(Translated by https://www.hiragana.jp/)
O Concello de Ares e a Asociación Galega de Escritoras/es organizan este encontro o 22 de xuño | culturagalega

O I LiterAres aposta polas letras de proximidade

O Concello de Ares e a Asociación Galega de Escritoras/es organizan este encontro o 22 de xuño

Un novo encontro arredor das letras chega á comarca de Ferrol. O Concello de Ares, en colaboración coa Asociación Galega de Escritoras/es, organiza este 22 de xuño a primeira xeira de LiterAres. O encontro pretende apostar pola "literatura de proximidade" cunha ampla representación de nomes da zona.

O programa comezará cunha mesa redonda sobre literatura e emigración na que participa a gañadora do Premio de Novela Curta local, Nones Araújo, canda á concelleira de Cultura. Un vermú artístico entre o ilustrador e autor de BD Antonio Seijas, nado en Ares, e o escritor Pablo J. Rañales continúa a iniciativa, que contará tamén con Andrea Maceiras e Antía Yáñez para tratar o reto de conectar coa mocidade na literatura.

Durante a tarde, un obradoiro de marcapáxinas e unha sesión de micro aberto na que participan membros da Asociación Cultural Xábrega darán paso a unha conversa sobre a narrativa de misterio e terror entre Arantza Portabales e Natalia Monje. Ademais, durante a tarde, Juan Galán, Teresa Cameselle, María Nieto y Micaela Barbeito asinarán exemplares das súas obras nas librarías da vila.

O encontro segue o ronsel de propostas similares como o Literatura na Rúa, que se celebrou en Ferrol e Narón pasado mes de abril, ou a I Xornada Literaria do Pote, que acolleu a localidade de Maniños este 14 de xuño. A Asociación Galega de Escritores participou tamén da organización destes programas.