalizados as prácticas dos xefes hausas e que admiraban o misticismo relixioso de Dan Fodio. Serían estes fieis os que nomearían Comandante dos Crentes e lle acompañarían o 21 de febreiro de 1804 na súa viaxe de Gobir a Gudu, e, rememorando esta semellanza coa héxira musulmá, declarou a xihad rebelándose contra os hausa. Á revolta uníronse súbditos dos hausa que odiaban a estes reis, así coma fulanis nómades non musulmáns (no bando dos hausa). Contodo, a xihad produciu unha alta conciencia islámica no norte do Camerún e serviu de factor unificador para os hausa cos fula.
Contra 1810, os fulani conquistaron o país hausa, espallando así a xihad cara ao leste, o que desembocaría nun imperio creado por Usman Dan Fodio e que se estendía en toda a zona saheliana comprendida entre o Camerún e o Macina, abranguendo a súa capial en Sokoto. De aí que se coñecera co nome de Califato de Sokoto. Puxo en práctica así a súa teoría política, con catro visires con funcións claramente diferenciadas.
Para garantir unha mellor administración do Imperio, Usman dividiuno en dúas partes. A oriental, entregoulla a seu fillo Bello, e a occidental, a seu fillo Abdallah. A unidade imperial foise languidecendo co tempo, e, en 1860 xa non ficaba pegada ningunha desta unidade. A desaparición deste reino consagraría que os fulani se ciscasen por gran parte do continente africano.
Os fula na actualidade
[editar | editar a fonte]Senegambia
[editar | editar a fonte]Os fulani do Senegal e de Gambia moran na súa maioría na zona central do país.
Malí e Guinea
[editar | editar a fonte]En Malí moran principalmente no gran delta interior do río Níxer, na rexión de Mopti. En Guinea moran principalmente na rexión de Fouta-Djallon. No proceso de descolonización os fulani formaron un propio partido político, pero co xurdimento do Partido Democrático de Guinea, de Ahmed Seku Touré, aquel perdeu gran parte do seu poder.
Camerún
[editar | editar a fonte]Os fulani do Camerún moran na parte setrentrional do país, que conquistaron durante a xihad do século XIX. Foron influentes durante o período colonial e, trala independencia en 1960, apoiaron ao presidente do Camerún, Ajmadú Ajidyo. Coa dimisión de Ajidyo, en 1982, reduciuse a influencia social, económica e política dos fula.
Níxer, Burkina Faso e Guinea-Bissau
[editar | editar a fonte]A meirande parte dos peul que moran en Níxer emigraron a este país dende Nixeria durante o período colonial. Viven principalmente ao longo do río Níxer. En Burkina Faso concéntranse no norte e no leste, e en Guinea-Bissau moran unha extensa rexión entre as cidades de Gabú e Bafatá.
Xeito de vida
[editar | editar a fonte]Economía
[editar | editar a fonte]Basicamente nómade e pastoral, a riqueza atópase no número de gando que un teña. Crían bois, vacas, cabras, ovellas... Parte dos produtos que elaboran son comercializados. Tradicionalmente, trocaban carne e leite por especias e froitas con outros pobos. Actualmente, os fulani poden chegar a comercializar a grande escala os seus produtos (lácteos principalmente), algúns até os exportan a outros países africanos; o que demostra que teñen un sistema produtivo moi eficiente, que serviu de exemplo incluso para algunhas multinacionais occidentais.
O xefe da familia decide o nivel de produción do leite e o seu sino, mentres que as mulleres deciden canto do leite destinado a elas (a que non é destinada a elas, será para alimentar as crías do gado) se gardará para o autoconsumo e canta se venderá. As mulleres xamais acostuman vender o leite fresco; previamente o procesan:
En tempada húmida: Primeiro, fan a manteiga, e, co leite desnatado sobrante fan un líquido chamado nono (mestura de leite, azucre, e un gran moído chamado fura). Ademais, preparan un queixo tenro que cortan en cubos e friten.
En tempada seca: Ao nono engádeselle auga e mais kuka, que é o ácido que se atopa no froito do baobab, moi rico en vitamina C.
Costumes
[editar | editar a fonte]Antes de adoptar o islam, os fulani dicían proceder dun paraíso chamado O País de Heli e Yoyo, unhas terras con abundantes recursos naturais e onde reinaba a fortuna e a vida (O equivalente ao Paraíso dos cristiáns), lugar que creara Gueno, o deus creador. Conta a lenda que, con tanta abundancia, os habitantes do País de Heli e Yoyo tornáronse mesquiños e ruíns. Así Gueno, o deus creador, encheuse deles, decidindo así crear a Njeddo Dewal, a nai de todas as calamidades (o equivalente ao demo).
Como tense demostrado ao longo da historia africana, dende que adoptaron o islam, son bastante teocéntricos e moi devotos, os nenos van a escolas coránicas, onde aprenden o árabe coma unha lengua sagrada. Aínda que xa escasos, aínda existen casos de poligamia.
Contodo, aínda hai prácticas pre-islámicas que non abandonaron (que adoitan estar prohibidas en bastantes países):
-Ritos de iniciación (circuncisión do pene en nenos, e, en menor medida, mutilación do clítoris nas nenas). Faise entre os 7 e os 14 anos, xa que os fulani dividen as fases da vida de 7 en 7.
-Sharot ou proba de paus: Dous mozos danse mutuamente con paus por quendas.
-As súas prioridades, sobre todo nos sungrupos bororo e fulbé nai (a seguir) son: o gado, a beleza e a familia.
Organización social dos fulani
[editar | editar a fonte]Non todos os fulani son gandeiros ou nómades; moito menos na actualidade, onde circunstancias como a desertización ou a globalización poden chegar a persuadir para levares un xeito de vida sedentario ou urbano. Outrora posuían un sistema feudal, formado pola aristocracia, o rimbe ou persoas ceibas, os matchube ou escravos, os cales se dividían á súa vez en domésticos ou servos. Os relixiosos e os artesáns formaban castes a parte. Hoxe en día, posúen unha organización algo cambiada, este sistema social acentúase a medida que nos despracemos cara ao leste, no antigo califato de Sokoto (Nixeria, Camerún...)
Torobé
[editar | editar a fonte]En fulfude, quere dicir o que reza con nós. Descendentes dos antigos artistócratas e do clan de Usman Dan Fodio; moitos mesturáronse con hausas e con tukolor. Xa non son nómades, mais conservan a terra e os seus numerosos rabaños, servíndose de vasalos e servos para os coidar. Posúen riquezas e teñen contacto co mundo occidental. As mulleres destes non venden directamente os seus produtos lácteos; véndenllo a un intermediario.
Fulbé Sure
[editar | editar a fonte]"Peul de cidade". Abandonaron totalmente o nomadismo gandeiro para se dedicar ao comercio.
Fulbé Ladde
[editar | editar a fonte]"Peul de matogueira". Non abandoron de todo a vida nómade. Recorren á agricultura por mor a que non posúen gado de abondo. Combinan ciclos sedentarios agrícolas con desprazamentos na procura de pasteiros.
Fulbé Nai
[editar | editar a fonte]Conservan o seu nomadismo tradicional e o seu fanatismo relixioso musulmán, e desprezan os que perderon estas características. Adoitan coidar o gado dos torobé.
Bororo ou Woddabé
[editar | editar a fonte]É o banzo social máis baixo, conservan todas as características dos fulani pre-islámicos (son animistas). Divídense por clans, e practican nomadismo estacional, desprazándose por zonas sahelianas. Levan ao extremo os coidados corporais. Algúns adoitan ser servos dos torobé.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Felicity Crowe; et al. (2010). Marshall Cavendish, ed. Modern Muslim Societies. p. 262. ISBN 978-0-7614-7927-7.
- ↑ Steven L. Danver (2015). Native Peoples of the World: An Encylopedia of Groups, Cultures and Contemporary Issues. Routledge. pp. 31–32. ISBN 978-1-317-46400-6.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Kays, Stanley J. (2011). Springer Science & Business Media, ed. Cultivated Vegetables of the World: A Multilingual Onomasticon. p. 747. ISBN 9086867200.
- ↑ Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2015. Consultado o 15 de agosto de 2015.
- ↑ Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2015. Consultado o 15 de agosto de 2015.
- ↑ Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2020. Consultado o 15 de agosto de 2015.
- Grupos étnicos de Burkina Faso
- Grupos étnicos do Camerún
- Grupos étnicos do Chad
- Grupos étnicos de Costa do Marfil
- Grupos étnicos de Gambia
- Grupos étnicos de Guinea
- Grupos étnicos de Malí
- Grupos étnicos de Mauritania
- Grupos étnicos de Nixeria
- Grupos étnicos de Níxer
- Grupos étnicos da República Centroafricana
- Grupos étnicos do Senegal
- Grupos étnicos de Serra Leoa
- Grupos étnicos do Sudán
- Grupos étnicos de Togo