(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Sapo parteiro común - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Sapo parteiro común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sapo parteiro común
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Alytidae
Xénero: Alytes
Especie: A. obstetricans
Nome binomial
'Alytes obstetricans'
(Laurenti, 1768)
Distribución de Alytes_obstetricans, baseado en Nöllert/Nöllert: "Die Amphibien Europas"
Distribución de Alytes_obstetricans, baseado en Nöllert/Nöllert: "Die Amphibien Europas"

Distribución de Alytes_obstetricans, baseado en Nöllert/Nöllert: "Die Amphibien Europas"
Subespecies

Alytes obstetricans boscai
Alytes obstetricans obstetricans
Alytes obstetricans pertinax
Alytes obstetricans almogavarii

O sapo parteiro común ou sapo parteiro[1] (Alytes obstetricans), tamén coñecido como sapo comadrón ou sapiño comadrón, é unha clase de anfibio pertencente á orde dos anuros da familia Alytidae. É propia de Bélxica, Francia, Alemaña, Luxemburgo, os Países Baixos, Portugal, España, Suíza e o Reino Unido. Está ameazada pola perda de hábitat, aínda que a diversidade xenética das poboacións existentes reduce as súas posibilidades de extinción.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É de pequeno porte, 5 cm; aspecto voluminoso, cabeza grande e fronte arredondada, ollos prominentes (pupila vertical, iris dourado e vetas negras). Tímpano visible e máis diminuto ca o ollo. A pel é granulosa con verrugas pequenas, agrupadas nos costados en dúas fileiras dorsolaterais. Presenta membros curtos e fortes, os anteriores con tres tubérculos metacarpianos, e os posteriores con membrana interdixital reducida e un tubérculo metatarsiano pequeno. A súa coloración dorsal vai de gris a parda, con manchiñas verdes, avermelladas e negras pouco marcadas; a zona ventral é clara.

O seu hábitat natural son os bosques temperados, subtropicais ou tropicais secos, matogueiras temperadas, ríos, lagos e pantanos de auga doce, desertos temperados, terra arable, pastos e mesmo a área urbana.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Aliméntase de escaravellos, moscas, trazas, arañas, miñocas, lesmas, milpés, opilións e outros artrópodos consoante as súas dimensións. As larvas consomen vexetais, prea e invertebrados acuáticos.

Desenvolvemento e reprodución

[editar | editar a fonte]
Macho con ovos.
Alytes obstetricans

Este sapo ten unha esperanza de vida moi curta en comparación con outros sapos: pode chegar aos 5 anos, fronte aos 30 anos dos sapos comúns.

O macho comeza a cantar no inicio da primavera desde o seu refuxio ou nas súas inmediacións, atraendo as femias grávidas que emiten chamadas de resposta. O amplexo é complexo, é terráqueo, de tipo inguinal. Tras estimular o macho á femia, esta solta unha restra de ovos que, fecundados, son enrolados polo macho entre as súas patas traseiras, onde permanecen un mes. Despois o proxenitor solta a posta na auga, onde as larvas romperán a cuberta do ovo para nadar libremente.

Depredación

[editar | editar a fonte]

É depredado por cobras de auga viperinas, algúns mamíferos, curuxas e aves zancudas. E as súas larvas por cobras viperinas, aves, odonatos, ditíscidos, tritóns, larvas de salamántiga.

Etoloxía

[editar | editar a fonte]

A súa actividade é moi variable en función da zona xeográfica. Non é territorial e é común que varios individuos compartan o refuxio baixo grandes pedras ou gretas. Os machos compiten acusticamente entre eles e mostran complexas interaccións acústicas. As femias grávidas poden atacarse entre si por acceder a un macho. Raramente en actividade no día, é un animal basicamente crepuscular e nocturno. Os metamórficos novos atópanse nas inmediacións da auga. Polo contrario, os adultos afástanse bastante da auga e só os machos volven a esta para depositar a posta.

  1. Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega.
  2. El sapo partero, un superviviente con carácter Saber Universidad. Consultado o 23 de decembro de 2015.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bosch, J., Beebee, T., Schmidt, B., Tejedo, M., Martínez-Solano, I., Salvador, A., García-París, M., Gil, E.R. & Arntzen, J.W. 2004. «Alytes obstetricans.» 2006 IUCN Lista Vermella de Especies Ameazadas, baixado o 21 de xullo de 2007