(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Tycho Brahe - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Tycho Brahe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaTycho Brahe

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(da) Tyge Ottesen Brahe Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento14 de decembro de 1546 Editar o valor en Wikidata
Castelo de Knutstorp (Reino de Dinamarca e Noruega) Editar o valor en Wikidata
Morte24 de outubro de 1601 Editar o valor en Wikidata (54 anos)
Praga (Sacro Imperio Romano Xermánico) Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinsuficiencia renal Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaIgrexa de Nosa Señora de Týn 50°05′16″N 14°25′22″L / 50.0876397, 14.4228053 Editar o valor en Wikidata
RelixiónLuteranismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Rostock (–1567)
Universidade de Leipzig (1562–1565)
Universidade de Copenhague (1559–1562) Editar o valor en Wikidata
Director de teseValentin Thau (pt) Traducir e Caspar Peucer (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoAstronomía Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Benátky nad Jizerou (pt) Traducir (1599–1601)
Uranienborg (pt) Traducir (1576–1597)
Praga Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónastrónomo, astrólogo, alquimista, poeta, autobiógrafo, escritor Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUranienborg (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
AlumnosSimon Marius (pt) Traducir, David Gans (pt) Traducir e Paul Wittich (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
PatrocinadorRodolfo II (1599–)
Cristián IV de Dinamarca (1588–1597)
Frederico II de Dinamarca (1576–1588) Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
DoutorandoAdriaan Metius (pt) Traducir, Johannes Kepler e Ambrosius Rhode (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeKirsten Barbara Jørgensdatter Editar o valor en Wikidata
FillosSidsel Brahe Editar o valor en Wikidata
PaisOtte Brahe Editar o valor en Wikidata  e Beate Clausdatter Bille Editar o valor en Wikidata
IrmánsSophia Brahe
Jørgen Ottesen Brahe
Steen Brahe
Axel Ottesen Brahe
Knud Brahe Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Vlastenský slovník historický (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
BNE: XX864814 Musicbrainz: 3dbffe40-d852-4d77-b041-6cfeb93f9fec WikiTree: Brahe-29 Find a Grave: 7484 Editar o valor en Wikidata

Tycho Brahe, nado en Knudstrup o 14 de decembro de 1546 e finado o 24 de outubro de 1601, foi un astrónomo dinamarqués.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Knudstrup é unha localidade na provincia de Scania, que por aquel entón pertencía a Dinamarca e que na actualidade corresponde a Suecia. O astrónomo, danés de nobres devanceiros, era fillo de Otto Brahe (ao parecer, gobernador do castelo de Helsingborg e home de considerable influencia). Tycho non foi fillo único, xa que Otto e a súa dona, Beate, tiveran xa de primeiro unha meniña, e logo no 1546 Beate tivo xemelgos, un deles Tycho. Desafortunadamente, o outro xemelgo finou ao nacer e Otto non mantivo a súa promesa de deixar o seu fillo a Joergen. Así a vida do novo Tyge (como lle chamaban agarimosamente os da casa) ou Tycho se iniciou dun modo bastante peculiar. Joergen Brahe era vicealmirante da Armada Danesa, non tiña fillos, polo que recibira a promesa de seu irmán (o gobernador) de que lle deixaría en adopción o seu primeiro fillo home. Mais non sucedeu así, e Joergen non se deu por vencido, e raptou a Tycho levándoo para a súa casa de Torstrup. O Gobernador ameazou a seu irmán con matalo, pero finalmente calmáronse os ánimos e aceptou a evidencia da promesa, o seu fillo sería criado por Joergen, xa que sen dúbida estaría ben atendido co seu tío e, ademais, herdaría a riqueza deste.

A súa nenez na casa de seu tío conformou unha parte do carácter excéntrico e autoritario. Á idade de 12 anos, polo 1559, foi enviado a estudar á Universidade de Copenhague. Durante a súa estancia alí observou unha eclipse de Sol que lle causou unha profunda impresión. O feito ocorría o 21 de agosto de 1560; e, a pesar de ser total en Portugal, viuse coma parcial en Dinamarca. O máis rechamante non lle foi a visión espectacular que tivo a eclipse, senón como puido ser anunciada con anticipación. Nas súas propias palabras, que diría anos máis tarde, describe como "algo divino que o home coñeza os movementos das estrelas tan exactamente que sexa capaz, con moita anterioridade, de predicir as súas colocacións e posicións relativas". Ao parecer, o tema da predición dos eventos astronómicos engaiolou fortemente ao mozo Tycho, que empezou por aquel entón a comprar libros de Astronomía.

Despois de tres anos en Copenhaguen, o seu tío Joergen considerou que xa era tempo de que fose a unha universidade no estranxeiro. A súa intención era de que o rapaz deixase os temas das estrelas e se interesase por outras cousas que poderían converter a Tycho nunha figura importante da política danesa. Polo tanto as Leis era unha das carreiras mais apropiadas e a Universidade de Leipzig dispoñía dunha excelente Escola de Dereito. Seu tío, coñecedor do interese astronómico de Tycho, e de que collera en Copenhaguen unha tradución latina do Almagesto de Tolomeo, enviouno a Leipzig co titor Anders Soerensen Vedel, que despois chegaría a ser famoso como o primeiro gran historiador danés. Vedel tiña neses tempos uns 20 anos, só 4 máis que o seu estudante, e a súa misión era coidar de que Tycho abandonase a súa afección astronómica e concentrase todas as súas enerxías nos estudos de dereito. Pero apenas un ano, Vedel deuse conta de que Tycho non tiña remedio e permitiulle facer as observacións que Tycho viña facendo ás agachadas, cando el durmía. A partir dese momento as relacións entre eles melloraron e chegaron a ser moi bos amigos.

No 1563, mentres se encontraba en Leipzig, tivo lugar outro evento astronómico que calou en Tycho profundamente. Era o 24 de agosto cando ocorreu unha conxunción de Xúpiter e Saturno, chegando os dous planetas a confundírense nun só. O evento era predicible e Tycho deuse conta de que as táboas astronómicas existentes ata a data contiñan erros. As Táboas Afonsinas, baseadas no sistema xeocéntrico de Tolomeo, tiñan un erro de un mes, mentres que as Táboas Prutenicae de Reinhold, de 1551, baseadas nas de Copérnico, a pesar de ser mellores, predicían o evento con varios días de erro. Isto fíxolle ver a Tycho a urxente necesidade de novas e precisas observacións planetarias sobre as cales puidese construír táboas máis exactas. Tycho observou a conxunción con instrumentos moi primitivos polo que se centrou na tarefa de dispoñer de instrumentos de calidade para realizar boas observacións.

Xuventude

[editar | editar a fonte]
A nebulosa do Cangrexo, descuberta por Tycho Brahe.

No 1565 recibiron, tanto o mozo Tycho como o seu titor, unha carta de Joergen Brahe chamándoos de regreso á casa. É case seguro que Tycho se alegrou, xa que non lle gustaba estudar leis. Así e todo, estalara unha guerra entre Dinamarca e Suecia, o que mantiña a seu tío moi ocupado, polo seu posto de vicealmirante. Ao pouco tempo de volver Tycho, seu tío tivo un accidentado final para a súa vida. Esta fin ocorreu mentres o rei Federico II cruzaba a ponte que conducía ao Castelo de Copenhaguen: na compaña de Joergen Brahe e doutros nobres, o seu cabalo asustouse, provocando que o rei caese nas xeadas augas. Joergen, co tempero típico dos Brahe, lanzouse á auga e rescatouno, pero apenas logrou saír con vida. Desafortunadamente contraeu unha pulmonía que se agravou e nada se puido facer para salvalo. Morreu o 21 de xuño de 1565. Por aquel tempo Tycho xa tiña os 18 anos, a noticia foi dura pois, a pesar das diferenzas de opinión que ambos tiñan, había certa estimación polo seu tío. Xa non había nada que o retivese na casa ou o obrigase a continuar co seu estudo de leis. Outro seu tío, Steen Bille, aconsellouno despois de ver os seus asuntos en Dinamarca (xa que herdara algunhas propiedades de Joergen) que regresase a Alemaña ao ano seguinte, agora para estudar o que el quería. Dirixiuse primeiro á Universidade de Wittenberg e logo á de Rostock.

Namentres se atopaba na Universidade de Rostock ocorréronlle dous eventos inusitados:

  • A súa inclinación á astronomía tamén tendía ao dominio da astroloxía, e, tomándoa como base, anunciou publicamente que a eclipse de Lúa de outubro de 1566 traería o falecemento do Sultán de Turquía, Suleiman I. Ao pouco tempo chegaron as noticias dicindo que o sultán finara; porén, despois sóubose que o Sultán morrera antes da eclipse e non despois, o que lle deu serias dúbidas acerca da validez da conexión entre ambos os dous feitos.
  • Pero con 19 anos, un acontecemento máis desgraciado para Tycho tivo lugar en decembro dese mesmo ano. Nunha festa na casa dun dos mestres, Tycho sostivo unha violenta discusión con outro nobre danés, neste caso un tal Manderup Parbjerg, debatendo cal dos dous era mellor matemático. Pese a que os seus amigos os separaron rapidamente coa posibilidade de que o asunto non pasase de aí, tivo a desgraciada coincidencia de que se volveran a atopar unha semana máis tarde durante as festas de Nadal. Alí volveu a xurdir a pelexa que resolveron coa espada en duelo. Seica foi cerca dun cemiterio á tardiña, cara á noite, e parece que a pelexa foi de curta duración. Tycho pode que fora mellor matemático, pero desgraciadamente iso non lle valeu nun duelo coa espada: quedou co nariz mutilado, perdendo parte da ponte. Logrouna reparar cunha prótese composta de ouro, prata e cera, que o acompañaría o resto dos seus días: isto tamén se pode apreciar nos retratos da época. Segundo os estudosos de hoxe en día, ao parecer non hai evidencia que indique que a lesión lle causara molestias posteriores, máis alá dos problemas psicolóxicos derivados da súa diminuída estética e de que constantemente tiña que ser engraxada cun ungüento. Tamén se cre que posteriormente chegou a ser bastante amigo de Parbjerg.

Volveu de Rostock a Dinamarca pero non quedou moi contento coa recepción que tivo, malia a obter unha promesa de Federico II de que lle daría o primeiro posto vacante ao que se presentara. Retornou a Rostock para observar outra eclipse lunar, non tardaría moito en marchar a Wittenberg, en concreto á Universidade de Basel, na que se graduou a comezos de 1569. Case un ano despois trasladouse a Augsburgo, a capital de Suabia (agora parte de Baviera). Estabeleceu amizade cos irmáns Paul e Johann Hainzel, rexedores da cidade (seica Johann era o alcalde), astrónomos afeccionados. Tycho deseñou para eles un inmenso cuadrante de 5,8 metros (19 pés) de diámetro, e un sextante de menores dimensións.

Ao redor do ano 1570 Tycho soubo que seu pai estaba enfermo. Chegou á casa en decembro, e daquela a enfermidade de seu pai era terminal. Otto Brahe finou o 9 de maio de 1571 (tiña de 53 anos de idade). Tycho herdou a metade da propiedade de Knudstrup mais non lle gustou vivir aí, e foise á casa do irmán da súa nai en Herrevad, cerca de Helsingborg. Alí continuou as prácticas de química, xa que nesa época a alquimia era considerada como a nai da química, polo tanto, tamén era parte da astroloxía. Porén, no ano seguinte ocorría o evento que o levou de volta ás súas observacións para logo convertelo no máis grande observador do seu tempo. O 11 de novembro de 1572 mirou o ceo namentres daba un paseo e notou unha estrela moi brillante na constelación de Casiopea, onde el sabía ben, sobre as publicacións da época, que nunca houbo estrela de semellante fulgor. Tratábase dunha nova. Tycho fixo as observacións coidadosamente rexistrando as súas variacións de brillo e cor durante meses. Publicou os seus resultados nun libro titulado "De Nova Stella" no ano 1573, que contribuíu a acrecentar a fama de Tycho como astrónomo. Tamén por esta época Tycho fixo casamento cunha rapaza chamada Cristina. A súa esposa era de orixe humilde, e nivel social reducido; de certo é que non se sabe ás boas se foi casamento ou unión, xa que non parece constar ningún rexistro de matrimonio feito pola Igrexa. Pero a cousa debeu ir ben xa que esta muller acompañaría ao astrónomo polo resto da súa vida, dándolle oito fillos, dos cales só dous morreron moi novos.

Observatorio de Urania

[editar | editar a fonte]
Acuarela mostrando un plano de Uraniborg.

Corría o ano 1575 cando comezou a dar unha serie de conferencias sobre astroloxía e as súas orixes na Universidade de Copenhaguen para así cumprir cunha petición expresa do rei Federico II. Tras o remate das conferencias emprendeu unha longa viaxe por Europa, con estancias en Cassel, Basilea e Venecia. Xa en Cassel fixo visita ao Conde de Hesse, Guillerme IV, que era un astrónomo entusiasta e avantaxado. Sabedor este home das intencións de Tycho de establecerse cun observatorio astronómico en Alemaña, Guillerme IV non dubidou en lle escribir ao rei danés algo que podería soar así: "A súa Maxestade non debe permitir que Tycho se vaia, xa que con iso Dinamarca perdería o seu máis grande ornamento". A carta no ía soa, xa que levaba sumada unha recomendación do chanceler Oxe e con elas o Rei Federico II, que tiña certa inclinación a favorecer as ciencias, fixo unha oferta tan xenerosa a Tycho para que se establecera en Dinamarca que o astrónomo aceptou. Por un Real decreto do 23 de maio de 1576, o rei Federico II outorgáballe a Tycho Brahe a pequena illa de Hven, no estreito de Sund, non lonxe de Copenhaguen, cerca aínda da moderna cidade sueca de Malmö. A cédula incluía todos os arrendatarios e serventes que nela vivían, coa renda e impostos deles de forma vitalicia, xunto cunha renda anual de 500 ducados, ao que aínda engadiu un feudo situado en Noruega e unha coenxía, cuxa renda de 2000 ducados debía servir para construír un observatorio dotado dos mellores instrumentos e para contratar axudantes e matemáticos.

Tycho construíu na illa de Hven o Castelo de Urania, o que denominou como "Uraniborg", que foi o mellor observatorio astronómico da era pretelescópica. Co tempo fixo un segundo observatorio en Hven, no Castelo das Estrelas, ao que tamén lle chamou "Stjerneborg". Tycho estivo traballando cun gran número de estudantes e axudantes, chegando a sumar 40 o número de persoas que traballaban para el na materia científica. Nese tempo tivo coñecidos estudantes, e un deles foi Longomontano, coñecido polo alcume da zona onde era orixinario, pero cuxo nome real era Christen Sorensen Longberg (1562-1647). Fillo dun labrego, o mencionado Longomontano deixara as leiras despois de finar seu pai e así, aos 15 anos de idade foi á escola básica. Once anos máis tarde pasou á Universidade de Copenhaguen, e ao ano seguinte chegou a ser axudante de Tycho. Estivo no Uraniborg ata 1597, cando os dous se foron.

O Sistema Solar segundo Tycho Brahe.

O traballo principal de Tycho en Uraniborg foi a confección dun catálogo estelar. Mediu a posición de 777 estrelas con grande precisión. Tamén realizou numerosas observacións dos planetas, na súa particularidade de Marte, que anos máis tarde lle serviron a Kepler para establecer as leis do movemento planetario. Durante a súa permanencia en Hven datouse a aparición de sete cometas, o primeiro deles o 23 de novembro de 1577, que foi observado por Tycho co seu coidado habitual, a pesar de que nese momento non se dispoñía de tódolos elementos que utilizou nas observacións posteriores. Mediu a paralaxe do cometa esa mesma noite do 23 de novembro, achándose o cometa cerca da estrela Epsilon Pegasi. Observado durante varias horas e ao non poder detectar a paralaxe diúrna para o cometa, fixo que a súa situación fose 5 veces máis alá da órbita da Lúa. Tycho descartou de inmediato a antiga teoría que describía os cometas coma exhalacións atmosféricas, a uns poucos quilómetros de altitude. Ademais propinou un segundo golpe á inmutabilidade aristotélica da rexión supralunar. Encontrou que o cometa debía de percorrer ao redor do Sol, máis alá da órbita de Venus. Entre os anos 1582-1583 pareceulle ver que a distancia a Marte era menor a distancia o Sol, o cal lle fixo abandonar o sistema de Tolomeo, pois non estaba observada esta posibilidade. Pero tampouco se atreveu a adherir o sistema de Copérnico, que propón un sistema híbrido, onde a Terra inmóbil é o centro do cosmos e en torno a ela xiran a Lúa e o Sol. Tódolos demais planetas xiran arredor do Sol. Dende un punto de vista cinemático o sistema proposto por Tycho é equivalente ao copernicano.

Finado o Rei Federico II en 1588, a situación de Tycho en Hven comezou a ter complicacións. O príncipe herdeiro, Christian, tiña só 11 anos, polo cal designouse un consello de protectores, composto de 4 membros, que gobernarían ata que o príncipe cumprira os 20. Entre os protectores achábase o chanceler Niels Kaas, grande amigo de Tycho, que lle permitiu seguir gozando dos privilexios que posuía con Federico II. Así e todo, o carácter testán e fogoso de Tycho levouno a ter problemas. Naqueles tempos tivo unha disputa cun dos seus arrendatarios, de nome Rasmus Pedersen, e o caso chegou á Corte Suprema de Xustiza. Tycho foi o suficientemente lonxe na súa disputa como para manter suxeito con grellas a Pedersen (no subterráneo de Uraniborg tiña un cárcere para encerrar aqueles que non cumprían as súas obrigas). Cando a Corte Suprema fallou na contra Tycho, este continuou con hostilidades contra o pobre home, o que interpuxo a Tycho fronte ao príncipe, que se prezaba a si mesmo de ser xusto con todo o mundo, independente da súa condición social. Outros asuntos na contra de Tycho eran que non se preocupaba de manter unha capela nunha das posesións súas, da cal gozaba das entradas, pero que tiña despreocupada pese a varias advertencias. Outro tanto ocorría co mantemento do famoso faro Kullen, que non o facía de boa forma.

En Alemaña

[editar | editar a fonte]
Mauerquadrant (Tycho Brahe 1598), mais tamén foi coñecido como "Astronomiae Instauratae Mechanica".

Niels Kaas morre no 1594, e Tycho perde así un grande apoio. E a catástrofe sobrevén cando Christian VI, que xa subira ao trono, cortou varias das rendas de Tycho, entre elas os 500 ducados anuais. Parece que o novo Rei non tiña o interese de seu pai pola ciencia, e considerou que os grandes gastos de Hven eran excesivos. Ademais, molesto con Tycho, quería demostrarlle quen era o que mandaba. Por outra parte, coñecedor da súa reputación astronómica en Europa, non lle cortou totalmente os seus ingresos. Tycho nunha reacción temperamental, abandonou Hven para irse primeiro a Copenhaguen e logo a Rostock (Alemaña), onde tiña amigos. Alí parece que lle escribiu unha carta ao Rei na que lle ofrece volver se lle restauran novamente os seus recursos e se os seus servizos eran valorados adecuadamente. A resposta do Rei foi cortante, onde lle enumera varias das súas queixas e suxírelle que volva a Dinamarca primeiro. Esa foi a fin do incidente para Tycho, que decidiu permanecer no exilio e buscar novo protector. A derradeira observación anotada por Tycho no Hven data do 15 de marzo de 1596.

Xa no ano 1598 atopámolo establecido coa súa familia na casa do Xeneral Heinrich Rantzan, en Wandesbeck, (Hamburgo). Alí escribe un libro no que describe os seus instrumentos que publica co título "Astronomiae Instauratae Mechanica", e que dedica a Rodolfo II, emperador de Bohemia e Hungría. A dedicatoria produciu efecto, pois Rodolfo II invítao a Praga e ofrécelle o posto de Matemático Imperial, cun soldo anual de 3000 floríns (unhas 900 libras), cantidade apreciable, superior á que recibía en Praga calquera outra persoa da corte. Ademais déronlle a elixir entre varios castelos para que instalara o seu observatorio. O castelo Benatek, a uns 30 km. ao norte de Praga, foi o elixido, e Tycho trasládase alí coa súa familia e os instrumentos que conservaba con el. O resto dos instrumentos fóronlle enviados dende Dinamarca. Escribiulles a varios dos seus axudantes para que traballaran con el en Praga, entre eles a Longomontano, que chegou no 1600.

Johannes Kepler, axudante de Tycho.

A situación en Praga para Tycho non foi nunca tan boa como en Dinamarca. Non tiña poder político e o emperador estaba sempre escaso de fondos, polo cal incluso ás veces non recibía o seu salario. Tivo que deixar o castelo de Benatek e volver a Praga. O máis importante que ocorreu nese momento foi a chegada dun novo axudante para Tycho, un matemático novo, de nome Johannes Kepler, que adquirira certa reputación coa publicación dun libro chamado "Mysterium Cosmographycum". Algúns historiadores fan este encontro no siso do ano 1578, polo que hai certas discrepancias. Isto fixo que Tycho, celoso del, lle agochara os mellores estudos que, co tempo, se viu na obriga de cederllos. Longomontano, despois de terminar a teoría lunar e as táboas correspondentes, coma xa acordara con Tycho, volveu a Dinamarca, onde tempo despois chegaría a ser profesor na Universidade de Copenhaguen. Kepler pasou a ser o primeiro axudante de Tycho. A posición non era sinxela para Kepler que tivo que soportar o carácter autoritario de Tycho, ás veces con dificultade. Porén, a situación non foi tan angustiosa para Kepler, xa que o 24 de outubro de 1601 Tycho morre de súpeto, cando aínda non tiña os 55 anos. A causa do finamento fora unha retención de urina que se impuxo a si mesmo mentres efectuaba un longo paseo co Emperador, segundo algúns biógrafos. Pero a versión dos feitos que nos refire a Kepler parece sela seguinte: "O 13 de outubro, Tycho Brahe [...] ceaba na casa do señor Rosenberg e retivo os seus ouriños máis aló do normal por non faltar á cortesía. Cando bebeu máis, sentiu tensión na súa vexiga, pero preferiu a cortesía á saúde. Ao volver a casa apenas puido mexar.

Despois de cinco noites sen durmir, aínda apenas podía mexar con sentimento de gran dor. Non durmía e a febre facíalle delirar. Non puideron impedirlle comer. O 24 de outubro o seu delirio apagouse por varias horas; finou docemente entre os rezos, consolos e bágoas dos seus. "Aquí, porén, outros biógrafos afirman que este receso durou once días, polo que volven a xurdir novas diverxencias. Cinguíndonos novamente ao mellor que podemos na historia, diremos que durante a súa agonía Tycho repetía unha e outra vez: "Non frustra vixisse videor" ("non me parece ter vivido en van"). En efecto, fixéralle prometer a Kepler que usaría as súas observacións para construír un novo sistema do universo baseado, non en Copérnico ou Tolomeo, senón na súa propia teoría. Aínda que Kepler non respectou á letra o desexo de Tycho, logrou o espírito deste, pois grazas á elaboración Kepleriana, a obra astronómica de Tycho Brahe alcanzou a inmortalidade.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]