The Wizard of Oz (filme de 1939)
The Wizard of Oz | |
---|---|
Póster do filme | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | The Wizard of Oz |
Director | Victor Fleming |
Produtor | Mervyn LeRoy |
Guión | |
Baseado en | O marabilloso mago de Oz de L. Frank Baum |
Intérpretes | |
Música | Herbert Stothart |
Fotografía | Harold Rosson |
Montaxe | Blanche Sewell |
Estudio | Metro-Goldwyn-Mayer |
Distribuidora | Loew's, Inc.[1] |
Estrea | 25 de agosto de 1939 |
Duración | 101 minutos[2] |
Orixe | Estados Unidos |
Xénero | Musical, fantasía |
Orzamento | 2,8 millóns de dólares[3][4] |
Recadación | 26,3 millóns de dólares[4] |
Na rede | |
http://thewizardofoz.warnerbros.com | |
|
The Wizard of Oz é un filme musical de fantasía producido por Metro-Goldwyn-Mayer que se estreou en 1939. Amplamente considerado como un dos mellores filmes da historia do cinema,[5] é a adaptación de máis sona e con máis éxito comercial da novela para nenos O marabilloso mago de Oz, de L. Frank Baum.[6] Dirixido principalmente por Victor Fleming (quen abandonou a produción para traballar en Foise co vento), o filme está protagonizado por Judy Garland como Dorothy Gale, xunto con Ray Bolger, Jack Haley, Bert Lahr, Frank Morgan, Billie Burke e Margaret Hamilton.
A cinta econta a historia dunha estadounidense é arrastrada por un tornado en Kansas e deixada nunha fantástica terra onde habitan bruxas boas e malas, un espantallo que fala, un león covarde, un home de lata e outros seres extraordinarios.
Trama
[editar | editar a fonte]A orfa Dorothy Gale leva unha vida sinxela en Kansas coa súa tía Emma Clara Blandick, o seu tío Henry e tres pintorescos peóns: Hunk (Ray Bolger), Zeke (Bert Lahr) e Hickory (Jack Haley). Un día a veciña Miss Gulch (Margaret Hamilton) é mordida polo can de Dorothy, Toto. Miss Gulch lévallo, por orde do sheriff, a pesar das protestas de tía Em e o tío Henry. Toto escapa e regresa canda a Dorothy, a cal se aleda pero axiña se decata de que Miss Gulch regresará. Ela decide levar a Toto e fuxir en busca dunha vida mellor "nalgún lugar sobre o arco da vella".
Na súa viaxe Dorothy atópase ao Professor Marvel (Frank Morgan), un falso adiviño que engana a Dorothy facéndolle crer que tía Em está enferma. Dorothy apresúrase de volta á granxa, pero cae inconsciente por un golpe dentro da casa, debido a un repentino tornado que xa forzara á súa familia a esconderse nun soto detrás da casa.
Unha confundida Dorothy esperta para descubrir que a casa foi atrapada dentro do tornado. A través da fiestra da habitación ela ve a Miss Gulch transformarse nunha bruxa montada nunha vasoira. Momentos despois, o tornado deixa caer a casa, Dorothy e Toto sobre o arco da vella e en Oz. Glinda, a Bruxa Boa do Norte (Billie Burke), chega e informa a Dorothy de que se atopan en Munchkinland. Ela dille a Dorothy que matou a Bruxa Mala do Leste "deixando caer unha casa" enriba dela. A bruxa calzaba uns zapatos vermellos.
Animados por Glinda, os tímidos munchkins saen dos seus agochos e celebran o deceso da bruxa ata que a súa irmá, a Bruxa Mala do Oeste (tamén interpretada por Margaret Hamilton) aparece para reclamar os poderosos zapatos. Por arte de maxia Glinda transporta os zapatos até os pés de Dorothy e recórdalle á bruxa que o seu poder non ten efectos en Munchkinland. A bruxa xura vingarse de Dorothy e vaise da mesma forma en que chegou, nun resplandor de lume e fume.
Glinda dille a Dorothy, quen está ansiosa de regresar a casa, que o único xeito de regresar a Kansas é pedíndolle axuda ao misterioso Mago de Oz en Cidade Esmeralda. Glinda advírtelle a Dorothy que nunca debe sacar os zapatos e que "siga o camiño amarelo de baldosas" para chegar a Cidade Esmeralda.
No seu camiño Dorothy faise amigo dun espantallo sen cerebro, (tamén interpretado por Ray Bolger), un home de lata sen corazón (tamén interpretado por Jack Haley), e un león covarde (tamén interpretado por Bert Lahr). Os tres deciden acompañar a Dorothy onde o mago coas esperanzas de obter os seus desexos (un cerebro, un corazón e coraxe, respectivamente). Durante o camiño son atormentados por un bosque de furiosas árbores de mazás e numerosos intentos errados da bruxa para detelos.
Chegan a Cidade Esmeralda e élles permitido ver o mago só despois de que a bruxa voe sobre eles, escribindo no ceo coa súa vasoira fumarenta, "RÉNDETE DOROTHY" ("SURRENDER DOROTHY"). O mago (tamén interpretado por Frank Morgan) aparece como unha terrorífica cabeza flotante rodeado de lume e fume. Acepta axudalos só se demostran ser dignos, obtendo a vasoira voadora da bruxa.
No seu camiño ao castelo da bruxa son atacados por uns monos alados que levan a Dorothy e Toto e llos entregan á bruxa, a cal reclama os zapatos. Dorothy négase e a bruxa trata de sacarllos, pero é detida por unha choiva de faíscas. Ela dáse conta de que os zapatos non poden ser quitados mentres Dorothy estea viva e trama o modo de acabar con ela.
Toto escapa e atopa o espantallo, o home de lata e o león, e guíaos cara ao castelo. Alí mentres permanecen escondidos son atacados por tres soldados, pero son defendidos polo león covarde. Despois el e os seus outros dous amigos aproveitan a oportunidade para vestirse coas roupas dos soldados e así poder entrar no castelo. Unha vez dentro liberan a Dorothy e intentan escapar. A bruxa e os seus soldados acurralan ao grupo nunha varanda e a bruxa prende lume ao espantallo. Dorothy para apagar o lume colle un caldeiro de auga e accidentalmente molla á arrepiada bruxa, a cal por mor disto se derrete. Para a sorpresa do grupo os soldados están felices. Eles danlle a Dorothy a variña para agradecerlle por ceibalos da bruxa. De regreso co mago, el dilles "marchen e volvan mañá". Grazas a Toto descobren que o mago non é realmente un mago, só un home detrás dunha cortina. Eles séntense estafados coa decepción, pero o mago resolve os seus desexos a través do sentido común. Ao espantallo dálle un diploma, ao home de lata dálle un reloxo con forma de corazón e ao león entrégalle unha medalla ao valor.
O mago explícalles que el tamén naceu en Kansas e que a súa presenza en Oz é o resultado dun escape nun globo aerostático. El promete levar a Dorothy a casa no mesmo globo logo de deixar o espantallo, o home de lata e o león a cargo de Cidade Esmeralda. Xusto antes de engalar Toto salta fóra da canastra do globo detrás dun gato. Dorothy salta para atrapalo e o mago, incapaz de controlar o globo, marcha sen ela. Ela resígnase tristemente a pasar o resto da súa vida en Oz ata que Glinda aparece e dille que ela pode usar os zapatos de rubí para regresar a casa con Toto. Glinda explícalle que ela non llo dixo nun principio porque ela necesitaba aprender que "Se non podes atopar o desexo do teu corazón no teu propio patio, entón nunca o perdiches realmente".
Dorothy e Toto despídense dos seus amigos, e seguen as instrucións de Glinda de "golpea os teus talóns xuntos e repite as palabras, 'Non hai lugar como o fogar'". Ela esperta na súa habitación en casa rodeada da súa familia e amigos e cóntalles da súa viaxe. Todos rin e dinlle que todo foi un mal soño. Unha feliz Dorothy, aínda convencida de que a viaxe foi real, abraza a Toto e dille "Realmente non hai lugar como o fogar".
Música
[editar | editar a fonte]A música e as letras foron escritas por Harold Arlen e E.E. "Yip" Harburg, quen gañaron premios Oscar á mellor música orixinal e mellor canción por "Over the Rainbow".
Secuelas, protosecuelas e traballos relacionados
[editar | editar a fonte]- The Wizard of Oz ten unha secuela oficial, a produción animada Journey Back To Oz, a cal conta coa voz de Liza Minnelli, filla de Garland, como Dorothy, e Margaret Hamilton como a voz da tía Em.
- O musical de 1974 e película de 1978 The Wiz foron adaptacións da mesma historia.
- A escura película Return to Oz, foi feita polos estudios Walt Disney en 1985 coa actuación de Fairuza Balk como Dorothy. Esta película é considerada polos fans da primeira parte como unha secuela pouco digna pola súa simpleza. Dorothy é interpretada por unha nena, o cal fai parecer que é máis pequena que na película orixinal que foi interpretada por Judy Garland con 17 anos.
- Unha serie animada baseada na película orixinal foi creada para ABC Network en 1990. A serie durou só unha tempada.
- En 1995, Gregory Maguire realizou a aclamada novela, Wicked: The Life and Times of the Wicked Witch of the West, unha mirada distinta ás bruxas de O Mago de Oz: Glinda e Elphaba. Stephen Schwartz e Winnie Holzman transformárono nun musical titulado Wicked no 2003 con Kristin Chenoweth como Glinda e Idina Menzel como Elphaba.
- No 2005, Illusive Arts Entertainment lanzou Dorothy, un cómic baseado na historia de Baum que contiña numerosas referencias á película.
- En 2013 estréase Oz: The Great and Powerful, de Walt Disney Pictures, protagonizada por James Franco, unha precuela ao filme de 1939. En 2013 anunciouse unha secuela.[7]
Numerosas versións foron feitas de forma anterior ao filme de 1939:
- The Wonderful Wizard of Oz de 1910.
- Dorothy and the Scarecrow in Oz de 1910.
- His Majesty, the Scarecrow of Oz.
- The Magic Cloak of Oz.
- The Wizard of Oz (película de 1921, nunca finalizada).
- Wizard of Oz (1925).
- The Land of Oz, secuela da anterior (1932).
- The Wizard of Oz (curtametraxe de 1938).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Wizard of Oz". American Film Institute. Consultado o 9 de marzo de 2016.
- ↑ British Board of Film Classification (ed.). "THE WIZARD OF OZ". Consultado o 25 de agosto de 2017
- ↑ "The Eddie Mannix Ledger". Os Ánxeles: Margaret Herrick Library, Center for Motion Picture Study..
- ↑ 4,0 4,1 "The Wizard of Oz (1939)". Box Office Mojo. Consultado o 19 de marzo de 2017.
- ↑ "AFI's 100 Years...100 Movies". www.afi.com. Consultado o 9 de agosto de 2017.
- ↑ Fricke, John (1989). The Wizard of Oz: The Official 50th Anniversary Pictorial History. Nova York: Warner Books. ISBN 0-446-51446-2.
- ↑ Graser, Marc (7-03-2013). "Disney Planning 'Oz the Great and Powerful' Sequel (EXCLUSIVE)". Variety. Consultado o 8-03-2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: The Wizard of Oz |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Memories of a Munchkin: An Illustrated Walk Down the Yellow Brick Road by Meinhardt Raabe and Daniel Kinske (Back Stage Books, 2005), ISBN 0-8230-9193-7
- The Ruby Slippers of Oz by Rhys Thomas (Tale Weaver, 1989), ISBN 0-942139-09-7, ISBN 978-0-942139-09-9
- The Wizardry of Oz: The Artistry And Magic of the 1939 MGM Classic – Revised and Expanded by Jay Scarfone and William Stillman (Applause Books, 2004), ISBN 0-517-20333-2, ISBN 978-0-517-20333-0
- The Munchkins of Oz by Stephen Cox (Cumberland House, 1996) ISBN 1-58182-269-3, ISBN 978-1-58182-269-4
- "Did these stories really happen?" by Michelle Bernier (Createspace, 2010) ISBN 1-4505-8536-1
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The Wizard of Oz na IMDb (en inglés).
- Ficha en AllMovie (en inglés)
- Ficha en BoxOfficeMojo (en inglés)
- Ficha en RottenTomatoes (en inglés)
- Filmes de 1939
- Filmes en lingua inglesa
- Filmes dos Estados Unidos de América
- Filmes dirixidos por Victor Fleming
- Filmes dirixidos por King Vidor
- Mundo de Oz
- Filmes de Metro-Goldwyn-Mayer
- Filmes sobre feiticería
- Filmes musicais
- Filmes gañadores do Óscar á mellor canción orixinal
- Filmes preservados no National Film Registry
- Filmes distribuídos en sistemas IMAX