Anticlinal
En Xeoloxía, un anticlinal é unha dobra da codia terrestre que presenta os estratos máis antigos no seu núcleo.[1][2] Fórmanse polos efectos tectónicos da dinámica terrestre.
Denomínase «antiforma» ou «dobra antiforme» á dobra convexa (forma de ∩ ou ∧); normalmente úsase en lugar do termo anticlinal cando non se sabe a orde cronolóxica da sucesión sedimentaria. Igualmente, denomínase «falso anticlinal» ou «sinclinal antiforme» cando un sinclinal (dobra cos estratos máis recientes no núcleo) foi invertido pola tectónica, mostrando entón a concavidade cara a arriba (antiforma).[1][2]
Denomínsase «anticlinorio» á estrutura antiformal rexional composta por unha sucesión de anticlinais e sinclinais máis pequenos.[2]
Etimoloxía
editarProcede do grego ἀντικλίνειν, antiklinein, composto do prefixo anti, 'en fronte, oposto' e do verbo klino, 'inclinar, desprazarse cara a abaixo', é dicir, inclinación diverxente, porque os flancos se inclinan, buzan,[3] en direccións opostas.
O termo anticlinal tamén se usa en botánica (para falar de inclinacións e distincións das paredes celulares) e en química (para falar da posición ou orientación de grupos químicos).
Descrición estrutural
editarO anticlinal é unha deformación en dobra formada en rochas dispostas en estratos que é o resultado dos esforzos tectónicos de tipo diverso que os afectaron. En xeral, unha dobra anticlinal pode producirse por presións tanxenciais, por escorregamento ou corremento, por intrusión ou exección de materiais desde áreas máis profundas, ou por deformacións verticais do substrato. Agás nestes dous últimos casos, a dobra supón unha redución da área ocupada inicialmente polos estratos e adoita requirir a existencia dun material plástico na base dos estratos dobrados. No caso das deformacións verticais do substrato a causa de movemento de bloques, os esforzos na cobertura son distensivos. Igualmente son distensivos nas dobras formadas por intrusión ou exección de materiais plásticos máis profundos, os cales acaban constituíndo o núcleo da dobra.
Un anticlinal componse, en sección transversal, de flancos e charneira.
Os flancos están compostos polos estratos que buzan[3] en sentidos opostos. Cando a dobra está formada por estratos de diferente competencia e plasticidade os flancos poden presentar discordancias no buzamento[3] por variacións da potencia dos estratos máis plásticos que, presionados nos sinclinais e nas partes onde hai maior compresìón, tenden a acumularse cara ás zonas do flanco, onde a presión é menor.
A charneira[4] é o lugar onde se produce a curvatura da dobra ou, se se quere, o lugar onde os flancos se encontran. A charneira sofre tensións distensivas como consecuencia da curvatura, de maneira que tende a abrirse con fallas normais. Por esta causa, a charneira é o punto máis débil da dobra, o lugar por onde a erosión ataca o anticlinal, que pode chegar a abrirse antes de concluíren os esforzos tectónicos que o configuran orixinando un relevo inverso, que nace xa invertido. Cando a dobra abriga un material plástico non estratificado de gran potencia, a charneira non se percibe nesa capa e fálase entón de núcleo da dobra.
O plano axial divide a dobra lonxitudinalmente en dúas metades cortando a charneira pola clave. O plano axial, define o eixe da dobra, de tal xeito que o seu encontro co plano horizontal tanxente á clave da charneira representa o nivel de eixe que habitualmente non se corresponde co de culminación da dobra. A liña que une os puntos máis altos da dobra denomínase liña de cristas . O nivel de eixe ou de culminación pode variar ao longo da dobra. Fálase entón de elevación ou descenso do nivel de eixe. Cando o descenso é curto e se encaixa entre dúas elevacións o seu perfil lembra ao dunha sela de montar. Nos extremos da dobra o buzamento dos estratos disponse en forma de semicírculo, ao xeito dun cuarto de laranxa; esa é a terminación ou peche periclinal (do grego peri, 'arredor').
Un anticlinal pode orixinar outra dobra que nace dun dos seus flancos; prodúcese entón unha dixitación. O raio da dobra, a súa anchura e tamén a súa lonxitude e altura son variables, así podemos atopar desde pequenos dobramentos con deformacións cuxo ancho apenas supera algúns decímetros e a súa altura algún centímetro (microdobras), ata dobras de varias decenas de quilómetros de ancho e centenares de metros de altura teórica da deformación. Igualmente, podemos atopar dobras dalgúns decímetros de lonxitude e outras de varias decenas de quilómetros.
O raio de curvatura do anticlinal pode conservarse de modo que a dobra conserva sempre a mesma forma; dise entón que a dobra é similar, aínda que este tipo de dobras é máis teórico que real cando se teñen en conta todas as dimensións do anticlinal. Cando os estratos da dobra manteñen a súa potencia independentemente da súa posición falamos de dobras isópacas, cando non a conservan fálase de dobras anisópacas, que é o caso máis usual polas razónss que máis arriba se comentaron. Cando non é posible diferenciar os estratos fálase de antiforma. Cando unha estrutura dominantemente positiva ten grandes dimensións e está formada por moitos acusados pregamentos individuais falamos dun anticlinorio. Convén non confundir estes termos co anticlinal propiamente dito.
Tipos de anticlinal
editarDependendo dos materiais dos estratos dobrados e do tipo de tectónica á que responden, as dobras anticlinales poden presentar diferentes configuracións, aínda que convén precisar que unha mesma dobra pode mudar de configuración lonxitudinalmente, mais tamén en profundidade, de modo que nos estratos inferiores e máis antigos a charneira presenta unha disposición diferente da que corresponde aos estratos superiores ou máis modernos.
Segundo a súa disposición transversal, os anticlinais poden ser:
- Recto, cando o plano axial é vertical.
- Inclinado, cando o plano non é perpendicular á superficie terrestre. As dobras inclinadas presentan flancos disimétricos no seu buzamento. A dirección cara á que se verte a dobra denomínase verxencia.
- Tombado, deitado ou recumbente, cando o plano é paralelo ao plano da superficie terrestre e os flancos están horizontais ou subhorizontais.
- Envorcado, cando o anticlinal adopta unha posición contraria, de modo que se presenta como un sinclinal. Esta dobra, coma a anterior, adoita asociarse a fracturas.
- En cofre ou abano, cando a charneira é plana e forma dúas curvaturas para adaptarse aos flancos, de tal xeito que a dobra presenta dous planos.
- En xeonllo, cando un flanco é horizontal e o outro vertical, enlazando por medio dunha charneira que ten forma de xeonllo.
- Acabalgantes e fallados. Cando o anticlinal monta sobre outro, desaparecendo por medio dunha fractura o sinclinal que os liga. Fálase tamén de dobras acabalgantes cando montan sobre outra estrutura. O anticlinal fallado pode responder a diferentes tipos de fractura, que poden facer montar un flanco sobre outro, rompendo a dobra polo seu eixe, poden estar fallados nun flanco que se ergue a modo de crista monoclinal, poden estar cortados por un desgarro, etc.
- En domo, cando os estratos buzan en todas direccións formando unha media laranxa, de forma que non é posible definir un eixe lonxitudinal.
- Braquianticlinal. De forma ondulada ou pouco alongada.
- Diapírico, cando están formados por unha intrusión de materiais moi plásticos, xeralmente salinos. Os diapiros forman domos que frecuentemente se abren como consecuencia dos esforzos formando relevos invertidos. Polo xeral, as intrusións diapíricas deforman anticlinais nos que elevan o eixe localmente para formar un domo.
Tanto estes tipos coma os que poden describirse baseándose na forma lonxitudinal só son observables localmente e máis ben nunha consideración máis teórica que real, porque unha dobra cambia varias veces de forma ao longo do seu eixe e en profundidade.
Formas de relievo propias da estrutura anticlinal
editarA estrutura é unha abstracción para describir o armazón que configura a dobra, pero raramente un anticlinal se axusta por completo á descrición teórica da estrutura, conservando todos os seus estratos e sen alteracións significativas neles. Soamente en casos excepcionais como ocorre coas dobras que foron fosilizadas recentemente formadas e a erosión esta facéndoas aflorar agora, podemos atopar esta situación, entón dicimos que é unha dobra orixinal. Mais o normal é atopar anticlinais afectados por procesos erosivos que perderon parte dos seus materiais e mesmo puideron ser abertos, destripados, para ofrecer unha imaxe inversa da disposición estrutural.
Por iso, cando as dobras están conformes coa estrutura e presentan con poucos retoques a disposición que a estrutura asigna ao relevo, adoita falarse deles como orixinais. Cando os retoques son maiores, pero seguen mantendo as características que a estrutura proporciona ao relevo, algúns autores falan de case-orixinal ou, en termos máis técnicos, peniorixinal. Cando unha dobra anticlinal perdeu os seus estratos superiores pero os existentes en niveis inferiores expresan a xeometría e a forma topográfica orixinal, o anticlinal é conforme coa estrutura, dicimos entón que é un anticlinal derivado. Cando o anticlinal foi desmantelado, os seus estratos non debuxan a charneira que desapareceu e a forma topográfica non responde á estrutura, o anticlinal é non conforme e presenta un relevo invertido. Porén, en todos estes casos a estrutura anticlinal determina a forma do relevo, por iso fálase de relevo estrutural. As formas de relevo que pode presentar a estrutura anticlinal son:
- Bóveda anticlinal conforme, con forma de lombo pechado por unha capa ríxida que constitúe a bóveda. O tipo máis común é o que aparece no estilo de relevo xurásico (porque caracteriza a rexión do Xura en Alemaña) e serviu para proporcionar a nomenclatura das principais características destas dobras. Así o lombo anticlinal denomínase mont, o cal pode estar cortado, perpendicularmente ao seu eixe por unha cluse (en galego podería traducirse por foz, pero é un termo científico acuñado na literatura internacional), aínda que convén ter en conta que o corte non sempre é perfectamente perpendicular, senón que pode ser oblicuo ou sinuoso, mais sempre transversal á dobra. Sobre os flancos poden instalarse regatos cataclinais, que descenden seguindo o buzamento, son os ruz, que acaban conformando os estratos do flanco en facetas triangulares ou arcadas, os chevrons, (pode traducirse por grandes cristas). É frecuente que algunha das capas externas, máis resistentes, eliminadas na charneira, se manteñan no flanco, formando cristas, que se engaden ao lombo anticlinal. Cando no flanco alternan materiais de distinta competencia, estas cristas quedan separadas do lombo anticlinal ou ben unhas doutras por depresións paralelas ao eixe da dobra, son as depresiones ortoclinais. Depresións que tamén, aínda que sen unha continuidade tan neta, poden aparecer tras as arcadas dos chevrons. Porén, as bóvedas anticlinais poden aparecer en moitos outros tipos de relevos, xa sexan apalachanos, dobras exhumadas, estilos complexos, etc.
- Anticlinal non conforme, invertido, formando unha depresión na área correspondente ao núcleo, dominada por cristas formadas nos flancos. No estilo xurásico denomínase combe. Para que exista un combe, o núcleo do anticlinal debe estar constituído por materiais menos competentes que os externos. Así, xa sexa porque as fracturas da charneira posibilitan un rápido ataque, ou a causa do encaixamento de ruz que acada o núcleo, ou porque unha exección diapírica rebentou a dobra, por ataque desde unha cluse, ou porque a charneira foi eliminada conforme a dobra se formaba, a erosión progresou no núcleo, respectando os flancos que quedan conformados en cristas. No caso de que nos flancos aparezan estratos de diferente consistencia, entre as cristas formadas nos materiais máis competentes, aparecen depresións ortoclinais,. Coma no caso anterior, o anticlinal invertido pode aparecer en diversos estilos de dobras. É normal no estilo apalachense e o habitual nos estilos invertidos.
- Combe anular. Cando un anticlinal foi desmantelado, aberto en combe, pero un estrato resistente no núcleo da dobra reproduce o lombo anticlinal, forma un anticlinal derivado, que se ergue sobre unha depresión ortoclinal que o circunda, e dominado polas cristas dos flancos, ou de sinclinais colgados que o encadran. É frecuente nos relevos de pregamento invertidos.
- Anticlinais arrasados. É o caso extremo no que o anticlinal foi arrasado por unha superficie de erosión, sobre a que posteriormente actúan novos procesos de desmantelamento que resaltan as capas máis resistentes e encáixanse nas depresións. Fórmase así un relevo de cristas concéntricas, separadas por depresións. Esta forma é característica dos relevos apalachanos.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Mattauer, Maurice (1976 [1973]). Las deformaciones de la corteza terrestre. Ediciones Omega, S.A. Métodos. 524 páxs. Barcelona, 1976 ISBN 84-282-0440-3 Páx. 94 [Les deformations des materiaux de l'ecorce terrestre. Hermann. Methodes. 493 páxs. ISBN 2-7056-5721-5]
- ↑ 2,0 2,1 2,2 RACEFN Glosario de Geología.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Definición de buzamento no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Definición de charneira no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.