(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Trastorno bipolar - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Trastorno bipolar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Trastorno bipolar
Clasificación e recursos externos
O trastorno bipolar caracterízase por transicións de depresións e tolemia
ICD-10F31
ICD-9296.0, 296.1, 296.4, 296.5, 296.6, 296.7, 296.8
OMIM125480 309200
DiseasesDB7812
MedlinePlus000926
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O trastorno bipolar ou enfermidade maníaco-depresiva é unha enfermidade mental que consiste nunha forma de trastorno do humor caracterizada por elevacións e descensos do estado de ánimo de carácter patolóxico. Non se trata dos cambios de humor normais que todo o mundo experimenta en función dos acontecementos da vida, senón da alternancia de episodios depresivos con episodios maníacos ou de manía. Estes episodios poden variar en intensidade e en gravidade; os episodios de euforia poden variar entre a hipomanía (forma menos intensa) e a manía con síntomas psicóticas (a máis grave). O trastorno bipolar afecta por igual a homes e a mulleres e xeralmente aparece entre os 15 e os 25 anos. Sófreo entre o 1% e o 2% da poboación.

Diagnóstico

[editar | editar a fonte]

O diagnóstico da enfermidade debe ser realizado por un experto. Non existen probas específicas que permitan obxectivar o diagnóstico, de maneira que este fundaméntase no criterio clínico, é dicir, na análise de toda a información dispoñible proporcionada polo propio paciente e os seus familiares. Se esta información se axusta a uns criterios previamente establecidos, pódese afirmar que aquela persoa padece a enfermidade. De todas formas, a psiquiatría non é unha ciencia exacta, e, en casos dubidosos poden existir discrepancias sobre o diagnóstico.

Crese que o trastorno bipolar é froito dun desequilibrio químico nunhas substancias que temos no cerebro chamadas neurotransmisores. A enfermidade parece que ten unha base xenética e seguramente un detonante ambiental para manifestarse. Preséntase con maior frecuencia en parentes de persoas que padecen a mesma enfermidade.

Síntomas

[editar | editar a fonte]

A persoa con trastorno bipolar presenta varios tipos de fases, que poden durar días, semanas ou meses. As fases polas que pode pasar un enfermo son: manía, hipomanía, eutimia, hipotimia e depresión.

  • A manía: Moitas veces, o primeiro síntoma da fase maníaca é a diminución da necesidade de durmir. O paciente érguese cedo coa cabeza chea de ideas e pletórico de enerxía. Durante o día realiza unha actividade infrecuente, gasta cartos, móstrase alegre, sociable e falador, podendo chegar a ser indiscreto e avasalador. Tamén se pode dar un aumento do impulso sexual. Estes síntomas poden acompañarse dunha crecente impaciencia e irritabilidade ata o punto de mostrar agresividade. En casos graves, a extraordinaria elevación do ton vital pode levar a que o paciente se crea dotado de poderes sobrenaturais, ou asediado por múltiples inimigos. A intensidade dos síntomas durante a fase maníaca pode levar á hospitalización, se ben en cuestión de semanas o paciente acostuma encontrarse en condicións de seguir un tratamento ambulatorio.
  • A hipomanía: Pódese dicir que é unha manía suave, e durante a hipomanía nunca aparecen síntomas psicóticos. O resto de síntomas son similares ós da fase maníaca. A hipomanía pode ser un estado que resulte extraordinariamente agradable, o problema é que pode empeorar e evolucionar cara a outra fase.
  • A depresión: A fase depresiva do trastorno bipolar é similar ós demais tipos de depresión. A persoa encóntrase cansa, sen ilusión por nada, apática, desmotivada. Calquera acto sinxelo ou rutineiro costa un esforzo enorme, e a situación parece non ter saída. Altéranse o sono, o apetito, e a conduta sexual perde todo interese. Algúns pacientes poden sufrir ansiedade, ou ideas repetitivas de tipo negativo, con desexos de morrer. En casos graves poden darse ideas delirantes. Para a persoa deprimida nada pode cambiar o inferno que vive, sen comprender que cun tratamento oportuno pode recuperar a ilusión de vivir en poucas semanas.
  • As fases mixtas: Consisten nunha mestura de síntomas de manía e depresión. Estas fases resultan difíciles de diagnosticar e comportan un grande sufrimento para o paciente e os que o rodean. É frecuente que nestas fases apareza hiperactividade e aceleración do pensamento á par de ideas negativas e pensamentos depresivos. A irritabilidade e a ansiedade tamén son comúns. O máis frecuente é que estas fases mixtas sexan unha transición entre unha fase maníaca e unha fase depresiva.
  • As fases de remisión, eutimia: Afortunadamente, a persoa con trastorno bipolar non pasa toda a vida dunha fase a outra; existen períodos nos que o estado de ánimo se vai normalizando, e os síntomas da enfermidade desaparecen case por completo. Estas fases de remisión denomínanse fases de eutimia (eutimia significa: "estado de ánimo correcto"). Nesta fase non hai que confiarse e hai que estar atento e seguir coas recomendacións do psiquiatra e coa medicación preventiva.

No tipo I alternan episodios depresivos graves con episodios maníacos graves.

No tipo II alternan os episodios depresivos con episodios de hipomanía (euforia moderada).

Na ciclotimia sucédense hipomanías e fases depresivas leves e é frecuente que o que a padece nunca solicitase atención psiquiátrica.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Non hai cura para o trastorno bipolar, pero o tratamento pode evitar que unha persoa vaia fóra de control. Afortunadamente, pódese dicir que esta é a enfermidade psiquiátrica que conta con máis recursos para o seu tratamento. Entre a medicación indicada están os estabilizadores do estado de ánimo, e nos períodos de depresión, antidepresivos. Tamén poden axudar os ansiolíticos. En caso de que a manía ou a depresión sexa tan grave que cause psicose, pódese recorrer ós antipsicóticos. Entre os estabilizadores do estado de ánimo están os sales de litio e tamén se descubriu que certos medicamentos utilizados para tratar a epilepsia son eficaces. O litio é unha substancia simple, un elemento, pero a doses altas, resulta tóxico, polo que é necesario facer análises periódicas para controlar a súa concentración no sangue. Os ácidos graxos omega-3, que se atopan no salmón, no liño e nas noces, tamén parecen ser beneficiosos, se ben para recibir unha dose significante precísase tomar un suplemento. Ademais da medicación, certos tipos de psicoterapia poden producir beneficio adicional, entre outras a terapia cognitivo-condutual, e a psicoeducación. A terapia electroconvulsiva úsase ás veces para tratar depresión bipolar grave. En xeral é recomendable un estilo de vida regular no sono e na alimentación, evitar o estrés e facer algún deporte.

Prognóstico

[editar | editar a fonte]

Con tratamento, a evolución é xeralmente boa. Sen tratamento, a evolución é case sempre moi negativa, con constantes recaídas e graves consecuencias familiares, laborais e sociais. Pódense presentar varias complicacións da enfermidade. A máis grave é o suicidio, do cal existe un risco máis alto que na poboación xeral (estímase que un 15% dos pacientes bipolares falecen por suicidio). Outra complicación que se pode presentar é o abuso de drogas, o cal é unha enfermidade máis e ensombrece o prognóstico da que xa tiña. Unha fase de euforia pode producir graves problemas familiares (parellas rotas, separacións, conflitos), perda do traballo, riscos excesivos. Mentres, unha fase depresiva pode producir baixas laborais, descenso de produtividade etc.

Persoas que se cre teñen sufrido trastorno bipolar

[editar | editar a fonte]

O trastorno bipolar atópase nun número desproporcionado de persoas con talento creativo (artistas, músicos, autores, poetas, científicos), o que suxire unha relación entre a enfermidade e a creatividade. Entre outros: Ludwig van Beethoven, Lord Byron, Kurt Cobain, Winston Churchill, Vincent van Gogh, Ernest Hemingway, Jimi Hendrix, Vivien Leigh, Marilyn Monroe, Napoleón, Isaac Newton, Jean-Claude Van Damme, Virginia Woolf, Carlos VI o Tolo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]