Veludo
O veludo[1] é un tipo de tea mesta na cal os fíos se distribúen moi uniformemente, cun pelo curto e denso, dándolle unha suave sensación moi distintiva. O veludo pódese facer de calquera fibra. Técese nun tear especial que fía dous pedazos de veludo ao mesmo tempo. Os dous pedazos entón sepáranse e as dúas lonxitudes de tea colócanse en rodetes de posicionamento separados.
O contrapunto do veludo tecido é o velour. O veludo é difícil de limpar, pero actualmente, utilízase a limpeza en seco ou con solventes puros (con 0% de aceites)
Historia
[editar | editar a fonte]Moi probablemente, a arte de tecer veludo tivo a súa orixe no Afastado Oriente. As referencias máis antigas aparecen cara a finais do século XIII. Con todo, sábese que os antigos faraóns exipcios usaban tecidos moi similares aos actuais veludos, dando lugar a referencias de hai máis de 3.000 anos de existencia.
As características peculiares do veludo, a suave profundidade espléndida da cor da tinguidura que exhibía, facíano perfecto para encaixar nos traxes oficiais e colgantes suntuosos. As teas máis magníficas en épocas medievais eran os veludos italianos. Estes eran ornamentados por técnicas tales como variar a cor do fío, producir o fío de diversas lonxitudes (fío sobre fío, ou fío dobre), e entretecéndoo con seda, la, con fío sen cortar, cunha base de tecido dourado, etc.
As orixes máis temperás de veludos artísticos europeos foron Lucca, Florencia, Venecia e Xénova; esta última continúa producindo ricas teas de veludo. A arte é adoptada algo máis adiante polos tecedores flamengos, e no século XVI Bruxas logrou unha reputación para os veludos non inferior ao das grandes cidades italianas.
O veludo era moi custoso e era tido como unha das mercadorías de luxo do mesmo xeito que a seda.
Hoxe en día é considerado na industria téxtil como un dos tecidos máis complexos de producir. O máis mínimo erro en calquera momento do seu longo proceso dará lugar a un tecido non comercializable. A razón diso é o nivel de esixencia elevado dos seus consumidores e o alto prezo tanto do tecido como dos produtos terminados.
É un tecido moi utilizado na chamada Alta Costura, apreciado polos máis importantes deseñadores de moda.
Tipos de veludos
[editar | editar a fonte]Elastizado, liso, gofrado, estampado, cru, cor, deseño de jacquard, retardante de lume, hidropelente, antimancha, etc
Materias primas utilizadas
[editar | editar a fonte]Seda, liño, la, algodón, acrílico, acetato, poliéster, viscosa e moitos outros como por exemplo as plumas de ave, destacando as do pescozo do cisne que son altamente apreciadas en Asia.
Produtores
[editar | editar a fonte]Durante o século XX os máis importantes produtores de veludo do mundo foron Italia, Francia e Alemaña. Paulatinamente desde o ano 2000 eses países transformáronse principalmente en importadores de veludo. Os novos grandes produtores mundiais comezaron a ser China, Corea, Turquía e algúns outros países asiáticos. Só os veludos máis exquisitos e exclusivos seguen sendo producidos en Europa. Logo da crise económica dos anos 2008/2009 subsistiron poucas empresas produtoras de veludos no mundo. Ademais a falta de mestres especializados, dado o cambio xeracional, fai que pechen aínda máis empresas. Por esta razón, é que os especialistas entenden que será cada vez máis difícil e custoso adquirir este nobre e refinado produto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para veludo.